Páginas

14.12.10

COMPOSTELA A TRAVÉS DO TEMPO


Afrontamos nesta clase o estudo das as etapas máis brillantes da historia de Santiago de Compostela, unha das cidades con máis importancia histórica, artística e cultural dentro do occidente cristián.

Ao longo do medievo Compostela vai ir medrando como cidade de peregrinación, contando cunha importante actividade comercial. Os séculos centrais do medievo son a época dourada da romaxe, cando milleiros de viaxeiros de toda Europa percorran o norte da Península Ibérica na procura da tumba do apóstolo Santiago. Co tempo, Compostela consolídase como a cidade máis grande de Galicia, que controla grandes cantidades de terras e riquezas a través do seu cabido e do arcebispado.

A primeira etapa gloriosa de Compostela relacionámola coa construción da Catedral e con as dúas figuras históricas que nos axudan a comprender a etapa de auxe que viviu a capital galega nos séculos do pleno medievo. O primeiro deses personaxes é o Arcebispo Xelmírez, gran promotor da catedral de Santiago e personaxe dunha extraordinaria influencia na vida política, económica e social da época. Fillo dun nobre, nacido nas Torres do Oeste en Catoira, acadou na súa vida un papel centra na política da época, ademais de engrandecer a cidade de Compostela grazas ao pulo que lle dá a construción da catedral e á romaxe, conseguindo que o papa Calixto II declarase anos santos aqueles nos que o 25 de xullo caese en domingo, e recoñecese indulxencias plenarias aos viaxeiros que chegaban a Santiago. Xelmírez acadou unha gran relevancia para a cidade, porén, o seu poder vai ser cuestionado, tendo que afrontar revoltas urbanas contra o poder que o Arcebispado vai detentar.  A outra gran figura é o Mestre Mateo, escultor do Pórtico da Gloria, obra excepcional dentro do románico europeo e símbolo universal de Compostela e de Galicia. Tamén destacamos a Aymeric Picaud, un peregrino francés que peregrinou á tumba do apóstolo no século XII e cuxo relato dos feitos se recolle no Libro do Peregrino compilado no Códice Calixtino. Estes escritos conforman un texto que é un documento imprescindible para coñecer Santiago naquela altura.


Nos séculos seguintes, Compostela  -e Galicia e xeral-, vi pasar tempos de  dificultades e decadencia. Habería que esperar ata o século XVI para chegarmos a outra das etapas sobranceiras da súa historia, desta volta ligada á Universidade e á figura de Alonso III de Fonseca. Aínda que a implantación do ideario humanista foi en Galicia un feito serodio e feble, a imprenta, a universidade e a nova arquitectura marcan este período de certo esplendor. O colexio de Santiago Alfeo, coñecido hoxe en día como o Pazo de Fonseca, foi o xermolo da actual universidade compostelá, naquela altura e ata o século XVIII ligada ao arcebispado compostelán. Incluímos tamén nesta etapa outras grandes xoias arquitectónicas da cidade, comezando pola propia catedral, que vai sufrir unha serie de modificacións que a engrandecen, sendo a máis destacada a construción do novo claustro. Ademais, érguese o Hospital Real (actual Hostal dos Reis Católicos), a igrexa de San Martiño Pinario e o Convento de San Paio de Antealtares.

Santiago vaise transformar na cidade da cultura na idade moderna, onde se van formar tanto os homes da igrexa como os fillos do fidalgos interesados nas letras. Porén, o Concilio de Trento e a dependencia da Igrexa van provocar que a ciencia e a razón fiquen subordinadas ao dogma católico. A partir da segunda metade do XVII Compostela vivirá outra etapa dourada, que se reflicte na pegada da arquitectura barroca na cidade e na configuración definitiva da catedral e do Obradoiro. A urbe segue medrando en tamaño e importancia, acubillando a unha cada vez máis complexa estrutura social. Se o barroco galego en xeral foi abondoso e brillante, vaino ser máis aínda o compostelán, que nos deixa un grande número de exemplos do seu grande valor. O Antigo Réxime vaise extinguindo paseniño neste solpor barroco, que comeza en Compostela no XVII e que vaise desenvolver durante todo o século XVIII. Compostela, xunto aos clérigos, comerciantes e peregrinos, tamén  acollerá a algúns fillos das familias fidalgas, que acoden á cidade a prepararse e iniciar a carreira eclesiástica, para aprender leis, para formarse e exercer diferentes profesións ou simplemente para escapar do campo e levar unha cómoda vida urbana. A cidade será un grande teatro humano, cheo de contrastes sociais, de fonda relixiosidade, de supersticións, mais tamén será a Compostela universitaria, onde a ilustración abrirase camiño de vagar.


Durante os séculos XVII e XVIII, ao carón dos grandes edificios relixiosos, xorden obras civil de moito interese,como o Pazo de Bendaña (hoxe en día sé do Museo Granell), pero será outra vez o arcebispado e o cabido os que promovan este lavado de faciana da capital galega. A catedral reformúlase desde mediados do XVII, cunha nova e fascinante fachada obra do arquitecto Casas e Novoa. Ademais, Domingo de Andrade, outro dos grandes arquitectos do noso barroco, erguerá a elegante torre do reloxo, que dende aquela marca o devir da vida cotiá ás sucesivas xeracións que habitaron o casco vello da cidade. A Casa da Parra, a Casa do Deán, San Domingos de Bonaval (coa súa espectacular escaleira), o Convento de San Francisco... son algúns dos lugares emblemáticos do barroco compostelán.

Desde finais do XVIII Compostela vai mudando, en certa medida, a súa faciana de cidade eclesiástica e de peregrinación, para se converter nunha urbe cun notable trazo ilustrado, feito favorecido polo desenvolvemento urbano e a emancipación dos poderes eclesiásticos da súa Universidade. Nesta altura, a cidade adquire o aspecto pétreo que a caracteríza, pavimentándose todas as rúas e derrubándose as vellas casas feitas con materiais máis humildes; aínda así, o casco vello vai manter o seu encantador urbanismo medieval.


A pesar de ser o lugar de residencia durante anos de Rosalía de Castro, o lugar desde onde actúa o rexionalsita Alfredo Brañas, e tamén a cidade onde se encontren como estudantes algúns dos participantes do Banquete de Conxo, como Pondal, Compostela non vai acadar un papel moi relevante na transformación cultural do Rexurdimento, nin no nacemento do movemento político galeguista, xa no XIX. Será a partir dos anos 20 do século XX, cando na cidade compostelá abrollen diferentes iniciativas de corte democrático e galeguista a través dos cales a cidade sacódese esa imaxe tópica de cidade conservadora e clerical. En Compostela traballa o Seminario de Estudos Galegos, e cocíñase o Estatuto de Autonomía do 36.  Nos seus concorridos faladoiros, como o do café Derby,  participan unha morea de intelectuais, algún deles ben novos como o propio Luís Seoane.


A última gran transformación de Compostela ten lugar nas últimas décadas. Coa chegada da democracia, e o seu nomeamento no Estatuto de Autonomía como capital de Galicia, Compostela vivirá unha nova etapa de esplendor. Santiago quedará configurada como unha cidade administrativa, universitaria e de servizos,  renovando as súas infraestruturas, creando novas institucións culturais e desenvolvendo un ambicioso proxecto de recuperación e renovación do casco histórico durante o mandato na alcaldía de Xerardo Estévez, con proxectos que respectaron a traza histórica dunha cidade que soubo respectar a pegada que deixou o paso do tempo. Así ,no ano 1985, lle chegaría a Compostela o recoñecemento por parte da UNESCO como cidade Patrimonio da Humanidade.

Este feito, xunto coa promoción turística acadada co postmoderno e artificial auxe do fenómeno xacobeo, converten a Compostela da actualidade nun dos grandes atractivos turísticos do noso país.  Cómpre subliñar, por outra banda, toda unha política de excesos cometidos nos últimos tempos en torno á cidade, como a edificación dunha carísima e esaxerada Cidade da Cultura, ou o esquecemento da separación constitucional entre a Igrexa e o Estado nas visitas dos papas romanos.

Sexa como for, Compostela, a grande icona, a cidade vella e tradicional, a capital do poder político, a urbe moderna e vizosa, a dos estudantes, a dos cregos, a dos funcionarios, a das centos de manifestacións... Amosa todas estas facianas, ben diferentes, aos milleiros de visitantes que non se resisten a coñecela.

1.12.10

A CULTURA MARIÑEIRA. AS RÍAS BAIXAS


A cultura mariñeira ten en Galicia unha fonda tradición, consecuencia de sermos un pais que conta con 1.200 Km de costas que acollen a centos de milleiros de homes e mulleres que viven do mar. As cidades, vilas e aldeas das nosas rías, a partir dos seus portos, desenvolveron unha forte actividade relacionada co mar, o que marcou a propia idiosincrasia das súas xentes, xerando unha cultura mariñeira de raigame galega.

Historicamente, o traballo no mar foi complementario desde o punto de vista económico e, polo tanto, menos valorado respecto á actividades labregas ou as profesións urbanas. Tamén o peixe foi un producto con menos valor de mercado e menor rendibilidade ata ben entrado o século XX. Ademais, a dureza e os riscos da vida mariñeira provocaron que a porcentaxe de galegos que se dedicaron a ir ao mar ao longo da historia fose cuantitativamente baixo ata ben entrada a Idade Moderna.

As actividades pesqueiras e marisqueiras en Galicia remóntanse ata a prehistoria, etapa na que se constata a presenza de cuncheiros asociados aos xacementos costeiros. Co paso do tempo, vai ser cada vez máis normal a explotación dos recursos mariños; de feito, no medievo, os grandes mosteiros reserváranse señoríos nalgunhas illas, como foi o caso de Sobrado dos Monxes. A partir do século XVI, comézase a explotar sistematicamente os bancos de sardiñas que entraban a esgalla nas rías de Muros-Noia e de Pontevedra. As vilas mariñeiras destas rías vivirán, nos primeiros séculos da Idade Moderna, unha época dourada. De feito, Pontevedra chegaría a superar a Compostela como a cidade máis grande de Galicia.

Nesta breve historia das actividades pesqueiras na nosa terra, debemos destacar tamén a chegada dos fomentadores cataláns no século XVIII, que revolucionarán a industria conserveira. En Galicia comézase entón a explotar dun xeito máis racional os recursos mariños; porén, isto farase en beneficio destes industriais cataláns e en contra dos mariñeiros galegos, que non poderán competir, obrigados a pagar a matrícula de mar, e que terán que traballar empregados por estes industriais foráneos.

Desde o século XIX ata os nosos días pesca é unha actividade importantísima na economía galega. A industrialización do sector conviviu durante moitas décadas coas prácticas tradicionais, que paseniño foron perdéndose. Hoxe en día, Galicia vai á vangarda na producción pesqueira a pesar das dificultades polas que está a atravesar o sector desde a entrada na Unión Europea.  Vigo e A Coruña son dous dos portos máis importantes de Europa en canto ao volume de actividade pesqueira, e Galicia é un dos países con maior tradición mariñeira.

Nesta clase falaremos desta cultura mariñeira tradicional, estudada polos etnólogos como unha parte fundamental da nosa cultura popular. Ademais, na segunda parte da clase, falaremos do patrimonio asociado ás vilas mariñeiras das Rías Baixas.

Como son esas xentes do mar? seguramente moitos de nos coñecemos de preto, por cuestións familiares e de orixe, algúns dos trazos fundamentais da forma de ser destas familias mariñeiras.
Facendo unha simplificación, aínda que sen ánimo de distorsionar o que é a cultura mariñeira, poderiamos afirmar que os mariñeiros son máis ben individualistas, soen mirar polo seu, e viven o presente máis que pensar moito no futuro. A casa, para un mariñeiro, é secundaria, sendo o barco a posesión máis valiosa da familia. Xeralmente tampouco son aforradores e a chegada ao porto vívena como unha grande festa.

No mar, os roles familiares están moi marcados, tendo en conta que o home é o que vai ao mar, e a muller a que se encarga do resto de tarefas que se fan fóra do barco, desde atender á familia, ata vender o peixe, ou levar a economía familiar. Tamén son as mulleres as que se dedican a mariscar. As familias mariñeiras son as denominadas nucleares, formadas só polos pais e fillos. As vilas mariñeiras teñen unha aparencia moi diferente ás aldeas rurais, máis alá da evidencia de que unhas teñen mar e as outras non. As vivendas son pequenas e están xunto ao porto no que os homes e mulleres traballan. Case sempre, os rapaces fanse mariñeiros moi novos, casando pronto e marchando da casa dos pais (un modelo moi diferente ao  das familias do campo galego).

Nos portos galegos sempre funcionaron, desde a época gremial, as organizacións  mariñeiras. As confrarías controlan a actividade mariñeira e prestan axuda aos seus membros. A vida do mariñeiro ven marcada por unha curta etapa de aprendiz, outra longa de mariñeiro e, se hai sorte, unha última etapa como patrón. Unha das tradicións máis fermosas, que aínda se conservan nalgúns lugares da nosa costa, e que nos fala de esta solidariedade entre as xentes do mar, e o modelo de producción que se denomina “monte maior”. Este sistema consiste en xuntar todas as capturas que foran realizadas polo grupo, e repartilas a partes iguais. De todos os xeitos, este modo de reparto non foi nunca o máis habitual nos peiraos galegos.

En Galicia existe un gran patrimonio relacionado coas artes tradicionais de pesca. En centros como o Museo Massó de Bueu, o Museo do Pobo Galego, ou o Museo do Mar de Galicia en Vigo, consérvanse embarcacións e aparellos que nos mostran como era a pesca tradicional xa perdida nas nosas costas. Tamén grazas ao traballo de diversas asociacións estanse a recuperar hoxe en día algunhas das vellas embarcacións tradicionais. Como figura sobranceira dentro do estudo das comunidades mariñeiras de Galicia temos ao pai da etnografía galega, Xaquín Lorenzo, que percorreu as nosas costas describindo con minuciosidade os costumes e a cultura material daquelas xentes do mar. Nos seus textos constatamos a extraordinaria dureza e riscos dun modo de vida sempre ao fío da navalla.


Ao falar do mundo mariñeiro non podemos obviar a fonda relixiosidade popular. Hai en Galicia un gran número de crenzas, tradicións relixiosas, festas e romarías que abrollan por todos os nosos portos, sendo especialmente celebrado o Carme, cando as imaxes da virxe fan fermosas procesións mariñas. Así mesmo, esta relixiosidade reflíctese no patrimonio eclesiástico das vilas mariñeiras, desde a máis humilde ermida, ata grandes igrexas feitas polos gremios de mareantes, como Santa María a maior en Pontevedra. Este fenómeno débese, principalmente, á inseguridade constante que supón a relación do home co duro océano Atlántico. Xunto as crenzas cristiás, temos tamén unha serie de supersticións que acompañan sempre aos mariñeiros, como o costume de non subir mulleres a bordo, o de benzoar as embarcacións con diversos rituais, ou a imposibilidade de mencionar diversas palabras a bordo dunha embarcación.

As Rías Baixas, cos seus grandes espazos mariños, as súas illas, os seus cabos e rompentes, os seus privilexiados areais, as súas vellas bateas, os seus dourados solpores, e as súas centenarias vilas, compoñen unha paisaxe dunha grande fermosura. Desafortunadamente,  o desenvolvemento do turismo e do sector terciario producido nas últimas décadas, fixo que se desvirtuara boa parte do carácter mariñeiro e tradicional das rías, que aparecen inzadas de bloques horrendos de cemento, froito da especulación sen medida e da cegueira dos políticos de quenda. Malia esta deturpación, nas rías de Muros e Noia, de Arousa, de Pontevedra e de Vigo, conservamos aínda algúns lugares nos que podemos albiscar este carácter eminentemente mariñeiro que noutrora podíase respirar en cada rúa das vilas e aldeas situadas a carón do mar. Ademais, posuímos nestes lugares un rico patrimonio artístico e monumental, e, como non, podemos gozar da espectacularidade desas paisaxes onde a fereza do Atlántico amaina para deixarse abrazar pola terra galega.

Muros é Noia son dúas vilas de raigame histórica. Muros é unha das vilas mariñeiras mellor conservadas do país; paseando polas súas rúas podemos apreciar como era antigamente unha vila tradicional, coas súas rúas pequerrechas e as súas pequenas vivendas de pedra con galerías. Noia, pola súa banda, foi desde o medievo unha poboación importante da xeografía galega, feito do que se fai evidente a través do seu patrimonio arquitectónico, no que destacan as igrexas de San Martiño e a de Santa María a Nova, co seu peculiar camposanto. Na outra beira da ría, temos a vila de Porto do Son, e xusto na cabeza das mesma, xa abeirando para a ría de Arousa, o Castro de Baroña, onde moraron algúns dos primeiros mariscadores que houbo en Galicia e, máis alá,  o espectacular paraxe das dunas de Corrubedo.

A Ría de Arousa é unha gran extensión de mar que penetra na terra formando unha paisaxe abraiante. Destacamos a illa que da nome ao conxunto, onde a tradición pesqueira aínda sobrevive, como podemos comprobar nos seus dous portos. Nesta ría combínase a existencia de centros turísticos de prestixio, como A Toxa, con vilas grandes e deswenvolvidas como Riveira e Vilagarcía. Existen na ría poboacións que contan cun patrimonio arquitectónico notorio, froito da súa orixe señorial, como a Pobra do Caramiñal e Cambados (capital do Salnés e do Albariño). Tamén lugares que para os galegos teñen un grande significado histórico, como Rianxo, a vila de Castelao e Dieste, e tamén da famosa Rianxeira. E monumentos emblemáticos como as Torres do Oeste en Catoira, que protexían a entrada cara ao interior de Galicia polo río Ulla.


Na ría de Pontevedra temos unha das poucas aldeas de pescadores que manteñen a fisionomía antiga. é un encantador pobo mariñeiro onde as casas e os hórreos amoréanse ao pé da ría. Xusto en fronte temos Pontevedra, que no seu día foi a cidade máis grande de Galicia e que conta cun fermoso casco vello con edificios significativos do medievo e da Idade Moderna, como San Domingos, San Francisco ou Santa María a Maior, a igrexa do gremio de mareantes.  Hai na ría outras vilas mariñeiras, como  Marín, neste caso coa presenza da escola naval, e tamén Bueu, onde atopamos o Museo Massó, antiga conserveira convertida en centro expositivo, onde vemos a puxanza que tiveron estas industrias nas Rías Baixas, e onde se musealizou tamén a pesca da balea, tradición importante en Galicia que se desenvolveu ata hai poucas décadas.

Cangas, Moaña, Redondela, Baiona, as Illas Cíes e, sobre todo, Vigo, son os lugares emblemáticos da máis meridional das nosas grandes rías. Vigo tivo un desenvolvemento extraordinario desde finais do século XIX, ligado á súa excelente relación co mar. Desde aquela altura pasou de ser unha vila mariñeira á se converter na poboación máis grande de Galicia, grazas a un gran proceso de industrialización e, como consecuencia disto,  un gran crecemento urbano. Vigo é unha cidade de contrastes. Nela atopamos o vello núcleo mariñeiro a carón do Berbés, as grandes avenidas con  vizosos predios, moitos deles erguidos pola potente burguesía industrial que aflorou na cidade. Tamén os populosos barrios obreiros onde se instalaron os milleiros de galegos que acudiron a traballar nas súas industrias. Todo enmarcado pola espectacular paraxe da ría, que só se pode comprender e gozar enteiramente entrando a Vigo polo mar. Así, a cidade olívica, a través da súa historia,  pasou a ser o paradigma da gran transformación dunha cultura mariñeira tradicional cara a un sector industrial na era contemporánea. Sector que hoxe en día, e a pesar dos atrancos, é e unha parte fundamental da economía galega.