Páginas

21.12.11

O PATRIMONIO INDUSTRIAL EN GALICIA


O patrimonio industrial é unha parte fundamental da nosa historia e da nosa cultura que nos permite reconstruír e entender o pasado industrial do país. Está composto polas fábricas, as minas, as máquinas, os muíños, os almacéns, as ferramentas, e outros elementos que constitúen as pegadas materiais da actividade humana ligada ao traballo, testemuña da nosa civilización industrial. Normalmente o marco cronolóxico sitúase en torno á metade do século XVIII, que é cando agroman as primeiras industrias na península ibérica. O patrimonio industrial está composto por elementos illados, conxuntos industriais e paisaxes industriais.

A consideración como patrimonio cultural dos restos do pasado industrial dos diferentes territorios ten lugar nestas últimas décadas. O seu estudo e conservación é defendido actualmente pola UNESCO e polo ICOMOS, a través dunha axencia internacional (International Commitiee For The Conservation Of The Industrial Heritage). En Galicia, a súa posta en valor é un feito serodio, pois moitas estas instalacións ficaron abandonadas durante moitas décadas. Na actualidade algúns destes elementos do patrimonio foron recuperados para que nos falen do seu pasado; porén, a maior parte deste patrimonio estase a perder de forma irremediable.

Nesta clase imos botar unha ollada ao noso pasado industrial, e a pegada que esta deixou na sociedade, na paisaxe e no patrimonio galego.

A INDUSTRIA EN GALICIA

A revolución industrial que transformou fondamente as estruturas económicas e sociais europeas desde finais do século XVIII foi un feito que en Galicia non tivo unha gran relevancia ata case un século máis tarde. Poucas industrias e de escasa entidade marcan unha sociedade na que o sector primario mantivo un peso moi grande ata os nosos días. En Galicia subsistiron os oficios artesanais, máis ou menos especializados, ata ben avanzada a era contemporánea, debido á dispersión da poboación e a economía de subsistencia. Canteiros, curtidores, ferreiros, zapateiros, torneiros, etc. Moitos deles traballaban a tempo parcial e de xeito itinerante. Cando falamos de industrialización en Galicia temos que comprender que estamos ante un proceso incompleto e, para moitos estudosos, fracasado.
No século XVIII Galicia está nun punto de partida óptimo para unirse a febre industrial europea. Nesta centuria, ademais da industria do lenzo, da que participaban en torno a 75.000 familias galegas, arrinca en Ferrol a construción de buques co Arsenal; o Marqués de Sargadelos instala unha das primeiras e máis grandes siderurxias da Península Ibérica, e o porto da Coruña racha o monopolio de Cádiz e comeza a comerciar con América. Que foi, pois, o que fallou? Que se perdeu neste proceso durante o XIX? A forte competencia europea, a falta de capitais, e a posición periférica e subalterna do Reino de Galicia no novo estado liberal son razóns que abondan por si mesmas para comprendermos o fracaso.

Durante o século XVIII as iniciativas industriais veñen da man da coroa española, a través da instalación das manufacturas reais, na etapa do despotismo ilustrado cuxo máximo expoñente foi en España o monarca Carlos III. A Real Fábrica de Sargadelos foi o buque insignia dunha serie de iniciativas industriais que abranguen a fabricación de diferentes xéneros. A Real Fábrica de Mantelería da Coruña, a Real Maestranza de Artillería da Coruña, a Real Fábrica de Cobrería en Xubia, a Real Fábrica de Xarcia e Lona en Sada, ou a Fabrica de Tabacos da Coruña, instalada en 1806, son exemplos do incipiente desenvolvemento industrial deste período.

A iniciativa da Real Fábrica de Sargadelos, primeiro siderurxia, e despois factoría de louza, non se entendería sen a figura egrexia do seu fundador, don Raimundo Ibáñez. Este prominente ilustrado naceu en Oscos, Asturias, no ano 1749, no seo dunha pequena familia fidalga. Desde que era novo amosouse como un emprendedor e un precursor, tratando de introducir nos reinos españois as novidades producidas noutros países máis avanzados. O seu pai era notario, e con el debeuse formar, pasando despois a traballar en Ribadeo como administrador dunha casa comercial. Non tardaría moito en facerse coa dirección do negocio. Converteuse nun comerciante de éxito, facendo medrar en pouco tempo a súa situación social e económica. Comerciou nestes anos con aceite, con liño, con viño e augardente e con ferro, introducindo e dándolle saída a estes produtos desde Galicia e Asturias. Vemos pois como, na segunda metade do XVIII, xa era posible, en certos casos, mudar a condición familiar grazas as oportunidades de negocios que se abrían para os emprendedores. Non se conforma Antonio Raimundo Ibáñez co seu éxito comercial e faise el mesmo armador, fundando a Real Compañía Marítima, e comezando a comerciar coas Indias e tamén con lugares daquela tan exóticos como Rusia, Suecia ou Terranova.

A partir do ano 1791 comeza a erguer o complexo de Sargadelos, hoxe en día coñecido pola súa cerámica. Nun primeiro momento xurde como unha potente siderurxia, a altura das que comezaban a proliferar en Europa ao calor do proceso da industrialización. Contaba para a empresa co apoio do Primeiro Ministro Godoy desde Madrid, que lle aseguraba contratos para adquirir municións para a Armada Española, e lle facilitaba os suministros de materias primas. En 1794 comeza a funcionar o complexo, no que se fabrican, ademais de balas de canón, todo tipo de obxectos pesados de ferro, elementos de uso cotiá e ferramentas. A fábrica non tardou moito en entrar en decadencia debido ao difícil abastecemento e a competencia sufrida desde outras instalacións. Ademais o marqués de Sargadelos atopouse co rexeitamento de boa parte da poboación autóctona, debido á deforestación de montes en ben común que a súa fábrica provocaba na comarca. Consecuencia disto, no ano 1798 sufriu unha revolta que causou graves danos na siderurxia, que co tempo tivo que pechar. Co tempo, seguiríase producindo, pero a un ritmo moito menor do agardado polo marqués. Velaquí a curta historia dunha industria moderna nas formas, pero que non podía subsistir sen o apoio da coroa e sen esquilmar os bosques, pois aquel forno devoraba madeira.

No ano 1806 Antonio Raimundo Ibáñez crea a fábrica de louza  nas mesmas instalacións da siderurxia, repoñéndose así do fracaso anterior. Apenas podería ver o éxito da súa iniciativa, xa que morrería en 1808. As circunstancias do seu pasamento non ficaron moi claras. En 1808 coa Guerra da Independencia xa en marcha, forma parte das xuntas de defensa de Ribadeo. Cando estas capitulan ante os franceses, o marqués de Sargadelos é acusado de traidor e afrancesado polos do seu bando, que rematarían por asasinalo.

O seu fillo José Ibáñez tomaría as rendas dos negocios familiares e especialmente da fábrica de louza, que funcionaría durante catro etapas ata o ano 1879, chegando a ser unha referencia na península ibérica e un centro de exportación moi importante. A louza de Sargadelos, ademais do seu gran volume de produción industrial, acadou un resultado estético máis que notable, estando representada a través das súas máis senlleiras pezas en moitos dos museos galegos.


Raimundo Ibáñez foi un home dunha ampla cultura e erudición, a pesar de non poder cursar estudios universitarios. Paradigma do ilustrado emprendedor, foi quen de se converter no introdutor do modelo capitalista moderno naquela España que aínda conservaba usos e costumes propios do Antigo Réxime. Ibáñez aínda tivo tempo en vida de traer ao mundo a nove fillos, que deron continuidade á súa tarefa emprendedora. Cando morreu estaba a se tramitar o título de Marqués de Sargadelos para a súa persoa, título co que pasou á historia aínda que nunca gozara del en vida:

«La población es la que constituye la riqueza y la fuerza de los Estados. No puede sostener el progresar sino por medio de la industria, fábricas, comercio y navegación, cuyos ramos son el poderoso agente de la industria, que es la primera, la más esencial e indispensable de las artes.»

A outra gran iniciativa industrial do XVIII foi o Arsenal de Ferrol, un complexo industrial fortificado, promovido pola Armada e dedicado á fabricación de buques de guerra, armamento e compoñentes. Foi creado en 1726, e naquela altura era a planificación industrial máis importante da coroa. Cara mediados de século o arsenal radícase definitivamente na marxe dereita da ría, e nel traballaban técnicos estranxeiros e poboación local –moitas veces forzados e en pésimas condicións- . A factoría ferrolá traballou a moi bo ritmo durante o XVIII. Os case 5.000 traballadores produciron unhas 130 embarcacións, que supuñan un tercio da armada española.  Ferrol pasou nesta altura de 300 a 4000 habitantes, seno a cidade máis poboada de Galicia por riba de Santiago e A Coruña. A primeira metade do XIX foi un tempo de crise para a factoría ferrolá, debido ás guerras e a escaseza económica. A recuperación tería lugar na segunda metade da centuria coa instalación dunha das primeiras fábricas de máquinas de vapor do estado.  Así, Ferrol comeza a fabricar barcos modernos, poñéndose a altura da construción naval máis avanzada; porén, a construción de cascos de aceiro sería un feito serodio, o que propiciou a decadencia da industria ferrolá.

O Arsenal propiciou a instalación dalgunhas fábricas auxiliares que, en casos como a fábrica de xarcias e velas de Sada, ou a fábrica de pranchas de cobre de Xubia, que acadaron unhas dimensións importantes.


Aínda que o panorama no XIX é sombrío debido aos fracasos da industria téxtil , siderúrxica e naval, outras iniciativas industriais agromaron no pais. Algúns exemplos son as fábricas de papel como as de Caldas e Lavadores, a louza de Sargadelos, ou a fábrica de vidro La Provisión, instalada na Coruña en 1828. Con todo, o sector máis importante ten que ver coa transformación de materias primas do sector primario, sobre todo, os curtidos e o salgado de peixe.

No século XIX o curtido de peles pasou de ser unha actividade doméstica complementaria a concentrarse en curtidoiros, en localidades como Betanzos ou Allariz, entre moitas outras. A tradición da transformación do peixe, esencialmente da sardiña, era algo que existía en Galicia desde principios do século XVIII. A salgadura facíase de xeito artesanal e intensivo, grazas ao duro traballo das mulleres dos mariñeiros. A chegada dun grupo fomentadores cataláns modernizou a pesca e o proceso transformador, sobre todo a través do uso da prensa no proceso de salgado, instalándose nas nosas rías os primeiros almacéns e factorías. Na década dos trinta do século XIX había en Galicia máis de duascentas destas fábricas.

O desenvolvemento industrial, aínda que escaso, provocou moitos cambios sociais alí onde se instalaron as factorías, como sucedeu na Coruña, cando as empregadas da fábrica de tabacos tiraron unha máquina de vapor ao mar por vir a substituír postos de traballo, emulando ao movemento ludista. A fábrica, de feito, traballou toda a súa vida de xeito artesanal, mantendo ata 2000 traballadoras a un tempo. Se ben, habería que agardar ata o século XX para ver xurdir un movemento obreiro consistente na nosa terra.

Cara a finais do século XIX o panorama industrial variou no país. Galicia súmase paseniño á nova vaga industrial europea. Ferrocarril e electricidade chegan de xeito serodio ao país. Nesta etapa, que dura ata a guerra civil, os portos e, sobre todo, o extraordinario crecemento de Vigo van tirar da industria galega. O sector principal da industria galega vai ser o relacionado co mar: pesca, conserva, fabricación de buques e utensilios para a pesca.

A tradicional salgadora transfórmase en conservas herméticas (primeiro de vidro e despois de folla de lata). En todas as vilas das Rías Baixas, e tamén noutros lugares tan afastados como o porto de Celeiro en Viveiro, agroman a fábricas de transformación de peixe, dirixidas cara o mercado exterior e favorecidas pola chegada do ferrocarril desde a meseta. Unha das características máis salientables desta industria foi a aparición de capital mixto hispano francés, como aconteceu no caso da fábrica da familia Massó en Bueu. Neste período ábrense mercados e amplíase a oferta con outras especies como o atún e o bonito. Foi, sen embargo, unha industria moi flutuante, dependendo da demanda (moi alta, por exemplo, na primeira guerra mundial), e dunha especie caprichosa como é a sardiña, que de cando en vez desaparece das nosas rías.

As melloras da industria naval permitiron que os buques se afastaran cada vez máis da costa. A altura dos anos vinte, barcos galegos xa pescaban ao sur de Portugal e en augas de Marrocos, ou no caso da industria do porto de Celeiro, no Cantábrico. A industria conserveira propiciou o desenvolvemento de empresas relacionadas, como os estaleiros, as fábricas de latas, redeiras, serradoiros, etc. Os estaleiros da ría de Ferrol e de Vigo marcarían outro fito no mundo industrial galego. Nos anos 30 do século XX J. Barreras e Hijos botaba buques con casco de aceiro e motores diésel.

Esta segunda fase de industrialización, que vai ter o seu núcleo forte nas Rías Baixas, provocou tamén unha serie de cambios. Vigo pasa de 18.000 habitantes en 1900 a 40.000 en 1930, converténdose nunha das grandes cidades industriais da época. Tamén xorden as primeiras organizacións sindicais e patronais na cidade atlántica, que ve como os costumes sociais e as ideas que moven á xente mudan a ritmo de vértixe. Desde a destrución da mariña de guerra española en Cuba ata a depresión dos anos 30, o Arsenal de Ferrol vai ter tamén encargos dabondo e vai facer crecer novamente á cidade.

Detrás do éxito do sector conserveiro e naval, o panorama e moito máis discreto. As cidades galegas amósanse incapaces de absorver nas súas modestas fábricas a todoo excedente demográfico do campo; entramos así, entre 1880 e 1929, na etapa das grandes migracións cara América. As rendas obtidas na emigración foron directamente ao campo, e tampouco axudaron a industrializar o país.
A electrificación en Galicia fi tamén un feito que non tivo moita forza nun primeiro momento. As cidades da Coruña e Vigo foron as primeiras en acadar o seu alumado eléctrico e os seus tranvías. Para reunir o capital necesario para as primeiras centrais eléctricas, os bancos Pastor e Simeón forneceron de capitais as primeiras sociedades eléctricas. Este sector tería, co paso do tempo, un alto desenvolvemento que se cobrou, como sabemos, un alto prezo paisaxístico.


A nivel estatal, a guerra civil vai supoñer grandes atrancos a un desenvolvemento industrial que nunca fora demasiado intensivo en comparación ás grandes potencias estranxeiras.  Porén, desde a súa condición de retagarda do bando rebelde, Galicia vai ter unha importancia estratéxica como abastecedor de manufacturas.

A posguerra foi unha época durísima a todos os niveis, incluído o industrial. A autarquía, a falta de divisas, a corrupción de estado, a falta de preparación dos dirixentes económicos son causas que explican, por exemplo, que a produción conserveira tardara vinte e cinco anos en recuperar o nivel que tiña durante a II República. Unha economía de cuartel que duraría ata a chegada da axuda americana como contrapartida á perda de soberanía coa instalación de bases militares estranxeiras, e que mudaría de xeito radical nos anos 60, tempo de desarrollismo e  tecnocracia.  Nestas dúas décadas de parón económico (1936-1956) Galicia consolida o seu atraso económico respecto do estado e de Europa.

O vindeiro 2012 cúmprense 30 anos da publicación do libro O atraso económico de Galicia,  do Profesor Xosé Manuel Beiras, no que se explican as causas que explican tal feito: falta dunha burguesía autóctona potente, a falta de unha estrutura política propia, a emigración endémica, a posición periférica no estado, etc. En Galicia, o modelo derivado do desenvolvemento económico dos anos 60 tampouco foi quen de evitar unha segunda grande vaga de emigración cara Europa, Euskadi, Cataluña e Madrid.

Unha das evidencias da colaboración de Franco co Terceiro Reich foi a exportación de volframio galego, coa presenza no noso país de técnicos e comerciantes nazis desde 1938 ata 1944, que se levaban o mineral a través de compañías mixtas formadas ad hoc. Ademais, existiron nesta altura outras compañías que venderon para o mercado libre, polo que o volframio galego tamén beneficiou aos aliados. A Compañía Minera de Santa Comba foi nesta altura a maior produtora do estado deste mineral. O volframio foi un mercado que só volveu funcionar en parte nos anos que durou guerra de Corea. Durante os primeiros anos de posguerra, a exportación de volframio foi a principal entrada de divisas da economía española, sen embargo para a poboación galega os beneficios non foron considerables, agás para os donos de terreos e para os industriais que se meteron no negocio. O retorno á poboación galega, neste sentido, foi mínimo, en termos de rendas e de creación de emprego. Da época das minas de volframio procede a creación dun holding chamado Industrias Gallegas, participado en boa medida polo Banco Pastor, que está na orixe de grandes industrias galegas como FENOSA e ASTANO.

Na etapa do franquismo, Galicia pasa ter excedentes en produción eléctrica. O proceso esixiu obras dunha grande complexidade técnica e moita acumulación de capital. FENOSA, Saltos del Sil e Moncabril explotarán, principalmente, o eixo formado polo Miño e o Sil. A localización desta industria en Galicia non reportou beneficios ao cidadán galego, que pagaba as mesmas tarifas que o resto dos cidadáns do estado. Ademais supuxo un alto custe ecolóxico e o asolagamento de aldeas e parroquias completas. O positivo de nos converter en potencia hidroeléctrica foi asegurarse o abastecemento, feito que contribuíu á instalación dalgunhas industrias máis ou menos potentes na nosa terra.

Na segunda metade do século XX recupérase o sector naval, a través do labor de Barreras e Vulcano en Vigo, e de ASTANO, creada en 1941, en Ferrol. A industria pesada en Galicia vai dar un gran salto cualitativo e cuantitativo coa instalación en 1958 da Citröen en Vigo, que en pouco tempo transformarase na principal industria da nosa terra. Citröen aproveita o subministro eléctrico, as vantaxes do porto e a zona franca e a existencia de man de obra para se converter no principal fabricante de automóbil da península. A factoría viguesa transforma a cidade, que vai ser un gran núcleo de atracción de poboación. De abastecer ao mercado español, Citröen pasa a exportar ao exterior case o 80% da súa produción. Ademais, provoca a instalación de numerosas industrias auxiliares que lle ornecen de materiais.

Iniciativas como a farmacéutica Zeltia ou a recuperación da cerámica de Sargadelos marcan pequenos fitos dentro dun país en xeral, repetimos, insuficientemente industrializado. Outro sector en auxe vai ser o agropecuario. Carnes, aves e lácteos prodúcense e expórtanse con novos métodos moi afastados do tradicional. As vellas fábricas de conservas van sufrir unha transformación, moitas das pequenas acaban por desaparecer, mentres que firmas como Pescanova  transfórmanse en multinacionais, dando entrada a unha nova flota moito máis moderna e entrando  no mercado do conxelado.

O sector da madeira tamén sofre unha forte evolución. Como consecuencia da cegueira das autoridades neste sector, o monte galego queda inzado  de eucaliptos. Deturpación da paisaxe, destrución de ecosistemas, substitución de pastos e cultivos por monte e lumes forestais son consecuencia deste proceso que semella non ter freo na nosa terra pese ao nacemento xa nos anos 70 dun feble movemento ecoloxista.

Este forte, pero insuficiente, crecemento industrial carrexa diferentes consecuencias. Unha delas o crecemento das cidades do litoral galego, con Vigo á fronte. Outra a creación dunha clase traballadora, e a recuperación dos movementos sindicais que ficaran prohibidos polo réxime, primeiro na clandestinidade e despois, coa chegada da democracia, xa de xeito legal. Na altura dos anos 60, o nacionalismo vincúlase ao movemento obreiro e ao marxismo, ligando a loita pola liberdade política e a soberanía nacional á loita polos dereitos da clase traballadora.

Nas últimas décadas Galicia é vítima da forte reconversión industrial, da que cidades como Vigo e, sobre todo, Ferrol, van saír moi prexudicadas. A entrada na Unión Europea e a recuperación xa na década dos noventa coincide, tamén, co nacemento dun novo sector estratéxico, o téxtil, cuxo maior paradigma vai ser o grupo Inditex, unha das principais multinacionais do sector a nivel mundial.

O PATRIMONIO INDUSTRIAL GALEGO

Despois de resumir a grandes trazos a historia industrial de Galicia –un tema moi interesante e que requiriría moito máis espazo- imos facer agora un repaso polos principais recursos patrimoniais ligados ao noso pasado industrial. Moitas destas instalacións, desapareceron fisicamente, están en desuso, ou directamente en ruínas. Algunha foi convertida en museo ou musealizada, como o Massó ou o Museo do mar de Galicia en Vigo, e outras viron como mudaban os seus usos mantendo a estrutura orixinal do edificio, como a Fábrica de Oleiros ou o  proxecto da Cros en Culleredo.

 Para coñecer este patrimonio, que ata fai pouco tempo non era considerado como tal, xorde hai tres anos a Asociación Buxa, co obxectivo de promover «o coñecemento, protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio industrial de Galicia, así como a súa investigación e transmisión a xeracións futuras. Coñecer é o primeiro paso para respectar, e respectar é o mellor camiño para conservar: o patrimonio industrial é un ben común que fala de nós e que debemos apreciar e poñer en valor como parte inseparable do noso patrimonio cultural.» Utilizaremos, pois, a información que teñen dispoñible na súa Web para facer unha escolma do patrimonio industrial galego sobranceiro.

Un dos elementos patrimoniais máis antigos que conservamos no eido industrial son os muíños, de río, como os de Xuvia (Sec. XVIII) ou de maré, como Pozo do cachón en Muros (sec. XIX), cunha capacidade de moer gran moi superior aos tradicionais de río ou de vento, e que fornecían de fariña procedente dos cereais galegos ao mercado, superando así a producións de subsistencia.

Outros dos primeiros establecementos da nosa industria son as fabricas de curtidos, en vilas como Narón, Noia, Betanzos, Allariz ou Compostela. Na actualidade conservamos algunhas destas vellas factorías de tratamento de peles, como as de Vilanova en Allariz, convertidas nun restaurante no que se poden observar as vellas instalacións.

En Cervo pódense visitar os restos e o pequeno museo que conmemora a historia do Marqués de Sargadelos, da siderurxia e da fábrica de louza. Pola súa banda, o Arsenal de Ferrol segue a ser utilizado como dependencias da armada, conservando o valor arquitectónico dos predios que o compoñen.

O tren é un dos elementos que marcan a industrialización dun país. En Galicia a primeira liña uniu Carril con Santiago, no ano 1853. Décadas máis tarde chegaría a conexión coa meseta, tanto da Coruña como de Lugo.  Pontes, viadutos, túneles e vellas estacións son testemuñas da antigüidade dun medio de transportes fundamentais que nesta última década está a vivir unha fonda transformación.

A minería e a electricidade foron outros dos sectores estratéxicos da industria. En lugares como A Silvarosa en Viveiro, ou Fontao en Vila de Cruces, a estrutura das iniciativas foi moi ampla, e a súa pegada podémola albiscar hoxe en día na paisaxe. Por outra banda, nos ríos galegos podemos atopar pequenas centrais en estado de ruína, ou recuperadas para outros usos como a do Tambre en Noia. Ademais, os grandes embalses construídos desde a metade do século pasado, e que tanto afectaron ás bisbarras onde se localizan, seguen practicamente todos funcionando.

Nas cidades e vilas galegas temos testemuñas de antigas fábricas que pecharon, e cuxos edificios ou ben están abandonados –como a Panificadora de Vigo- ou ben foron utilizados para outros usos, como os proxectos da Fábrica de Tabacos da Coruña ou da Cros en Culleredo.

Papeleiras, telleiras, fábricas de azucre, salgadoras, conserveiras, etc. completan o panorama industrial galego, e a súa pegada no patrimonio. Cómpre poñelo en valor, sobre todo aqueles predios que teñen un valor arquitectónico engadido, co fin de poder comprendermos mellor o nos pasado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario