Páginas

26.10.10

03. LUCUS AUGUSTI, "A BEN MURADA"

A cidade de Lugo está intimamente ligada ao seu pasado romano. Cando falamos da capital luguesa,  de seguido vennos á cabeza a imaxe da súa impoñente muralla romana, considerada patrimonio Mundial pola UNESCO desde o ano 2000.  Porén, na “ben murada”, como lle chamaba decote Álvaro Cunqueiro, temos moitos máis bens patrimoniais relacionados co seu pasado romano e con outros momentos da súa historia. Gran parte deste legado romano foi rescatado do esquecemento e posto en valor nas últimas décadas, polo que unha visita aos museos e centros de interpretación da cidade ofrece ao espectador unha panorámica moi interesante sobre o pasado ligado ao imperio romano da urbe, e sobre a romanización de Galicia en xeral.

Lucus Augusti, a civitas, foi fundada nun outeiro á beira do río Miño, onde é probable que existira con anterioridade un campamento romano, aínda que non hai certeza absoluta sobre este feito. As fontes históricas sinalan a Paulo Fabio Máximo, enviado imperial para organizar o territorio conquistado da Gallaecia, como fundador da mesma, no ano 15 a. C. O propio nome da cidade deu lugar a diversas interpretacións, sendo a máis fermosa a que nos deixou Manuel Murguía, e que nos fala da presenza dun bosque sagrado no lugar, dedicado ao deus celta Lugh.

Sexa como for, na altura do século I a C. os romanos creaban a cidade máis antiga de Galicia, que sería capital do Conventus Lucensis, dentro dunha orde imperial que dividía a Gallaecia en tres conventus gobernados desde as tres cidades capitais (Lugo, Braga e Astorga).  A cidade foi configurada, pois, seguindo o modelo urbano romano, organizada a través de dous eixos que a percorren de norte a sur e de este a oeste (cardo e decumano). En Lucus Augusti e nos arredores, os romanos crearon toda unha serie de infraestruturas como a ponte sobre o Miño, un acueduto, un sistema de cloacas, unhas termas, etc.

A cidade funcionou como centro e fonte de integración do mundo castrexo no modelo imperial. Nela non só vivían os funcionarios do poder central, senón que acolleu a moitos dos habitantes indíxenas da Gallaecia, que quedaron así moito máis romanizados que aqueles que continuaron a vivir nos castros. Deberon ficar abraiados aqueles castrexos ante a capacidade técnica e sofisticación da cultura romana; non se trataba xa de comerciar con eles, agora podían vivir xa ao xeito romano, adoptando as súas modas e costumes, incluída a súa lingua, o latín vulgar que practicaban as lexións e que é o xermolo das linguas romances como o galego. No subsolo lugués continúan a aparecer restos de vivendas e obxectos asociados a elas, que nos falan de como vivían os nosos antergos na época romana. Algúns destes restos arqueolóxicos pódense visitar, como as casas de Armañá (Museo de Lugo) e Batitales (Rúa Doutor Castro), que conservan magníficos exemplos de mosaicos que decoraban os chans das vivendas de Lucus Augusti.


No século III, seguindo unha tendencia que se reproduce en moitas das urbes imperiais, Lucus fortifícase cunha muralla. E vaino facer ao grande. A muralla de Lugo é unha obra de enxeñería extraordinaria, ademais é a mellor conservada da Península Ibérica. A pesar de ser reformada en varias ocasións, o seu aspecto cando os romanos a ergueron no século III non debeu ser moi diferente ao actual. Os números da muralla son abraianates: a súa lonxitude é de máis de 2 Km, deixando no seu interior unha espazo de 34 Ha; a altura varía entre os 8 e os 12 metros, e a súa anchura entre os 4 e os 8 metros. Ao longo do perímetro da muralla os romanos ergueron 85 torres defensivas; a Torre da Mosqueira - a mellor conservada- permite que nos fagamos unha idea da estrutura e altura orixinais das mesmas. Un elemento de vital importancia na configuración da muralla son as portas que permitían a entrada e saída de persoas á cidade, e nas que se facía o control e o cobro de impostos. As portas –que estaban feitas con madeira- pechábanse de noite ou en caso de perigo. As que aínda quedan da época romana son as seguintes: a Porta Miñá, a Porta de Santiago, a Porta de San Pedro,  a Porta Nova  e a Porta Falsa, que daba entrada ao exército na cidade.

Coa caída do imperio romano e a formación do reino suevo, edificado sobre os restos da desintegración da provincia romana de Gallaecia, a cidade vai ter unha continuidade histórica. Lugo vai ligar o seu futuro á súa condición de cidade episcopal, feito que marcou a súa traxectoria. Precisamente a cidade quedou ligada á figura dun santo, Froilán, patrón da cidade. Froilán naceu en Lugo no século IX, santo milagreiro, fundador de mosteiros, eremita, aparece vencellado á figura do lobo, animal cunha indubidable mala sona e consideración simbólica en Galicia, que o santo foi quen de dominar. Os lugueses celebran unha das festas máis importantes do calendario en Galicia na honra do seu patrón, festexos que teñen máis dun século de historia, cunha orixe nas feiras de gando do XIX, e que forman parte da propia idiosincrasia dos cidadáns de Lugo. As San Froilán unen á provincia en torno á unha festa gastronómica por excelencia, pois como di o refrán: “E para comer, Lugo”.

O segundo monumento en importancia en Lugo é a catedral románica, construída entre os séculos XII e XIII. Hoxe en día o conxunto é un compendio de estilos artísticos superpostos, no que destaca a estrutura medieval, a fachada neoclásica e, sobre todo, a capela da Virxe dos Ollos Grandes, soberbio conxunto barroco proxecto de Domingo de Andrade e Fernando Casas e Novoa, que alberga a figura gótica da virxe que dá nome ao templo. Tamén dentro do estilo barroco, temos outra das xoias da arquitectura urbana galega, desta volta un predio con funcións civís, a Casa do Concello, situado na praza maior e que tamén é herdeiro dese estilo compostelán que os dous arquitectos anteriormente citados espallaron por varias cidades galegas.

Non podemos entender a cidade de Lugo sen falar da súa relación co seu contorno natural. Nomeada reserva da biosfera, a comarca das terras de Lugo é unha grande veiga rodeada polo Miño, pai de todos os ríos galegos, e dominada pola cidade que se ergue nun outeiro. As paisaxes verdes do interior galego contrastan co gran bloque pétreo que configura á cidade, xerando un espazo de grande singularidade e valor medioambiental. Lugo sabe convivir de xeito especial coa vizosa natureza que a arrodea; só hai que botar unha ollada aos seus cidadáns gozando dos amplos espazos a carón do Miño, cando o tempo o permite.


A cidade viu nacer dentro das súas murallas a ilustres personaxes. Antes falabamos do santo patrón, Froilán. Andando no tempo, atopámonos con dúas figuras de gran interese desde o punto  de vista literario, pois Lugo é a cidade na que chegaron ao mundo Ánxel Fole e Luís Pimentel. Fole, nacido en 1903, foi un dos mellores representantes dese xénero tan fecundo das nosas letras que é a narrativa breve; en A lús do candil e en Terra Brava, albiscamos esa tradición oral da literatura popular galega. Eses contos son unha homenaxe ás vellas historias populares; son literatura de lareira intelectualizada e levada ao papel polo mestre Fole.

Luís Pimentel, pola súa banda,  é un dos poetas máis sensibles e dotados da literatura galega do século XX. Podemos gozar coa súa poesía sinxela, intimista e melancólica na súa mellor compilación de poemas, titulada Sombra do aire na herba. Pimentel é autor, ademais,  dun dos poemas máis significados en contra da barbarie da represión fascista en Galicia, titulado Cunetas, que reproducimos a continuación, como remate deste texto:

Outra vez, outra vez o terror!
Un dia e outro dia,
Sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor ¿que fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Ata cando durará este gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran mais que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falta
para facer un home!
Teñen que encher ainda
as cunetas
con sangue de mestres e de obreiros
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.

Docemente chove.
Enviso, arrodeame unha eterna noite.
Xa non terei palabras pra os meus versos.
Desvelado, pola mañá cedo
Baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crime
Ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguen podes trocar teu sorriso.
Nos arrabais
bandeiras batidas e esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os dias
hai un home morto na cuneta
que ninguén coñece ainda
Unha muller sobre o cadaver do seu home
Chora.
Chove.


¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
Mais alá da neboa,
Mais alá do mar,
Mais alá da chuvia,
Mais alá do bosque.





1 comentario:

  1. Gústame moitisimo o teu blog. E bon para coñecer e tamén para lembrar os tesouros da nosa cultura.

    Cada vez intéresome máis polo que temos en Galicia, tanto o que esta a facerse no presente como polo legado dos nosos devanceiros.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar