Páginas

23.11.10

A REAL ACADEMIA GALEGA: A FORZA DA PALABRA

A Real Academia Galega é unha institución que ten a importantísima, fundamental, decisiva función de protexer e promover a lingua, a literatura e a cultura galegas. Unha entidade xa centenaria, cunha traxectoria histórica e un prestixio intelectual fóra de toda dúbida.  Nos seus estatutos defínese da seguinte maneira: A Real Academia Galega é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego. Imos coñecer nesta clase a traxectoria histórica desta ilustre institución galega.

O nacemento da Real Academia Galega en 1906 é froito dun longo proceso e dun intenso traballo dun grupo de intelectuais que loitaron para cumprir a arela de ter en Galicia unha institución e unha casa para a nosa lingua.

A creación da Academia insírese nun contexto de reivindicación nacional de Galicia, que comezara décadas atrás, e que ten como data simbólica o ano de 1846, ano no que se produce a revolución liberal frustrada e a execución daqueles pioneiros na defensa da identidade galega que pasaron á posteridade como Os mártires de Carral. Nestes 60 anos que van desde este feito ata a creación da Academia en 1906, prodúcense as primeiras etapas da evolución do galeguismo, atravesando as fases iniciais do provincialismo e do rexionalismo.

O galeguismo vaise desenvolver, no eido cultural, dentro da corrente do romanticismo que percorre Europa, movemento que fai explícita reivindicación das diferentes culturas nacionais. Entramos nesta altura na confrontación da Europa das nacións coa Europa dos imperios. Neste contexto asistimos ao Rexurdimento en Galicia, que conta cunha data fundacional simbólica, o feliz día no que saíu do prelo o Cantares gallegos de Rosalía de Castro, o 17 de maio de 1863, aínda que con anterioridade xa se produciran feitos que anunciaban o proceso como o certame literario coñecido como os Xogos Florais, na Coruña, ou o Banquete de Conxo.

A literatura -sobre todo a poesía- e a historia son as disciplinas que están á vangarda deste renacemento da nosa cultura, que vai abranguer todos os eidos culturais:  a música, a arte, a cultura popular, as artes escénicas...  Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Rosalía de Castro serán os precursores, as figuras emblemáticas que inaugurarán unha etapa de grande esplendor nas nosas letras. Neste contexto, era preciso tamén reescribir o pasado galego con letras maiúsculas, situando a nosa terra como protagonista da súa propia historia, e non como unha rexión periférica dun suposto pasado glorioso hispano. Benito Vicetto e Manuel Murguía vanse encargar desta tarefa. O celtismo e a raza, mais tamén o medio xeográfico, os feitos históricos, a lingua e a cultura, serán os elementos diferenciais que converten a Galicia, nos ollos dos historiadores do XIX,  nun suxeito histórico único e diferenciado.

O galeguismo tamén vai ter reflexo na política da época, sobre todo a partir da Revolución de 1868, a través de figuras que van destacar dentro do rexionalismo, como Alfredo Brañas, Lugrís Freire e o propio Manuel Murguía, conformando un movemento político que ten como leit motiv  a existencia de Galicia como suxeito histórico e político dentro do Estado. Ademais efectuará outras reivindicacións de carácter máis pragmático, e que achegan o movemento do mundo urbano ao campo e as capas populares, como é o Agrarismo. Este foi o xermolo do nacionalismo galego, que na segunda década do XX subiría un chanzo máis co nacemento das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, que suporán o paso definitivo do movemento galeguista cara ao nacionalismo.

Ante todo este bulir de ideas, de iniciativas, e de grandes avances dentro do galeguismo, xurde a necesidade de contarmos en Galicia cunha Academia que servira como protectora e dinamizadora da lingua, da literatura e da cultura galega en xeral. Unha casa para a nosa cultura, que axudara a afondar na recuperación dunha tradición literaria que aletargara durante séculos e que naquela altura abrollaba por todo o país.

O proceso da creación da Academia estivo inzado de dificultades. Non houbo en Galicia unha burguesía urbana –feble en todos os sentidos- que aportase os azos que a iniciativa precisaba. Así pois, a Academia debía ser fundada sen a axuda económica e política das elites galegas. O grupo de intelectuais iniciadores da Academia na Coruña, os Murguía, Lugrís Freire,  Andrés Martínez Salazar, Uxío Carré, Tettamancy,  etc., que se reunían na Libraría Rexional de Carré Aldao, na rúa Rego de Auga da Coruña, van atopar este apoio nas sociedades galegas da Habana, cidade onde existía unha potente e vizosa comunidade de emigrantes cunha gran tradición asociativa, asistencial, recreativa e cultural. Na Habana se publicaron os primeiros periódicos en galego, alí foi onde soou o himno galego por vez primeira, e incluso  ondeou a bandeira galega antes que en ningunha das nosas vilas. O paradigma deste movemento asociativo de raigame galega e galeguista foi  o grande Centro Galego da Habana, que contou cun dos predios máis espectaculares da capital cubana.

As dúas figuras impulsoras da Sociedade Protectora da Academia Galega van ser Manuel Curros Enríquez e José Fontenla Leal. Eles van organizar toda a axuda que o grupo de Murguía precisaba para a creación da institución. Esta sociedade aporta, por exemplo, un envío de 350 pesetas ao mes. A Academia aínda conserva hoxe en día aqueles cheques enviados desde La Habana e outros máis que empezan a chegar desde Bos Aires, e que permitiron acadar un mínimo orzamento para por en marcha a institución na Coruña. En 1905 preséntanse os estatutos da Academia no Goberno Civil para a súa aprobación. A solemne sesión fundacional ten lugar o 30 de setembro de 1906 na Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da cidade herculina. 

A primeira etapa da institución (1906-1923) abrangue desde a fundación ata a morte do seu primeiro presidente, Manuel Murguía, figura senlleira da nosa cultura, cuxa forte personalidade vai marcar todo este período. Una das primeiras decisións foi a escolma dos corenta académicos de número que van formar parte da institución, proceso que debeu ser polémico a xulgar polas fontes que temos daquela época. A tarefa principal da Academia vai ser, desde o seu nacemento, a protección da lingua e da literatura, e a fixación dunha norma, e como consecuencia deste obxectivo, a publicación dun diccionario e dunha gramática, inicativas que foron realizándose de vagar, e saíndo do prelo por fascículos. Tamén se publica, desde o primeiro ano de existencia, o Boletín de la Academia Gallega.

Tras a morte de Murguía, a institución continuaría a súa traxectoria coas presidencias de Martínez Salazar, Francisco Ponte, Eladio Rodríguez e Manuel Lugrís Freire, nunha segunda etapa que chegaría ata o golpe de estado do 36, e que viría marcada polo desenvolvemento do nacionalismo en Galicia, feito que influiría na Academia, acusada desde as Irmandades da Fala de falta de compromiso. Nesta altura prodúcese tamén o  nacemento dunha segunda institución cultural en Galicia, o Seminario de Estudos Galegos.  A entrada como académicos dalgunhas das grandes figuras das nosas letras como Castelao, e de personaxes vencellados ao movemento nacionalista como Antón Vilar Ponte, daríanlle un novo pulo á institución, sobre todo tras a chegada á presidencia, na época da II República, dun histórico do galeguismo como foi Lugrís Freire.

O golpe de estado, a guerra civil, a longuísima dictadura fascista do xeneral Franco e a durísima represión contra o movemento galeguista van a afectar fondamente á Academia, que languidecerá durante décadas na espera de «mellores tempos e labores», como ben indicou Antón Avilés de Taramancos. Desta longa noite de pedra destacamos dous feitos: o traslado definitivo ao predio da rúa Tabernas do casco vello coruñés, e a instauración do Día das letras galegas no centenario da mítica publicación dos Cantares Gallegos da nosa Rosalía. A iniciativa, co paso do tempo, sería fundamental na reivindicación da cultura galega a través das súas figuras sobranceiras.

Coa chegada da democracia, a Real Academia Galega vai normalizando a súa situación. Durante a longa presidencia de Domingo García Sabell (1977-1997) a Academia vai traballar xunto co Instituto da Lingua Galega (USC) na fixación das normas do galego, no tocante á morfoloxía, lexicografía e gramática, e na promoción das nosas letras e cultura. Na Lei de Normalización Lingüística de Galicia de 1983, recoñecerase o papel da Academia, que ademais será nomeado no Estatuto de Autonomía como órgano consultivo. A pesar do seu cativo orzamento e precariedade material, a Academia organizará diversos congresos sobre a lingua galega, e promoverá a realización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, radiografía minuciosa do estado da lingua propia no país.

A chegada á presidencia de Francisco Fernández del Riego supón unha apertura da institución á sociedade, coa incorporación de novos académicos de prestixio, entre que destacamos a presencia de mulleres, cuxo papel ao longo da historia da academia fora máis ben escaso, a pesar da merecida mitificación de Rosalía de Castro que se fixo desde a Academia. Nestes últimos anos incorpóranse á institución a poeta Luz Pozo, a escritora Xohana Torres, a historiadora e arquiveira Olga Gallego (finada recentemente), a cineasta Margarida Ledo e a filóloga Rosario Álvarez, que recollen a testemuña deixada por ilustres intelectuais galegas como Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato ou Sofía Casanova, entre outras.

Coa chegada do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, a Academia organizou o abondoso material que fora atesourando nos seus máis de cen anos de existencia, e mellorando a sé da rúa Tabernas –aínda hoxe en día con numerosas deficiencias- . Con Barreiro celebrouse o Centenario da Real Academia Galega en 2006, que foi ben aproveitado para afondar aínda máis na proxección pública dunha entidade que procura nestes últimos tempos achegarse máis ao pobo. Ademais das homenaxes públicas, foi dun grandísimo interese a exposición Galicia. A forza da palabra, celebrada na Fundación Caixa Galicia. Alí puidemos ver por vez primeira algunhas das alfaias que conserva a Academia, e moitas outras pezas que forman parte do legado material e do acervo espiritual da cultura galega. Moitos foron os galegos que, visitando a mostra, descubriron que a Real Academia Galega, ademais de traballar a prol da lingua e da cultura desde hai máis de cen anos, é tamén unha gran cámara dos tesouros, na que os galegos temos depositadas auténticas xoias como os manuscritos de Pondal, de Curros, de Rosalía... Como a bandeira que envolveu o cadaleito de Castelao. Como as partituras de Pascual Veiga. Como a primeira edición de Los precursores de Murguía. Como os exemplares orixinais de A nosa Terra. Como o sombreiro co que Murguía disimulaba a súa cativa estatura; e moitas máis pezas marabillosas que conforman un patrimonio de valor incalculable.


Neste último ano, a Real Academia iniciou unha nova andaina tras a elección como presidente dun dos máis prestixiosos escritores en lingua galega da actualidade como é Xosé Luís Méndez Ferrín. O ourensán estase a ocupar tamén da difícil tarefa de prestixiar e defender a lingua dos continuos ataques que está a sufrir nos últimos tempos. Así, a Academia situouse claramente en contra da política lingüística que se está a desenvolver en Galicia por parte do goberno, sobre todo no importante eido educativo. Hoxe en día temos unha Real Academia galega situada na vangarda da defensa da nosa lingua.

 No ano 2010, a Academia dedicou o día das letras galegas a Uxío Novoneyra. No 2011 será a quenda de Lois Pereiro. Non se nos ocorre mellor xeito de rematar esta clase que con dúas pezas destes dous poetas galegos do século XX. Dúas formas moi diferentes de artellar versos, co vencello común de usar a nosa fala, a fermosa lingua galega.



ANDAS as ruas coma se fora a praia
lenelene entras na carta
i escribes diante frores murchas
a fibela do meu traxe sigue tan benfeita


ouh muller para lonxe
pra aquil que tral'o locir d'intres nada pode haber diario


chegas do NORDE
pasas da saga á cantiga levando sola a gran imaxen


soños
vir a tempo


súpeta creba a forcia dos isolados
g r a n d e s
a l t o s
pra cair


UXÍO NOVONEYRA, "ANDAS as ruas coma se fora a praia..."
.......................................................................................................................................................................................
 
  Vendo eses dous ollos latexantes
               cal visión dunha imaxe entresoñada
               no seu peito en perfecta simetría
               cun interno tremor que me fascina
               desexaría entrar nela e refuxiarme
               no seu corpo secreto para sempre
               protexido da morte
               coa súa vida


               féndeme o corpo un húmido arrepío
               e bícame as vértebras con furia
               nun vértigo de dor e de tenrura.


LOIS PEREIRO,   Luz e sombras de amor resucitado (1995): VII.

17.11.10

A RIBEIRA SACRA: TERRA DE MONXES E VIÑO

A Ribeira Sacra é unha terra máxica, fermosa, única. Terra de monxes e terra de viños. Terra de grandes mosteiros, de pequenas aldeas, de vilas señoriais, de pazos antergos. Terras de relevo caprichoso, de vexetación profunda, de grandes fragas poboadas por árbores autóctonas, e tamén de socalcos na beira dos ríos nos que se practica desde hai séculos a viticultura heroica. Terras cruzadas polas vías romanas, nas que moraron os primeiros e solitarios monxes eremitas, e onde se instalaron grandes comunidades monásticas que fundaron espectaculares cenobios. Un lugar privilexiado no que as estacións, moi ben marcadas, van delimitando os diferentes tempos dos traballos do campo, que chegan ao seu éxtase na feliz vendima, nunha terra que posúe un dos outonos máis fermosos que se poden admirar.

Antes de que se produza a conxunción do Miño e o Sil, a natureza desta comarca tornase nunha paisaxe única, con profundos vales e canóns onde a espectacular vexetación convive coa man do home. Foi este senlleiro lugar o escollido por numerosas comunidades de monxes para establecerse. Mais, que atopaban aqueles monxes do medievo neste lugar? Que lles levou a escoller este e non  outro sitio? A razón que semella máis convincente é que aquí atoparon o illamento e o contacto coa natureza, considerada por eles a creación máis fermosa de Deus. Foi un illamento consciente, pero non carente de recursos, pois nesta Ribeira Sacra os monxes atoparon o lugar ideal para practicar a máxima de San Bieito: Ora et Labora, rezo e máis traballo (lembremos que na altura do pleno medievo, coas reformas do Cluny e do Cister, a meirande parte dos grandes mosteiros da comarca acolleranse á regra bieita).



O nome de Ribeira Sacra fai referencia á numerosa presenza de mosteiros e igrexas na comarca. A primeira noticia que temos deste topónimo atopámola nun documento asinado pola condesa Tareixa de Portugal no ano 1124, a carta fundacional do mosteiro de Santa María de Montederramo, no que  se fai referencia á Rivoira Sacrata. Tamén existe unha teoría que vencella o termo ribeira non á beira do Sil e do Miño, se non que a emparenta co latín Robur, que ten o significado de carballo, o que explicaría a existencia dunha árbore sagrada -ou máis ben dun bosque- para os pobos precristiáns que moraron nestas terras moitos séculos antes das fundacións monásticas.


 Fagamos un repaso aos mosteiros máis destacados da Ribeira Sacra. Comezamos por San Pedro de Rochas, en Esgos. Trátase dun lugar emblemático do patrimonio cultural galego debido á súa singularidade. Fundado a finais do século VI por un pequeno grupo de monxes vencellados ao movemento monástico de Dumio, destacamos nel a súa capela escavada na rocha, a súa necrópole dentro do propio templo, e a placa fundacional do centro que conserva o Museo de Ourense e que é un dos mellores exemplos da epigrafía dos primeiros séculos do medievo.

Outro dos grandes cenobios ourensáns, Santo Estevo de Ribas de Sil, atopámolo case pendurado nun alto nos canóns do Sil. A súa orixe remóntase ao século X, en concreto ao labor efectuado polo abade Franquila. Neste mosteiro podemos albiscar unha das características fundamentais destes mosteiros, que e a convivencia nun mesmo predio de diferentes estilos artísticos que se corresponden coas diferentes épocas de fábrica dos mesmos. Unha visita a Santo Estevo e aos outros mosteiros da Ribeira Sacra supón unha auténtica lección de historia da arquitectura galega e europea, desde o prerrománico ata o neoclásico, pasando polo gótico, o renacemento e, como non, o brillantísimo barroco granítico de Galicia, representado nas fachadas das igrexas e  nos claustros. Este antigo mosteiro bieito hoxe en día é un luxoso parador de turismo, no que os visitantes poden atopar aquel contorno natural que enfeitizou aos monxes no medievo.

Tamén na beira do Sil, nun entorno natural abraiante, atopamos o mosteiro de Santa Cristina. A súa orixe encontrámola, seguramente, nunha comunidade eremítica instalada na zona que a partir dos séculos centrais do medievo adoptaría a regra de San Bieito. No solpor da Idade Media, Santa Cristina pasaría a depender de Santo Estevo en calidade de priorato, feito que provocaría o comezo do seu declive. Hoxe en día podemos admirar, na súa igrexa e no seu claustro, un dos exemplos máis sobresaíntes do románico galego.



Santa María de Xunqueira de Espadañedo é unha fábrica vencellada aos moxes brancos do Císter, orde fundada en Claraval (Francia) por San Bernardo. A súa fundación no século XII relacionámola coa existencia doutro dos grandes mosteiros da Ribeira Sacra, o de Santa María de Montederramo. Ambos están consagrados á Santa María como era costume nos centros monásticos acollidos á reforma bernardina. Este último mosteiro, foi fundado tamén no século XII a través dunha doazón do rei Afonso VI, conta con dous claustros e unha fermosa igrexa de estilo renancentista.

En  Ferreira de Pantón temos un dos poucos centros femininos desta comarca. Na súa orixe, no século XII, foi un centro dúplice (o feito de compartiren predio os freires e freiras é un fenómeno propio do cristianismo en Galicia, difícil de atopar noutros lugares),que posteriormente ficou vencellado á orde do Císter, pasando aser exclusivamente para monxas. Destacamos nel a súa reforma barroca a partir do século XVII.

O engado da Ribeira Sacra é tal que provocou que moitas das terras veciñas aos cursos do Sil e do Miño participen do seu nome e do seu atractivo turístico. Así se explica que se inclúan dentro dos seus límites a capital da Terra de Lemos como é Monforte, ou unha etapa do camiño de Santiago, como é Portomarín, ou as serras de Quiexa, San Mamede e a comarca de Allariz e Maceda. Sexa como for, nesta cada vez máis ampla Ribeira Sacra, ademais dos mosteiros arriba indicados -e de moitos máis que existen en non citamos- temos un amplo patrimonio artístico e natural que merece a pena visitar. Castelos como o de Castro Caldelas ou o da Peroxa, conxuntos de pazos como os de Taboada, vilas señoriais como Monforte de Lemos, as igrexas de San Miguel de Eiré ou de San Estevo de Chouzán, os muíños de Sober,  paisaxes de montaña como en Queixa... Acompañado todo isto por toda unha serie de equipamentos hostaleiros e turísticos que converten á Ribeira Sacra nun dos lugares preferidos polos que buscan destinos de calidade, nun contexto no que o desenvolvemento do turismo cultural esixe a posta en valor do fermosísimo patrimonio do que gozamos nesta terra chamada Galicia. Nese sentido, destacamos o esforzo dos adegueiros no desenvolvemento da cultura do viño na Ribeira Sacra, onde se producen caldos de extraordinaria calidade, dando continuidade a unha tradición que se remonta a época romana.

9.11.10

LUIS SEOANE, ÉTICA E ESTÉTICA AO SERVIZO DE GALIZA



Luis Seoane López nace en Bos Aires en 1910, no seo dunha familia de emigrantes que regresa a Galicia -concretamente á Coruña- no ano 1916. Seoane pasa a súa infancia na cidade herculina ata que se muda a Compostela, onde estudia o Bacharelato e a carreira de dereito. Na súa xuventude entra en contacto coa Galicia rural, que moitas veces representou na súa obra, nas súas vacacións de verán que pasa na aldea de Arca. Sería este un dos poucos contactos co campo dun home de vida fundamentalmente urbana.

En Santiago implícase nos movementos intelectuais e na Federación Universitaria de Estudiantes, destacándose xa naquela altura na defensa da democracia e da cultura galega. Na cidade compostelá comeza a súa actividade artística, ilustrando algúns programas de cine que circulaban polos cafés santiagueses. Tamén participa nos faladoiros do café Derby xunto a intelectuais e artistas como Valle Inclán, Carlos Maside, Rafael Dieste, o escultor Eiroa, Aquilino Iglesias Alvariño, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, etc.

A súa primeira exposición ten lugar en Compostela en 1929 na sala de Amigos da Arte. Ao ano seguinte expón no Café español, destacando nesta época, sobre todo, como debuxante e ilustrador.

Despois da proclamación da II República en 1931, acentúase a súa implicación nos movementos intelectuais e políticos. Participa no proxecto da Barraca Resol en Santiago, iniciativa que pretendía achegar a cultura ás capas populares da sociedade,  no verán de 1933. Outro feito importante, mostra do seu compromiso coa terra, é o cartel que realiza para a defensa do si no plebiscito do Estatuto de Autonomía do 1936, co lema “o estatuto libertará a nosa terra”.

Antes da guerra civil, e unha vez rematada a carreira de dereito, Seoane abre un despacho de avogados na Coruña, onde traballará na defensa de asuntos laborais ata o seu exilio. As circunstancias da guerra civil obrigan a Seoane a exiliarse na súa cidade natal. Na capital arxentina vai desenvolver unha grande labor política e intelectual no círculo de galegos exiliados. Promove todo tipo de actividades culturais: editorial, revistas, radio, faladoiros, exposicións, etc. Amosando sempre un inequívoco compromiso coa sociedade e coa terra que se viu obrigado a deixar. Foi un home polifacético tanto na súa faciana artística como literaria: poeta, ensaísta, dramaturgo, editor, pintor, gravador, muralista... En Bos Aires coincide con artistas como Maruja Mallo e Colmeiro, e con unha gran parte da comunidade galeguista no exilio, con Castelao á cabeza.

Neste ambiente do exilio atopamos, polo tanto, a un Seoane comprometido, altruísta, hiperactivo, entregado a unha morea de causas en defensa da República e de Galicia.

1949 vai ser un ano que marque a súa traxectoria vital. Morre Castelao e Seoane pasa a ser a figura chave e aglutinadora da intelectualidade galeguista en América. Tamén este ano entra en contacto coa pintura europea, despois dunha viaxe polo vello continente que o leva a París, onde coñece ao seu admirado Picasso. Vai tamén a Italia e Londres, lugares onde expón parte da súa obra. Esta non sería a súa única viaxe por Europa, xa que nos anos 60 faría outra, pero marcou un antes e un despois na súa concepción da arte e no seu estilo. Na década dos 50 desenvolve unha gran actividade artística e intelectual. En 1958 recibe a medalla de prata na Exposición Universal en Bruselas. En Bos Aires é galardoado co Premio Palanza e nomeado membro da Academia de Belas Artes en 1968.

 

En 1963 Seoane retorna por vez primeira a Galicia tras 27 anos de exilio, aínda que sen permiso de residencia. O seu contacto coa península vai ser cada vez maior. En 1968 funda xunto a Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas, que comprende a recuperación da Cerámica de Sargadelos, o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside e a Editorial Edicións do Castro. Nestes anos Seoane volve a expoñer os seus cadros e gravados en Galicia.

Seoane pasa os seus últimos anos en Galicia, terra á que retorna definitivamente, traballando como artista e implicándose en proxectos culturais e na defensa de Galicia ata o final, nos difíciles anos da transición. Morre en 1979 na Coruña. En 1994 o pobo galego dedícalle o Día das Letras galegas en recoñecemento á súa grande labor en defensa da nosa cultura.

 

Incluimos a  Luis Seoane na xeración dos Novos ou Renovadores, aínda que el sexa o máis novo deste grupo de artistas galegos nacidos sobre o 1900, e que mudaron de xeito significativo a arte que se facía en Galicia ata que eles irrompen.  Seoane define este grupo como una xeración de artistas que empregan «unha temática e linguaxe galega que levan a  cultivar unhas formas con raigaños na escultura popular do románico e do noso barroco. Formas plásticas que toman para si a esencia creativa do pobo».  Colmeiro, Laxeiro, Maside ou Arturo Souto son outros exemplos desta xeración de artistas que buscan achegar a arte galega cara a modernidade.

Na década dos 50 atopa definitivamente Seoane a forma de pintar característica da súa obra máis coñecida. A partir da súa viaxe a Europa hai un cambio desde o punto de vista formal. A cor e a liña serán elementos autónomos. A cor, aplicada en grandes planos de cores vivas e intensas, modela os volumes. Os trazos independentes de pintura negra estructuran a composición.

Incorpora tendencias vangardistas á súa pintura, influencias de Picasso e Leger, tamén de Matisse e de Paul Klee. A partir dos anos 60 a súa pintura evoluciona novamente, as liñas estructurais reducen a forma aos esquemas fundamentais. Pouco a pouco vai eliminando a liña integrando a figura nun fondo de cor. Trazos dispersos sintetizan a forma da figura. Círculos, espirais, símbolos xeométricos inspirados nos petroglifos aparecen nas súas obras.

Seoane vincula a arte a realidade da época. Para el a arte debe remover conciencias, ter unha utilidade social, concíbea como unha actividade necesaria para a mellora das condicións espirituais e materiais do home. A arte, para el,  debe chegar a todas as capas sociais, unha das razóns que lle fan interesarse pola pintura mural e o gravado.

Interesantísima, sempre, a súa faceta como gravador. Nun dobre senso, como creador e como artesán. Son moi coñecidas as ilustracións de libros galegos que se publicaban no exilio; as portadas de Seoane están hoxe presentes en moitas bibliotecas. Grafismo e cor son autónomos tamén nos seus gravados. Destes destacan os seus polbos, a súa serie do Touro Xúbilo e as personaxes históricas de Galicia, onde recupera a liña iconográfica histórico-lendaria, amosando unha visión épica da historia de Galicia.

 Tamén sobrancea noutras disciplinas artística nas que pon a súa creatividade ao servizo do pobo, como nos máis de sesenta pinturas murais que deixou espalladas pola capital arxentina, ou nas pezas deseñadas xunto a Díaz Pardo no Laboratorio de Formas do Castro de Samoedo.

Na temática, os traballos do campo e do mar van estar presentes na súa obra, buscando unha estética que rexeita o folclorismo, cunha iconografía propia que enche de dignidade as figuras representadas. Destacan os tipos populares, labregos e mariñeiros, figuras vencelladas ao movemento renovador,  e por outra banda a muller como icona. Seoane interpreta a iconografía galega, buscando un equilibrio entre o instintivo e o racional, entre o popular e o intelectual.

EmigranteOutro dos seus temas frecuentes vai ser a denuncia social, a anguria duns personaxes oprimidos polas políticas dun mundo inxusto. A muller, como acontece nos pintores galegos da súa xeración vai estar moi presente na súa obra, unha muller cargada de simbolismo: as mulleres que esperan  o retorno dos seus a Galicia, a Mater Gallaecia que representa á terra, a muller traballadora tan característica e tan importante na Galicia rural, campesiña, mariscadora ou ensimismada nos seus traballos domésticos. Tamén vai representar, como contraste, mulleres urbanas con azos máis modernos, como foi a súa propia dona Maruxa.

Seoane foi un dos pioneiros na creación dunha estética céltica, tan de moda hoxe en día, pola utilización na súa arte destes símbolos: espirais, círculos, liñas entrelazadas, serpes, guerreiros celtas, etc. Na súa obra gráfica deixase sentir esta pegada, así como a da visión lendaria de Galicia, comentada con anterioridade.

https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhTA2svUzru-E2zqZxxwzqw8osnm_OxKB0GGmnWwolF-fG0PhIHhU-mPmrfuz9LokyS-yv6FvfXzQcHL7K2ZDqRbQ1-qyNqryE4fv3Pi8eykyoBN9bIbHG4EmXlzAEJ-zYjSL4tqkqc7G0/s1600/6-Autor+Luis-Seoane+El+nacimiento+del+Teatro+Argentino.jpg

A grande orixinalidade de Seoane foi, sobre todo, a raigame galega da súa pintura, entroncada coa universalidade de arte, ese equilibrio entre o intelectual e o popular, tan presente nas súas creacións.

Ademais do seu xenio como artista plástico, debemos falar doutras facianas da obra intelectual de Seoane. Na altura da sáu saída de Galicia comeza a colaborar en diversas publicacións, escribindo artigos que fan referencia ao exilio, como fai en Galicia Libre. A partir 1938 dirixe en Bos Aires a revista Galicia, que tería unha longa vida. Galicia Emigrante sería outro dos seus proxectos en prensa, neste caso desenvolvido na década dos 50, altura na que Seoane tería incluso unha participación na radio, na que falaba sobre temas relacionados coa cultura galega.

En 1952 publica o seu poemario Fardel do Eisilado,o primeiro dun xénero no que repetiría con Na brétema, Sant-Iago (1956), Cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972), poemas todos eles cunha forte compoñente social, sobre todo en relación coa saudade, a emigración, o exilio e as desigualdades e inxustizas sociais, coa que rivaliza coa poesia que practicaron moitos dos poetas galegos do interior, máis afastada da realidade. No eido teatral tamén nos deixou un par de obras de notable calidade. En A Soldadeira (1957) represéntase a vida dunha muller na Idade Media que abandona o servizo dun nobre para unirse a loita irmandiña. Ademáis escribiu varios ensaios e artigos sobre arte e artistas galegos.

O seu amor polos libros levouno a promover, ao longo da súa estancia en Arxentina, algunhas editoriais que foron publicando unha morea de libros en galego, moitos dos cales estaban prohibidos na Galicia daquela época, como foi Botella ao mar. Obras que teñen o valor engadido de ser ilustrados polo mesmo Seoane, e que son literatura e arte a un tempo, paradigma da grande creador que Luis Seoane foi.

Despedimos este pequeno texto lembrándonos da viuda de Luis Seoane, Maruja, muller que o acompañou toda a vida e que, a súa morte, dedicouse a compilar e promover a obra do seu home. Grazas a súa xenerosidade existe hoxe en día a Fundación Luis Seoane, e tamén podemos gozar coa fantástica colección de lenzos e gravados que legou ao Museo de Belas Artes da Coruña. Malia que é un final certamente desalentador, que non concorda co espírito construtivo e positivo de Seoane, a continuación reproducimos un dos seus poemas, titulado Ratas, pertencente á A maior abondamento, paradigma da súa poesía social que denuncia as inxustizas que abateron á Galicia durante longo tempo:

Na Galiza, ise vello pobo,
carballo carcomido de raios e bestigos,
loita, dende fai séculos,
o home cas ratas.
Coma nos castelos abandoados,
onde xa caíron traves e brasós,
escóitanse queixumes de gonzos ferruxentos.
Dende fai séculos loitan en Galiza
os homes cas ratas.
Vencendo sempre as ratas.
Ate que toda ela fique,
coma ises castelos roiñentos
e os mosteiros sin altares
nin lembranzas de ritos,
sendo soio rondada de morcegos
e pantasmas.
Coberta de edra, de Iabel.
Morándoa soio as ratas.
Somente as ratas.

3.11.10

04. SANTOS, MÁRTIRES E HEREXES NA HISTORIA DE GALICIA

 

Desde o asentamento do cristianismo como relixión maioritaria en occidente, os santos ocuparon un papel fundamental dentro do sentir relixioso do pobo. Os santos católicos teñen o poder, segundo esta fe, de interceder entre os humanos e Deus; así o pobo sénteos máis preto a eles. O seu suposto poder taumatúrxico é  fundamental á hora de seren venerados polos crentes, xa que segundo a doutrina católica, teñen o poder de obrar milagres tanto na súa vida como unha vez mortos, podendo ser o beneficiado un individuo ou ben unha comunidade. Os santos, nunha época na que a praxe da ciencia da medicina estaba pouco desenvolvida, tiñan case en exclusividade poder de curar aos enfermos; e no caso de non ser posible a cura, de interceder ante Deus no paso ao outro mundo. Hoxe en día, e a pesar dos avances científicos, da laicidade do estado, e da existencia, dende hai máis dun seculo, de correntes filosóficas que exclúen a Deus como explicación, non podemos obviar que seguen a ser milleiros os que acoden aos santiños coa esperanza de espantar os seus males. É por isto que cómpre achegarse ao papel fundamental que a relixión cristiá xogou -e segue a xogar- en Galicia, independentemente das crenzas de cada quen. E a pesar tamén do anacronismo que supón, -ao meu xuizo- a pompa, o exceso, e o dobregamento do poder civil á Igrexa católica de sainetes como o que se vai representar o vindeiro sábado en Compostela coa visita do papa  Bieito XVI.

Desde que no século IV se convertera na crenza oficial do Imperio Romano, ao que o territorio da Gallaecia pertencía,  Galicia viviu dun xeito especial a súa relación coa relixión cristiá. Desde aquela altura, e ao longo de todo o período histórico, unha serie de personaxes relixiosos quedaron inseridos na historia, nas lendas, nos costumes e tradicións da nosa terra. Santos mártires, santos milagreiros, santos fundadores de mosteiros, santos controvertidos, bispos e monxes canonizados, santos populares, profetas condenados por herexía e, sobre todo, o sepulcro do Apóstolo Santiago en Compostela. Nesta clase imos botar unha ollada a algúns destes personaxes relixiosos sobranceiros, galegos ou non, que se relacionan coa historia da nosa terra e que marcan  o sistema de crenzas da sociedade galega ao longo do tempo, ademais de influír de xeito determinante nas relacións económicas e sociais.

Unha das primeiras personalidades relixiosas relacionadas con Galicia foi Prisciliano. Unha figura moi controvertida dentro da relixión cristiá e que, despois da súa carismática vida e tráxica morte, deu lugar ao priscilianismo, movemento relixioso herético que se estendería, sobre todo no territorio galego, durante varios séculos.  Nace á metade de século IV, en plena decadencia do Imperio Romano,  no intervalo que vai desde que Constantino permite a práctica do cristianismo co Edicto de Milán (313) e Teodosio convérteo na única relixión permitida no imperio co Edicto de Tesalónica (380). Nos albores do cristianismo, cando se está formando o que co paso do tempo sería a Igrexa Católica de occidente co sé en Roma, Prisciliano dedícase a predicar con éxito a mensaxe dos evanxeos desde unha óptica ascética –facían xaxún, non comían carne, practicaban a frugalidade, vivían como eremitas-, de participación da comunidade e interpretación libre dos textos, e con certos aspectos que o vinculan máis as tradicións pagás que ao cristianismo máis ortodoxo, como a relación da súa doutrina coa astroloxía.

Prisciliano e nomeado bispo de Ávila no ano 380. Pouco lle debeu durar a alegría, pois cae en desgraza entre moitos dos seu colegas e xa ese mesmo ano é declarado herexe no Concilio de Zaragoza. Prisciliano inicia viaxe a Roma para tratar de defenderse ante o Papa, mais de pouco valeulle, xa que no ano 386 serían condenados a morte en Tréveris, e executados, por herexes e bruxos, el e máis aos seus seguidores (Felicísimo, Armenio, Eucrocia, Latroniano, Aurelio e Asarino).

Prisciliano era un home carismático e iso axudou moito a espallar a súa visión cristiá. O seu éxito hai que explicalo, ademais, entendendo que a súa doutrina estaba máis próxima ás prácticas relixiosas e das tradicións pagás que sobrevivían entre amplas capas da poboación. Prisciliano representaba unha visión do cristianismo moito máis próxima á mensaxe do evanxeo e a vida en comunidade dos primeiros cristiáns, que a igrexa xerárquica baseada na autoridade e na práctica regrada que comezaba a  agromar e a asentarse naquela altura. A súa morte –foi o primeiro cristián condenado á pena máxima desde a propia relixión cristiá-  non foi en balde. O seu martirio foi un sinal para moitos. O Priscilianismo prendeu en Galicia con forza, e a ortodoxia non puido erradicalo ata dous séculos máis tarde. Dous anos despois da súa morte, un grupo de seguidores acode a cidade francesa onde finara Prisciliano e retornan os seus restos cara Galicia, onde foron venerado durante décadas. Onde soterraron o seu corpo? Non é posible sabelo hoxe en día, feito que proxecta aínda máis misterio sobre a súa figura, e que abre a porta a todo tipo de hipóteses, entre elas, a máis popular e morbosa: será realmente Prisciliano o que está na cripta da catedral Compostelá?

En todo caso, Prisciliano converteuse  nun símbolo da singularidade e personalidade propia de Galicia. Así, Otero Pedrayo, chega a considerar a Prisciliano como «unha poderosa individualidade, a maior se cadra que Galiza xerou»; e o propio Castelao afirma que «Galiza abrazou o cristianismo de Prisciliano durante máis de cen anos, e aínda hoxe en día bule no fondo da alma galega». Tamén Xosé Luís Méndez Ferrín dedicoulle uns versos á esta figura lendaria:

[...]
O Doutor de Noso
aquel que proclamaba, tremoroso,lourido, apoloxético,
o xexún dominical, a virtude da pobreza,
a meditación na montaña, a dignidade das mulleres
e a necesidade de manumisión dos escravos,
foi decapitado nas cadeas de Tréveris.
Malditos sexan o verdugo Hidacio, o Itacio prostibular
e as almas necias dos Santos e dos Bispos,
do Papa e do emperador que naquela hora abriron a enxurrada
de sanque ceibe e limpo que non para de fluír.
Xace El entre nós cos seus discípulos
e cada ano os patriotas galegos
celebran a súa memoria se sabelo [...]

X. L. Méndez Ferrín, Prisciliano (1994)


Na historia relixiosa de Galicia atopamos varios tipos de santos. Os mártires foron os máis venerados nos primeiros séculos de presencia do cristianismo na nosa terra. O seu sacrificio achégaos á figura de Cristo, pois eles tamén deron a súa vida por Deus. A primeira mártir da que temos referencia en Galicia é Santa Quiteria, vítima da persecución á que foron sometidos os cristiáns nos tempos do imperio romano. Nacida en Baiona no século II, conta a lenda que a súa nai deu a luz, xunto a ela, a oito mulleres máis no mesmo parto. Para non erguer sospeitas de infidelidade no seu marido,  a nai abandonou as fillas, que foron adoptadas por unha parella cristiá que escapou con elas, ata que as rapazas foron encontradas e martirizadas. Así, Quiteria convértese na primeira santa mártir de orixe galego. Xunto a ela, está a figura de Santa Mariña, venerada en Santa Mariña de Augas Santas, que tamén foi martirizada no século II polos pagáns. Conta a lenda,que cando lle cortaron a cabeza, esta botou tres veces no chan, e xusto alí naceron as tres fontes de Augas Santas.

Ademais dos mártires, tamén xogan un papel moi importante os apóstolos que compartiron vida con Xesús -aínda que moitos deles non morran polos tormentos sufridos- e que se dedicaron a predicar o cristianismo trala morte do mestre. Estes últimos foron moi venerados en todo o horizonte cristián e tamén en Galicia. Son santos universais, que tamén serviron para integrar todos os territorios occidentais na doutrina da Igrexa romana. En Galicia, ademais de Santiago, son moi venerados Santo André, San Pedro, San Paulo, San Xoán... Moitas das romarías e festas patronais que abondan nesta terra están dedicadas a eles.

Outros dos santos venerados son os pais da igrexa e os primeiros espalladores da doutrina cristiá. Un santo moi ligado a Galicia que poderiamos incluír neste grupo é San Martiño de Tours. O seu padroado sobre a cidade de Ourense remóntase aos tempos do reino suevo, cando as súas reliquias foron traídas á cidade para curar a Miro, fillo do rei Carriarico, nunha altura na que os Suevos asentados neste occidente peninsular abandonan definitivamente o arrianismo polo catolicismo. Outro San Martiño, neste caso San Martiño de Braga ou Dumiense, foi a figura chave no asentamento do cristianismo e na definitiva erradicación da herexía priscilianista no noroeste da península. Os seus escritos chegaron ata os nosos días, e son unha fonte histórica fundamental para entendermos o sistema de crenzas da alta idade media. Un santo erudito que fixou doutrina e praxe relixiosa na Galicia da época, igual que o seu sucesor San Froitoso, gran promotor de cenobios, cuxo cadáver foi levado por Xelmírez desde Braga a Compostela no século XII.

Despois da labor cenobítica de Martiño e Froitoso, o santo galego máis vencellado ao movemento monástico foi San Rosendo. Nacido no século X, fillo de Aldara de e do Conde don Gutierres, converteuse na indiscutida figura relixiosa da época ao introduciren en Galicia a reforma benedictina, ademais de ser o fundador dun dos mellores exemplos do poderío monástico de Galicia como é Celanova.

Outro dos mártires máis coñecidos do noso santoral é San Paio. Nacido en Crecente no século X, foi martirizado –segundo a tradición- cunhas teazas de ferro coas que lle foron arrincando os membros, debido a que se negou a manter contactos sexuais co mesmísimo califa Abderramán III, que o fixera prisioneiro en Córdoba xunto co seu tío Hermixio, bispo de Tui.

En Galicia tamén abondan os santos de tradición local, como San Froilán en Lugo, ou San Trocado de Bande, entre outros moitos. Froilán, nacido no século IX foi eremita nas montañas do Bierzo antes de se converter en bispo de León case por aclamación popular. Acadou moita sona pola súa capacidade de curar e polo feito de ter o don de amansar aos lobos, sendo o patrón da diócese de Lugo. San Trocado é un dos sete varóns apostólicos, discípulos directos de San Pedro e San Paulo, que segundo a tradición –non confirmada por ningunha fonte historiográfica- foron os primeiros en chegar á Hispania a cristianizar á poboación. O seu culto en Bande levou a construír unha das máis fermosas igrexas da época altomedieval que aínda se conserva.

A presencia de santos en peregrinación foi unha forte moi importante para o asentamento das diferentes correntes da Igrexa católica, en especial a presencia de San Domingos no 1219 e San Francisco, que viñeron a Compostela no século XIII e propiciaron a fundación de numerosos conventos das ordes mendicantes na nosa terra. Gran parte do patrimonio arquitectónico que conservamos do medievo, sobre todo dentro do gótico, debémolo as edificacións que fixeron estás ordes, como San Domingos de Bonaval, ou o convento de San Francisco de Ourense. Ademais, vencellado aos dominicos, temos outro santo galego mártir, o vigués Xosé María Díaz Sanxurxo, martirizado en Vietnam a mediados do século XIX. Este santo sufriu o que se chama unha auténtica tortura china.

E deixamos para o final ao santo que deu maior sona a Galicia: o Apóstolo Santiago. A tradición cristiá fálanos da presencia de Santiago, após da morte de Xesús, predicando na Hispania, feito que non se pode corroborar por ningunha fonte histórica. De ser certo este episodio, a súa estancia non sería moi longa, xa que no libro dos feitos dos apóstolos do evanxeo, nárrase o martirio de Santiago, no ano 44, en Xerusalén. A principios do século IX prodúcese o descubrimento do corpo do Apóstolo Santiago Zebedeo (O maior) en Galicia. Foi o bispo de Iria, Teodomiro, o que da noticia sobre o achado dos restos do apóstolo, no lugar coñecido como “Arca Marmórica”. O rei Afonso II, que foi avisado do descubrimento, nomea patrón do reino a Santiago e decide construír unha basílica para conservar os seus restos.


O mito da translación dos restos a Compostela segue a ser hoxe en día un dos máis fermosos que se conservan en Galicia. Segundo este, o corpo chegou desde Palestina a Galicia nunha barca de pedra onde o depositaran uns anxos. Esta barca chega a Iria Flavia, na desembocadura do Ulla, onde é atada a unha pedra (velaí a orixe do topónimo Padrón). Os restos do Apóstolo foron levados desta localización ao monte Libredón, por un grupo de cristiáns, onde lle deron sepultura (na arca marmórica, unha pedra onde o corpo santo afundiríase dándolle a forma do seu corpo). Para facer o traslado tiveron antes que tratar cun dos personaxes da nosa mitoloxía, a raíña Lupa, de orixe pagá e nun principio escéptica, que tras o episodio converteríase ao cristianismo. Lupa engana aos discípulos de Santiago, enviándolles a un campo onde moraban toros salvaxes, que por intercesión do santo convértense en bois que tirarían do carro que levou o corpo do apóstolo ao monte Libredón. Sería neste lugar mítico onde atoparían os seus restos case oito séculos despois. No Codex Calixtinus tamén se narra a historia da traslatio do corpo a Compostela. Sexa como for, oitocentos anos despois da súa morte o nome de Santiago ficará vencellado a Galicia a través do mito do descubrimento do seu corpo.

O descubrimento do corpo prodúcese nun momento crucial para o cristianismo, unha vez que gran parte da Península Ibérica está ocupada polo Islam. Tiña moito sentido crear un terceiro lugar de interese para a relixión cristiá, xusto nun extremo libre de ocupación musulmá. Malia está circunstancia, pasaron máis de dous séculos ata que no XII, co bispo Xelmírez,  desenvólvese a cidade de Compostela, o novo templo, e se populariza enormemente a peregrinación a Galicia. Co tempo, o Arcebispo de Compostela convértese, en plena etapa feudal, no señor máis importante de Galicia. A historia da romaxe a Compostela, desde esta etapa de máximo apoxeo nos século XII e XIII, será a crónica dunha decadencia con períodos de maior ou menor auxe, dependendo das circunstancias de cada época, ata este renacer posmoderno do fenómeno xacobeo nas últimas décadas. Poucos foron os papas e reis que se lembraron, durante séculos, do esplendor medieval da peregrinación, a pesar do padroado que Santiago exerceu sobre os reinos hispánicos. Incluso entre os propios galegos, Santiago non foi un santo moi popular respecto a outras figuras máis veneradas.

Concluímos este pequeno texto lembrando que nos quedan no tinteiro, por cuestión de tempo, unha morea de santos por tratar, como San Pedro de Mezonzo, creador da Salve Regina. Ademais o culto a virxe María tamén foi e  segue a ser moi intenso en moitas vilas e aldeas galegas. Falaremos del cando tratemos o tema da relixiosidade popular expresada nas diferentes romarías que se celebran en Galicia.

Deixamos, para finalizar,algúns exemplos do refraneiro galego que fan referencia aos nosos santos:

A chuvia de san Xoán tolle o viño e non
dá pan.


Se trobexa en San rosendo
inda temos inverno


Friaxes de Santa Quietria
Malos para a colleita


San Xoán, San Pedro
e San paio no medio


Día de San Paio,
A cigoña nos prados


O que queira patacas en maio
que as bote no san Paio.


Pola Santa Mariña
sementa a túa nebiña
A vella que o dicía ben o sabía
Que xa sementada a tiña


A San Andrés de Teixido,
vai de morto quen non foi de vivo


A cada porco lle chega o seu San Martiño


San Froilán, mete a rella e tira o pan