Antes de que se produza a conxunción do Miño e o Sil, a natureza desta comarca tornase nunha paisaxe única, con profundos vales e canóns onde a espectacular vexetación convive coa man do home. Foi este senlleiro lugar o escollido por numerosas comunidades de monxes para establecerse. Mais, que atopaban aqueles monxes do medievo neste lugar? Que lles levou a escoller este e non outro sitio? A razón que semella máis convincente é que aquí atoparon o illamento e o contacto coa natureza, considerada por eles a creación máis fermosa de Deus. Foi un illamento consciente, pero non carente de recursos, pois nesta Ribeira Sacra os monxes atoparon o lugar ideal para practicar a máxima de San Bieito: Ora et Labora, rezo e máis traballo (lembremos que na altura do pleno medievo, coas reformas do Cluny e do Cister, a meirande parte dos grandes mosteiros da comarca acolleranse á regra bieita).
O nome de Ribeira Sacra fai referencia á numerosa presenza de mosteiros e igrexas na comarca. A primeira noticia que temos deste topónimo atopámola nun documento asinado pola condesa Tareixa de Portugal no ano 1124, a carta fundacional do mosteiro de Santa María de Montederramo, no que se fai referencia á Rivoira Sacrata. Tamén existe unha teoría que vencella o termo ribeira non á beira do Sil e do Miño, se non que a emparenta co latín Robur, que ten o significado de carballo, o que explicaría a existencia dunha árbore sagrada -ou máis ben dun bosque- para os pobos precristiáns que moraron nestas terras moitos séculos antes das fundacións monásticas.

Tamén na beira do Sil, nun entorno natural abraiante, atopamos o mosteiro de Santa Cristina. A súa orixe encontrámola, seguramente, nunha comunidade eremítica instalada na zona que a partir dos séculos centrais do medievo adoptaría a regra de San Bieito. No solpor da Idade Media, Santa Cristina pasaría a depender de Santo Estevo en calidade de priorato, feito que provocaría o comezo do seu declive. Hoxe en día podemos admirar, na súa igrexa e no seu claustro, un dos exemplos máis sobresaíntes do románico galego.
Santa María de Xunqueira de Espadañedo é unha fábrica vencellada aos moxes brancos do Císter, orde fundada en Claraval (Francia) por San Bernardo. A súa fundación no século XII relacionámola coa existencia doutro dos grandes mosteiros da Ribeira Sacra, o de Santa María de Montederramo. Ambos están consagrados á Santa María como era costume nos centros monásticos acollidos á reforma bernardina. Este último mosteiro, foi fundado tamén no século XII a través dunha doazón do rei Afonso VI, conta con dous claustros e unha fermosa igrexa de estilo renancentista.
En Ferreira de Pantón temos un dos poucos centros femininos desta comarca. Na súa orixe, no século XII, foi un centro dúplice (o feito de compartiren predio os freires e freiras é un fenómeno propio do cristianismo en Galicia, difícil de atopar noutros lugares),que posteriormente ficou vencellado á orde do Císter, pasando aser exclusivamente para monxas. Destacamos nel a súa reforma barroca a partir do século XVII.
O engado da Ribeira Sacra é tal que provocou que moitas das terras veciñas aos cursos do Sil e do Miño participen do seu nome e do seu atractivo turístico. Así se explica que se inclúan dentro dos seus límites a capital da Terra de Lemos como é Monforte, ou unha etapa do camiño de Santiago, como é Portomarín, ou as serras de Quiexa, San Mamede e a comarca de Allariz e Maceda. Sexa como for, nesta cada vez máis ampla Ribeira Sacra, ademais dos mosteiros arriba indicados -e de moitos máis que existen en non citamos- temos un amplo patrimonio artístico e natural que merece a pena visitar. Castelos como o de Castro Caldelas ou o da Peroxa, conxuntos de pazos como os de Taboada, vilas señoriais como Monforte de Lemos, as igrexas de San Miguel de Eiré ou de San Estevo de Chouzán, os muíños de Sober, paisaxes de montaña como en Queixa... Acompañado todo isto por toda unha serie de equipamentos hostaleiros e turísticos que converten á Ribeira Sacra nun dos lugares preferidos polos que buscan destinos de calidade, nun contexto no que o desenvolvemento do turismo cultural esixe a posta en valor do fermosísimo patrimonio do que gozamos nesta terra chamada Galicia. Nese sentido, destacamos o esforzo dos adegueiros no desenvolvemento da cultura do viño na Ribeira Sacra, onde se producen caldos de extraordinaria calidade, dando continuidade a unha tradición que se remonta a época romana.
No hay comentarios:
Publicar un comentario