Páginas

29.12.11

A TRADICIÓN ESCULTÓRICA EN GALICIA


A nosa terra foi sempre fértil en escultores. Estamos ante unha tradición forxada ao longo dos séculos, e que se expresou a través da arte popular ou das máis requintadas expresións plásticas e estéticas do románico, do barroco, do rexionalismo, das vangardas e da arte contemporánea e actual.

Unha das figuras senlleiras dentro da plástica galega é Francisco Asorey , de quen este ano 2011 cúmprese o cincuenta aniversario do seu falecemento. O cambadés é unha figura chave dentro da escultura galega,  pois conecta perfectamente coa tradición e abre novos vieiros cara a modernidade. Comezaremos esta clase lembrando a súa figura, para despois botar unha ollada ao panorama escultórico galego desde a antigüidade ata os nosos días.

Asorey nace en Cambados no ano 1899. Na vila pontevedresa pasa a súa infancia ata que marcha a Barcelona a estudar o bacharelato. Na capital catalá vai dar os seus primeiros pasos profesionais dentro da escultura e decantar a súa vocación. Despois cambia de localidade e instálase como mestre de debuxo no colexio dos Salesianos de Barakaldo, lugar no que vai traballar facendo imaxes relixiosas. Despois vivirá uns anos en Madrid ata que en 1918 decide instalarse en Compostela, tras obter a praza de escultor anatómico na Facultade de Medicina da Universidade.

En Santiago instala un obradoiro e nel comeza a facer tallas policromadas, case sempre co tema das mulleres labregas galegas. Durante as década dos anos 20 preséntase aos concursos das exposicións nacionais, acadando unha medalla de ouro cunha talla de San Francisco en 1926. Asorey foi un artista moi valorado en vida, o que lle permite traballar en encargos públicos xa desde esta etapa de xuventude: San Francisco (Santiago de Compostela, 1926), Aviador Loriga (Lalín, 1933) , Curros Enríquez (A Coruña, 1934)... Asorey nunca abandonou a creación de imaxes relixiosas, compaxinando os encargos civís con a creación de santos e virxes en pedra e madeira.

Nos anos anteriores á guerra civil, Asorey é o escultor máis influinte dentro do panorama galego, sendo considerado o artista de cabeceira do grupo Nós, por considerar aqueles que lograba reflectir nas súas obras a esencia do pobo galego, sobre todo a través das súas mociñas labregas, cos cabelos louros, as meixelas acesas e os olliños claros, e con grandes aires de monumentalidade que as convertían en iconas da terra. Como moitos outros, Asorey tivo que renunciar ao seu compromiso político con Galicia e adaptarse aos novos tempos. En 1961 morre, deixándonos como legado unha produción extensa e de gran calidade, sendo un dos grandes modernizadores da plástica galega. Asorey sérvenos como un punto de partida excelente á hora de explicar esta tradición secular que asume a escultura galega. A utilización dos materiais tradicionais, como o granito e a madeira, a herdanza da tradición escultórica, e a súa vontade modernizadora convérteno nunha figura indiscutible da nosa plástica.

Remontándonos á prehistoria, un dos grandes fitos da plástica galega son os gravados rupestres, os petroglifos, cuxa beleza traspasa todas as etapas históricas malia que o seus significado máxico, simbólico e relixioso moitas veces se nos escape. Os petroglifos veñen representar o universo ideolóxico dos homes e mulleres da idade do bronce, reflexo da súa vontade de transcender. A intención estética é evidente neles. Escenas de caza, armas, figuras zoomorfas –sobre todo cervos- e antropomorfas, fálannos daquelas sociedades, sobre todo do prestixio social das actividades da caza e da guerra. Puntos , cazoletas, labirintos -como o de Mogor- e formas xeométricas curvas teñen un significado simbólico difícil de albiscar, aínda que se manexan diferentes hipóteses que teñen que ver coa astronomía ou co dominio do territorio.

Andando no tempo, a cultura castrexa deixounos un legado escultórico dunha fasquía ben diferente. Nos museos galegos e do norte de Portugal temos fermosos exemplos de guerreiros como o de Armeá ou os de Guimaraes. Estáticos, frontais, co escudo na man, fálannos da importancia da guerra na sociedade castrexa. O contacto con Roma e a cultura clásica cambia a forma de entender a escultura. A realismo e o ideal de beleza clásica van influír á hora de recrear a figura humana, representando aos deuses e deusas humanizados, se ben en Galicia os modelos clásicos das grandes culturas mediterráneas non acaban de callar. Gallaecia era a periferia do imperio, e por iso non contamos con grandes pezas dunha época, como sabemos, moi rica na historia da arte. Aínda así, hai dúas pezas que merece a pena destacar: a Estela funeraria de Crecente (Museo de Lugo), que representa á unha familia da época,  e a estatua de Dioniso e Ampelos do Museo Arqueolóxico de Ourense.

A cristianización do territorio vai provocar que a temática e a iconografía relixiosa domine o panorama escultórico galego ata ben entrado o século XIX. Os artistas que se irán sucedendo ao longo dos séculos terán á igrexa cristiá como principal cliente e fonte de inspiración. Desde os primeiros tempos do cristianismo, e durante toda a alta idade media, a plástica galega ten senlleiros exemplos de creacións artísticas de toda esta etapa. Unha das pezas máis fermosas dos primeiros tempos do cristianismo é o Crismón de Quiroga, do século V e conservado no  Museo Diocesano de Lugo. Sen dúbida, nestes séculos estábase prefigurando a gran eclosión do románico no vello reino de Galicia, unha mágoa que o noso clima non permitise a conservación de máis exemplos doutras artes como a pintura mural.

O románico é un tempo feliz para a escultura galega. Durante os séculos XII e XIII Galicia convértese, coa cidade de Compostela e a romaxe, nun dos centros do fundamentais do cristianismo. O Pórtico da Gloria é unha obra mestra do románico a nivel europeo, e  ven coroar unha tradición que xorde cen anos antes e que florece nas portadas das igrexas e catedrais galegas. Ademais, a maxia do Mestre Mateo creará feliz escola. Nesta altura, as igrexas que agroman por todo o territorio responden a un estilo e a un programa iconográfico común en todo o país. Ao lado dos grandes predios das sés bispais, temos un románico rural belísimo.


Se o románico galego é brillante,o gótico non vai acadar a mesma altura, malia contarmos con excelentes exemplos como o conxunto escultórico da Catedral de Tui. Nos últimos séculos do medievo consolídase a tradición dos cruceiros, que tería gran continuidade durante os seguintes séculos. Os modelos e a calidade artística son moi variables, e algúns deles sobresaen do resto, como o de Melide ou o de Hío. A creación de cruceiros está en mans dos canteiros, a medio camiño entre o escultor e o artesán, que serían admirados e servirían de fonte de inspiración a moitos dos escultores modernos, como Asorey ou Faílde.

As catedrais e igrexas da cidade de Compostela, xunto coas de Lugo e Ourense, van ver como no tempo do renacemento, do manierismo e do barroco, renóvanse as portadas, coros, baldaquinos, altares e retablos coas novas linguaxes plásticas. Na idade moderna xorden en Galicia auténticas personalidades dentro do panorama iescultórico, como Francisco Moure ou Gregorio Fernández, o gran escultor español do século XVII; nacido en Sarria e formado en Ourense.

No século XIX a temática e as posibilidades expresivas no eido escultórico amplíanse moito. A principal figura nesta altura vai ser Isidoro Brocos, coas súas espléndidas terracotas de temática costumista e rexionalista. A renovación e a vangarda da plástica galega inclúe, ademais de Asorey, a figuras como Cristino Mallo, ou Antón Faílde, precursores da plástica galega actual, que conta con creadores de excelente calidade e moi recoñecidos como Francisco Leiro, Elena Colmeiro, Silverio Rivas, Acisclo Manzano, Manolo Paz, Paco Pestana, Ramón Conde, Pamén Pereira ou artistas que se moven dentro do multidisciplinar como Jorge Barbi, Jorge Perianes ou Ángela de la Cruz e un longo etcétera que manteñen o excelente nivel da escultura galega.



entrevista a francisco Leiro para o programa Cultura 10 da tvg

No hay comentarios:

Publicar un comentario