Páginas

16.2.11

COLMEIRO E LAXEIRO, ARTISTAS DO DEZA

Achegámonos hoxe ao interior da provincia de Pontevedra, á comarca do Deza, para coñecer á figura de dous artistas senlleiros dentro da plástica galega do século XX. Son Manuel Colmeiro, da pequena aldea de Chapa (Silleda) e José Otero Abeledo “Laxeiro”, nacido no lugar de  Donramiro (Lalín).

Nacidos na primeira década do século, os dous souberon interpretar a perfección a paisaxe, os costumes e as lendas deste fermoso val galego no que pasaron a súa infancia e xuventude. Fixérono a través dun xeito de crear moi identificable e persoal. Formaron parte esencial do grupo dos Renovadores, un conxunto de artistas que introduciron a plástica galega na modernidade artística.  Colmeiro e Laxeiro amosaron, durante toda a súa traxectoria, un indubidable amor e compromiso con Galicia e coa súa cultura. Sirva pois, esta clase, para coñecelos un pouco mellor e , sobre todo, para homenaxealos polo seu talento e capacidade artística.


O Deza é un río curto e cristalino, que aporta caudal ao Ulla, e que rega e dá nome a esta comarca. A suave e verdescente paisaxe, coas súas vizosas pradarías, cos seu milleiros de leiras, fan desta terra a zona gandeira máis importante de Galicia. As chairas e as lenes ondulacións do terreo, os cómaros, os pastos cheos de vacas, as hortiñas, as mestas fragas como a de Catasós, os regatos e fervenzas como a  do Río Toxa, as altas serras que atravesan a comarca como a de Faro... Forman unha das paisaxes máis fermosas e reconfortantes da nosa terra. É normal, polo tanto, que estes artistas se inspirasen na súa terra de orixe á hora de crear, aínda que durante moitas etapas da súa vida se atopasen en lugares tan afastados da súa terriña como Madrid, París ou Bos Aires.

Con todo, a comarca do Deza é moito máis. Son tamén as vilas e as aldeas, as xentes, as tradicións ... Veremos como tanto Colmeiro como Laxeiro van recoller na súa pintura toda este caudal de cultura popular, de etnografía galega, que identificamos non só coa súa terra do Deza, senón con toda a Galicia rural e incluso mariñeira.

A comarca abrangue os concellos de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón. O viaxeiro que penetra no país do Deza ten que visitar Lalín, punto neurálxico da comarca e centro xeográfico de Galicia, famoso tamén pola súa tradición do cocido. No Santuario do Corpiño celébrase unha das romarías con máis tradición de Galicia, disque a virxe do meigallo pode quitar o mal de ollo e botar ao demo fóra do corpo. Cuestión de fe. Tamén na capital da comarca podemos coñecer A casa do patrón, convertida en museo etnográfico. Outros lugares do noso patrimonio nesta comarca son o Mosteiro de Carboeiro, situado nun enclave máxico, os Pendellos de Agolada, mercado que se mantén desde o século XVIII, as igrexas románicas de Dozón (Santa María de Dozón o San Pedro de Vilanova), e tamén a Torre de Cira no Concello de Silleda.

Se cadra, o máis fermoso do Deza é a fermosa natureza que antes explicamos, e que nos permite contemplar  lugares máxicos. No val do Deza albiscamos como a sabedoría dos nosos antergos foi creando unha paisaxe humanizada que se corresponde coa tradición agraria do país. As parroquias, os casais, os numerosos pazos, son testemuña da organización social e económica que perdurou en Galicia durante longos séculos. Viaxando pola comarca podemos ver decenas daquelas casas de aldea, como  nas que viviron de mozos Colmeiro e Laxeiro. Baixo o calorciño das súas lareiras, aqueles rapaces escoitaron historias, cantigas e lendas que encheron a súa imaxinación de artistas. Imos coñecelos agora máis polo miúdo.

MANUEL COLMEIRO

Manuel Colmeiro Guimarás nace o 7 de agosto de 1901 na aldea de Chapa, no concello de Silleda. Cando ten nove anos, os seus pais, Albino Colmeiro e María Guimarás emigran a Bos Aires. Tres anos máis tarde reuniríase Colmeiro con eles na capital arxentina. Esta etapa da infancia no campo galego, antes da emigración, vai marcar a vida do pintor. De feito, unha das súas primeiras lembranzas como artista é cando debuxaba cunha vara na lama, mentres gardaba o gando.

O Colmeiro adolescente de Bos Aires continúa os seus estudios primarios e toma aulas de debuxo na academia de Belas Artes, onde comeza a facer bodegóns, escenas do natural e paisaxes galegas lembranza da súa infancia. Nos seus anos mozos compaxina esta actividade artística co traballo nunha zapatería. Nesta etapa adolescente, desenvolve un forte conciencia social, algo que se reflicte nalgunhas das poucas obras que conservamos daquela época. Cómpre aclarar que a causa da escaseza de obras desta primeira etapa débese a que o propio artista destruíu gran parte da súa primeira produción. Desta etapa é, tamén, a súa colaboración nunha revista de arte e literatura chamada Fuego, e os ecos que nos chegan dunha intensa participación nos faladoiros culturais do lugar. En Arxentina axiña amosa o seu talento artístico, participando des moi novo en exposicións colectivas. A vocación artística chégalle naturalmente:

«En realidade, eu empecei a pintar seriamente aos 16 anos , en Arxentina, aínda que xa de rapaz facía debuxos cun pao na terra mentres coidaba as vacas da casa.Pintaba en Bos Aires as cousas de cada día: a miña nai, as mulleres comprando no mercado,... simplemente porque me gustaba. Entre os meus proxectos non estaba dedicarme á pintura, senón escribir unha novela, unha histórica moi curiosa que trataría dun vagabundo que abandona Galicia e, xa no estranxeiro, lembra...»

En 1926 Regresa de Bos Aires. Aos 25 anos, exercendo xa como artista profesional, instálase na aldea de San Fiz de Margaride. Este reencontro coa Galicia rural provoca que Colmeiro vexa na súa terra un novo motivo para a súa pintura. A partir deste ano, os temas relacionados coas xentes e as paisaxes da comarca serán unha constante na súa obra.

A sega, 1975 (Colección Caixanova)

Nesta altura comeza o seu contacto coa incipiente vangarda artística e cultural de Galicia, da que será un dos seus máximos expoñentes. Este pintor novo, case autodidacta, que apenas tomara unhas aulas de pintura na súa estadía americana, sinte agora a necesidade de coñecer, de formarse. Serán moi habituais as súas viaxes a Madrid, o máxico contacto cos mestres do Museo del Prado e o partillar experiencias con outros artistas e intelectuais. En 1928 gaña unha bolsa da Deputación de Pontevedra, o que lle permite viaxar a Madrid, Barcelona e incluso a Holanda.

Nesta altura está participa nas profundas mudanzas que están a transformar o mundo artístico galego. Xunto a Maside, Laxeiro, Manuel Torres, Arturo Souto e Luís Seoane formarán o grupo chamado dos renovadores ou os novos. O seu compromiso vital con Galicia, a súa relación produtiva coas vangardas e coa modernidade artística, e a súa admiración e homenaxe ás expresións artísticas e culturais populares converten as décadas centrais do século XX nunha das etapas máis brillantes da historia da arte en Galicia.

Paisaxe (Fundación María José Jove)

Colmeiro casa en 1929 con Emilia González, coa que vive en Margaride, aínda que a súa presencia nos ambientes culturais e faladoiros de Santiago, Vigo e Pontevedra. Malia que nunca militou politicamente, nesta etapa albiscamos un fondo compromiso coas ideas galeguistas e republicanas, ideas que, andando no tempo, provocarían o seu exilio. A súa filla Elena converterase, co tempo, nunha destacada creadora plástica, neste caso dentro da escultura e da abstracción.

Colmeiro configura nesta altura o seu estilo.  Nestes anos que van ata o seu exilio comeza a expoñer a súa obra,  tanto en Galicia como nas cidades que vai coñecendo: Madrid, Barcelona, Lisboa... Tamén nas cidades galegas, nas que agroma un novo gusto pola arte moderna que os novos representan.

 Lavandeiras (Museo de Belas Artes da Coruña)

A guerra civil provoca unha interrupción brutal no proxecto vital de Colmeiro, igual que aconteceu con todos os artistas e intelectuais do seu círculo de amizades. A principios de 1937 parte cara o exilio desde Portugal. A cidade na que pasara a súa xuventude acólleo de novo. Alí coincide cos irmáns Dieste, Seoane, Lorenzo Varela... Mais tarde chegarían Castelao e Maruja Mallo. Son gran parte da elite cultural galega, perseguida, obrigada a fuxir e  refuxiada na chamada quinta provincia galega.

Colmeiro vai ficar doce anos na capital arxentina, período dunha fertilidade creativa abraiante. Continúa cos seus cadros, participa na creación de grandes murais, publica albumes de debuxos, ilustra libros e participa nos debates intelectuais dos españois exiliados. As galerías e salas de Montevideo, Bos Aires e incluso Brasil contarán con exposicións de Colmeiro na década dos corenta. Con todo, os primeiros anos van ser unha etapa moi triste na súa vida. A muller e fillos ficaran en Galicia, polo que a incerteza e a morriña afectan a un Manuel Colmeiro que, nesta etapa fai unha pintura cunha grande carga simbólica, feito que se exemplifica moi ben nas súas maternidades. Estas mulleres grávidas son iconas da familia que agarda ao lonxe, e tamén da terra perdida. O reencontro familiar en 1941 abrirá unha nova etapa de esperanza no de Chapa.

Pulpeira na feira, 1967 (Fundación Caixa Galicia)

En xaneiro de 1949 conclúe a súa estancia en Arxentina. Ese ano trasládase a París, onde vai residir ata o seu retorno definitivo a Galicia en 1986. Ao ano seguinte, en 1950, regresa por vez primeira a Galicia. A partir desta data, as súas viaxes tanto a Madrid como a Galicia será cada vez máis frecuentes.

Cando Colmeiro chega a París, atópase alí cun grupo de artistas españois cos que vai contactar e partillar experiencias. Neste ambiente coñece a artistas que deixan nel unha fonda pegada, como Picasso ou Miró. Nesta época, lonxe da súa terra, vai afondar na súa temática característica, perfeccionará o seu estilo e será recoñecido como un dos artistas destacados dentro do seu ámbito.

Os anos 60 supoñen o recoñecemento definitivo á obra de Colmeiro. Chegan agora as súas exposicións en Londres, París e Madrid... Podemos atopar ao Colmeiro deste anos integrado no máis selecto grupo da chamada escola española de París. En 1968 dedícaselle unha sala de Honor na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid. En 1983 realízaselle unha exposición antolóxica no Museo Español de Arte Contemporáneo de Madrid (Actual MNCARS), mostra que percorreu as principais cidades galegas e que serviu de recoñecemento á súa brillante traxectoria.

Feira (Fundación Caixa Galicia)

Colmeiro seguiu traballando ata o último día da súa longa vida, no seu retiro en Margaride e en Vigo, sempre discreto e  entregado á pintura. O de Chapa pechou o ciclo da súa vida regresando á terra que lle viu nacer, despois dun periplo vital afastado da súa querida Galicia.

Ata aquí resumimos a traxectoria vital deste xenio dos pinceis. Imos explicar agora, dun xeito sinxelo, o estilo e o sentido da súa obra. A pintura de Colmeiro ten unha fonda inspiración  no mundo rural galego, naquelas escenas e paisaxes que el coñeceu de primeira man e das que tantas veces na súa vida estivo afastado. A temática vaise repetir en moitas ocasións: o campo e o mar, a través das festas e romarías, da seitura, da pesca, das tendeiras, das panadeiras, das lavandeiras... tamén os espidos femininos, enmarcados nos evocadores escenarios do campo galego. Son as nosas paisaxes, a propia antropoloxía cultural do noso pobo e as atmosferas que o arrodean.  En moitas ocasións Colmeiro entregarase ao puro pracer de pintar, a artepola arte, sendo o tema algo secundario ou anecdótico. Isto explica, en parte, o seu interese polo xénero do bodegón.

Pescadores, 1973 (Colección Caixanova)

Outra característica no tocante á temática, que vai compartir cos outros artistas do grupo dos renovadores, é o predominio, case absoluto, da figura feminina. Son mulleres anónimas, de orixe humilde, mulleres das aldeas en escenas da vida cotiá, cunha fonda carga simbólica. Ollo, porque moitas delas son as mulleres dese país sen homes no que se converteu Galicia, entre as últimas décadas do XIX e as primeiras do XX, por mor da emigración. Naquel mundo onde os homes marchaban á diáspora, as mulleres levaban todo o peso do fogar. Neste sentido, os renovadores como Colmeiro están homenaxeando ás mulleres galegas, a través da súa pintura. Tamén as figuras femininas de Colmeiro representan o máis perdurable, a continuidade da vida, a fertilidade da terra que nos acolle. Son a esencia de Galicia, que se conserva nas nosas mulleres do campo e do mar.

Colmeiro é un dos pioneiros da arte de vangarda en Galicia. A partir das súas viaxes nos anos vinte e trinta vai coñecer a revolución que se estaba a producir na historia da arte a principios do século XX. Figuras como Picasso, Cezanne, Matisse, os Fauvistas, a vangarda catalana... van influír decisivamente no seu estilo. Colmeiro vai rexeitar a pintura académica e rexionalista, decidíndose por un estilo decididamente á marxe dos vieiros da arte galega daquela época, na que as figuras dominantes eran Lloréns e Sotomayor.

Bodegón, 1965 (Museo de Belas Artes da Coruña)

A pincelada de Colmeiro e densa, ampla. A súa forma de debuxar básica, elemental,  sinxela. Unha das características da súa obra é o primitivismo, esa forma de crear deliberadamente inxenua, que nos traslada a tempos remotos, nos que a arte non estaba regrada nin canonizada polas academias oficiais. Os renovadores galegos como Colmeiro expresaron esa arela de liberdade na súa arte, e ademais o compromiso cara  a historia da plástica galega, a través do se coñeceu como estética do granito. As formas nos seus cadros son como figuras de vulto redondo, inspiradas nas pezas esculpidas en granito, nos pórticos e cruceiros, tan tradicionais dentro da nosa arte. Son figuras como as que crearon os nosos canteiros populares, que están presentes no noso patrimonio desde o románico ata os nosos días, case en cada pequena parroquia da nosa xeografía.

Outra das características da súa pintura vai ser o intenso cromatismo dos seus cadros. As amplas gamas de azuis e verdes están sempre presentes, ata o punto de chegar a investigar e innovar con novas tonalidades das cores que, segundo el, mellor representaban a nosa paisaxe.

Lavandeiras, 1968 (Fundación María José Jove)

Se a temática vai ser moi similar desde que regresa de Bos Aires a Galicia, a súa forma de pintar vai evolucionando ao longo dos anos, aínda que sen trocos drásticos. Na década dos 30 a paisaxe esquematízase ata chegar case a abstracción. Cadros nos que os verdes e os amarelos son pintados con liberdade xestual. O Colmeiro debuxante destápase no exilio bonaerense, onde fai milleiros de bosquexos e debuxos. Os primeiros anos de exilio supoñen na pintura de Colmeiro unha labor de denuncia dos horrores da guerra. Os seus cadros reflicten drama, soidade e desolación, aínda que  tamén unha xanela aberta á esperanza, representada xeralmente na tenrura das nais. Esta carraxe da súa obra de posguerra vai mudando cos anos cara un sentimento de saudade da terra e da familia, que se reflicte nas súas creacións artísticas. A partir de 1941 retoma a paisaxe evocadora de Galicia como tema.  Os azuis e os verdes intensos da súa paleta e a representación constante da muller son de novo a súa sinal a de identidade.

Cando chega a París en 1949 atópase cun ambiente artístico onde a abstracción abríase camiño con forza, aínda que moitos dos artistas formados nas vangardas seguían fieis á pintura figurativa. Cómpre subliñar que Colmeiro non se atopa alicientes na abstracción, polo que a rexeita, permanecendo fiel aos seus principios, e representando unha e outra vez eses temas típicos da súa iconografía. Ademais non podemos esquecer que as súas visitas a Galicia son frecuentes desde a súa volta a Europa, polo que a renovación da inspiración ficou asegurada.




LAXEIRO

Xosé Otero Abeledo, coñecido no mundo artístico como Laxeiro, naceu en 1908 na aldea de Donramiro, no Concello de Lalín. Foi o primeiro dos sete fillos que tivo Xosé Otero, o seu pai, que tiña a profesión de arrieiro.

Aos poucos anos cambiou Donramiro por Vilarmaior, na parroquia de Botos, no mesmo concello de Lalín. Aquel rapaz vive a vida tradicional das aldeas galegas de principios do século XX, observa a xente, escoita vellas historias a carón do lume da lareira, e comeza a crear un mundo imaxinario propio, cheo de creatividade, que lle acompañará na súa vida. O taberneiro Tacán, que se converte polas tardes en gato e lle provoca arrepíos, a tía Carmela, que percorría a casa cun saco cheo de papeis e cacharros que representaban os seus pecados, ou toda a xente que pasaba polo palleiro da súa casa a contar e escoitar historias, e a probar o viño que o seu pai traía do Ribeiro... Son escenas a medio camiño entre a realidade e a fantasía, que Laxeiro vai recordar toda a súa vida.

As veces, na vida dun rapaz, crúzase un mestre que saber ver e potenciar o seu talento. Na vida de Laxeiro cruzouse a mestra Teresa López, naquela pequena escola da parroquia de Botos. Ela foi que lle animou a pintar e lle regalou os seus primeiros lapis:

 "A miña mestra, dona Teresa López, que foi a primeira mestra do posta polo estadona miña parroquia de Botos, viu en min boas aptitudes para o debuxo e foi a primeira persoa que me falou dos grandes pintores, dos clásicos,de Goya,Veázquez... Ela animábame a pintar, dábame lapis,cores e papeis"


Carnavalada, 1931 (Fundación Laxeiro)

Laxeiro, igual que tantos outros rapaces galegos daquela época, coñeceu a emigración. No ano 1921, aos trece, marchou para A Habana, onde xa vivía o seu pai. Canda el viaxaron a súa nai e a súa irmá María. A súa vida transformouse en Cuba. Alí tivo que compaxinar traballo e estudos cunha vocación artística que nunca abandonaría. No Centro Galego da Habana asistiu ás súas primeiras aulas de debuxo, formación que completaría na Academia San Alejandro. Unha data moi importante nesta traxectoria habaneira de Laxeiro foi cando visitou as exposicións de Xesús Corredoira e Ignacio Zuloaga na organizadas na illa. Segundo el, aquelas exposicións causáronlle tal impacto que decidiu dedicarse profesionalmente a arte.

"Quedei moi impresionado, lembro aínda aspaisaxes de Corredoira, un home que era de Lugo e vivía en Santiago de Compostela, neas vía as cores e as leiras daquela Galicia que eu botaba de menos"

En 1925 enferma na  Habana e a súa familia decide que regrese a Galicia, á sua comarca natal. Nunca máis volvería á cidade onde se fixo home e artista, e que ficaría no seu corazón. Naque vizoso val do Deza sandou da súa doenza respiratoria e comezou a traballar. Non era nada doado vivir da pintura nos anos 20 en Galicia, unha terra con pouca tradición e mercado para a pintura. Así, Laxeiro converteuse en barbeiro-pintor. Nas festas e feiras da zona, tanto cortaba o pelo como facía retratos aos paisanos que acudían ao seu posto.

Banquete de nenos, 1949 (Fundación Caixa Galicia)

Naquela altura comeza a asinar os seus cadros como Laxeiro, alcume que adopta da súa avoa, “a Laxeira”, así chamada porque era do lugar da Laxe. Nos anos 20 fixo colaboracións en prensa, concretamente en Céltiga, Faro de Vigo e El Pueblo gallego, medios que publicaron os seus debuxos, e tamén ilustrou capas de libros. A súa actividade artística permítelle abandonar o oficio alternativo de barbeiro, xa que cada vez eran máis os retratos e menos os afeitados que lle encargaban. Nesta época de cambios cando Laxeiro casa con Luísa Villamartín, que sería nai da súa única filla, chamada Mari Cruz.

Cara finais dos anos 20 comeza a contactar con outros artistas galegos, participando nos faladoiros de artistas en Compostela e facéndose amigo de Carlos Maside e Manuel Colmeiro. En 1931 o Concello de Lalín concédelle unha bolsa para estudar en Madrid, e ao ano seguinte a Deputación de Pontevedra lle permitiría seguir con estes estudios, na Academia de Belas Artes de San Fernando. Na capital do estado pasou dous anos, tempo no que puido coñecer o Museo del Prado. A obra de Francisco de Goya, sobre todo as súas pinturas negras, causou unha fonda impresión nel, así como o mestre holandés do barroco Rembrandt. Nos faladoiros da Granja del Henar coincide con boa parte da intelectualidade galega que estaba na capital do estado nos primeiros anos da II República: Castelao, Otero Pedrayo, Dieste, etc.

 Cencerrada, 1950 (Colección Caixanova)

"Madrid significou moito para min como artista e como persoa, poispuiden facer realidade cousas coas que  soñara  de rapaz, ir ao Museo del prado e descubrir a Tiziano, no cadro A Venus do Amor con aqueles querubíns que aínda recordo; Velázquez As meninas; o Greco, un pintorazo de carallo; Goya e as súas pinturas negras foron acontecementos inesquecibles"

Terminada esta etapa en Madrid, Laxeiro volve a Lalín. Será nestes anos, na universidade de Compostela, cando expoña por vez primeira.

 "Era o ano 1934. Aceptei en face-la exposición e cheguei a ela de milagre, xa que non tiña cartos para paga-lo coche de liña de Lalín a Santiago, que daquela custaba sete pesetas. Tiven unha forte liorta co revisor cando me pediu o billete, e ao chegar a Santiago tiven que buscar a carlos Maside para que me prestase cartos (...). Lémbrome tamén da axuda que me prestou Luís Seoane, que viña de remata-la súa carreira de avogado. Foi conmigo para axudarme a colgar os cadros. Este foi o primeiro encontro con Luís con quen anos máis tarde afondaría na miña estancia en Bos Aires"

Os deuses, 1970 (Fundación Laxeiro)

Ao chegar a guerra civil foi mobilizado polo bando franquista e enviado a Asturias, maila ser de ideoloxía galeguista e republicana. Unha vez terminada a guerra, trasladouse a Pontevedra, onde estivo dous anos, e despois a Vigo, en 1942. A súa situación económica nestes anos non foi moi brillante. En Vigo compaxinou a súa obra máis característica, con retratos feitos por encargo.

"Non compraba cadros ninguén, nin a min, nin a ningún novo, pero a cousa era xeral en España, só vendían uns cantos académicos, e en Galicia xa non digamos"


Xogo de nenos (fundación Laxeiro)

Un destes retratos lle permitiu ter un lugar de traballo e residencia permanente na Rúa do Príncipe. Un banqueiro que lle encargou un retrato préstalle o local para que el traballe. Cando remata o retrato, Laxeiro pídelle se pode ficar alí, e o banqueiro respóndelle que mentres lle guste o retrato, pode quedar. No ano 1970, cando Laxeiro regresa de Bos Aires, o banqueiro lle dí que lle segue a gustar o retrato, polo que pode quedarse no local canto queira. Esta é só unha anécdota do xenio que foi Laxeiro. Foron anos de bohemia, anos nos que Laxeiro deixou unha fonda pegada, a través de debuxos e murais, e sobre todo a través do seu engado persoal, nos restaurantes e tabernas máis características da cidade atlántica, como A taberna do Elixio. En Vigo expuxo e vendeu obra en moitas ocasións, nestes anos tamén expuxo na Coruña, Santiago,  Bilbao e Madrid.

O manancial da vida, 1940 (Café Moderno Pontevedra -FCG)

Nesta etapa permanece á marxe da política cultural e artística oficial, mantendo unha postura ética e estética inquebrantable, e pasando esteiteces, como lle aconteceu aos pintores do grupo dos Renovadores que non se exiliaran, como foi caso de Maside ou Manuel Torres. Así,  Laxeiro decide mudar de vida e emigrar a Bos Aires, na procura de novas oportunidade e horizontes vitais. Co gallo de acompañar a súa obra para unha exposición colectiva no Centro Galego da capital arxentina, Laxeiro marchou cara Bos Aires por unhas semanas, e decidiu quedarse a vivir alí ata 1970. Corría no ano 1951. Este “autoexilio” non foi debido ás penurias económicas nin a presións políticas, senón por unha arela de continuar coa súa carreira artística nun ambiente máis propicio, pois Buenos Aires, daquela, era a gran capital cultural da América Latina.

"Cheguei a un país no que valoran a arte (...) Eu atopabame alí como na miña terra. Fixen moitas exposicións, fun vicepresidente da  Sociedade de Artistas Plásticos Arxentinos, gocei alí de grandes simpatías no ambiente artístico, dei charlas e conferencias en torno á pintura. Foi unha época moi boa para o meu espírito e para os meus sentimentos (...) Bos Aires foi un xarope doce e inesquecible para min como home, como artista e como galego"


Trasmundo, 1949 (Fundación Laxeiro)

Laxeiro foi sempre un sedutor, que buscou unha compañía feminina, que normalmente atopou con facilidade. En Bos Aires vaise xuntar con Eulalia de Prada, Lala, unha muller de forte personalidade que o acompañaría e que influiría moi positivamente na súa carreira artística. Na súa nova residencia vai poder vivir comodamente da súa pintura,  e traballar sen descanso no que supuxo unha etapa moi creativa e fecunda. Durante estas dúas décadas relacionarse cos artistas máis destacados do panorama arxentino, e poderá expoñer e vender obra en moitas ocasións. Laxeiro intégrase sen dificultades no universo cultural bonaerense, chegando a ser vicepresidente da Sociedad Argentina de Artistas Plásticos. O de Donramiro mantivo contacto con España durante estas dúas décadas, viaxando decote á península e expoñendo a súa obra con éxito.

En 1970 decide regresar de América, repartindo agora o seu tempo entre Madrid, Vigo, pois alí terá un estudio, e Lalín, onde vai recuperar a súa antiga casa de Vilarmaior. Agora chegaralle o recoñecemento en Galicia, pasando a ser considerado un dos artistas de referencia. Era a hora dos recoñecementos e homenaxes, e Laxeiro se converteu nun dos intelectuais vivos máis influentes na nosa terra. Nunha época de renovación artística en Galicia, co movemento Atlántica abeirando, o artista lalinense foi considerado o nexo entre a tradición e a modernidade. A partir do seu regreso a Galicia unha das súas maiores preocupacións foi a promoción da arte e o apoio aos novos creadores. O seu eterno vencello coa cidade de Vigo ficou entón, plasmado, a través dunha moi xenerosa doazón e da creación por parte do concello da fundación que leva o seu nome. A medalla Castelao e a súa exposición antolóxica no Auditorio de Galicia en Compostela son exemplos deste reconocimientos dos galegos cara un dos seus mellores pintores de sempre.

 Maternidade, 1973 (Colección Caixanova)

Laxeiro seguiu traballando arreo ata o último día,  implicándose na vida cultural en democracia, pintando murais, facendo carteis, expoñendo, participando en xornadas, impartindo conferencias, e partillando a súa experiencia e coñecementos, a súa extraordinaria compaña, e a ledicia por vivir coas numerosas amizades que foi forxando ao longo da vida.

Laxeiro morre o 21 de xullo de 1996. Uns meses antes, o CGAC, o novo centro da arte moderna en Galicia, dedicáballe a súa última exposición en vida. Esta exposición, resumo de toda unha vida dedicada á creación artística, serve de nexo entre os artistas galegos do XX, aqueles que renovaron a arte a través da vangarda, os que abriron novos vieiros a partir dos anos 50, os membros do grupo Atlántica e a arte actual en Galicia. Laxeiro pertenceu, ao seu xeito, a todas estas xeracións.


A obra de Laxeiro é facilmente recoñecible. Se hai un autor do grupo dos renovadores no primitivismo está máis presente, é precisamente nos seus cadros. O rural galego, dominador absoluto da súa temática, toma aquí un cariz fantástico. As fábulas de Laxeiro remítennos a unha Galicia de lenda; nos seus cadros encontrámonos cun humor burlesco, transmitido a través da estética do granito que comparte con outros renovadores da arte galega do século XX. O lalinense achéganos ao mundo dos canteiros populares, cunha linguaxe barroca e fabuladora, na que a realidade aparece distorsionada, manipulada á súa vontade, a través das recreacións de mundos máxicos. O horror vacui, a presencia abafante de personaxes e figuras na súa obra, e outra das características deste artista.

A súa infancia en Lalín, terra rica en lendas, contos e tradicións van marcar unha temática na que o autor amosa unha imaxinación desbordante, deixándonos unha obra nunca exenta dunha boa dose de retranca e de crítica social.

"Na miña casa vendíase viño, que meu pai traía do Ribeiro. Na planta baixa, arredor da lareira, quentábanse os corpos e as cuncas de viño ao resclado do lume. O sitio era propicio para contar historias e contos que me facían tremer (...) Así vivín de rapaz, cheo de medo, de crenzas, de trasnos, aparecidas e bruxas. O pobo galego está cheo desas cousas e, sen dúbida, son parte da nosa base argumental"

Temos en Laxeiro unha versión galega dunha vella tradición hispana no eido artístico, irónica, macabra, negativa, que nace en Goya coas pinturas negras, que ten continuidade coa España negra de Gutierrez Solana e que podemos asimilar aos esperpentos doutro galego xenial como foi Valle-Inclán.

"En Galicia tamén hai un mundo bastantes goyesco presente no seu expresionismo"


Mascarón, 1934 (Fundación Laxeiro)

Na temática, ese realismo máxico vencellado á terra, atopámolo tamén na obra de Cunqueiro. As súas influencias artísticas inclúen ao seu admiradísimo Rembrandt, cuxa obra coñece no Museo del Prado, e, por suposto, Picasso, que deixou unha fonda pegada na obra de todos os renovadores galegos. Tamén o expresionismo alemán dos anos 20, e, despois da segunda guerra mundial, o art brut.

"Para min como para os outros bolseiros, Torres, Souto, Colmeiro, etc. a estadía en Madrid fíxonos senti-la terra moi a fondo pero como dixen antes ao servicio da creatividade e da imaxinación. Quizais iso foi o que se chama Renovación"

A paleta de Laxeiro é limitada, cun dominio absoluto das terras e dos ocres. Nos últimos anos da súa traxectoria, esquematiza as formas e fai unha pintura moito menos barroquizante que nas décadas previas, achegándose á arte abstracta, aínda que sen traspasar a barreira da figuración, Ademais, a súa paleta  amplíase cara a tonalidades máis alegres.O debuxo foi case unha obsesión para Laxeiro. Debuxaba a todas horas, mesmo na mesa dun café ou en calquera papel que lle acaera ben. Para el o debuxo é o armazón do cadro, a base na que sustenta a súa pintura.

Os seus cadros máis celebrados foron aqueles que reproduciron aquelas realidades deformadas, os entroidos, as máscaras, os seres mitolóxicos... Tamén aquelas composicións barrocas, cheas de persoeiros que nos remiten ao trasmundo laxeiriano. Ademais de lenzos e debuxos, deixou unha fonda pegada a través da súa obra mural, e fixo incursións noutros xéneros como o gravado.

Pitonisa, 1976 (Fundación Laxeiro)

Extremadamente xeneroso coa súa obra, descoidando en moitas ocasións o aspecto comercial, foi un creador extraordinariamente activo. Un home en boa medida autodidacta, que foi adquirindo, cando a vida llo permitiu, unha formación intelectual e un coñecemento da historia da arte que lle permitiu, en certa medida, ser considerado como unha autoridade na plástica galega.

"Eu fun un gran estudioso do Pórtico da Gloria, e aínda me segue gustando hoxe. Sen dúbida, iso influiu en min (...). As nosas igrexas, os capiteis románicos, a ampla follaxe barroca inflúen en nós como inflúen os entroidos, ou esas cornetadas que vivín na aldea cheas de elementos e sonoridade"

Colmeiro e Laxeiro pertenceron ao grupo dos Renovadores, nos que se inclúe, tradicionalmente, a outros artistas como Carlos Maside, Manuel Torres, Arturo Souto e Luís Seoane. Por cuestións de espacio e de tempo, non podemos ver a obra de todos eles nesta clase. A algúns deles xa os coñecimos durante o curso. Seguro que en ocasións sucesivas poderemos seguir falando desta etapa tan fascinante dentro da historia da arte e da cultura en Galicia. Despedímonos, así,  recollendo as palabras finais de Laxeiro na entrevista con Fernando Elorrieta que fomos escolmando neste artigo:

"Vivo entre Lalín e Vigo con amor á vida, enchendo os ollos deste paraíso que é galicia, que cada día sinto máis. Temos unha terra única". 


No hay comentarios:

Publicar un comentario