Páginas

3.11.10

04. SANTOS, MÁRTIRES E HEREXES NA HISTORIA DE GALICIA

 

Desde o asentamento do cristianismo como relixión maioritaria en occidente, os santos ocuparon un papel fundamental dentro do sentir relixioso do pobo. Os santos católicos teñen o poder, segundo esta fe, de interceder entre os humanos e Deus; así o pobo sénteos máis preto a eles. O seu suposto poder taumatúrxico é  fundamental á hora de seren venerados polos crentes, xa que segundo a doutrina católica, teñen o poder de obrar milagres tanto na súa vida como unha vez mortos, podendo ser o beneficiado un individuo ou ben unha comunidade. Os santos, nunha época na que a praxe da ciencia da medicina estaba pouco desenvolvida, tiñan case en exclusividade poder de curar aos enfermos; e no caso de non ser posible a cura, de interceder ante Deus no paso ao outro mundo. Hoxe en día, e a pesar dos avances científicos, da laicidade do estado, e da existencia, dende hai máis dun seculo, de correntes filosóficas que exclúen a Deus como explicación, non podemos obviar que seguen a ser milleiros os que acoden aos santiños coa esperanza de espantar os seus males. É por isto que cómpre achegarse ao papel fundamental que a relixión cristiá xogou -e segue a xogar- en Galicia, independentemente das crenzas de cada quen. E a pesar tamén do anacronismo que supón, -ao meu xuizo- a pompa, o exceso, e o dobregamento do poder civil á Igrexa católica de sainetes como o que se vai representar o vindeiro sábado en Compostela coa visita do papa  Bieito XVI.

Desde que no século IV se convertera na crenza oficial do Imperio Romano, ao que o territorio da Gallaecia pertencía,  Galicia viviu dun xeito especial a súa relación coa relixión cristiá. Desde aquela altura, e ao longo de todo o período histórico, unha serie de personaxes relixiosos quedaron inseridos na historia, nas lendas, nos costumes e tradicións da nosa terra. Santos mártires, santos milagreiros, santos fundadores de mosteiros, santos controvertidos, bispos e monxes canonizados, santos populares, profetas condenados por herexía e, sobre todo, o sepulcro do Apóstolo Santiago en Compostela. Nesta clase imos botar unha ollada a algúns destes personaxes relixiosos sobranceiros, galegos ou non, que se relacionan coa historia da nosa terra e que marcan  o sistema de crenzas da sociedade galega ao longo do tempo, ademais de influír de xeito determinante nas relacións económicas e sociais.

Unha das primeiras personalidades relixiosas relacionadas con Galicia foi Prisciliano. Unha figura moi controvertida dentro da relixión cristiá e que, despois da súa carismática vida e tráxica morte, deu lugar ao priscilianismo, movemento relixioso herético que se estendería, sobre todo no territorio galego, durante varios séculos.  Nace á metade de século IV, en plena decadencia do Imperio Romano,  no intervalo que vai desde que Constantino permite a práctica do cristianismo co Edicto de Milán (313) e Teodosio convérteo na única relixión permitida no imperio co Edicto de Tesalónica (380). Nos albores do cristianismo, cando se está formando o que co paso do tempo sería a Igrexa Católica de occidente co sé en Roma, Prisciliano dedícase a predicar con éxito a mensaxe dos evanxeos desde unha óptica ascética –facían xaxún, non comían carne, practicaban a frugalidade, vivían como eremitas-, de participación da comunidade e interpretación libre dos textos, e con certos aspectos que o vinculan máis as tradicións pagás que ao cristianismo máis ortodoxo, como a relación da súa doutrina coa astroloxía.

Prisciliano e nomeado bispo de Ávila no ano 380. Pouco lle debeu durar a alegría, pois cae en desgraza entre moitos dos seu colegas e xa ese mesmo ano é declarado herexe no Concilio de Zaragoza. Prisciliano inicia viaxe a Roma para tratar de defenderse ante o Papa, mais de pouco valeulle, xa que no ano 386 serían condenados a morte en Tréveris, e executados, por herexes e bruxos, el e máis aos seus seguidores (Felicísimo, Armenio, Eucrocia, Latroniano, Aurelio e Asarino).

Prisciliano era un home carismático e iso axudou moito a espallar a súa visión cristiá. O seu éxito hai que explicalo, ademais, entendendo que a súa doutrina estaba máis próxima ás prácticas relixiosas e das tradicións pagás que sobrevivían entre amplas capas da poboación. Prisciliano representaba unha visión do cristianismo moito máis próxima á mensaxe do evanxeo e a vida en comunidade dos primeiros cristiáns, que a igrexa xerárquica baseada na autoridade e na práctica regrada que comezaba a  agromar e a asentarse naquela altura. A súa morte –foi o primeiro cristián condenado á pena máxima desde a propia relixión cristiá-  non foi en balde. O seu martirio foi un sinal para moitos. O Priscilianismo prendeu en Galicia con forza, e a ortodoxia non puido erradicalo ata dous séculos máis tarde. Dous anos despois da súa morte, un grupo de seguidores acode a cidade francesa onde finara Prisciliano e retornan os seus restos cara Galicia, onde foron venerado durante décadas. Onde soterraron o seu corpo? Non é posible sabelo hoxe en día, feito que proxecta aínda máis misterio sobre a súa figura, e que abre a porta a todo tipo de hipóteses, entre elas, a máis popular e morbosa: será realmente Prisciliano o que está na cripta da catedral Compostelá?

En todo caso, Prisciliano converteuse  nun símbolo da singularidade e personalidade propia de Galicia. Así, Otero Pedrayo, chega a considerar a Prisciliano como «unha poderosa individualidade, a maior se cadra que Galiza xerou»; e o propio Castelao afirma que «Galiza abrazou o cristianismo de Prisciliano durante máis de cen anos, e aínda hoxe en día bule no fondo da alma galega». Tamén Xosé Luís Méndez Ferrín dedicoulle uns versos á esta figura lendaria:

[...]
O Doutor de Noso
aquel que proclamaba, tremoroso,lourido, apoloxético,
o xexún dominical, a virtude da pobreza,
a meditación na montaña, a dignidade das mulleres
e a necesidade de manumisión dos escravos,
foi decapitado nas cadeas de Tréveris.
Malditos sexan o verdugo Hidacio, o Itacio prostibular
e as almas necias dos Santos e dos Bispos,
do Papa e do emperador que naquela hora abriron a enxurrada
de sanque ceibe e limpo que non para de fluír.
Xace El entre nós cos seus discípulos
e cada ano os patriotas galegos
celebran a súa memoria se sabelo [...]

X. L. Méndez Ferrín, Prisciliano (1994)


Na historia relixiosa de Galicia atopamos varios tipos de santos. Os mártires foron os máis venerados nos primeiros séculos de presencia do cristianismo na nosa terra. O seu sacrificio achégaos á figura de Cristo, pois eles tamén deron a súa vida por Deus. A primeira mártir da que temos referencia en Galicia é Santa Quiteria, vítima da persecución á que foron sometidos os cristiáns nos tempos do imperio romano. Nacida en Baiona no século II, conta a lenda que a súa nai deu a luz, xunto a ela, a oito mulleres máis no mesmo parto. Para non erguer sospeitas de infidelidade no seu marido,  a nai abandonou as fillas, que foron adoptadas por unha parella cristiá que escapou con elas, ata que as rapazas foron encontradas e martirizadas. Así, Quiteria convértese na primeira santa mártir de orixe galego. Xunto a ela, está a figura de Santa Mariña, venerada en Santa Mariña de Augas Santas, que tamén foi martirizada no século II polos pagáns. Conta a lenda,que cando lle cortaron a cabeza, esta botou tres veces no chan, e xusto alí naceron as tres fontes de Augas Santas.

Ademais dos mártires, tamén xogan un papel moi importante os apóstolos que compartiron vida con Xesús -aínda que moitos deles non morran polos tormentos sufridos- e que se dedicaron a predicar o cristianismo trala morte do mestre. Estes últimos foron moi venerados en todo o horizonte cristián e tamén en Galicia. Son santos universais, que tamén serviron para integrar todos os territorios occidentais na doutrina da Igrexa romana. En Galicia, ademais de Santiago, son moi venerados Santo André, San Pedro, San Paulo, San Xoán... Moitas das romarías e festas patronais que abondan nesta terra están dedicadas a eles.

Outros dos santos venerados son os pais da igrexa e os primeiros espalladores da doutrina cristiá. Un santo moi ligado a Galicia que poderiamos incluír neste grupo é San Martiño de Tours. O seu padroado sobre a cidade de Ourense remóntase aos tempos do reino suevo, cando as súas reliquias foron traídas á cidade para curar a Miro, fillo do rei Carriarico, nunha altura na que os Suevos asentados neste occidente peninsular abandonan definitivamente o arrianismo polo catolicismo. Outro San Martiño, neste caso San Martiño de Braga ou Dumiense, foi a figura chave no asentamento do cristianismo e na definitiva erradicación da herexía priscilianista no noroeste da península. Os seus escritos chegaron ata os nosos días, e son unha fonte histórica fundamental para entendermos o sistema de crenzas da alta idade media. Un santo erudito que fixou doutrina e praxe relixiosa na Galicia da época, igual que o seu sucesor San Froitoso, gran promotor de cenobios, cuxo cadáver foi levado por Xelmírez desde Braga a Compostela no século XII.

Despois da labor cenobítica de Martiño e Froitoso, o santo galego máis vencellado ao movemento monástico foi San Rosendo. Nacido no século X, fillo de Aldara de e do Conde don Gutierres, converteuse na indiscutida figura relixiosa da época ao introduciren en Galicia a reforma benedictina, ademais de ser o fundador dun dos mellores exemplos do poderío monástico de Galicia como é Celanova.

Outro dos mártires máis coñecidos do noso santoral é San Paio. Nacido en Crecente no século X, foi martirizado –segundo a tradición- cunhas teazas de ferro coas que lle foron arrincando os membros, debido a que se negou a manter contactos sexuais co mesmísimo califa Abderramán III, que o fixera prisioneiro en Córdoba xunto co seu tío Hermixio, bispo de Tui.

En Galicia tamén abondan os santos de tradición local, como San Froilán en Lugo, ou San Trocado de Bande, entre outros moitos. Froilán, nacido no século IX foi eremita nas montañas do Bierzo antes de se converter en bispo de León case por aclamación popular. Acadou moita sona pola súa capacidade de curar e polo feito de ter o don de amansar aos lobos, sendo o patrón da diócese de Lugo. San Trocado é un dos sete varóns apostólicos, discípulos directos de San Pedro e San Paulo, que segundo a tradición –non confirmada por ningunha fonte historiográfica- foron os primeiros en chegar á Hispania a cristianizar á poboación. O seu culto en Bande levou a construír unha das máis fermosas igrexas da época altomedieval que aínda se conserva.

A presencia de santos en peregrinación foi unha forte moi importante para o asentamento das diferentes correntes da Igrexa católica, en especial a presencia de San Domingos no 1219 e San Francisco, que viñeron a Compostela no século XIII e propiciaron a fundación de numerosos conventos das ordes mendicantes na nosa terra. Gran parte do patrimonio arquitectónico que conservamos do medievo, sobre todo dentro do gótico, debémolo as edificacións que fixeron estás ordes, como San Domingos de Bonaval, ou o convento de San Francisco de Ourense. Ademais, vencellado aos dominicos, temos outro santo galego mártir, o vigués Xosé María Díaz Sanxurxo, martirizado en Vietnam a mediados do século XIX. Este santo sufriu o que se chama unha auténtica tortura china.

E deixamos para o final ao santo que deu maior sona a Galicia: o Apóstolo Santiago. A tradición cristiá fálanos da presencia de Santiago, após da morte de Xesús, predicando na Hispania, feito que non se pode corroborar por ningunha fonte histórica. De ser certo este episodio, a súa estancia non sería moi longa, xa que no libro dos feitos dos apóstolos do evanxeo, nárrase o martirio de Santiago, no ano 44, en Xerusalén. A principios do século IX prodúcese o descubrimento do corpo do Apóstolo Santiago Zebedeo (O maior) en Galicia. Foi o bispo de Iria, Teodomiro, o que da noticia sobre o achado dos restos do apóstolo, no lugar coñecido como “Arca Marmórica”. O rei Afonso II, que foi avisado do descubrimento, nomea patrón do reino a Santiago e decide construír unha basílica para conservar os seus restos.


O mito da translación dos restos a Compostela segue a ser hoxe en día un dos máis fermosos que se conservan en Galicia. Segundo este, o corpo chegou desde Palestina a Galicia nunha barca de pedra onde o depositaran uns anxos. Esta barca chega a Iria Flavia, na desembocadura do Ulla, onde é atada a unha pedra (velaí a orixe do topónimo Padrón). Os restos do Apóstolo foron levados desta localización ao monte Libredón, por un grupo de cristiáns, onde lle deron sepultura (na arca marmórica, unha pedra onde o corpo santo afundiríase dándolle a forma do seu corpo). Para facer o traslado tiveron antes que tratar cun dos personaxes da nosa mitoloxía, a raíña Lupa, de orixe pagá e nun principio escéptica, que tras o episodio converteríase ao cristianismo. Lupa engana aos discípulos de Santiago, enviándolles a un campo onde moraban toros salvaxes, que por intercesión do santo convértense en bois que tirarían do carro que levou o corpo do apóstolo ao monte Libredón. Sería neste lugar mítico onde atoparían os seus restos case oito séculos despois. No Codex Calixtinus tamén se narra a historia da traslatio do corpo a Compostela. Sexa como for, oitocentos anos despois da súa morte o nome de Santiago ficará vencellado a Galicia a través do mito do descubrimento do seu corpo.

O descubrimento do corpo prodúcese nun momento crucial para o cristianismo, unha vez que gran parte da Península Ibérica está ocupada polo Islam. Tiña moito sentido crear un terceiro lugar de interese para a relixión cristiá, xusto nun extremo libre de ocupación musulmá. Malia está circunstancia, pasaron máis de dous séculos ata que no XII, co bispo Xelmírez,  desenvólvese a cidade de Compostela, o novo templo, e se populariza enormemente a peregrinación a Galicia. Co tempo, o Arcebispo de Compostela convértese, en plena etapa feudal, no señor máis importante de Galicia. A historia da romaxe a Compostela, desde esta etapa de máximo apoxeo nos século XII e XIII, será a crónica dunha decadencia con períodos de maior ou menor auxe, dependendo das circunstancias de cada época, ata este renacer posmoderno do fenómeno xacobeo nas últimas décadas. Poucos foron os papas e reis que se lembraron, durante séculos, do esplendor medieval da peregrinación, a pesar do padroado que Santiago exerceu sobre os reinos hispánicos. Incluso entre os propios galegos, Santiago non foi un santo moi popular respecto a outras figuras máis veneradas.

Concluímos este pequeno texto lembrando que nos quedan no tinteiro, por cuestión de tempo, unha morea de santos por tratar, como San Pedro de Mezonzo, creador da Salve Regina. Ademais o culto a virxe María tamén foi e  segue a ser moi intenso en moitas vilas e aldeas galegas. Falaremos del cando tratemos o tema da relixiosidade popular expresada nas diferentes romarías que se celebran en Galicia.

Deixamos, para finalizar,algúns exemplos do refraneiro galego que fan referencia aos nosos santos:

A chuvia de san Xoán tolle o viño e non
dá pan.


Se trobexa en San rosendo
inda temos inverno


Friaxes de Santa Quietria
Malos para a colleita


San Xoán, San Pedro
e San paio no medio


Día de San Paio,
A cigoña nos prados


O que queira patacas en maio
que as bote no san Paio.


Pola Santa Mariña
sementa a túa nebiña
A vella que o dicía ben o sabía
Que xa sementada a tiña


A San Andrés de Teixido,
vai de morto quen non foi de vivo


A cada porco lle chega o seu San Martiño


San Froilán, mete a rella e tira o pan

No hay comentarios:

Publicar un comentario