Viaxando por Galicia do occidente cara o leste atopamos unha serie de conxuntos de elevacións que, de norte a sur, dividen o país en dúas metades. Este sistema, coñecido como dorsal central, inflúe nas condicións microclimáticas das comarcas galegas. Este conxunto de elevacións rematan, no norte, xusto á beira do mar, conformando algúns dos acantilados máis altos e fermosos das costas europeas, entre Bares e Ortegal. As serras da Faladoira e de Xistral no norte, a Serra da Loba e a Serra da Cova da Serpe que protexen a chaira luguesa, a Serra de Faro que cruza as terras do Deza, os Montes do Testeiro e a Serra de Suído na Terra de Montes, e a serra do Xurés na baixa Limia conforman este conxunto de elevacións que se caracterizan por ser lenes, baixas, húmidas e frescas, e que se amosan incapaces de deter o avance das frontes atlánticas cara as provincias de Lugo e Ourense.

Nestas elevacións centrais o home viviu e conviviu sen problemas, favorecido pola existencia de vizosos vales e abas pouco fondas propicios para o asentamento de comunidades humanas. Castros, castelos, ermidas e santuarios foron construídos nos cumios destas serras durante séculos, evidenciando as diferentes etapas e sociedades da historia de Galicia.
Como comentabamos con anterioridade, cara o leste do país atopámonos cunha paisaxe de montaña máis acusada, con elevacións que superan en ocasións os 2.000 metros de altitude, como é o caso de Pena Trevinca, punto máis alto da nosa xeografía. Ao norte, a Serra de Meira é a máis baixa destas elevacións, comunicando Galicia con Asturias a través da vesdescende comarca do Eo e de Oscos. Alí mesmo nace o Miño, pai da xeografía galega. Máis ao sur da provincia de Lugo temos os Ancares e o Courel, que xunto coa serra do Eixe e o macizo Central na provincia de Ourense conforman a máis orixinal paisaxe de montaña da nosa terra. Precisamente por isto, centrámonos hoxe nesta clase nos Ancares e no Courel.

Ao longo do tempo, e a pesar da hostilidade do clima de montaña e das dificultades nas comunicacións, as diferentes sociedades foron establecéndose na montaña por diferentes razóns. Estes asentamentos humanos reflíctense no patrimonio histórico creado polos nosos antergos e que hoxe en día conservamos. Algo ten a montaña, un certo atractivo para as comunidade humanas, unha certa sensación de seguridade, acompañado polos medios suficientes para a supervivencia. Esto provoca que desde a prehistoria os montes galegos, máis cara o cumio ou máis na base, estivesen poboados. Nos últimos anos, moitos dos traballos arqueolóxicos que estudan as primeira ocupación humana en Galicia estanse a centrar nesta área xeográfica. Sábese, grazas as testemuñas arqueolóxicas que se están a atopar nestes anos, que hai máis de dez mil anos os grupos de cazadores recadadores xa ocupaban estas comarcas do Courel e dos Ancares. O mesmo sucedeu, andando moito no tempo, coas poboacións megalíticas e castrexas, cuxo legado arqueolóxico conservamos hoxe en día en lugares como Santa María do Castro, en Cervantes.
Os romanos tamén deixaron a súa pegada na montaña galega. O seu interese era abrir vías de comunicación cos outros territorios e provincias da Hispania; como sucede co túnel de Montefurado no Courel, obra de infraestrutura mineira, que fica como paradigma da capacidade humana para crear infraestructuras que superen as barreiras xeográficas. As obras de enxeñería romanas nas montañas galegas, con case dous mil anos de antigüidade, son unha boa mostra e de que o abandono e illamento que sufriu a montaña galega non foi debido exclusivamente ás dificultades técnicas, senón máis ben ao desleixo dos diferentes poderes e autoridades ao longo do tempo.

No medievo, sobre todo nos últimos séculos, Galicia inzouse de castelos e fortalezas, símbolos do poder feudal e tamén centro de operacións daquelas pillaxes que desembocaron nas revoltas irmandiñas. Na montaña luguesa temos algunhas mostras destas arquitecturas, edificadas, como é lóxico, en lugares de difícil acceso na procura de seguridade. En Navia de Suarna (castelo pertencente aos Altamira), en As Nogais (Torre de Doncos) e en Cervantes (Castelo de Doiras) temos exemplos destas fortalezas medievais que ao final non resultaron tan difíciles de derrubar como semellaban. Porén, se conservamos algo valioso desta paisaxe de montaña, á marxe d e igrexas, castelos edificios senlleiros, é o patrimonio etnográfico que nos ensina como viviron as comunidades galegas de montaña, formadas por familias de labregos, naquel illamento xeográficos ata hai poucas décadas.
A casa é a base da sociedade rural tradicional galega, organizada en base a familias extensas que incluían a pais, avós, irmáns, sobriños, etc. Nos Ancares temos un tipo de construcción única: as pallozas. Estas presentan unha tipoloxía diferente, propia e diferenciada, cun alto valor etnolóxico. Ollando unha palloza e un castro, vemos como as similitudes no tipo de vivenda son extraordinarias. Así, chegamos a comprender como a orixe da palloza está nas sociedades castrexas, e podemos valorar que aquel tipo de vivenda tivo un deseño tan efectivo na adaptación ao medio, que sobreviviu no tempomáis de dous mil anos.


Ademais da pallozas, nos Ancares e no Courel proliferaron os pequenos grupos de aldeas, moitas delas illadas, onde viviron e aínda viven comunidades de labregos adaptados á dura vida de montaña. Son pequenos núcleos de casas con teitos e muros de xisto, practicamente penduradas das abas dos altos montes lugueses. Moitos deles ficaron abandonados e só uns poucos están sendo recuperados como centros turísticos onde conservamos moi bos exemplos da nosa arquitectura tradicional.

A xente da montaña foi modelando unha idiosincrasia especial. O illamento, o atraso económico, a miseria, a enfermidade, a economía de subsistencia, as arelas duns dereitos básicos dos que carecían acompañaron a unhas familias que aínda nos anos sesenta vivían case na idade media. Con todo, a vida na montaña era ben sinxela. A gandería e a leira eran os núcleos da actividade económica. As feiras de Navia ou de Becerreá daban saída a súa pequena producción agrícola, e lles facilitaba facerse con aquelas cousas necesarias das que carecían na montaña. Chegar a estas feiras cos productos a vender e os animais, igual que ir a facer un trámite ou ao médico, era unha auténtica odisea que necesitaba dunha grande planificación. Os nenos dedicábanse a traballar no pastoreo por tempadas, quedando a durmir soíños na montaña durante semanas na primavera, e as escolas, ademais, pechaban todo o inverno. A dura vida da montaña creou uns lazos de solidariedade moi fortes nestas comunidades, a axuda mutua era fundamental para sobrevivir nunha sociedade que no se podía permitir o luxo de alimentar ciumes, xenreiras e envexas cara a un próximo do que decote dependías.

«Pola rota da feira marcha en fila un grupo de ancareses portando pesadas cargas. Non senten vértixe cando camiñan indiferentes á beira de profundos precipicios, moi abundantes no tramo da Degrada. Xunto deles vai inquedo, arquexante, un can de res, fiel amigo do home, adulterado por mil cruzamentos. e van tamén, paso a modiño, varios xatos que os montañeses levan a vender á feira.
A partir de Os carballiños a pista ponse pina ata o porto. OS pasos lisos cóntanse cos dedos dunha man. Diante van os homes: charlan e fuman; detrás as mulleres: saias e medias negras; xersei, mandil e pano negro; paraugas negro carbón. Detrás van refogando as mulleres, deténdose ás veces debido ao esforzo que esixe a subida pola dura pendente.
- Esperade! Un alento! –grita unha delas
O grupo detense un momento, pero reinicia axiña a marcha xa que hai que chegar puntual á parada do autobús
Alborece.... As oito da mañá debe estar o vehículo en Degrada (...)»
ENRIQUE DE ARCE; OS ANCARES, A SERRA ESQUENCIDA(p.22)

ENCONTRAR no Cebreiro a atrancada:
neve folga no tourón basada.
De polvoriña e xistra rexeitado
á Faba i a Lagúa a arrecadadas.
Esbarar ó Valcarcel en irado
a favor das barras aguzadas.
Repetidas súpetas petadas
entre piornos tornos xestas
hastra o val das augas batanadas.
Das Ferrerías á Veiga i Ambasmestas.
Volver por Vilafranca á empinada
por Corullón e Oencia/por Vilarrubín
a Ferramulín/pasados Vilarrubín
Ferramulín Horreos pechado/
hastra a Boca do Couto i a Parada.
Por Savane á Pedra nova remontada
cruzando o Courel de lado a lado.
E por Lóuzara/Padrocelos de Martín
trovador/hastra Samos. Retomado
o Camiño tra-la corta rodeada.
neve folga no tourón basada.
De polvoriña e xistra rexeitado
á Faba i a Lagúa a arrecadadas.
Esbarar ó Valcarcel en irado
a favor das barras aguzadas.
Repetidas súpetas petadas
entre piornos tornos xestas
hastra o val das augas batanadas.
Das Ferrerías á Veiga i Ambasmestas.
Volver por Vilafranca á empinada
por Corullón e Oencia/por Vilarrubín
a Ferramulín/pasados Vilarrubín
Ferramulín Horreos pechado/
hastra a Boca do Couto i a Parada.
Por Savane á Pedra nova remontada
cruzando o Courel de lado a lado.
E por Lóuzara/Padrocelos de Martín
trovador/hastra Samos. Retomado
o Camiño tra-la corta rodeada.
UXÍO NOVONEYRA, Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas
No hay comentarios:
Publicar un comentario