Páginas

13.10.11

EUME, ORTEGAL E A MARIÑA



Nesta primeira clase facemos unha viaxe ás comarcas do norte de Galicia, na procura do seu extraordinario patrimonio natural e dos diferentes elementos singulares da cultura galega. O contorno do río Eume, as costas de Ortegal e  A Mariña luguesa. Tres comarcas cheas de encanto onde apreciar a natureza e a intervención  humana no territorio.  Faremos unha viaxe polos recantos máis fermosos e con máis historia destas terras, parándonos nos espazos naturais sobranceiros e no patrimonio cultural máis destacado dos diferentes lugares do norte de Galicia.



POLAS TERRAS DO EUME

A comarca do Eume ven marcada polas extraordinarias paisaxes conformadas polas Fragas do Eume. Unha visita a estas paraxes déixanos un sabor agridoce, podemos gozar da natureza en estado puro, mais nelas tamén albiscamos o grande patrimonio natural que estragamos nesta terra, coa deforestación de fragas autóctonas e a súa substitución por bosques de especies foráneas como o eucalipto. Choupos, amieiros, carballos, fieitos, musgos... forman parte desa flora autóctona que conservamos neste parque natural dos profundos vales do Eume.

O home ocupou esta comarca do Eume desde hai moitos séculos, sobre todo as terras máis baixas e achegadas ao mar, como a vila de Pontedeume. No medievo, os señores de Andrade foron a familia que exerceu o seu poderío feudal nas comarcas de As Mariñas, Eume e Ferrolterra. Testemuña histórica deste dominio son a Torre e o Castelo dos Andrade, no concello de Pontedeume. A presenza feudal, e tamén os episodios das revoltas irmandiñas, forman parte da historia da comarca, por iso atopámonos nesta zona con outras fortalezas de interese como os castelos de Moeche e de Naraio.



Pontedeume, a vila cabeceira de comarca, tamén conserva, ademais dun fermoso casco antigo, algúns elementos patrimoniais de interese como a vella ponte e a igrexa de Santiago, na que está a tumba de Fernando de Andrade. Outra igrexa de interese no concello e a fermosa San Miguel de Breamo, vencellada ao un pasado templario. Por outra banda, xa falamos noutrora da grande importancia da presenza do mundo monástico en Galicia desde o medievo. Na comarca do Eume gozamos de dous dos mosteiros sobranceiros de Galicia, como son Caaveiro e Monfero.

As orixes de Caaveiro non están moi claras. Hai textos que sinalan o século X, concretamente unha fundación de san Rosendo no ano 936. Nun principio pertenceu a regra dos bieitos e no século XIII pasou á orde dos Agostiños. Neste espectacular mosteiro, no corazón das fragas do Eume, conserváronse durante séculos as reliquias de san Rosendo, levadas cando é abandonado a Compostela. Dentro do conxunto destaca a igrexa románica do século XII. A portada da igrexa ten unha dobre arquivolta e no tímpano a representación do Agnus Dei.

O mosteiro de Monfero foi fundado no século XII e incorporado á regra bieita do Cister, aínda que as súas orixes estarían nun centro anterior, destruído, do século X. Chegou a ser un dos centros monásticos máis importantes de Galicia. No século XVII muda de pel e reconstrúese seguindo a linguaxe artística barroca. Foi abandonado no século XIX coa desamortización. Na actualidade está a ser restaurado.

SAN ANDRÉS DE TEIXIDO E ORTEGAL

Andando cara o norte, alí onde Atlántico e Cantábrico danse a man con furia, atopamos unha terra cunha das paisaxes máis belas e singulares de Galicia. Partindo de San Andrés de Teixido ata Estaca de Bares, podemos gozar dalgúns dos cantís máis fondos e fermosos de Europa. Enormes farallóns onde ronseis de fresca escuma cobren os penedos, lugares onde podemos sentir coa vista, co ouvido, co tacto e co olfacto toda a forza do océano. Tamén podemos notar esa forza do mar co gusto, se se nos permite probar nos pequenos portos ao abeiro dos abrigos naturais destas costas algunhas das exquisitas especies de peixe e molusco que nel se capturan.


No Concello de Cedeira atopámonos con San Andrés de Teixido.

Conta a lenda que Xesús atopou a Santo André moi triste, e preguntoulle por que se atopaba así. Santo André respondeu  que o motivo de tal tristura era por que ao seu santuario non ía ninguén, mentres que ao de Santiago ían milleiros de persoas. Xesús dixo, non te preocupes, que a partir de agora ha visitalo todo o mundo, pois quen non vaia en vida terá que ir de morto. De aí ven a frase: San Andrés de Teixido, “vai de morto quen non foi de vivo”. Disque os animais que un se atopa polo camiño deben ser moi respectados, pois carrexan as almas de todos aqueles que en vida non foron ao santuario.

A romaxe a San Andrés de Teixido conta con moitos séculos de tradición, xa que aparece nas fontes históricas desde o medievo. O santuario ten orixe nun antigo mosteiro gótico, sendo reformado en varias ocasións ao longo deste tempo. En 1970 encontráronse restos de pinturas murais que narran o martirio de Santo André. A visita dos romeiros ao santuario esixe o cumprimento dunha serie de ritos, como tirar unha pedra nos milladoiros, beber da fonte dos tres canos, tirar un anaco de pan ao mar, coller a herba de namorar, mercar un “sanandresiño” de pan e recoller o ramo do Santo André.

Outra celebración de interese etnográfico que ten lugar nesta comarca é o Curro da Capelada, unha das rapas das bestas máis importantes do calendario galego. Non lonxe do santuario podemos gozar cos cantís de Vixía de Herbeira, que se erguen 620 metros por riba do nivel do mar, sendo considerados os máis altos de Europa. Desde a Garita de Herbeira, Cabo Ortegal, Semáforo de Bares, A Coriscada... gozamos dalgunhas  das vistas máis espectaculares da nosa terra, que abranguen as serras da Capelada á Faladoira e os cabos de Ortegal e de Estaca de Bares.

No tocante ao núcleos de poboación, a cabeceira da comarca é a vila de Santa Marta de Ortigueira, de orixe medieval, no que descaca o antigo convento de Santo Domingo. A alameda, o teatro da beneficencia ou o cinema Fojo son exemplos do crecemento da vila desde o século XIX e da asunción por parte da poboación de costumes vilegas. Hoxe en día Ortigueira acadou moita sona debido ao seu festival folk, de carácter internacional, e que acolle todos os veráns a milleiros de persoas que veñen á comarca de Ortegal a escoitar aos mellores gaiteiros e bandas de  música celta do panorama internacional.

Unha das paraxes especialmente singulares desta comarca, que describimos de oeste a este, é a Ría do Barqueiro, cos seus fermosos núcleos mariñeiros do Barqueiro e de Bares, que serven de refuxios naturais para a actividade pesqueira, tan importante para a economía da zona.


A EMIGRACIÓN DO NORTE DE GALICIA

A historia destas comarcas do norte de Galicia, sobre todo das terras de Ortegal e de toda a Mariña luguesa, ven marcada polo enorme peso que tivo aquí o fenómeno migratorio. Ao igual que acontece con Asturias, foi unha emigración que comezou moi cedo, desde a segunda metade do século XIX, e que tivo como principal punto de destino a illa de Cuba no Caribe. Unha migración que nun primeiro momento foi moi dura pero que co paso do tempo foi asentándose  en América, asociándose, acadando postos de relevancia naquelas terras, alá onde había oportunidades de prosperar, e ademais provocando que agromase un sentimento se pertenza á terra que favoreceu moito o xurdimento dunha forte identidade colectiva galega.

Testemuña do triunfo dos “americanos” son os centos de casas de indiano que existen nas parroquias de Ortegal  e  a Mariña. Vivendas particulares e tamén escolas e lugares de beneficencia, testemuña do altruísmo e da importancia que aqueles homes lle daban á formación, e tamén símbolos exteriores do éxito acadado na aventura americana. Casas construídas ao estilo americano (que á súa vez fóra importado de Europa), cunha arquitectura sen raigame galega, cun estilo que ven imitar ás vivendas de luxo que aqueles emigrantes coñeceran nas terras americanas. Algúns puristas consideraron estas vivendas unha deturpación da arquitectura tradicional galega. Outros consideramos que son testemuña dunha parte moi importante da nosa historia e que, lonxe de conformar unha deturpación,  forman parte fundamental da paisaxe arquitectónica do norte de Galicia.

En Ortigueira, por exemplo, foron máis de 10.000 os emigrantes que marcharon entre finais do século XIX e o século XX. Houbo máis de dezaseis colectivos de emigrantes da comarca. Camiños, lavadoiros, escolas e igrexas foron financiadas con cartos da emigración. A Asociación de Naturais de Ortigueira na Habana chegou a contar con máis de 20.000 socios.

A MARIÑA



A parte setentrional da provincia de Lugo divídese en tres comarcas: Mariña occidental, Mariña central e Mariña oriental, aínda que desde o punto de vista xeográfico e humano distinguimos mellor a Mariña costeira da mariña interior. A respectivas capitais son as vilas de Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo, contando con outras vilas grandes como Foz e Burela. A costa da Mariña alterna algunha das rías altas máis extensas, grandes praias e tramos de cantís. No interior as diferentes serras conforman unha paisaxe moito máis sinuosa que a do centro e do sur da provincia de Lugo.

A historia da Mariña abrangue unha serie de episodios de interese. No alto medievo prodúcese a  presenza de migracións celtas, en concreto dun grupo de monxes irlandeses, do que se derivan topónimos como o de Bretoña, lugar que fora sé bispal antes de Mondoñedo.  A comarca tamén viviu con intensidade as guerras irmandiñas e a decapitación do Mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo,  símbolo do fin dunha etapa e o principio doutra dentro da historia de Galicia.


Desde o punto de vista económico, nestas comarcas situáronse algunhas iniciativas industriais pioneiras en Galicia. Especialmente importante foi o caso da siderurxia de Sargadelos, en Cervo. A finais do século XVIII, Raimundo Ibáñez,  Marqués de Sargaldelos fomentou a implantación dunha fábrica de fundición moderna do estilo das que estaban agromando no occidente europeo, con altos fornos. Alí fabricáronse olas, potes, lingotes, municións, etc. A oposición local e as guerras napoleónicas frustraron aquela iniciativa industrial galega, precisamente nun país no que sempre escasearon este tipo de promocións industriais. Sargadelos foi despois, durante todo o século XIX, unha importante fábrica de louzas que exportou a súa produción –de estilo e técnicas inglesas-  por toda a Península Ibérica.

Na mariña tamén se asentou unha potente industria relacionada co mar, tanto coa pesca como co tránsito de mercadorías, como as salgadoras de O Vicedo e San Cibrao, os portos de Celeiro, Foz e Burela, as minas de ferro da Silvarosa en Viveiro, ou a industria baleeira de Xove, por exemplo.  Hoxe en día iniciativas como a flota do bonito de Burela ou a fábrica de transformación de alumino de Xove, conforman a herdanza desta tradición industrial mariñá.

Estas iniciativas económicas non impediron, porén, que a Mariña, como quedou dito máis arriba, fora unha das comarcas onde o fenómeno migratorio foi máis intenso e máis extenso no tempo. Migración americana desde finais do XIX, migración europea desde a segunda metade do XX, e migración interna cara as cidades de Lugo e a Coruña.

O patrimonio natural das comarcas mariñás conforma un dos principais engados do norte de Galicia. Destacamos como un dos puntos de especial interese a praia das catedrais en Ribadeo, considerada unha das máis fermosas do norte de España polas súas formas rochosas.  Tamén o Souto da Retorta cos eucaliptos de Chavín, algúns deles de máis  50 m de altura. Outro espazo de relevancia natural e o contorno da ría de Ribadeo e o val do río Eo, e a parte norte dos Ancares. As fragas de Carballido, terra que foi de ferreiros, con restos de muíños e ferrerías tradicionais de gran valor etnográfico, con especial relevancia da Fraga das Reigadas. As costas da mariña occidental, coas súas grandes e fermosas praias e cantís. A ría de Foz e o río Masma, que conforma unha fermosa paisaxe de ribeira O río Landro, a serra do Xistral, a Cova do rei Cintolo, o Cadramón e unha morea máis de lugares de gran interese natural.

As vilas e terras da Mariña contan cun importante patrimonio artístico e monumental, con exemplos de arquitecturas de épocas e estilos moi variados. A cultura castrexa aparece representada nestas comarcas, co sobranceiro castro de Fazouro (Foz). Dentro da arquitectura civil destacamos fortalezas como torre de Pardo de Cela no Castelo de Alfoz (Alfoz).

Na vila de Mondoñedo temos a catedral, do século XIII. Tamén o santuario dos Remedios de estilo barroco. Todo o casco histórico é fermoso e monumental. Destacamos o consistorio e a fonte vella ou fonte de Cunqueiro, o barrio dos Muíños, o pazo bispal, a alameda e o seminario de Santa Catarina.

A vila de Viveiro é unha das máis ricas en patrimonio de todo o norte de Galicia.  A antiga muralla que protexía a cidade desapareceu, máis aínda quedan como testemuña do seu pasado a Porta de Carlos V, a Porta da Vila e a Porta do Valado. No seu fermoso casco histórico, cheo de casas señoriais con galerías, destacamos a casa dos Leóns, o Teatro Pastor Díaz e o edificio do conservatorio, que antigamente fora un hotel. A Arquitectura relixiosa de Viveiro ven marcada por tres importantes recintos: a igrexa de Santa María do Campo, o Mosteiro das Concepcionistas e o Convento de San Francisco. Outros puntos de interese do concellos son a Ponte da Misericordia e o Pazo da Trave, en Galdo.

En Foz temos a antiga sé bispal coñecida co nome de San Martiño de Mondoñedo, un dos edificios máis potentes do románico galego, e unha das catedrais máis antigas que se conservan na península. Conta esta igrexa cun fermoso retablo pétreo e cuns característicos contrafortes que a converten nunha construción singular.

En Vilanova de Lourenzá temos o Mosteiro de San Salvador, coa Igrexa de Santa María, que agocha unha das fachadas barrocas máis fermosas de Galicia, obra de Fernando Casas e Novoa, e un interesante retablo renacentista.

Outros elementos sobranceiros do patrimonio eclesiástico da Mariña son a igrexa de Santa María de Conforto (A Pontenova), a igrexa de Santa María do Campo (Ribadeo) e a igrexa de Santa Filomena (O Valadouro). Como conxuntos etnográficos destacamos os Fornos de Vilaoudriz (A Pontenova) e a  ferrería de Bogo situada na Fraga de Reigadas (A Pontenova). Tamén resultan interesante toda a arquitectura indiana dos concellos de Viveiro, Ourol, Barreiros e Ribadeo, en especial a Casa dos Moreno.

E para concluír este percorrido polo patrimonio artísitico das Maríñas citamos, como elementos ligados á cultura mariñeira,  o Porto de Rinlo (Ribadeo) e a antiga Baleeira de Morás (Xove).

Entre os mariñáns que acadaron máis sona destacamos aos escritores nacidos en Mondoñedo, como Leiras Pulpeiro, Álvaro Cunqueiro, Noriega Varela ou Iglesia Alvariño -de Abadín-. Tamén a artista Maruja Mallo, nacida en Viveiro; desta vila destacamos tamén ao escritor romántico Nicomedes Pastor Díaz , ao galeguista Antón Vilar Ponte, e ao histórico Gómez Pérez das Mariñas, que viviu no século XVI e que foi gobernador das illas Filipinas. Outros Mariñáns ilustres no eido da cultura son a escritora ribadense Luz Pozo e o compositor Pascual Veiga de Mondoñedo.

Ademais, na Mariña podemos visitar algúns interesantes museos como o Museo Provincial do Mar en San Cibrao, o Barco Museo en Burela, o Museo Histórico de Sargadelos o Museo Catedralicio de Mondoñedo, o Museo de Arte Sacra de Lourenzá e a Finca Galea. Museo da auga en Alfoz, conxunto etnográfico relacionado co aproveitamento dos recursos hídricos.

Tamén é A Mariña unha terra moi rica en festas e tradicións populares. Unha das Semanas Santas de maior relevancia de Galicia celébrase en Viveiro. A tradición remóntase ao século XIII, cando ten lugar a presenza franciscana na vila. De carácter moi diferente é a romaría do val do naseiro, cinco días de convivio e troula nas casetas do campo do Naseiro, á beira do río Landro. Esta festa tamén é coñecida como a “Romería do bo Xantar” pois cada día que dura a festa está dedicado á exaltación de produtos tradicionais da nosa gastronomía, como a empanada ou o polbo.

En Mondoñedo celébranse as San Lucas, tamén coñecidas como "As quendas". A súa orixe atopámola na feira medieval que se celebraba na vila. Hoxe en día contan cun alto grao de participación das xentes de toda a provincia.

Para rematar a clase, e como festa moi fermosa e singular, destacamos a Maruxaina, en San Cibrao. Velaquí a súa lenda, que ten todo o sentido do mundo nunha das costas máis perigosas para a navegación da Europa Occidental:



Desde tempos inmemoriais vive nos illotes Farallóns, da fronte de San Cibrao, unha serea chamada a Maruxaina. Este ninfa dos mares, vive dentro dunha cova da illa, chamada Xan Vello, e dedica o seu tempo a fías e a ollar o vir e devir dos mariñeiros da comarca. Cando ela sinte que vai vir mal tempo, sobe ao alto do farallón e avisa aos mariñeiros tocando cunha buguina, ou ben enviando a unhas aves chamadas maruxainas que avisan do temporal que se aproxima. Precisamente os mariñeiros da zona non se poñen de acordo coa función que cumpre, pois mentres uns di que avisa dos temporais, outros din que o que fai é seducilos e enganalos para que embarranquen. Así, os segundos entenden que os seus sons son un mal augurio que anuncia traxedia na mar. Unha bruxa anciá de cabelos louros para os defensores, unha nereida nova, que engana aos homes a os atrae aos seus mundos submarinos, porque está celosa das mulleres dos mariñeiros, para outros. Malia antigüidade da lenda, as festas na súa honra son de recente implantación. Nelas  xúlgase á Maruxaina. A vila divídese en dous, os que defenden á Maruxaina e os que a atacan. E así pasan a troula, con xuizo,queimada e festa que dura toda a madrugada. 


VÍDEOS






1 comentario:

  1. Lugares fermosísimos os da comarca. Preciosa foto do rio, do mosteiro... ¡E xa non diagmos a dos aguillóns do Cabo Ortegal!
    Eu estiven na pasada primaveira no Ortegal e conseguín unhas fotos ca flor do toxo no primeiro plano que hasta parecen cheirar.

    Grazas por compartir.

    ResponderEliminar