Páginas

8.2.11

A CORUÑA, UNHA OLLADA A TRAVÉS DO TEMPO

A carón do Atlántico, senlleira nunha península verde de area e granito, bañada polas augas frescas do océano... neste extraordinario paraxe naceu A Coruña. Fermoso lugar que foi habitado, de xeitos moi diferentes, desde hai máis de dous mil anos. Ao longo de todo este tempo, o pasar da historia deixounos decenas de episodios memorables, centos de recantos singulares e personaxes destacados por diferentes motivos.

Na extensión deste texto e desta clase sería imposible tentar abranguer toda a historia e a cultura xurdida na cidade ao longo do tempo. Deterémonos, pois, nalgúns aspectos vencellados á nosa cultura, e que marcaron a historia do noso pobo, centrándonos, como non podía ser doutra forma tendo en conta a temática do curso, nos personaxes, momentos e lugares sobranceiros na historia da cidade.

UNHA ORIXE MÍTICA

Nun curso dedicado á cultura, non debemos nin queremos renunciar á explicar os mitos e as lendas de cada pobo. Malia saírse do historicamente verificable, consideramos que estas historias fantásticas forman parte da bagaxe cultural dos paises, e axudan a explicar a propia idiosincrasia dos mesmos. A Coruña ten unha relación especial coas mitoloxías, feito que se reflicte mesmo no seu escudo.

Da tradición grecorromana herdamos o mito de Hércules e Xerión. O heroe perseguiu ao malvado xigante desde Lisboa ata a península coruñesa, onde ten lugar a loita. Alí mesmo captúrao e dálle morte. Xerión quedou soterrado naquel mesmo lugar, onde se construíu unha torre para conmemorar aqueles feitos. Seu é o cranio representado debaixo da torre no escudo da cidade. Sabemos que a mitoloxía, malia a súa filiación co xénero fantástico, encerra significados que atinxen á vida real. Neste caso, Xerión, o xigante que controlaba rabaños e pastos, representa á sociedade agraria; a figura de Hércules, pola súa banda, fálanos da aristocracia guerreira e da vontade civilizadora de gregos e romanos.

Ademais deste vencello co episodio dos traballos de Hércules. A orixe mítica da cidade da Coruña ten relación co ciclo mitolóxico celta. O Leabhar Ghabhála Érenn, libro das invasións irlandesas, serviu de inspiración aos historiadores e escritores románticos do XIX, como Manuel Murguía ou Pondal, para relacionar Galicia co mundo celta. Segundo conta a lenda,  Brigantia era a cidade fundada no noroeste da Península Ibérica por Breogán, primeiro rei de Galicia e fillo de Brath, o grande conquistador que viu de oriente para tomar estas terras. Breogán mandou construír naquela poboación unha torre (a Torre de Hércules). Un dos seus fillos, chamado Ith, adoitaba subir a aquela torre a ollar cara o mar. Un día de ceo despexado e mar calmo, subido ao máis alto da torre, Ith albiscou  ao lonxe outra terra, e decidiu saír a buscala. Segundo a lenda, ao chegaren ás costas de Irlanda, pois aquela era a terra que vira ao lonxe, atopouse cun país cheo de mel, froita, trigo e peixe. Con todo, Ith non foi ven acollido por aquelas xentes, que o asasinaron e enviaron de volta o seu cadáver cara Brigantia. Foi este o detonante da conquista da illa de Irlanda, a terra dos Tuata De Danann,  polos fillos de Breogán, acaudillados por Mill.

Outra lenda nos fala da existencia na torre dun espello xigante, construído pola descendencia de Hércules que fundara a cidade, con propiedades máxicas, que permitía aos brigantinos descubrir aos seus inimigos a moitas millas de distancia, cando estes chegaban por mar. Temos tamén aqueloutro mito que nos explica fundación da cidade por un tal Brigo, descendente de Túbal, neto do mesmísimo Noé, personaxe bíblico que sobreviviu ao diluvio universal na súa arca. Del derívase o topónimo Brigantium.


Deixando o mito a un lado, os primeiros habitantes de xeito estable e perdurable dos que temos constancia científica foron os castrexos que viviron no Castro de Elviña. Aquelas xentes da cultura castrexa deberon quedar abraiados cando viron chegar polo mar, no ano 62 a.C., á armada de Xulio César, na conquista das terras da Gallaecia, e na procura das illas Cassiterides, cheas de riquezas minerais, acuguladas de estaño e ouro.

Desde a conquista e a construción do mítico faro, romanos e castrexos conviven na bisbarra coruñesa. As villae romanas, a carón do mar, onde estaba o porto de Brigantium. Os castrexos pertencentes á etnia dos ártabros, no outeiro de Elviña, nun castro que viviu o proceso de romanización como moitos outros dentro da cultura castrexa. Hoxe en día conservamos un rico patrimonio arqueolóxico que nos fala daquel pasado partillado entre locais e invasores. O castro, en vías de recuperación, e o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, no Castelo de San Antón, son testemuña destes primeiros poboadores da bisbarra.

A caída do imperio romano provoca unha crise secular do mundo urbano. Os territorios do vello Imperio ruralízanse nos primeiros séculos do medievo, e aquela cidade xurdida na beira oposta ao faro, na península coruñesa, queda practicamente abandonada. Durante centos de anos apenas temos referencia á súa existencia, máis alá dalgúns documentos que nos falan dunha pequena poboación portuaria, chamada precisamente Faro.

A CIDADE MEDIEVAL

Nos séculos centrais da Idade Media rexurde a cidade. Desta volta xa nomeada cos topónimos Crunna, Crunia ou  Curunia (estes son os nomes que aparecen nos documentos dos séculos XII e XIII para designar á cidade,  Corunna ou Coruna non aparecerían ata o século XIV). Un personaxe relevante dentro da historia da cidade vai ser Afonso IX, rei de León e Galicia, quen no ano 1208 outorga á cidade unha carta de privilexio, un texto fundacional da cidade que, segundo a documentación da época, se estaba creando naquela altura, na península onde estaba o faro romano. Este mesmo monarca permitiu a existencia dunha ceca que acuña moeda desde o século XIII ata os tempos de Carlos II.

Nestes séculos do medievo a cidade vaise creando na parte alta da cidade, no núcleo ao que hoxe en día se lle chama cidade vella. A cidade será un centro urbano amurallado coas características dos burgos medievais. Alí vanse asentando comerciantes e xentes que desenvolvían diferentes profesións, como artesáns e pescadores. A Coruña foi unha cidade diferente polo feito de seren de reguengo. O seu señor era o rei, feito que axudou ao desenvolvemento dun Concello forte, formado por cidadáns que defendían os seus asuntos e organizaban o funcionamento da cidade. Este concello tivo que se protexer, en moitas ocasións, dos intentos da nobreza laica e eclesiástica por se apoderar dela.

Vemos como a personalidade histórica da cidade vaise formando desde o medievo, configurándose á Coruña como unha cidade onde as altas xerarquías eclesiásticas e laicas non acadaron o mesmo poder que nas outras cidades galegas.  Ademais, desta etapa medieval, son algúns dos edificios máis destacados do patrimonio artístico da cidade. A igrexa de Santiago, románica, con elementos que datan do século XII, e a Colexiata de Santa María do Campo, chamada así porque na súa orixe estaba fora da muralla, que é do século XIII e na que conviven elementos do románico e do gótico. Foi esta última a edificación relixiosa máis importante durante séculos, nunha cidade que nunca destacou por ter unha institución eclesiástica moi potente.


A traza orixinal da cidade medieval podémola albiscar na cidade vella, na configuración das súas estreitas e tortas rúas, en lugares recollidos como a fermosa praza das Bárbaras, na existencia dun legado xudeu (como a rúa Sinagoga, que aínda hoxe en día existe), ou na presenza das murallas que defenden os xardíns de San Carlos, aínda que están foran modificadas e ampliadas na idade Moderna.

DE MARÍA PITA A CORNIDE. A IDADE MODERNA NA CIDADE

Co solpor do medievo e a chegada dunha nova era, producíronse mudanzas significativas na configuración da cidade. A Coruña vai acoller ás institucións da nova organización administrativa da coroa española. A Real Audiencia, o Gobernador Civil, a Capitanía Xeral e as Xuntas do Reino de Galicia. Desde aquela, e  ata  a aprobación do estatuto de Galicia, xa ben entrado o século XX, a cidade funcionará como capital de facto de Galicia.

Ao núcleo vello da cidade únese agora un novo barrio, a Pescadería, ocupado por artesáns e comerciantes. O desenvolvemento da navegación, tanto no tocante ao comercio coas novas terras descubertas, como á armada, outorga un novo papel ao porto da Coruña, que vai ser, desde o XVI, un dos máis importantes do reino de Castela. Precisamente relacionado coa actividade portuaria, teñen lugar os feitos máis singulares e heroicos da historia da cidade: a defensa das murallas e a resistencia do pobo coruñés, encabezado por María Pita, contra os homes de Drake.

O verán do ano 1588 tivo que ser moi movido para os habitantes da cidade. O 22 de maio arriban na cidade os primeiros buques da que pasou á historia como Armada invencible, dirixida polo pouco experto Duque de Medina-Sidonia. Alí estarían ata o 22 de xullo, cando parten cara o desastre no Canal da Mancha e nas Illas Británicas. No traxecto desde Lisboa as naves da Armada máis poderosa do mundo sufriran xa serios contratempos, tendo que ser reparados nos estaleiros da cidade moitos daqueles navíos. A Coruña quedaba así sinalada como un dos portos estratéxicos para a coroa española, e tamén como obxectivo dos ataques dos ingleses. 

Ao ano seguinte, en maio de 1589, despois do fracaso da armada castelá no Mar do Norte, Sir Francis Drake encabezaba unha expedición de castigo contra a cidade, que toma porto na zona de Oza. Despois de ocupar con facilidade toda a zona da Pescadería, na que os ingleses cometen todo tipo de excesos e abusos, a poboación local refúxiase no recinto amurallado, disposto a resistir os ataques dos invasores ingleses. Homes e mulleres xúntase para facer fronte ao inimigo, todos a unha. Entre a teimuda poboación coruñesa sobresaíu unha moza de orixe humilde e de apenas vinte e nove anos. Aquela rapaza púxose na primeira liña cando as tropas tentaron pasar á cidade pola Porta de Aires, e abateu a un capitán inglés. Aquel acto de heroísmo acendeu ao pobo coruñés, que rexeitou todos os ataques das tropas de Drake, ata que non lles quedou máis remedio que marchar da cidade sen tomala. Aquela muller que se puxera á fronte da cidade foi Mayor Fernández de Cámara y Pita, e pasou á historia como María Pita. Poucas cidades haberá no mundo que  teñan como personaxe senlleiro, pola súa valentía e forza, a unha muller do pobo, actuando nunha etapa onde a gloria estaba reservada para os homes de berce nobre. Hoxe en día é considerada como unha padroa laica da cidade. As festas da cidade son dedicadas á súa honra.

A súa relación da Coruña con Ferrol sempre foi de complementariedade. Na cidade departamental, cuxa ría forma un abrigo natural de carácter estratéxico, situáronse instalacións de grande importancia estratexia desde o punto de vista militar: o Castelo de San Filipe e o Castelo da Palma a finais do XVI, e Arsenal, instalado no século XVIII e que provocou un extraordinario dinamismo na cidade, sendo capital do departamento marítimo. Os castelos da ría ferrolá son contemporáneos no tempo ao coruñés Castelo de San Antón, que resultou fundamental na defensa da cidade en numerosas ocasións. Así, o arco ártabro funcionou como unha unidade militar estratéxica.


A idade moderna consolida o carácter cosmopolita da Coruña, sobre todo en comparación ás demais cidades galegas. Se gran parte do poderío militar pasou a Ferrol, o porto da Coruña dinamizouse co comercio marítimo internacional. Sobre todo cando consegue o privilexio de poder unir as súas rutas con América, en 1764, a través dos Reais Correos Marítimos. No século XVIII a cidade acolle a funcionarios, militares, comerciantes, artesáns e navegantes de moitos lugares diferentes (cataláns, casteláns, franceses, ingleses, irlandeses...)

Un dos personaxes emblemáticos da centuria foi José Cornide, exemplo de como o espírito da ilustración chegou a Galicia por mar, igual que o fixeron moitas ideas avanzadas e modernas a unha terra nomeadamente conservadora como foi sempre Galicia. Cornide é o paradigma de home ilustrado, polo espírito científico que alumeou toda a súa andaina profesional, e pola extraordinaria capacidade amosada para dedicarse con éxito ás máis variadas disciplinas. Nacido en 1734 no seo dunha familia de orixe nobre, estudou humanidades na Universidade de Santiago de Compostela. Despois da súa etapa de formación, Cornide foi un erudito, que sobresaíu en aspectos tan variados como a xeografía, a arquitectura, a economía, as ciencias naturais, a historia, a política ou a poesía. Foi rexedor da cidade da Coruña e de Santiago. Foi deputado nas Xuntas do Reino de Galicia e capitán da Compañía de Milicias na Coruña.  En 1765 fundou a Real Academia de Agricultura de Galicia. Ao longo da súa vida escribiu multitude de traballos sobre a xeografía, a economía e a historia de Galicia, ademais doutras obras e tratados. Viviu tamén en Madrid, onde ingresou na Real Academia da Historia, feito que o recoñecía como un dos principais ilustrados e eruditos da súa época. A cidade da Coruña deberá estarlle sempre agradecida a Cornide, cando colabora na creación do Real Consulado Marítimo e Terrestre de Galicia, no ano 1785. Os cometidos deste organismo eran moi variados, tratando temas relacionados coa economía, a educación e, sobre todo, cos portos.  Esta institución tutelou unha serie de melloras portuarias da Coruña. Froito das súas iniciativas construíuse un novo peirao, reparáronse as aduanas e, por riba de todo, iniciouse a reforma da torre de Hércules, lavaba a cabo polo arquitecto italiano Eutachio Giannini. Cornide, colaborou neste feito, a través do seu rigoroso estudio sobre o vello faro romano.

Desde finais do XVII e durante todo o XVIII, unha nova serie de predios van mudar a cara da cidade. Exemplos do Barroco de influencia compostelá, como en San Domingos ou en San Xurxo, e edificios de inspiración neoclásica, como o predio da Capitanía Xeral, que inclúe un dos primeiros escudos de Galicia presentes nun edificio público na nosa terra.

A CORUÑA LIBERAL

Durante o século XIX a Coruña será escenario dalgúns episodios históricos moi significativos, verá como nacen e actúan nela algúns dos personaxes sobranceiros da época na política e na cultura, e sufrirá numerosas mudanzas na súa fisionomía e na súa composición social.

Unha nova era da cidade comeza cando foi escenario da confrontación entre franceses e ingleses, no contexto das guerras napoleónicas na cidade. A  Batalla de Elviña é un deses episodios bélicos que marcan a historia dunha cidade. O seu ambiguo resultado, a doce derrota inglesa que consegue embarcar na cidade con danos mínimos nas súas tropas, e o heroísmo do capitán Sir John Moore, cuxos restos descansan hoxe en día nos Xardíns de San Carlos, forman parte do legado desta batalla. Así lle cantou Rosalía a aquel heroe chegado desde Escocia para morrer na Coruña:

«¡Cuan lonxe, cánto, das escuras niebras,  
 dos verdes pinos, das ferventes olas  
 que o nacer viron, dos paternos lares,  
 do ceo da patria que o alumóu mimoso,  
 dos sitios, ai, do seu querer; qué lexos  
 viu a caer baixo enemigo golpe  
 pra nunca máis se levantar, coitado!»


Non debeu faltar xente na cidade que simpatizara coas ideas revolucionarias introducidas polo exército napoleónico en Galicia, malia as brutais accións do exército comandado polo Mariscal Soult. A Coruña foi unha das cidades onde máis rápido prendeu o ideario liberal, xunto con outros portos como Cádiz ou Barcelona. Con todo, en Galicia os afrancesados foron minoría, incluso entre os liberais, sendo precisamente a cidade onde se crea a Xunta Superior de Defensa do Reino de Galicia. A cidade tivo moita relación con destacados dirixentes do bando liberal, como Juan Díaz Porlier "El marquesito" ou Espoz y Mina. No ano 1823 novamente as tropas francesas chegarían á beira da cidade. Mais desta volta a súa intención era restaurar o absolutismo na figura de Fernando VII. O pobo coruñés resistiu durante case un mes o asedio dos Cen Mil Fillos de San Luís, converténdose A Coruña nun dos últimos bastións liberais.

Despois chegaría a década ominosa, o castigo e o exilio. O propio Espoz y Mina, aquel que axudara a liberar España da presencia francesa na guerra da independencia,  parte cara a Inglaterra coa súa esposa, Dona Juana de Vega. Ela foi unha das máis  ilustres coruñesas. Unha gran muller que, cando se instale definitivamente na cidade, despois de traballar ao servizo da raíña Isabel II, converterase no centro de atención desde o punto de vista político e intelectual. A súa biografía é interesantísima: casou por amor cun dos heroes da guerra da independencia, marchou cara o exilio, foi camareira e conselleira da raíña, unha importante escritora, unha das maiores benfeitoras da historia da cidade, sempre preocupada pola asistencia aos desfavorecidos e a educación, foi promotora de iniciativas culturais e ademais a persoa que vai aglutinar ao movemento liberal da cidade arredor dela. Á súa morte, deixou un grande legado que máis de cen anos despois aínda xestiona a fundación que leva o seu nome.


Juana de Vega forma parte do numeroso grupo de mulleres senlleiras na historia da cidade, por ter sobresaído en diversos eidos. Canda ela, podemos destacar a outras como Concepción Arenal, ferrolá de nacemento e coruñesa de adopción, amiga persoal de Juana de Vega e pioneira do movemento feminista en España, xa que foi a primeira muller en asistir á universidade. Por suposto, Dona Emilia Pardo Bazán, unha das grandes figuras literarias do seu tempo e unha muller cunha extraordinaria personalidade,  que ademais converteu á cidade en protagonista dalgunhas das súas novelas, evocada a través do topónimo Marineda. É o caso da novela La tribuna, na que as protagonistas son as cigarreiras da fábrica de tabacos. Grazas aos seus libros temos unha fonte de extraordinaria calidade para coñecermos como era o ambiente da Coruña na segunda metade do XIX. Outras mulleres destacadas na vida cultural e intelectual da cidade foron a propia Rosalía de Castro, que viviu xunto algún tempo co seu home Manuel Murguía, nunha casa da cidade vella. Ou Sofía Casanova, unha das primeiras mulleres correspondentes de guerra que existiron.

No século XIX a cidade medra grazas ao desenvolvemento industrial e o crecemento da actividade económica. A Coruña será a cidade máis grande de Galicia, ata que Vigo a supere xa a mediados do século XX. O porto será outra vez o centro do desenvolvemento económico, o que tire do crecemento industrial da cidade. Porén, nin A Coruña nin ningunha outra cidade galega acadaron o grado de crecemento suficiente para facer da economía galega produtiva e sostible. Nas últimas décadas do XIX, e principios do  XX, os peiraos coruñeses serán testemuña da saída de milleiros de galegos cara a emigración.

A cidade muda a súa faciana. O crecemento faise  cara ao istmo da cidade, e máis alá, a través do proxecto do ensanche. Os Cantóns, a rúa Real, “o relleno” cos xardíns de Méndez Núñez, a arquitectura modernista como os edificios que bordean a praza de Lugo, ou o Kiosko Alfonso, obras como o Palacio Municipal ou a Casa do Sol de Pedro Mariño, ou os predios racionalistas de Antonio Tenreiro... Todos eles forman parte da arela de crecemento e modernidade que se viviu na cidade, naquelas décadas que van a ata a guerra civil. Xunto a estes edificios, as míticas galerías que miran ao mar, e polas que A Coruña foi alcumada como “A cidade de cristal”.


Neste perídod que vai ata a guerra cuvil, a sociedade é máis dinámica, xorden novos costumes e comportamentos, e tamén novas clases sociais. Temos nesta altura cafés como o Galicia, restaurantes míticos como o Fornos, diferentes faladoiros, un importante tecido asociativo no que destacan o Casino ou o Círculo de Artesáns, novas ofertas de ocio como teatros, orfeóns, bandas de música... O nacemento do Real Club Deportivo en 1906, os primeiros automóbiles, os primeiros turistas que veñen a tomar baños á cidade, etc. É posible que tamén veña desta época o gusto do coruñés por deixarse ver e, en certa medida, aparentar. A praza de María Pita, Os Cantóns, a Rúa Real e Rego de Auga serán o salón de recibir dos coruñeses, sempre tan adoitos a saír á rúa. Quizais esta forma de ser, que choca moito co carácter máis ben humilde do resto dos galegos, e o que nos valeu aos coruñeses o alcume de cascarilleiros.

Desde o punto de vista político, a cidade sempre permaneceu dentro do campo do liberalismo, do progresismo e do republicanismo, marcando así un carácter diferenciado a respecto doutras poboacións galegas. Tamén neste campo temos personaxes destacados, como Ramón Pérez Costales, Salvador de Madariaga ou Casares Quiroga.


 Por outra banda, estando nun curso de cultura galega, non podemos pasar por alto a estreita relación da cidade co galeguismo. Xa desde os tempos do Rexurdimento, A Coruña vai ser unha das poboacións onde máis vai callar o sentimento galeguista e os movementos políticos rexionalista e nacionalista. Foi na Coruña onde se reunían os intelectuais da Cova Céltica: os Pondal, Murguía, Martínez Salazar, Eladio Rodríguez, Lugrís Freire, Tettamancy, etc.  Xusto na libraría da Rúa Real pertencente a Uxío Carré Aldao. Este grupo vai ser o que teña a iniciativa de crear a Real Academia Galega. Foi tamén na cidade herculina onde xorden as Irmandades da Fala, cos irmáns Vilar Ponte, no ano 1917. Este grupo é o xermolo do movemento nacionalista galego, de carácter liberal, e coa reivindicación da lingua como principal eixo de acción. O funeral de Curros Enríquez, en 1908, con decenas de miles de coruñeses acompañando o seu corpo acabado de chegar da Habana, é unha das imaxes históricas máis fermosas que se conservan na cidade, que exemplifican moi ben esta vocación galeguista e cultural da cidade. O monumento feito por Asorey en homenaxe a Curros, que loce nos xardíns da cidade, lémbranos a importancia da figura do de Celanova na Coruña.


Tamén na cidade herculina, xa en tempos da II República, un Luís Seoane moi novo, acabado de chegar de Compostela, reuníase a cotío co grupo do taller de Luís Huici. Alí coincidían tamén Urbano Lugrís ou Álvaro Cebreiro. O xastre sería asasinado, xunto con outros centos de coruñeses republicanos, que non conseguiron fuxir da represión, tras o golpe de estado fascista. O campo da rata, moi preto da torre, é o lugar da memoria onde hoxe en día lembramos ás vítimas da barbarie fascista na cidade. Seoane si puido, afortunadamente, escapar, converténdose no gran dinamizador cultural do exilio galego após da morte de Castelao.

A CORUÑA CARA O FUTURO

O franquismo sentoulle mal á cidade. Ráchase aquel dinamismo social e cultural. A Coruña, cidade de tradición liberal e republicana, ficou baixo o xugo da represión durante décadas. Aínda por riba, foi escollida polo ditador como lugar para o seu lecer estival. Neste caso cómpre aclarar, co ánimo de rachar tópicos negativos que deturpan a imaxe da cidade, que foi Franco o que escolleu á Coruña, e non os coruñeses os que o escolleron a el.

A partir dos anos 50 do século XX asistimos a novas mudanzas na configuración física e social da cidade. Moita xente chegada da Galicia rural aséntase na Coruña, debido a un segundo intento de industrialización e de creación de infraestruturas que resultou, de novo, insuficiente para dinamizar o país desde o punto de vista económico. Se o primeiro ensanche da cidade fora exemplar, agora o crecemento vaise realizar sen sentido nin orde ningún, xurdindo na cidade unha serie de barrios que resisten mal o paso do tempo, con moitos problemas de habitabilidade, alén do seu pobre valor estético. Mellorar estes barrios é un dos retos dos políticos do século XXI.


A chegada da democracia ao concello fixo que mellorasen as cousas na cidade, aínda que os primeiros tempos, coa arela da capitalidade perdida, resultasen unha decepción. A Coruña, nestes anos, foi creando un tecido cultural  e social moi interesante, poñendo en valor o seu patrimonio histórico e artístico, ollando como o turismo se convertía nun dos motores da economía, e como unha serie de equipamentos culturais abrollaban para dar servizo aos cidadáns. Como exemplo deste dinamismo cultural, temos na cidade a rede máis extensa de bibliotecas de Galicia, o nacemento da Orquestra Sinfónica e a programación anual do festival Mozart, o museo de Arte Contemporánea (MACUF), a Fundación Luís Seoane ,a rede de Museos Científicos, que se unen aos xa existentes con anterioridade Museo de Belas Artes e Museo Arqueolóxico e Histórico, e outra serie de equipamentos, como este mesmo Forum Metropolitano, que nos permiten afirmar que A Coruña é unha cidade moderna e activa.

Neste novo milenio que nos tocou vivir, nesta era da cultura posmoderna, os episodios históricos mudan de carácter. Hoxe en día resultaría imposible volver a vivir datas como as de María Pita ou a Batalla de Elviña, pero as cidades tamén teñen os seus días de gloria. E por isto que non podemos rematar a clase sen lembrar, aínda a risco de caer na banalización do narrado ata esta altura, a data do 19 de maio do 2000. Aquel día, o noso Depor, aos seus 94 anos de idade, conquistaba o título de liga, quedando por riba de Barcelona, Valencia e Madrid. Naquel fin de semana, milleiros de coruñeses tiráronse á rúa a festexar. En Riazor, en Catro Camiños, na Praza de María Pita a carón da estatua da heroína... Desta volta non celebraban unha vitoria en ningunha batalla, porén, a sensación de ledicia dos cidadáns debeu ser ben semellante a aquela que sentiron os coruñeses en 1589, cando viron, desde a Enseada do Orzán, aos navíos de Drake marchando da cidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario