Páginas

23.11.10

A REAL ACADEMIA GALEGA: A FORZA DA PALABRA

A Real Academia Galega é unha institución que ten a importantísima, fundamental, decisiva función de protexer e promover a lingua, a literatura e a cultura galegas. Unha entidade xa centenaria, cunha traxectoria histórica e un prestixio intelectual fóra de toda dúbida.  Nos seus estatutos defínese da seguinte maneira: A Real Academia Galega é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego. Imos coñecer nesta clase a traxectoria histórica desta ilustre institución galega.

O nacemento da Real Academia Galega en 1906 é froito dun longo proceso e dun intenso traballo dun grupo de intelectuais que loitaron para cumprir a arela de ter en Galicia unha institución e unha casa para a nosa lingua.

A creación da Academia insírese nun contexto de reivindicación nacional de Galicia, que comezara décadas atrás, e que ten como data simbólica o ano de 1846, ano no que se produce a revolución liberal frustrada e a execución daqueles pioneiros na defensa da identidade galega que pasaron á posteridade como Os mártires de Carral. Nestes 60 anos que van desde este feito ata a creación da Academia en 1906, prodúcense as primeiras etapas da evolución do galeguismo, atravesando as fases iniciais do provincialismo e do rexionalismo.

O galeguismo vaise desenvolver, no eido cultural, dentro da corrente do romanticismo que percorre Europa, movemento que fai explícita reivindicación das diferentes culturas nacionais. Entramos nesta altura na confrontación da Europa das nacións coa Europa dos imperios. Neste contexto asistimos ao Rexurdimento en Galicia, que conta cunha data fundacional simbólica, o feliz día no que saíu do prelo o Cantares gallegos de Rosalía de Castro, o 17 de maio de 1863, aínda que con anterioridade xa se produciran feitos que anunciaban o proceso como o certame literario coñecido como os Xogos Florais, na Coruña, ou o Banquete de Conxo.

A literatura -sobre todo a poesía- e a historia son as disciplinas que están á vangarda deste renacemento da nosa cultura, que vai abranguer todos os eidos culturais:  a música, a arte, a cultura popular, as artes escénicas...  Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Rosalía de Castro serán os precursores, as figuras emblemáticas que inaugurarán unha etapa de grande esplendor nas nosas letras. Neste contexto, era preciso tamén reescribir o pasado galego con letras maiúsculas, situando a nosa terra como protagonista da súa propia historia, e non como unha rexión periférica dun suposto pasado glorioso hispano. Benito Vicetto e Manuel Murguía vanse encargar desta tarefa. O celtismo e a raza, mais tamén o medio xeográfico, os feitos históricos, a lingua e a cultura, serán os elementos diferenciais que converten a Galicia, nos ollos dos historiadores do XIX,  nun suxeito histórico único e diferenciado.

O galeguismo tamén vai ter reflexo na política da época, sobre todo a partir da Revolución de 1868, a través de figuras que van destacar dentro do rexionalismo, como Alfredo Brañas, Lugrís Freire e o propio Manuel Murguía, conformando un movemento político que ten como leit motiv  a existencia de Galicia como suxeito histórico e político dentro do Estado. Ademais efectuará outras reivindicacións de carácter máis pragmático, e que achegan o movemento do mundo urbano ao campo e as capas populares, como é o Agrarismo. Este foi o xermolo do nacionalismo galego, que na segunda década do XX subiría un chanzo máis co nacemento das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, que suporán o paso definitivo do movemento galeguista cara ao nacionalismo.

Ante todo este bulir de ideas, de iniciativas, e de grandes avances dentro do galeguismo, xurde a necesidade de contarmos en Galicia cunha Academia que servira como protectora e dinamizadora da lingua, da literatura e da cultura galega en xeral. Unha casa para a nosa cultura, que axudara a afondar na recuperación dunha tradición literaria que aletargara durante séculos e que naquela altura abrollaba por todo o país.

O proceso da creación da Academia estivo inzado de dificultades. Non houbo en Galicia unha burguesía urbana –feble en todos os sentidos- que aportase os azos que a iniciativa precisaba. Así pois, a Academia debía ser fundada sen a axuda económica e política das elites galegas. O grupo de intelectuais iniciadores da Academia na Coruña, os Murguía, Lugrís Freire,  Andrés Martínez Salazar, Uxío Carré, Tettamancy,  etc., que se reunían na Libraría Rexional de Carré Aldao, na rúa Rego de Auga da Coruña, van atopar este apoio nas sociedades galegas da Habana, cidade onde existía unha potente e vizosa comunidade de emigrantes cunha gran tradición asociativa, asistencial, recreativa e cultural. Na Habana se publicaron os primeiros periódicos en galego, alí foi onde soou o himno galego por vez primeira, e incluso  ondeou a bandeira galega antes que en ningunha das nosas vilas. O paradigma deste movemento asociativo de raigame galega e galeguista foi  o grande Centro Galego da Habana, que contou cun dos predios máis espectaculares da capital cubana.

As dúas figuras impulsoras da Sociedade Protectora da Academia Galega van ser Manuel Curros Enríquez e José Fontenla Leal. Eles van organizar toda a axuda que o grupo de Murguía precisaba para a creación da institución. Esta sociedade aporta, por exemplo, un envío de 350 pesetas ao mes. A Academia aínda conserva hoxe en día aqueles cheques enviados desde La Habana e outros máis que empezan a chegar desde Bos Aires, e que permitiron acadar un mínimo orzamento para por en marcha a institución na Coruña. En 1905 preséntanse os estatutos da Academia no Goberno Civil para a súa aprobación. A solemne sesión fundacional ten lugar o 30 de setembro de 1906 na Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da cidade herculina. 

A primeira etapa da institución (1906-1923) abrangue desde a fundación ata a morte do seu primeiro presidente, Manuel Murguía, figura senlleira da nosa cultura, cuxa forte personalidade vai marcar todo este período. Una das primeiras decisións foi a escolma dos corenta académicos de número que van formar parte da institución, proceso que debeu ser polémico a xulgar polas fontes que temos daquela época. A tarefa principal da Academia vai ser, desde o seu nacemento, a protección da lingua e da literatura, e a fixación dunha norma, e como consecuencia deste obxectivo, a publicación dun diccionario e dunha gramática, inicativas que foron realizándose de vagar, e saíndo do prelo por fascículos. Tamén se publica, desde o primeiro ano de existencia, o Boletín de la Academia Gallega.

Tras a morte de Murguía, a institución continuaría a súa traxectoria coas presidencias de Martínez Salazar, Francisco Ponte, Eladio Rodríguez e Manuel Lugrís Freire, nunha segunda etapa que chegaría ata o golpe de estado do 36, e que viría marcada polo desenvolvemento do nacionalismo en Galicia, feito que influiría na Academia, acusada desde as Irmandades da Fala de falta de compromiso. Nesta altura prodúcese tamén o  nacemento dunha segunda institución cultural en Galicia, o Seminario de Estudos Galegos.  A entrada como académicos dalgunhas das grandes figuras das nosas letras como Castelao, e de personaxes vencellados ao movemento nacionalista como Antón Vilar Ponte, daríanlle un novo pulo á institución, sobre todo tras a chegada á presidencia, na época da II República, dun histórico do galeguismo como foi Lugrís Freire.

O golpe de estado, a guerra civil, a longuísima dictadura fascista do xeneral Franco e a durísima represión contra o movemento galeguista van a afectar fondamente á Academia, que languidecerá durante décadas na espera de «mellores tempos e labores», como ben indicou Antón Avilés de Taramancos. Desta longa noite de pedra destacamos dous feitos: o traslado definitivo ao predio da rúa Tabernas do casco vello coruñés, e a instauración do Día das letras galegas no centenario da mítica publicación dos Cantares Gallegos da nosa Rosalía. A iniciativa, co paso do tempo, sería fundamental na reivindicación da cultura galega a través das súas figuras sobranceiras.

Coa chegada da democracia, a Real Academia Galega vai normalizando a súa situación. Durante a longa presidencia de Domingo García Sabell (1977-1997) a Academia vai traballar xunto co Instituto da Lingua Galega (USC) na fixación das normas do galego, no tocante á morfoloxía, lexicografía e gramática, e na promoción das nosas letras e cultura. Na Lei de Normalización Lingüística de Galicia de 1983, recoñecerase o papel da Academia, que ademais será nomeado no Estatuto de Autonomía como órgano consultivo. A pesar do seu cativo orzamento e precariedade material, a Academia organizará diversos congresos sobre a lingua galega, e promoverá a realización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, radiografía minuciosa do estado da lingua propia no país.

A chegada á presidencia de Francisco Fernández del Riego supón unha apertura da institución á sociedade, coa incorporación de novos académicos de prestixio, entre que destacamos a presencia de mulleres, cuxo papel ao longo da historia da academia fora máis ben escaso, a pesar da merecida mitificación de Rosalía de Castro que se fixo desde a Academia. Nestes últimos anos incorpóranse á institución a poeta Luz Pozo, a escritora Xohana Torres, a historiadora e arquiveira Olga Gallego (finada recentemente), a cineasta Margarida Ledo e a filóloga Rosario Álvarez, que recollen a testemuña deixada por ilustres intelectuais galegas como Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato ou Sofía Casanova, entre outras.

Coa chegada do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, a Academia organizou o abondoso material que fora atesourando nos seus máis de cen anos de existencia, e mellorando a sé da rúa Tabernas –aínda hoxe en día con numerosas deficiencias- . Con Barreiro celebrouse o Centenario da Real Academia Galega en 2006, que foi ben aproveitado para afondar aínda máis na proxección pública dunha entidade que procura nestes últimos tempos achegarse máis ao pobo. Ademais das homenaxes públicas, foi dun grandísimo interese a exposición Galicia. A forza da palabra, celebrada na Fundación Caixa Galicia. Alí puidemos ver por vez primeira algunhas das alfaias que conserva a Academia, e moitas outras pezas que forman parte do legado material e do acervo espiritual da cultura galega. Moitos foron os galegos que, visitando a mostra, descubriron que a Real Academia Galega, ademais de traballar a prol da lingua e da cultura desde hai máis de cen anos, é tamén unha gran cámara dos tesouros, na que os galegos temos depositadas auténticas xoias como os manuscritos de Pondal, de Curros, de Rosalía... Como a bandeira que envolveu o cadaleito de Castelao. Como as partituras de Pascual Veiga. Como a primeira edición de Los precursores de Murguía. Como os exemplares orixinais de A nosa Terra. Como o sombreiro co que Murguía disimulaba a súa cativa estatura; e moitas máis pezas marabillosas que conforman un patrimonio de valor incalculable.


Neste último ano, a Real Academia iniciou unha nova andaina tras a elección como presidente dun dos máis prestixiosos escritores en lingua galega da actualidade como é Xosé Luís Méndez Ferrín. O ourensán estase a ocupar tamén da difícil tarefa de prestixiar e defender a lingua dos continuos ataques que está a sufrir nos últimos tempos. Así, a Academia situouse claramente en contra da política lingüística que se está a desenvolver en Galicia por parte do goberno, sobre todo no importante eido educativo. Hoxe en día temos unha Real Academia galega situada na vangarda da defensa da nosa lingua.

 No ano 2010, a Academia dedicou o día das letras galegas a Uxío Novoneyra. No 2011 será a quenda de Lois Pereiro. Non se nos ocorre mellor xeito de rematar esta clase que con dúas pezas destes dous poetas galegos do século XX. Dúas formas moi diferentes de artellar versos, co vencello común de usar a nosa fala, a fermosa lingua galega.



ANDAS as ruas coma se fora a praia
lenelene entras na carta
i escribes diante frores murchas
a fibela do meu traxe sigue tan benfeita


ouh muller para lonxe
pra aquil que tral'o locir d'intres nada pode haber diario


chegas do NORDE
pasas da saga á cantiga levando sola a gran imaxen


soños
vir a tempo


súpeta creba a forcia dos isolados
g r a n d e s
a l t o s
pra cair


UXÍO NOVONEYRA, "ANDAS as ruas coma se fora a praia..."
.......................................................................................................................................................................................
 
  Vendo eses dous ollos latexantes
               cal visión dunha imaxe entresoñada
               no seu peito en perfecta simetría
               cun interno tremor que me fascina
               desexaría entrar nela e refuxiarme
               no seu corpo secreto para sempre
               protexido da morte
               coa súa vida


               féndeme o corpo un húmido arrepío
               e bícame as vértebras con furia
               nun vértigo de dor e de tenrura.


LOIS PEREIRO,   Luz e sombras de amor resucitado (1995): VII.

No hay comentarios:

Publicar un comentario