Páginas

26.10.10

03. LUCUS AUGUSTI, "A BEN MURADA"

A cidade de Lugo está intimamente ligada ao seu pasado romano. Cando falamos da capital luguesa,  de seguido vennos á cabeza a imaxe da súa impoñente muralla romana, considerada patrimonio Mundial pola UNESCO desde o ano 2000.  Porén, na “ben murada”, como lle chamaba decote Álvaro Cunqueiro, temos moitos máis bens patrimoniais relacionados co seu pasado romano e con outros momentos da súa historia. Gran parte deste legado romano foi rescatado do esquecemento e posto en valor nas últimas décadas, polo que unha visita aos museos e centros de interpretación da cidade ofrece ao espectador unha panorámica moi interesante sobre o pasado ligado ao imperio romano da urbe, e sobre a romanización de Galicia en xeral.

Lucus Augusti, a civitas, foi fundada nun outeiro á beira do río Miño, onde é probable que existira con anterioridade un campamento romano, aínda que non hai certeza absoluta sobre este feito. As fontes históricas sinalan a Paulo Fabio Máximo, enviado imperial para organizar o territorio conquistado da Gallaecia, como fundador da mesma, no ano 15 a. C. O propio nome da cidade deu lugar a diversas interpretacións, sendo a máis fermosa a que nos deixou Manuel Murguía, e que nos fala da presenza dun bosque sagrado no lugar, dedicado ao deus celta Lugh.

Sexa como for, na altura do século I a C. os romanos creaban a cidade máis antiga de Galicia, que sería capital do Conventus Lucensis, dentro dunha orde imperial que dividía a Gallaecia en tres conventus gobernados desde as tres cidades capitais (Lugo, Braga e Astorga).  A cidade foi configurada, pois, seguindo o modelo urbano romano, organizada a través de dous eixos que a percorren de norte a sur e de este a oeste (cardo e decumano). En Lucus Augusti e nos arredores, os romanos crearon toda unha serie de infraestruturas como a ponte sobre o Miño, un acueduto, un sistema de cloacas, unhas termas, etc.

A cidade funcionou como centro e fonte de integración do mundo castrexo no modelo imperial. Nela non só vivían os funcionarios do poder central, senón que acolleu a moitos dos habitantes indíxenas da Gallaecia, que quedaron así moito máis romanizados que aqueles que continuaron a vivir nos castros. Deberon ficar abraiados aqueles castrexos ante a capacidade técnica e sofisticación da cultura romana; non se trataba xa de comerciar con eles, agora podían vivir xa ao xeito romano, adoptando as súas modas e costumes, incluída a súa lingua, o latín vulgar que practicaban as lexións e que é o xermolo das linguas romances como o galego. No subsolo lugués continúan a aparecer restos de vivendas e obxectos asociados a elas, que nos falan de como vivían os nosos antergos na época romana. Algúns destes restos arqueolóxicos pódense visitar, como as casas de Armañá (Museo de Lugo) e Batitales (Rúa Doutor Castro), que conservan magníficos exemplos de mosaicos que decoraban os chans das vivendas de Lucus Augusti.


No século III, seguindo unha tendencia que se reproduce en moitas das urbes imperiais, Lucus fortifícase cunha muralla. E vaino facer ao grande. A muralla de Lugo é unha obra de enxeñería extraordinaria, ademais é a mellor conservada da Península Ibérica. A pesar de ser reformada en varias ocasións, o seu aspecto cando os romanos a ergueron no século III non debeu ser moi diferente ao actual. Os números da muralla son abraianates: a súa lonxitude é de máis de 2 Km, deixando no seu interior unha espazo de 34 Ha; a altura varía entre os 8 e os 12 metros, e a súa anchura entre os 4 e os 8 metros. Ao longo do perímetro da muralla os romanos ergueron 85 torres defensivas; a Torre da Mosqueira - a mellor conservada- permite que nos fagamos unha idea da estrutura e altura orixinais das mesmas. Un elemento de vital importancia na configuración da muralla son as portas que permitían a entrada e saída de persoas á cidade, e nas que se facía o control e o cobro de impostos. As portas –que estaban feitas con madeira- pechábanse de noite ou en caso de perigo. As que aínda quedan da época romana son as seguintes: a Porta Miñá, a Porta de Santiago, a Porta de San Pedro,  a Porta Nova  e a Porta Falsa, que daba entrada ao exército na cidade.

Coa caída do imperio romano e a formación do reino suevo, edificado sobre os restos da desintegración da provincia romana de Gallaecia, a cidade vai ter unha continuidade histórica. Lugo vai ligar o seu futuro á súa condición de cidade episcopal, feito que marcou a súa traxectoria. Precisamente a cidade quedou ligada á figura dun santo, Froilán, patrón da cidade. Froilán naceu en Lugo no século IX, santo milagreiro, fundador de mosteiros, eremita, aparece vencellado á figura do lobo, animal cunha indubidable mala sona e consideración simbólica en Galicia, que o santo foi quen de dominar. Os lugueses celebran unha das festas máis importantes do calendario en Galicia na honra do seu patrón, festexos que teñen máis dun século de historia, cunha orixe nas feiras de gando do XIX, e que forman parte da propia idiosincrasia dos cidadáns de Lugo. As San Froilán unen á provincia en torno á unha festa gastronómica por excelencia, pois como di o refrán: “E para comer, Lugo”.

O segundo monumento en importancia en Lugo é a catedral románica, construída entre os séculos XII e XIII. Hoxe en día o conxunto é un compendio de estilos artísticos superpostos, no que destaca a estrutura medieval, a fachada neoclásica e, sobre todo, a capela da Virxe dos Ollos Grandes, soberbio conxunto barroco proxecto de Domingo de Andrade e Fernando Casas e Novoa, que alberga a figura gótica da virxe que dá nome ao templo. Tamén dentro do estilo barroco, temos outra das xoias da arquitectura urbana galega, desta volta un predio con funcións civís, a Casa do Concello, situado na praza maior e que tamén é herdeiro dese estilo compostelán que os dous arquitectos anteriormente citados espallaron por varias cidades galegas.

Non podemos entender a cidade de Lugo sen falar da súa relación co seu contorno natural. Nomeada reserva da biosfera, a comarca das terras de Lugo é unha grande veiga rodeada polo Miño, pai de todos os ríos galegos, e dominada pola cidade que se ergue nun outeiro. As paisaxes verdes do interior galego contrastan co gran bloque pétreo que configura á cidade, xerando un espazo de grande singularidade e valor medioambiental. Lugo sabe convivir de xeito especial coa vizosa natureza que a arrodea; só hai que botar unha ollada aos seus cidadáns gozando dos amplos espazos a carón do Miño, cando o tempo o permite.


A cidade viu nacer dentro das súas murallas a ilustres personaxes. Antes falabamos do santo patrón, Froilán. Andando no tempo, atopámonos con dúas figuras de gran interese desde o punto  de vista literario, pois Lugo é a cidade na que chegaron ao mundo Ánxel Fole e Luís Pimentel. Fole, nacido en 1903, foi un dos mellores representantes dese xénero tan fecundo das nosas letras que é a narrativa breve; en A lús do candil e en Terra Brava, albiscamos esa tradición oral da literatura popular galega. Eses contos son unha homenaxe ás vellas historias populares; son literatura de lareira intelectualizada e levada ao papel polo mestre Fole.

Luís Pimentel, pola súa banda,  é un dos poetas máis sensibles e dotados da literatura galega do século XX. Podemos gozar coa súa poesía sinxela, intimista e melancólica na súa mellor compilación de poemas, titulada Sombra do aire na herba. Pimentel é autor, ademais,  dun dos poemas máis significados en contra da barbarie da represión fascista en Galicia, titulado Cunetas, que reproducimos a continuación, como remate deste texto:

Outra vez, outra vez o terror!
Un dia e outro dia,
Sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor ¿que fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Ata cando durará este gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran mais que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falta
para facer un home!
Teñen que encher ainda
as cunetas
con sangue de mestres e de obreiros
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.

Docemente chove.
Enviso, arrodeame unha eterna noite.
Xa non terei palabras pra os meus versos.
Desvelado, pola mañá cedo
Baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crime
Ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguen podes trocar teu sorriso.
Nos arrabais
bandeiras batidas e esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os dias
hai un home morto na cuneta
que ninguén coñece ainda
Unha muller sobre o cadaver do seu home
Chora.
Chove.


¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
Mais alá da neboa,
Mais alá do mar,
Mais alá da chuvia,
Mais alá do bosque.





19.10.10

02. A TERRA CHA E O CASTRO DE VILADONGA

A Terra Cha é a comarca máis extensa de Galicia. Situada no interior da provincia de Lugo, abrangue os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade.

O topónimo desta comarca xa nos fala da súa principal característica física, pois a terra cha é, en esencia, unha grande chaira rebordada de sistemas montañosos (Serra da Loba, Cova da Serpe, Serra do Xistral, Serra da Carba, Cordal de Meira...), na que apenas emerxen algúns outeiros destacando no horizonte. Unha chaira vizosa, atravesada por decenas de ríos coas súas beiras cubertas de bidueiros e ameneiros, entre eles o Miño, o máis extenso e caudaloso de Galicia, que nace en Fonmiñá. A lagoa de Cospeito completa esta paisaxe fluvial, lacustre e labrega, na que os frondosos cómaros marcan as fronteiras entres as pradarías, que alternan con algunhas das carballeiras máis fermosas que aínda sobreviven neste país.

Se o animal emblemático de España é o touro, debido á afección ás touradas e tamén á unha icona publicitaria creada por unha coñecida bodega andaluza, en Galicia mudamos o sexo do bóvido e sentímonos moito máis representados pola vaca, produtora de leite, de carne e de coiro, sustento de milleiros de familias da comarca desde fai moitos séculos. A Terra Chá é tamén a terra das vacas. Aí temos unha industria cárnica e leiteira de primeiro nivel, envolta nun longo período de transformación do sistema de produción tradicional cara a economía capitalista, un proceso cheo de atrancos que aínda perduran. A estraña sensación de non poder producir o que se quere. O misterio de atoparen, nas superficies comerciais do país, a competencia do produto das vacas de alén dos Pirineos.

Nesta comarca temos moi bos exemplos do patrimonio cultural e natural que imos descubrindo polos diferentes territorios da xeografía galega. Na Terra Cha viviron algúns dos primeiros homes que habitaron Galicia, e que deixaron a súa pegada en xacementos máis antigos que a cultura megalítica e castrexa, como o de Pena Xiboi (Guitiriz), do paleolítico, onde apareceron restos de ocupación humana de hai máis de oito mil anos.


Rastrexado a toponimia dun determinado territorio podemos saber moito do seu pasado. Na Terra Cha conviven nomes de aldeas, parroquias, vilas e concellos de moi diversa orixe, mais cómpre deterse no nome de Bretoña, poboación fundada no século VI por un grupo de monxes procedentes das illas británicas encabezados polo bispo Maeloc. Un exemplo máis das conexións atlánticas dunha Galicia incluída, a través do tempo, e dalgún ou doutro xeito, no universo das culturas celtas.

Temos tamén excelentes exemplos de arquitectura relixiosa nas parroquias dos diferentes concellos,  que abranguen diferentes estilos artísticos desde o romántico ata o barroco. Son pequenas igrexas de planta simple, coroadas en moitos casos por unha espadaña na portada principal. Aquí a pedra granítica convive coas lousas de xisto, pedra abundante nas serras que arrodean a comarca. Podemos citar algunhas das moitas existentes como Santa María de Abadín, San Alberte en Guitiriz, San Pedro de Seixas en Cospeito ou San Cosme de Nete. Na altura do verán desde al vilas principais ata as parroquias máis cativas celebran as súas festas á honra do seu patrón.

A arquitectura chairega é testemuña do paso do tempo e das diferentes estruturas de poder que dominaron a zona. Os Andrade dominaron a comarca na baixa Idade Media, unha época convulsa que culminou coas guerras irmandiñas. Na capital da comarca, en Vilalba, aínda loce a Torre dos Andrade (rehabilitada como parador turístico), derrubada no transcurso das revoltas e reconstruída na altura dos Reis Católicos. Outros exemplos de arquitectura civil son o pazo de Sistallo en Cospeito , símbolo a preponderancia social da fidalguía intermediaria na comarca, ou a escola indiana de Roupar (Xermade), que nos fala da importancia da emigración as Américas tamén na Terra Cha.

A comarca da Terra Cha daría para encher moitas horas de clase, mais hoxe imos deternos nunha obra senlleira do patrimonio galego, o castro e o museo de Viladonga, un lugar ideal para coñecermos mellor o que supuxo a cultura castrexa. Dentro dos límites do concello de Castro de Rei –chamado así seguramente pola presencia do hábitat castrexo-, sitúase nun outeiro que domina a paisaxe chairega, o que nos fala da importancia da función defensiva do mesmo. A súa cronoloxía abrangue un período en torno os setecentos anos, pois ten unha orixe prerromana (século I a. C.) e unha continuidade no tempo ata a época tardorromana (século V). O feito de comprender unha cronoloxía tan ampla convérteo nun lugar privilexiado para entender o proceso de romanización do territorio galego, pois cómpre lembrar que coa chegada dos romanos, e aínda que se construíron cidades como Lucus –apenas a 23 Km de Viladonga- os castros non foron abandonados polos seus moradores, que tiveron que convivir con eses romanos chegados desde tan lonxe cunha lingua, uns costumes e unha cultura material moi diferenciada á súa.


A vista de paxaro destaca a croa, ou acrópole central do castro rodeada de fortes murallas e foxos, dentro da cal se sitúan diferentes unidades de vivendas, de planta redonda ou cadrangular, organizadas por barrios. Fora dos muros hai uns espazos chamados  antecastros, onde probablemente se situaban edificios auxiliares para a comunidade, como cortes ou celeiros. A vida nun castro era sinxela. As casas son humildes, xeralmente dunha soa habitación, cun fogar no medio e cun banco corrido pegado ás paredes. A economía baseábase na agricultura de cereais, na gandería, e na caza  e recolección de froitos como complemento. A sociedade é xerárquica, aínda que non se atopan grandes diferencias sociais máis aló de pequenos obxectos e xoias froito do intercambio comercial con outros pobos, atlánticos e orientais, que funcionan tamén como símbolos de estatus. Precisamente Viladonga é un dos castros galegos nos que apareceron asociados moitos obxectos de orixe romana, principalmente armas, xoias, cerámica e vidro.

Viladonga é dun dos castros mellor conservados da nosa xeografía, que ademais nos ofrece a posibilidade de introducirnos no universo castrexo da man do museo monográfico que acompaña ao xacemento. Un museo que nace da vontade de que o visitante coñeza máis polo miúdo a cultura asociada a un conxunto arqueolóxico de gran valor. Tamén pola teima de tantos arqueólogos que loitaron por teren en Galicia unha instalación de estas características, como Manuel Chamoso Lamas ou en tempos máis recentes Felipe Arias. Un museo de titularidade estatal e xestión autonómica, que realiza todas as funcións que a sociedade demanda a estas institucións, e que se resumen basicamente en tres: conservar a colección e o castro, investigar sobre a cultura castrexa e a romanización, e expoñer e difundir o patrimonio asociado ao centro. O museo conta con catro salas de exposicións nas que se realiza a interpretación do castro e se expoñen os restos arqueolóxicos mobles atopados no xacemento. Ademais en Viladonga organízanse as diferentes intervencións arqueolóxicas no Castro, hai un laboratorio arqueolóxico, unha biblioteca especializada, un saloón de actos e se publica unha revista periódica de contidos científicos sobre arqueoloxía, chamada Croa, froito do esforzo da súa asociación de amigos.

Non podemos cerrar este pequeno texto sen deixar de reproducir os fermosos versos que o poeta Manuel María lle dedicou á súa querida Terra Chá. Neles albiscamos o grande amor do poeta pola súa terra.

Mnauel María, Terra Cha

A Terra Cha somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.

6.10.10

01. AS PEDRAS DA COSTA DA MORTE

Baixo os profundos cantís, no Roncudo e noutros penedos da Costa da Morte, os percebeiros arriscan a vida nunha loita a morte contra o mar, para arrancarlle un dos seus máis apreciados froitos, o percebe. Unha imaxe que se repite desde San Adrián, en Malpica, ata o cabo de Fisterra, lugar que foi fin do mundo durante séculos. Estas imaxes son as que dan sona á Costa da Morte, igual que os desastres ecolóxicos que, como aconteceu co Prestige, converten esta terra no centro de atención dos medios de todo o mundo.

Malia esta imaxe, tópica e real a un tempo, a Costa da Morte ten moito máis que ofrecer ao que se decide achegarse e afondar no seu marabilloso patrimonio natural, cultural e artístico. Fascinantes paisaxes mariñas cheas de rochas, illas, grandes ondas e unha escuma de mar deixa o recendo máis fermoso que existe. Abraiantes cantís inaccesibles ao ser humano, onde moran milleiros de aves mariñas. Praias longuísimas de area branca e fina protexidas da tempestade, ou abertas ás grandes vagas atlánticas. Vizosos vales percorridos por ríos de auga cristalina que se precipitan ao mar, ou que de xeito lene se deixan acariñar polo océano. Fragas e piñeirais verdes e profundos, e grandes extensións de monte baixo enfeitados pola chorima. Faros centenarios que alumean o mar  na tempestade e que guían ás naves nas condicións máis adversas. Monumentos megalíticos con  milleiros de anos de antigüidade, dedicados aos deuses da natureza e á devoción aos mortos. Castros pétreos pendurados nos outeiros e no fío dos cantís, onde moraron durante séculos os nosos devanceiros antes e durante a presencia dos romanos.  Pequenas igrexas e ermidas de pedra, lugares de lembranza, romaría e devoción. Cruceiros de granito nos camiños, e cruces nas rochas que lembran aos desaparecidos. Grandes hórreos que atesouran o dourado millo que medra nos eidos bergantiñáns e fisterráns, e nas terras de soneira. Pequenas vilas mariñeiras cheas de encanto, onde se subhastan todas ás mañás as capturas frescas extraídas do mar. Tradicións artesás de grande calidade nos tecidos e na olería.  A sabedoría do pobo representada polas lendas, tradicións, ditos, cantigas, gastronomía, festas e romarías...


Percorrendo as diferentes comarcas da Costa da Morte atopámonos con lugares inesquecibles deste enigmático territorio na fin do mundo. A rocha granítica, no seu estado natural ou ben transformada pola man do home, marca a morfoloxía do territorio. Os elementos conxúganse na Costa da Morte para amosar á humanidade a beleza dunha terra inesquecible: mar, rochas, vexetación, fauna e, sobre todo, galegas e galegos vivindo nunha fin do mundo que é, sobre todo, un espazo de gran intensidade vital.

Se algo sorprende ao viaxeiro que penetra nas comarcas que compoñen a Costa da Morte é a súa variada e abraiante paisaxe . Os cantís onde baten as ondas, os cabos coroados por altos faros que alumean ás embarcacións: Cabo Vilán, Touriñán, o Roncudo, As Sisargas, Fisterra... son fitos de pedra que marcan a paisaxe. Tamén as extensas praias como as de Carnota ou a de Traba, ou as vizosas paisaxes do interior, no que se combinan outeiros como o Monte Pindo ou vales como o do Xallas, único río que desemboca nunha fervenza.

As culturas prehistóricas que poboaron esta terra hai milleiros de anos deixaron a súa pegada no territorio, a través de diferentes monumentos megalíticos, petroglifos e castros, que compoñen un dos conxuntos arqueolóxicos máis destacados da Península Ibérica. A cultura megalítica, representada polas grandes mámoas que agochan o seu ventre monumentos feitos con grandes pedras, ten a súa máxima expresión con Dombate, lugar que ten ademais un singular peso simbólico debido ao valor que os historiadores románticos como Murguía ou Viccetto lle atribuíron, igual que acontece co Monte Pindo, e que eran probas dun pasado mítico galego vencellado ao celtismo. Dentro do patrimonio arqueolóxico destacamos tamén a cibdá de Borneiro,  un dos castros máis importantes e fermosos que se conservan na actualidade.

Xa na etapa histórica, os galegos do medievo e da idade moderna seguiron a erguer, sempre con granito, lugares que representaban a orde social e que eran símbolos da súa sociedade. Falamos de castelos como as Torres de Vimianzo, mosteiros como o de San Xian de Moraime, igrexas parroquiais como a de Santa María en Laxe ou a de Santiago en Traba, e pazos como o de Trasariz ou as Torres do Allo. Todos eles exemplos dun gran patrimonio artístico que abrangue bos exemplos de arquitectura civil, relixiosa, de arte popular –como as decenas de cruceiros sementados polo territorio- e tamén de escultura, como o Santo Cristo da Barba Dourada de Fisterra.


As poboacións da Costa da Morte asentáronse en pequenas aldeas agrarias no interior, e en vilas pesqueiras nos abrigos da costa. A economía baseouse pois, na explotación do campo, con especial relevancia para o millo e a pataca, e na explotación dos recursos mariños á beira do mar. Nas vilas mariñeiras como Corme, Laxe, Malpica, Corcubión, Camariñas, etc. viven esas xentes do mar que poñen en risco as súas vidas diante dun dos lugares nos que o océano amósase máis violento. Este feito marcou a propia idiosincrasia da xente mariñeira, tanto na súa forma de ser como na súa forma de organizarse socialmente e no sistema de crenzas. Tradicións pagás e festas relixiosas fúndense nun territorio que é supersticioso a forza de non atopar de regreso a moitos dos seus fillos. As cruces nas rochas dos cantís recordan a aqueles que ficaron para sempre no mar.  Por outra banda, relixiosidade popular exprésase de xeito moito máis alegre nas numerosas romarías e tradicións como o da Virxe da Barca en Muxía.

A Costa da Morte é tamén un lugar de gran tradición artesá, no que a actividade manufactureira, moitas veces levada a cabo polas mulleres, complementou de sempre o froito extraído do campo e do mar. A olería de Buño, os encaixes de Camariñas, os sancosmeiros, os muíños e batáns, etc. forman parte tamén deste rico patrimonio etnolóxico.


Porén, e malia todo o que ten de abraiante a Costa da Morte, sería idealizar un territorio non facer referencia aos aspectos negativos e problemas que presentan as comarcas máis occidentais de Galicia. Na memoria de todos están as traxedias ecolóxicas que, como aconteceu co Prestige, encheron de negro chapapote as costas e a alma de Galicia. Noutros lugares como a Bretaña, desastres como este espertaron unha conciencia ecolóxica na poboación, que axudou a mellorar o hábitat e a mudar os costumes e o modo de relacionarse dos humanos coa terra. En Concarneau (Finistère - Bretagne), unha escultura urbana representa unha bicicleta saíndo dun bidón de chapapote; a roda traseira aínda arrastra o negro ronsel de petróleo, mentres que a cesta que leva diante vai chea de flores, metáfora de como os bretóns saíron da traxedia do Erika, embarrancado na punta de Penmarc’h en 1999, a través do coidado e  do amor a unha natureza constantemente ameazada. En Galicia, despois do acto de dignidade dos nacional que representou o movemento Nunca Máis, nunca máis a nosa paisaxe e a nosa natureza volveu a estar na orde de prioridades da clase política, feito que queda en evidencia co proxecto de seguir deteriorando a paisaxe da Costa da Morte cunha piscifactoría en Touriñán.


Ademais da ameaza ecolóxica, outros problemas endémicos veñen afectando á Costa da Morte e aos seus habitantes. Unha das dificultades ten que ver coa propia vida do mariñeiro, sempre no fío da navalla, a pesar da melloras técnicas e en seguridade nas embarcacións das últimas décadas. Tamén a falta de urbanismo e o feísmo arquitectónico, que ven deturpando nos últimos cincuenta anos o que antes foran encantadoras vilas e aldeas mariñeiras e de interior. A isto unimos a falta de oportunidades para os máis novos, a emigración de novo como azote da poboación e como paradigma do fracaso social do pobo galego.

Por último, e para sacarnos este mal sabor de boca, destacamos a un bergantiñán que foi un dos máis brillantes escritores que deu Galicia. Se trata de Eduardo Pondal, o noso bardo nacional, o compositor do noso himno, que percorreu as comarcas da Costa da Morte na busca de inspiración. Así lle cantaba Pondal á súa Costa da Morte:

«Ou terra de Bergantiños,
Roxa ô arar, nobre e testa;
Doee á vista desde longe,
Donde vin a lus primeira.
   Cand' era rapaza nova,
Casánome en terra alléa:
(Ainda meu pai n' acabara,
Ben catorce sementéiras.)
   Cando de ti me leváno,
Tomei unha boa pena:
Fún chorando p' lo camiño,
D' unha terraxe estrangeira.
   Se non te vexo cos ollos,
Bergantiños, boa terra,
C' os ollos do corazon,
Vexo as tuas doces veigas.

   Ou terra de Bergantiños,
Ben te vexo desde longe,
Cos teus trigos e os teus pinos.
... »    

E. Pondal ( Queixumes dos pinos)





LISTAXE DE PATRIMONIO DA COSTA DA MORTE
Patrimonio arqueolóxico Arquitectura civil Arte relixiosa  Patrimonio etnográfico Patrimonio natural  Vilas e aldeas con encanto

Ermida de San Adrián (Malpica)
Torres de Mens (Malpica)
Dolmen Pedra da Arca (Malpica)
Punta Nariga (Malpica)
Ecomuseo – Forno do Forte (Buño – Malpica)
Illas Sisargas (Malpica)

Praia de Balarés (Ponteceso)
Punta de o Roncudo (Ponteceso)
Casa de Eduardo Pondal (Ponteceso)
Pedra da Serpe (Ponteceso)
Río Anllóns (Ponteceso)
Vila de Corme (Ponteceso)
Ponte de Ponteceso (Ponteceso)

Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños)
Castro de Borneiro (Cabana de Bergantiños)
Romaría de San Fins do Castro (Cesullas, Cabana de Bergantiños)
Igrexa de San Pedro de Nantón (Cabana de Berganitiños)

Pazo de Torres do Allo (Zas)
Muiños e batanes do Mosquetín (Baio)
Castelo das Torres de Vimianzo (Vimianzo)
Dólmen de Pedra da Arca ( Vimianzo)
Pazo de trasariz ( Vimianzo)
Igrexa de Santiago en Cereixo (Vimianzo)

Lagoa e praia de Traba (Laxe)
Penedos de Traba (Laxe)
Igrexa de Santa María da Atalaia (Laxe)
Faro de punta Insua (Laxe)
Pazo de Leis (Soesto, Laxe)
Igrexa de Santiago de Traba (Laxe)

Museo de Man – Camelle (Camariñas)
Aldea mariñeira de Arou (Camariñas)
Punta do Boi (Camariñas)
Cemiterio dos ingleses (Camariñas)
Faro de cabo Vilán (Camariñas)
Encaixe de Camariñas (Camariñas)

Mosteiro de San Xian de Moraime (Muxía)
Santuario da virxe da Barca (Muxía)
Cabo Touriñán (Muxía)

Praia do Rostro (Fisterra)
Praia de Arnela (Fisterra)
Monte Nave (Fisterra)
Santo Cristo da barba dourada de Fisterra

Vila de Corcubión (Corcubión)
Igrexa de San Marcos (Corcubión)

Desembocadura Río Xallas (Ézaro, Dumbría)
Cruceiro de San Pedro de Buxantes (Dumbría)
Devesa de Anllares (Dumbría)

Monte Pindo – A Moa (Carnota)
Praia de Carnota (Carnota)
Hórreo de Carnota (Carnota)
Hórreo de Lira (Carnota)
Aldea de caldebarcos (Carnota)

Dolmen de Corveira (Mazaricos)