Páginas

9.11.11

A ARQUITECTURA POPULAR EN GALICIA

Cando falamos de arquitectura galega é moi habitual centrarnos nos grandes predios e estilos artísticos, é dicir, na chamada arquitectura monumental ou “culta”. A consecuencia disto,  soemos esquecernos das construcións populares e tradicionais. Porén, a arquitectura xurdida das necesidades, intereses e posibilidades dos labregos e mariñeiros galegos, a "arquitectura sen arquitectos",  ten un enorme interese desde os puntos de vista artístico e etnográfico, e merece que lle prestemos a atención debida.

A casa tradicional galega, ben sexa no campo ou nas vilas e portos mariñeiros, responde a un hábitat concreto, a unhas necesidades e posibilidades económicas e a un tipo específico de familia que a habita. Tamén os recursos e materiais empregados teñen que ver con factores sociais, económicos e xeográficos. A terra e a sociedade, e tamén os valores de carácter estético e simbólico, van marcar o tipo de construción.

A arquitectura popular galega é sólida pero humilde, apenas hai nela lugar para o ornamento, agás nos cruceiros e igrexas parroquiais, e en lugares moi escollidos da casa. O principio que a sustenta e a rendibilidade económica e a utilidade para a vida no campo ou no porto mariñeiro. Unha arquitectura asociada a unhas posibilidades cativas dentro dunha economía de subsistencia.

Vemos como a casa de campo en Galicia é case sempre un conxunto de adicións e arquitecturas exentas, xa que presenta construcións auxiliares froito do seu carácter de lugar de residencia, almacenaxe e traballo: hórreos, palleiros, alpendres... Xunto os edificios de carácter privado, contamos en Galicia coas pequenas parroquias, pazos e cruceiros, elementos imprescindibles da nosa paisaxe rural.


O peso da tradición dentro da arquitectura popular galega é, como noutros lugares, abafante. A continuidade de tipoloxías e materiais mantívose case intacta –só con pequenas variacións funcionais e técnicas- durante séculos ata ben entrado o século XX. Porén, nas últimas décadas asistimos a unha destrución sen piedade deste fermoso e valioso patrimonio sen que as autoridades tomen medidas rigorosas para evitalo. Outro factor a engadir é a deturpación provocada pola proliferación de pastiches, falsas rehabilitacións e creación de vivendas que din inspirarse –falsamente- no popular pero que carecen de gusto e son meros exercicios de historicismo que ignoran as posibilidades construtivas da arquitectura moderna.

A popular é, como diciamos,  unha arquitectura sen arquitecto, realizada polos propios paisanos, a través da colaboración entre veciños e a participación de artesáns especialistas con coñecementos técnicos.  A posta en valor desta arquitectura –a través do seu estudo e da restauración de casas tradicionais- é relativamente recente. Grazas a etnógrafos senlleiros como Xaquín Lorenzo e aos de xeracións posteriores, así como a arquitectos como Pedro de Llano, Manuel Gallego Jorreto ou Manuel Caamaño Suárez, entre outros, este tipo de construción popular foi estudada e posta en valor.

O HÁBITAT

A arquitectura popular non se entende sen a estreita relación co medio que a rodea. A tendencia a agrupación urbana en Galicia –en cidades e vilas cabeceira de comarca-  é un feito serodio que ten lugar cara aos anos 60 do século XX. Anteriormente, a balanza entre poboación rural e urbana decantábase claramente cara a primeira. A aparición de maiores oportunidades laborais nas cidades, a dotación de servizos nas vilas, a mellora das comunicacións e a mecanización e industrialización do traballo no campo son algunhas das causas que explican este proceso.

A arquitectura tradicional galega configúrase dentro dun hábitat disperso. A casa é a célula fundamental da poboación rural. As agrupacións de casas poden formar casais, lugares ou aldeas, que agrupadas forman as parroquias. O casal normalmente é habitado por membros dunha familia, a aldea é unha agrupación pequena de vivendas e a parroquia unha unidade xeográfica que agrupa a varias aldeas, lugares ou casais, en torno a unha igrexa, sendo os veciños deses núcleos fregueses da dita parroquia. En Galicia existen máis de 32.000 lugares e aldeas, o que dá unha boa mostra do estendido que estivo ata hai apenas unhas décadas este modo de vida.

As aldeas poden configurarse de xeito diferente, dependendo das comarcas e das condicións xeográficas. Poden ser pequenos núcleos pechados case sen rúas, rueiros en torno a unha estrada nova ou vella, e tamén grupos de aldeas continuas en lugares de alta densidade de poboación como son as Rías Baixas.

A casa non é só o espazo físico no que vive a familia, é a principal unidade económica e ademais ten un valor simbólico fundamental, xa que os membros da casa viven a vida en común. A xente vaise e a casa perdura; así, os homes e mulleres da aldea pertencen á casa, independentemente do seu apelido. As compras e as ventas de gando, os cultivos, as vodas, as migracións, etc. decídense no seo da familia dentro da casa.


A aldea é moito máis que unha unidade xeográfica, e o núcleo onde se asentan as relacións entre os que nelas habitan. Nela todo está organizado en base aos traballos do campo e ao calendario agrario. Todos teñen as súas obrigas e tamén os seus dereitos, tamén os máis pequenos. A veciñanza vívese na aldea de forma moi intensa polos lazos que unen aos que moran nela.

A parroquia –e tamén a comarca- nunca tivo personalidade xurídica, malia que foi a unidade organizativa básica no campo galego. Unidade de produción e de colaboración tamén, pois a parroquia afronta xunta unha morea de tarefas comunais, e tamén é a unidade básica de sociabilidade e solidariedade entre á veciñanza. Ademais das vivendas particulares e a igrexiña co seu adro -no que se fan as reunións sociais- na parroquia soen existir unha serie de instalacións comunais, como as eiras, os muíños e as veces os fornos. A taberna, que fai as veces de tenda, é outro elemento fundamental na parroquia galega. Os habitantes das aldeas e das parroquias comparten unha serie de traballos, como a malla, as batidas de animais ou os arranxos de camiños, pontes ou muíños. Tamén deben regular os usos e obrigas que comportan eses bens, sobre todo os montes en man común.

Este hábitat disperso, formado por pequenos núcleos, coa parroquia e a comarca como unidades xeográficas básicas, responde a unha economía de subsistencia baseada no minifundio e que afonda as súas raíces na tradición do foro e o subforo. Unha economía certamente precaria na que as familias abastecen case todas as súas necesidades a partir do que eles mesmos cultivan, crían e manufacturan, sendo a produción para o mercado moi limitada.

Este hábitat descrito con anterioridade muda na Galicia costeira, na que os núcleos de poboación confórmanse de xeito diferente. Nos portos mariñeiros, as casas amoréanse en torno a abrigos naturais, nas desembocaduras dos ríos e, sobre todo, nas linguas de terra que conforman as Rías Baixas, onde o clima e as condicións favorables para a  actividade pesqueira provocaron que exista nelas unha moi alta densidade de poboación desde hai moitos séculos.

A CASA DE CAMPO

Os factores fundamentais que explican a localización dunha casa son o clima e a situación dos pastos e campos de labranza. A construción ten en conta os ventos e a orientación, buscando sempre a protección dos refachos fortes, situando a casa tras dun bosque ou protexida pola aba dun monte. As portas, xanelas e a solaina están normalmente orientadas cara o sur, buscando a calor solar.

A casa de campo está construída seguindo unha tradición de moitos séculos, cuxos modelos van evolucionando moi de vagar ao longo do tempo. Unha arquitectura popular, anónima, con recursos técnicos moi limitados e que se alimenta das materias primas locais. En Galicia existe unha continuidade histórica que parte da casa castrexa, que utilizaba o granito, a madeira e a cubrición de colmo, e chega ata ben entrado o século XX cando se impoñen novas técnicas de construción e novos materiais.

As evolucións técnicas vanse sucedendo paseniño. Os romanos introducen en Galicia unha serie de novidades no eido construtivo que se van a espallar durante os seguintes séculos: a planta cuadrangular, a tella, os teitos a dúas augas, a armazón de madeira para o teito, os cimentos, etc. A casa de planta baixa vai evolucionando no medievo, incorporando unha plataforma de madeira enriba das cortes para gañar espazo de almacenaxe; de aí partiría a evolución cara o sobrado. Para acceder a este espazo elevado xorden despois as escaleiras exteriores e o patín, ata que no século XIX xeneralízase a segunda planta. O patín evolucionaría dando lugar aos corredores e solainas. Tamén, co tempo, van tomando forma todas as construcións adxectivas relacionadas cos traballos do campo.

Dentro da tipoloxía das casas do campo en Galicia hai moitas variacións. Evidentemente non é o mesmo a vivenda dunha familia do Courel, que a dunha familia da comarca da terra Chá ou da zona do Ribeiro, por poñer un exemplo. A estrutura da casa depende da economía, das especies agrícolas e gandeiras que se exploten nela. Tampouco non todas as familias tiñan as mesmas condicións económicas, sendo moi diferente a vivenda dunha familia acomodada, que podía acadar un tamaño e cun nivel de confort moi superior ca dun dos chamados “bodegueiros”, que sería os labregos máis pobres.  Dito isto, debemos comprender que a seguinte descrición da casa tradicional galega é unha xeneralización suxeita a multitude de variantes que incluso poden chegar a contradicir o aquí exposto.

Os materiais tradicionais de construción en Galicia son a pedra e a madeira. No tocante as pedras, o granito é a lousa son as que predominan en Galicia, sobre todo a primeira. O granito posúe diferentes calidades neste país, sendo xeralmente mellor o das provincias do sur. Este tipo de rocha produce construcións de gran solidez e cun bo illamento térmico, mais, por ser un material moi pesado, a altura das vivendas queda limitada. O granito é traballado a través de diferentes técnicas. A máis habitual é a cachotería, na que pedras graníticas irregulares conforman os muros. Estas pedras van asentadas unhas sobre as outras, empregándose pequenas pedras que se chaman forras. En ocasións os cachotes únense con barro encalado. As outras técnicas de traballo do granito son o perpiaño e a cantería, na que as pedras son cortadas en pezas máis grandes e regulares polos artesáns canteiros. Polo seu custe , a cantería foi moi pouco utilizada na arquitectura popular.

Sobre todo na parte oriental da provincia de Lugo é moi habitual as casas de lousa de xisto, que pola súa forma plana son moi doadas de situar en ringleiras para elevar os muros. Neste caso, vemos como o home aproveita os recursos que ten á súa disposición. As casas de lousa co teito de xisto son unhas das construccións máis fermosas desde o punto de vista estético. Este tipo de vivendas abondan na parte oriental da provincia de Lugo. Nalgúns lugares da Galicia meridional, constátase a utilización de pallabarro, material  que xorde da mestura de palla, madeira e barro, xeralmente usado nas paredes interiores da casa, aínda que nalgunhas aldeas constátase o seu uso tamén nas paredes exteriores.

A casa vai sustentada por uns fortes alicerces. Estes cimentos fanse escavando unha gabias fondas na terra que son enchidas de cachotería. Partindo deles, érguense os muros de pedra, case sempre rectos e de forma rectangular con cantos en ángulo recto.

A cubrición das casas realízase a través dunha estrutura de madeira, xeralmente de castiñeiro ou de carballo, na que se asenta o material que cubre a casa e que impide a entrada da choiva. A trabe ou cumio é a viga máis grande, que atravesa lonxitudinalmente a casa, e vai apoiada nos muros pinches, que así se chaman as dúas paredes máis estreitas rematadas en forma triangular dos catro muros exteriores da casa. A estrutura do teito leva outras pezas de madeira que aseguran que a cuberta sexa completa, como as tesoiras, as ripas, os cangros, os pontóns, etc. A cubrición pódese realizar con colmo (palla de centeo), tella feita de cerámica e con xisto alí onde é doado atopalo.

A cociña é o centro da casa. Nela está situada a lareira, que ademais de lugar para cociñar e de elemento calefactor da casa, é o lugar de sociabilidade por excelencia da casa galega. En Galicia non só a familia se senta ao redor da lareira, tamén era moi habitual recibir visitas dos veciños no tempo de lecer, sobre todo nas longas noites invernais. A lareira é unha pedra grande onde se puña a leña para facer o lume que debía quentar o pote do caldo. Este quedaba pendurado do teito por unha cadea chamada gramalleira. Do teito tamén penduran algunhas estruturas para afumar os alimentos. É o caso do caínzo das castañas ou do “camballeiro”, onde se ataban os chourizos para se curaren.

Para sentarse a carón da lareira están os escanos, os bancos ou os simples tallos. Na cociña soe haber unha mesa, que pode ser fixa ou pregada,, unha maseira para preparar o pan, un vertedoiro, xeralmente de granito xusto debaixo da ventá, unha espeteira para pendurar as tixolas e unha alacena para gardar a vaixela. Nalgunhas casas a cociña conta tamén cun pequeno forno para facer o pan, un dos elementos básicos da dieta dos galegos de antano.

A outra parte da planta baixa da casa ocúpaa a corte. O acceso faise a través dunha porta grande e independente, situada xeralmente baixo o patín ou o corredor. O chan vai cuberto polo estrume, unha mesta capa vexetal que mesturado cos excrementos dos animais forman o esterco. Ademais, nas cortes podemos atopar pías e pesebres. Antigamente apenas unhas táboas separaban a cociña da corte, co paso do tempo aquelas madeiras foron substituídas por paredes. As cortes teñen uns pequenos ocos de ventilación que se chaman bufardas.

Tanto a lareira como a calor dos animais serven de calefacción natural á vivenda. Como comentamos con anterioridade, o piso superior evolucionou desde o sobrado ata a planta alta. Nela sitúanse os dormitorios e nas casas máis grandes o cuarto de respecto cunha mesa e un chineiro. Os dormitorios son sempre compartidos por varios membros da familia, e teñen camas e arcas para a roupa. Igual que a forma de conseguir calor, e importante na casa o elementos para a ventilación. As xanelas e as portas, sempre de dúas follas e con ferraxes e símbolos –cruces- , son os elementos que permiten a entrada de luz e aire na vivenda. Nas fiestras –cubertas con vidros- as veces a parecen as soleiras, pezas que se colocan pa parte baixa da mesma e que serven para apoiar obxectos, e tamén os parladoiros, que son bancos feitos de pedra no que xeralmente se poñen as mulleres a coser.

Un elemento característico da casa de labranza galega é a existencia dun corredor ou dunha solaina. Este elemento xorde como evolución do patín, que é unha pequena terraza en que remata a escaleira exterior que dá acceso ao sobrado. O corredor e un paso exterior estreito cuberto polo tellado e que é aproveitado como lugar de estancia e de almacenaxe, ou para facer diferentes labores domésticas. A solaina é un corredor orientado a luz solar e que xeralmente incorpora elementos pétreos, como a varanda. A solaina é o elemento de prestixio da casa, no que se permiten as únicas licencias estéticas co traballo de cantería e coas plantas que a adobían, como as vides coa súas follas e acios. A solaina, nos días de estío, e cando vai calor na primavera ou no outono, convértese no lugar de sociabilidade, onde se recibe á veciñanza, substituíndo neste caso á lareira.

A galería, tan típica da arquitectura galega, non só da aldea, se non tamén en vilas e cidades, é un corredor o solaina pechada con vidrieiras. Estas estruturas sobresaen en moitas ocasións do muro, deixando un lugar de sombra moi agradecido cando vai calor, sobre todo nas provincias interiores e nas Rías Baixas.

A casa galega, ademais, conta cunha serie de construcións adxectivas relacionadas cos traballos no campo, o almacenamento e a transformación de produtos, e que poden estar pegadas á casa principal a modo de anexos, ou ben ser exentas:

A que maior pegada ten en Galicia é o hórreo, tamén coñecido cos nomes de cabaceira, cabaceiro, cabazo ou piorno. Emprégase para gardar o millo e outros cereais. A clave é a súa elevación sobre o terreo grazas aos pés ou columnas,  que evitan a entrada de roedores. Tamén está ventilado a través das aberturas que conteñen entre as súas táboas. O hórreo é unha arquitectura que podemos atopar en case toda a xeografía galega, e alén das nosas fronteiras por Asturias, Euskal Herria, Castela e Norte de Portugal. A orixe dos hórreos non está clara, pero varios especialistas sosteñen que se remonta a moitos séculos atrás. Sexa como for, cando se espalla por Galicia o cultivo do millo, no século XVIII, popularízase este tipo de celeiro por toda a nosa xeografía. A súa tipoloxía, segundo a forma e os materiais, é moi ampla, sendo quizais o máis popular o construído de pedra e madeira, con cuberta de tella e con planta rectangular.


Outros elementos para almacenaxe dos produtos do campo e para outras labores son as ouriceiras, os sequeiros para as castañas, as adegas, as palleiras, os alpendres, a alvariza, o pendello... No tocante á transformación de cereais en pan, temos nas aldeas galegas fornos comunais e muíños, de río, de vento e de maré.

Neste tipo de instalacións cómpre destacar un espazo fundamental para o traballo do campo como é a eira. Trátase dun sitio chan próximo á casa, ao aire libre, feito de terra firme ou de pedra, onde se mallan os cereais, se botan a seca-los legumes, etc. A eira é, moitas veces, un espazo comunitario dentro da aldea. O labor fundamental que se desenvolve nela é a malla dos cereais nos meses de verán, unha tarefa laboral e festiva a un tempo cun alto valor etnográfico.

Ademais, os diferentes elementos de infraestrutura, normalmente planeados e executados de forma común no seo da aldea ou da parroquia,  tamén forman parte da arquitectura popular: camiños, valados, pontes, socalcos e regas. E a chamada arquitectura da auga, que ofrece servizo a á comunidade, como o bebedoiro e o lavadoiro.

A FAMILIA

As familias que moran nesas casas son as coñecidas como familias extensas. A casa é o núcleo que artella unha estrutura familiar á que o núcleo formado por pai, nai e fillo, adírense os irmáns dos cónxuxes, os sobriños, os pais, etc. Cando un labrego casa non ten porque marchar da casa, moitas veces fica coa súa esposa e os seus fillos, onde o seu traballo e máis o da nova achegada sempre serán ben recibidos. Ela aporta unha dote polo matrimonio, en compensación por pasar a formar parte dunha nova familia. As dotes negócianse antes do matrimonio, e moitas veces inclúen algunhas leiras e animais, ademais do enxoval.

As casas non poden acoller indefinidamente a todos os fillos e esposas destes, así que o cabeza de familia soa trazar diferentes estratexias co fin de dar saída aos excedentes demográficos do fogar. Ás fillas hai que casalas, polo tanto débese prever unha dote para elas. As familias que poden –moi poucas-, mandan estudar un fillo (o que semelle ter máis capacidade). Pasar da escola elemental pode supor para aquel rapaz optar a ter un oficio na vila ou ben ten unha posición acomodada se opta por facerse crego. A emigración, vista desde sempre como un drama, foi tamén unha decisión familiar. As pasaxes cara América eran moi caras e debían ser pagadas pola economía familiar. O fillo que emigra (normalmente o que ten máis perspicacia e arela de aventura) non esquece a familia e envía un diñeiro que complementa a economía familiar. Os cartos enviados desde Ámerica e desde outros lugares da Emigración foron fundamentais para a subsistencia das familias durante décadas, e tamén para a modernización do agro galego desde os anos 60 do século XX.

A CASA DE MONTAÑA

A vida na montaña sempre esixiu do home un gran esforzo e estivo suxeita a moitas maiores penalidades e precariedade. Porén, se os homes e mulleres das serras conseguiron sobrevivir e progresar foi, en moitas ocasións, grazas ao seu enxeño construtivo. As pallozas dos Ancares son unha boa mostra desta sabedoría anterga que foi pasando de xeración en xeración.


A palloza é unha vivenda preparada para resistiren dentro, case sen saír cara o exterior, toda a invernía da montaña, procurando gardar a calor e protexerse do frío e a neve. A palloza ten planta oval, está feita de pedra, vai cuberta cun teito cónico de palla de centeo, e non ten xanelas (só cuns pequenos ocos doados de taponar e unha porta). Ten o tamaño suficiente para albergar a unha familia extensa e ao gando, que comparten este espazo. A casa está dividida por un corredor transversal chamado astrago, que da acceso a varias estancias: alcoba, cociña, cortes, barra, cortello, porteleira... As pallozas foron desaparecendo e hoxe en día consérvanse como elemento patrimonial. Xa ninguén habita nelas, pero podémolas visitar e albiscar como eran as condicións de vida nelas, como na Casa de Sesto en Piornedo.

Dentro da palloza o inverno facíase longo. Durante a dura invernía, sempre silandeiras, estas pallozas fumegaban e gardaban á xente que agardaba con paciencia e temos a chegada da primavera. O inverno era tempo de supervivencia. Ademais, cumpría ter cousas que facer, oficios como teares, carpintería ou cerámica. Para o lecer estaban as polavilas, que eran xuntanzas que se facían dentro destas edificacións estre todos os veciños. A carón do lume da lareira cantábase e contábanse historias e lendas destas terras, onde abondan as crenzas en elementos sobrenaturais, como a Santa Compaña, e onde o lobos e osos son protagonistas de tráxicas historias case sempre mitificadas.

AS CASAS DAS VILAS MARIÑEIRAS

O hábitat mariñeiro tradicional foi practicamente arrasado de Galicia nas últimas décadas. Son moi contados os lugares -como Combarro, por exemplo- onde podemos apreciar como eran as aldeas tradicionais de pescadores. Ademais, só nunhas poucas vilas mariñeiras -como Muros- consérvase parte deste patrimonio arquitectónico popular.

A xeografía e a actividade económica pesqueira marcou o modo de asentarse no territorio das comunidades pesqueiras. Moitas vilas xurdiron aproveitando as desembocaduras e os pequenos portos en abrigos, sobre todo nas Rías Altas. Nas Rías Baixas a densidade de poboación é, de sempre, moi alta, e os asentamentos presentan unha gran continuidade, debido ao excepcional do medio para a pesca e o marisqueo, e a protacción que as apmplas rías proporcionan para a instalación de portos. 


A casa dos mariñeiros e ben diferente á casa dos labregos. A familia non está tan apegada á casa. “O mariñeiro non é de ningunha casa”, as súas vivendas soen ser precarias. Normalmente están pegadas unhas as outras, compartindo os muros que as separan, formando rúas estreitas. Nas vilas e parroquias mariñeiras o urbanismo é moi diferente ao do campo, nelas existe unha trama urbana case sempre moi irregular.

A casa da familia mariñeira é, en xeral, moi básica. A función principal é a vivenda, reservándose as veces diferentes espazos para a almacenaxe de obxectos propios do traballo dos mariñeiros. Os soportais tamén son utilizados para gardar pequenas gamelas, remos, redes, nasas, etc. A superficie construída soe ser moi reducida (na Coruña, as coñecidas como casas de remo chamábanse así porque tiñan o ancho dun remo de traíña). A cociña é, na casa mariñeira, moito máis pequena, e as veces vai unida á zona de estar e de durmir, formando un só espazo.  Os cuartos interiores, se os houber, son moi pequenos e neles entran apenas as camas.

O arquitecto Pedro de Llano, no seu magnífico libro a Arquitectura Popular en Galicia, distingue varios tipos de casa. A máis humilde e pequena, de planta baixa e moitas veces cun so espazo interior, sería a casa terrea; a casa do pincho é aquela que ten a fachada principal no muro piñón, rematada en forma triangular. Nas Rías Baixas identificamos a casa con patín, e dicir, con acceso exterior a través dunhas escaleiras e que poden ter un semisoto ou uns soportais de almacenaxe. Nas vilas aparecen casas de dúas ou máis plantas, moitas veces con medianeiras que separan unha vivenda doutra.

As familias mariñeiras son tamén moi diferentes ás labregas. No mar a familia dominante é a nuclear, composta por pai, nai e fillos pequenos. Cando un fillo casa (xeralmente moi novos e nunha humilde cerimonia), vaise da casa e forma o seu novo fogar. Nas vilas mariñeiras funciona aquela máxima que di “o casado casa quere”.  Estas familias que se forman sendo novos os homes e mulleres que casan soen ter moitos fillos, feito que é visto de forma positiva, xa que non custa moito mantelos e xa desde novos poden aportar beneficios económicos á casa, xa que desde os doce anos están en condicións de traballar.

PAZOS, PARROQUIAS  E CURCEIROS

Para despedir a clase temos que facer referencia a estes tres elementos imprescindibles da paisaxe galega, e que poñen en evidencia un modo de organización social e económica e un sistema de crenzas relixiosas que ven de moi antigo, e que teñen o seu reflexo na paisaxe.

Cómpre aclarar que, en moitas ocasións, o ámbito de estudio das igrexas parroquiais e dos pazos, e en menos media a cantería dos cruceiros, non sería propiamente o da arquitectura popular, xa que son construcións feitas por artesáns especializados feitas cunha fasquía individualizada e con propósito estético evidente, malia que os seus arquitectos son xeralmente anónimos.

O pazo sufriu alteracións ao longo da historia, pasando de ser na idade moderna un centro de organización e administración económica –cos seus lugares de almacenaxe- a unha vivenda de campo burguesa desde finais do XIX, produto dos cambios operados no campo galego a nivel social e, sobre todo, a partir de que as rendas se cobran en diñeiro. Este proceso ten o seu reflexo na modificación dos espazos interiores, no amoblamento, e na sucesiva aparición de mobiliario de luxo.


A igrexa parroquial ten notable variacións dependendo do estilo arquitectónico predominante no momento da construción, das posibilidades económicas da comunidade que inflúe directamente na recadación e nos ingresos das mesmas. Moitas delas teñen un gran valor artístico e moitos séculos de antigüidade, pero ademais do valor estético e histórico, interésanos a súa funcionalidade como centro ritual e de sociabilidade. Ademais de centro de celebración relixiosa a igrexa –o adro- é un centro de reunión da parroquia, un foro público de discusión e toma de acordos. A igresiña rural ten sempre o seu camposanto, alí están soterrados os mortos das aldeas, e por iso é sempre un lugar moi respectado pola veciñanza. Centos de igrexas galegas do rural teñen unha pequena elevación central na fachada, chamada espadaña, onde se sitúa a campá, un elemento fundamental que marca as horas e os feitos relevantes dentro da comunidade. Na igrexa moitas veces aparece o cruceiro, do que falaremos a continuación, e os petos de ánimas, que son altares na memoria dos mortos onde os familiares deixan ofrendas e esmolas para favorecer o tránsito das almas desde o purgatorio cara o ceo. A existencia deste tipo de altares, xeralmente en pedra e cunha cavidade que contén un elemento iconográfico cristián e unha hucha para a esmola, son paradigma da importancia simbólica da morte dentro do imaxinario e da cultura popular galega.

No adro da igrexa, ou ben situados en camiños, lugares simbólicos ou encrucilladas , aparecen os cruceiros, a medio camiño entre escultura e arquitectura. En Galicia existen aproximadamente uns 12.000 cruceiros en todos os concellos do país, o que chamou a atención dos estudosos como o propio Castelao, que na súa época no Seminario de Estudos Galegos fixo un soberbio estudo morfolóxico e simbólico destes elementos, titulado As cruces de pedra na Galiza.

A súa fasquía depende da habilidade do mestre canteiro, existindo en Galicia, terra na que sempre abrollaron excelentes escultores en pedra,  exemplares de extraordinaria beleza plástica. A orixe dos cruceiros remóntase aos primeiros séculos da idade media, cando diferentes lugares de culto pagán sacralizáronse pola igrexa cristiá, unha adaptación á doutrina de cultos máis antigos, como as relixións pagás –sabemos que os romanos tiñan divindades relacionadas cos camiños, chamadas lares viales,  aos que dedicaban aras votivas á beira das calzadas- ou incluso castrexas. Desde a baixa idade media teñen a forma coa que hoxe os coñecemos, cunha plataforma, un pedestal, un fuste de granito,  un capitel e a cruz, existindo moitas variedades dentro desta tipoloxía.

Desde Murguía vencelláronse os cruceiros a unha tradición celta que abrangue diferentes territorios que teñen monumentos similares, é o caso dos calvarios bretóns ou das high cross irlandesas.Os cruceiros foron obxecto de especial predilección polos ladróns de bens patrimoniais que afloran e actúan impunemente no noso país. Un chanzo máis na destrución consciente e sistemática da nosa cultura, como abandono das nosas aldeas ou os incendios forestais que nestes días asolan as comarcas ourensás.

Sirva esta clase tamén como unha denuncia ante estes feitos. Unha das razóns de dar a coñecer e poñer en valor o noso patrimonio é, precisamente, fomentar a súa conservación ante o grave risco de deterioro e perda ao que está exposto. Debemos indignarnos e esixir a súa protección. Está nas nosas mans.


Rural Pretérito (by SyM Albert Sobrino.)

1.11.11

AS ARTES ESCÉNICAS EN GALICIA


As artes escénicas son aquelas que, por definición, se desenvolven enriba dun escenario. Danza, música e teatro, e tamén outras disciplinas que xorden como combinación destas artes, como a ópera ou o xénero musical. Nesta clase imos facer un repaso ao que son e ao que foron as nosas artes escénicas.

 Debido ao amplo da temática a desenvolver e o escaso do noso tempo, lonxe de dar unha visión exhaustiva da escena galega, quedarémonos con algúns fitos importantes e con algúns datos que nos acheguen e nos axuden a comprender o mundo do espectáculo en Galicia ao longo do tempo.

Desde a aprobación do Estatuto de Autonomía a oferta cultural, no tocante ás artes escénicas foi medrando en cantidade e calidade. En 1989 creouse o IGAEM , encargado de promover e ordenar o sector. O IGAEM foi substituído no 2008 pola AGADIC, que inclúe ademais empresas e institucións de outros eidos culturais, ademais da danza, a música e o teatro.

Na música interésanos subliñar a proliferación de festivais musicais. Desde aquel senlleiro Festival de Ortigueira creado no an 1978, ata os de máis recente creación e que abranguen os máis diversos estilos musicais, en Galicia temos decenas de festivais que serven para proporcionar e dar a coñecer ás diferentes formacións galegas que van xurdindo, que moitas veces comparten escenario con grupos moito máis consagrados. Musica tradicional, música con raíces –folk-, música moderna –rock, pop, funk, hip-hop, punk, ska...-, canción tradicional e moderna, jazz, etc. Temos en Galicia unha gran cantidade de grupos e solistas de todos os xéneros, interpretando en galego, en castelán e en inglés. Dado que non temos todo o tempo que desexariamos, e que hai uns meses dedicamos unha sesión á música galega, nesta clase imos centrarnos máis en danza e teatro.

Adscritos ao AGADIC temos dúas institucións públicas fundamentais dentro do panorama das artes escénicas galegas como son o Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego, que montan varios espectáculos ao ano e os representan polas diferentes salas e teatros do país. O Centro Dramático Galego ven de acadar un gran éxito de crítica e público estes meses coa Opera dos tres Reás, creada por Bertold Bretch e Kurt Weill, dirixida por Quico Cadaval e con Luís Tosar no reparto, que acadou 19.700 espectadores en 34 funcións.

O aumento de escenarios nas cidades e vilas galegas é outra das características da escena galega nestas últimas décadas. Xunto coas producións foráneas que podemos gozar en Galicia, contamos un circuíto propio de música, teatro e danza; se ben, o sector adoece dunha excesiva dependencia de subvencións públicas, froito de non haber acadado unha suficiente cantidade de público fiel que permita que os espectáculos se financien por si mesmos. Este non é un feito illado que aconteza só en Galicia, se non que é un modelo que se reproduce por toda Europa. Os gobernos invisten cartos nestas iniciativas, xa que a cultura conforma unha industria que xera riqueza, crea postos de traballo, proporciona recursos para a realización intelectual e espiritual da cidadanía e ademais proporciona alternativas saudábeis para o tempo de lecer que afondan no benestar da sociedade.

Alén das agrupacións oficiais, como o CDG e o CDG, e as bandas provinciais e municipais, en Galicia funcionan unha serie de compañías privadas de teatro e danza, algunhas delas como asociacións culturais, como é o caso de Xacarandaina. A danza tradicional ocupa un lugar destacado dentro das producións de espectáculos; xunto á tradición, hai compañías que se dedican á danza contemporánea, como Nova Galega de Danza, compañía que veu recoñecida a través de numerosos premios a súa corta pero intensa traxectoria desde que foi fundada no ano 2003.



En teatro destacamos compañías como: Espello Cóncavo, Teatro Ensalle, Teatro Arte Livre, Lagarta, Lagarta, Chévere, Teatro do Atlántico, Berrabambán, Matarile Teatro, Casahamlet, Sarabela, Eme2, Produccións Teatrais Escéntricas ...

Outra das iniciativas que  afondaron na promoción da escena galega foi a creación de premios e festivais. No eido teatral destacan os premios María Casares, outorgados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Dentro das mostras de teatro destacamos a que ten lugar en Ribadavia todos os anos, e que neste ano 2011 celebrou a súa vixésima sétima edición. Todos os meses de xullo xúntanse durante varios días as mellores compañías galegas xunto a outras de carácter  internacional, nesta semana da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que ten como xermolo a actividade do grupo Abrente nos anos 70, creadores do teatro moderno en Galicia.

Cómpre destacar a importancia que ten, dentro de todas as artes escénicas, a parte académica. A música e danza están integrados nos plans de estudos superiores a través das academias, escolas e conservatorios. Pola súa banda, os estudos en artes dramáticas veñen de cobrar novos folgos no noso país coa inauguración no ano 2005 en Vigo da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Antes destes fitos, actores, actrices, bailarinas e bailaríns de talento tiñan que emigrar sempre se desexaban obter unha formación de certo nivel.

Poderiamos estendernos moito máis nesta visión do panorama actual das nosas artes escénicas, e laiarnos das dificultades que están a atravesar as nosas industrias culturais neste contexto de crise, tamén falar da grave ameaza que supón para o sector a posta en perigo da obra social das nosas caixas, feito dunha enorme gravidade se temos en conta que as fundacións de Caixanova e Caixa Galicia foron ata fai uns meses un dos principais promotores e investidores na cultura galega, e nomeadamente nas compañías de teatro, danza e nos grupos musicais e solistas.  Pero volvamos ao principio. Desde que o home é home, o canto e a danza acompañan os seus traballos, as súas cerimonias, o seu tempo de lecer. Botemos unha ollada ao pasado para ver de onde vimos, como se foron desenvolvendo as artes escénicas neste país e cales foron os seus fitos máis importantes.

A TRAXECTORIA DAS NOSAS ARTES ESCÉNICAS

Cando Estrabón fai referencia nos seus escritos ás sociedades castrexas que se atopan os romanos ao chegaren á Gallaecia, precísanos que unha das tradicións daqueles pobos eran as músicas e os bailes cerimoniais:

«Toman as súas comidas sentados, en bancos construídos arredor das paredes, situándose segundo a idade e a dignidade; a comida vaise pasando en roda. Mentres beben bailan en círculo ao son da frauta e a corneta e tamén saltando e axeonllándose».

Todos as sociedades primitivas estudadas polos a antropólogos soen ter os seus propios bailes, danzas e músicas, e os nosos antergos non podían ser menos. A chegada dos romanos vai mudar paseniño mais fondamente os costumes daquelas xentes. Os romanos introducen na Península Ibérica o seu gusto polo teatro, construíndo edificios públicos que albergaban as súa funcións. Unha obras tráxicas e cómicas que incluían música e canto, danza e interpretación. En Galicia non temos restos de teatros monumentais como os que existen noutros lugares como Mérida; en Lugo existen varias hipóteses sobre a posible existencia dun teatro de orixe romana na cidade, se ben non se constatou aínda ningunha localización segura do mesmo. En Braga -capital do Conventus Bracarensis da provincia romana de Gallaecia- o achado accidental do teatro, no ano 1999, deu lugar ás pertinentes escavacións e ao proceso de restauración do mesmo.

No medievo, xograres e trobadores percorrían as vilas e castelos interpretando as cantigas que moitas veces eran compostas por eles mesmos. Aquí cómpre facer unha distinción entre a arte de trobar e o oficio de xograr. O primeiro era considera máis nobre e enriquecedor, o segundo era o oficio de entreter ao pobo a través do canto e o baile, é por iso que ata monarcas como Afonso X foron trobadores, e os xograres eran xeralmente viláns. As súas actuacións eran auténticas "performances" que combinaban canto, danza e interpretación musical a través de diferentes instrumentos. Por outra banda, e tamén durante o medievo,  a igrexa cristiá nun momento dado decide que a música na liturxia non é mala, e incorpora primeiro o canto, e despois os instrumento, convertindo os mosteiros en escolas musicais onde os coros cantaban varias veces ao día. A igrexa foi tamén quen conservou ou textos clásicos que crearan gregos e romanos para interpretar nos seus teatros públicos.

No ámbito do teatro temos por unha banda a creación literaria, e por outra a arte da interpretación. As obras dramáticas son creacións literarias pensadas para seren representadas enriba dun escenario. Nas cidades galegas represéntase teatro desde fai varios séculos. O teatro tiña un carácter popular, xa que ás funcións asistían persoas de diferentes estratos sociais, tal e como acontecía en Castela coas “corralas”. Nos séculos escuros, esa etapa das nosas letras que abrangue a idade moderna ata o Rexurdimento, deixounos escasas testemuñas de obras compostas en galego, sendo unha das máis relevantes o Entremés famoso sobre da pesca do Río Miño, de Gabriel Feixó de Arauxo, de 1675. A existencia deste tipo de pezas pequenas fan supoñer que ían intercaladas entre outras obras en castelán.

A Casamenteira (1849) de Bieito Fandiño supón, igual que a pequena obra que acabamos de citar, un fito nun panorama no que a cultura propia durmía o soño dos xustos. Habería que agardar ata finais do século XIX, no contexto do Rexurdimento da nosa cultura, cando por fin agromen creacións dramáticas en galego, sendo A Fonte do Xuramento (1882) de don Francisco de la Iglesia a obra que dá inicio a toda esta xeira creativa de teatro na nosa lingua, un teatro neste caso de novo cuño, un teatro culto dirixido ás clases medias e altas -de feito esta obra foi estreada no Liceo Brigantino da Coruña-. Galo Salinas, coa obra Filla!  foi outro dos dramaturgos máis destacado no panorama galego entre séculos. Ademais de crear obras loitou por que  estas foran interpretadas nos diferentes teatros, que na aquela altura só presentaban funcións de obras escritas en castelán.

Neste curso, sempre que falamos de cultura galega de finais do século XIX, temos dar un salto e achegarnos ao que acontecía na emigración cubana, xa que A Habana nesta altura funcionou, en gran medida, como capital da nosa cultura. En 1885 Lugrís Freire estrea na capital cubana A Costureira da Aldea, unha das moitas obras que os galegos da diáspora puideron gozar. Varias décadas despois, Eduardo Blanco Amor fundaría en Bos Aires a Compañía de Teatro Popular Galego (1957), unha institución que intentaba afastarse do folclorismo imperante na cultura oficial da época. O porque do éxito do teatro e da danza no exterior explícase pola necesidade que ten o emigrante de manter un vencello sentimental coa terra que deixou atrás. A música, a danza e o teatro viñan a paliar en parte ese baleiro na alma do emigrante galego.

No ano 1905 créase en Galicia a Escola Rexional de Declamación, a partir dese ano, as representacións de pezas de diversa fasquía nas cidades e vilas gales é un feito habitual. Porén, o teatro non acadará a importancia social doutras artes escénicas como a música, na que sobrancean as corais como Toxos e Froles (que inclúen teatro nas súas funcións) e Ruada, e as músicas e danzas populares.

A partir da década os anos 20, os membros das Irmandades da Fala e da Xeración Nós entenderon que o teatro era unha ferramenta necesaria no espallamento da nosa cultura e na creación dunha conciencia nacional. Moitos dos escritores galegos máis destacados crearon pezas dramáticas nesta altura. Foi o caso de Ramón Cabanillas (O mariscal), Vicente Risco (O bufón de el-rei), Otero Pedrayo (A Lagarada)... Antesala do éxito que acadaría Alfonso Rodríguez Castelao coa súa obra Os vellos non deben namorarse. Esta obra foi escrita por Castelao nos primeiros anos do exilio. O teatro galego comezaba a desenvolverse, a ser representado e a acadar públicos de xeito moi modesto, mais a guerra supón unha fenda profunda na traxectoria da dramaturxia galega, que non se recuperaría ata os anos 60, a non ser por aquelas iniciativas dos escritores exiliados, como o propio Blanco Amor ou Rafael Dieste, que vai crear unha das obras senlleiras da  historia do noso teatro como foi A fiestra valdeira.

Os escritores do interior de Galicia tardarían anos en volver a escribir pezas teatrais. Entre eles temos que destacar a Cunqueiro coa súa marabillosa interpretación de Hamlet (O incerto señor don Hamlet), un dos cumios do xénero en Galicia, e A noite vai como un río.

A partir dos anos 60 asistimos a unha certa recuperación do teatro en galego. Manuel Lourenzo, a través do grupo O facho e Teatro Circo, vai ser un dos dinamizadores da nosa escena nesta década. Tratábase, por unha banda, de popularizar o teatro galego, e por outra, de modernizalo estética e formalmente. Estamos, pois, ante o nacemento do teatro independente galego.

Nesta altura están a crear pezas teatrais escritores da talla de Daniel Cortezón, Bernardino Graña ou Xohana Torres. A mostra de teatro de Ribadavia ten o seu xermolo no Grupo Abrente, que organiza as primeiras edicións antes de que nos anos oitenta se convertesen nunha mostra internacional. Del  forman parte tamén Roberto Vidal Bolaño e Ramón Ruibal, dúas das figuras senlleiras do teatro galego, que xunto a nomes como Quico Cadaval , Cándido Pazó ou Lino Braxe conforman o elenco de dramaturgos contemporáneos galegos de máis talento. Outro fito importante dentro da escena galega foi a apertura da sala Luís Seoane na Coruña, que funcionaría durante toda a década programando teatro independente. Despois chegaría o Centro Dramático Galego, o IGAEM, a proliferación de actuacións, festivais e premios polo que podemos afirmar que estas dúas últimas décadas Galicia desenvolveu, non sen atrancos, unha escena teatral propia.

Neste percorrido polas nosas artes escénica debemos volve á danza e á musica. A fixación das formas folclóricas e a estandarización de baile e traxe ten lugar nunha etapa relativamente moderna se temos en conta que son tradicións de moitos séculos. O romanticismo, e en Galicia o Rexurdimento, van favorecer esta promoción das diferentes culturais nacionais a través das súas diversas expresións, nas que a danza e a música cobran un valor engadido.

Un fenómeno propio do romanticismo é a incorporación á música culta da de raiz popular. Fíxoo Chopin en Polonia, e tamén o fixeron os mellores compositores galegos como Pascual Veiga, Andrés Gaos ou Marcial del Adalid.


No tocante a danza, o popular tamén vai influír notoriamente nas compañías profesionais e nas escolas e academias. As agrupacións de baile e música tradicional floreceron por toda Galicia e polos centros galegos da diáspora durante o século XX, pasando en moitas ocasións da festa e da romaría ao escenario, mantendo a raigame dos espectáculos. Unha das formacións senlleiras na danza galega foi o Ballet Gallego Rey de Viana, fundado en 1949. Partindo das raíces populares, esta compañía, primeiro privada, despois asumida pola Deputación da Coruña, e con posterioridade pola Xunta de Galicia, creou unha serie de espectáculos -para algúns críticos certamente controvertidos- que percorreron multitude de escenarios de ámbito internacional, representando a cultura galega no exterior a través das súas coreografías, acadando moito éxito sobre todo nunha etapa onde outras expresións culturais estaban vedadas. Bos Aires, Montevideo, New York, Lorient, París, Londres, Grecia... nos mellores teatros destas capitais (como o Colón de Bos Aires ou o Royal Albert Hall de Londres) soou e foi bailada a muiñeira grazas a creatividade dun José Manuel Rey de Viana que non se limitou a representar coa súa compañía os bailes tradicionais sen máis, se non que creou coreografías novas inspirándose no acervo cultural galego. Un dos aspectos máis importantes deste ballet, igual que sucede con moitas das agrupacións coas que contamos en Galicia, e o seu labor formativo. O seu traballo coa xente nova asegura que esa cultura musical galega pase de xeración e xeración e non se perda polo camiño, feito fundamental para a protección do noso patrimonio inmaterial.