Páginas

2.2.11

AS REVOLTAS IRMANDIÑAS

A altura do 1466, no solpor do medievo, milleiros de cidadáns e labregos galegos, unidos en irmandade, erguéronse contra os señores que os asoballaban. Os máis poderosos esixían rendas e servizos que non lles correspondían, roubaban e atacaban os bens e as familias da xente común,  secuestraban ás persoas e pedían rescates, violaban ás mulleres, aplicaban a xustiza de forma aleatoria e cometían todo tipo de abusos contra unha poboación que vivía ao límite, e que tivo azos para se revelar contra aquela inxustiza.Durante máis de dous anos derrubaron decenas de fortalezas -símbolo do poder daquela nobreza- por toda a xeografía galega, e fixeron fuxir a aqueles señores contra os que se sublevaron. 

A resposta feudal non se fixo agardar. No ano 1469, comandados por Pedro Madruga, os señores recuperaban as súas antigas fortalezas e castigaban a aqueles rebeldes que soñaran cun orde social máis xusto.

Mais xa nada sería o mesmo, en poucas décadas aquel vello orde sería substituído por un control máis férreo por parte da monarquía e da administración castelá en Galicia. Sería o proceso histórico que foi coñecido como “doma e castración” do reino de Galicia, debido ao cal o poder político galego quedaría sometido á vontade da corte castelá durante séculos.


Cales foron as causas que explican esta revolta?  En primeiro lugar cómpre subliñar que estes últimos séculos do medievo son tempos de crise, dun sistema feudal que entra en decadencia e que vai dar lugar a unha sociedade e unha orde nova.  Unha serie de circunstancias fan que a estable orde medieval que dividía a sociedade nos que rezan, nos que loitan e nos que traballan se rache. As cidades crecen e a incipiente burguesía reclama o seu poder ante a Igrexa e a nobreza.  A propia nobreza tamén muda, esixindo máis e exercendo máis presión aos labregos, que apenas poden cumprir coas súas rendas. Os apoios aos diferentes candidatos nas guerras sucesorias á coroa de Castela provocan cambios na composición da nobreza galega, uns señores de novo cuño van erguer fortalezas e desde elas provocar todo tipo de situacións de abuso.

Ademais, nestes últimos dous séculos do medievo, foron moi habituais as epidemias, sobre todo a peste, e a fame negra, fenómenos que se repetiron décadas tras década e que provocaron  unha alta mortalidade e o descenso nas rendas dos señores. 

Resumindo: crise económica, fame e morte, desenvolvemento do mundo urbano que reclama máis independencia, e unha nova nobreza que ten aos campesiños asoballados  con todo tipo de abusos, conforman o caldo de cultivo das revoltas. Estas circunstancias acentúanse especialmente na década dos sesenta do século XV, na que Galicia vive sumida nunha situación de caos e anarquía:

"Andaba la gente en el Reino a quién más podía más hazía e no osaban las gentes de andar por los caminos seguros" [1]

A gran guerra irmandiña dos anos 1466 a 1469 tivo algúns precedentes no tempo en Galicia. En realidade, o feito de organizarse en irmandades de homes para se defender dos abusos non foi un costume exclusivo da nosa terra, senón que ten paralelismos por toda Europa.  Entres eses precedentes tivo moita sona, séculos antes, o levantamento do pobo de Compostela contra o propio arcebispo Xelmírez. Porén, as Revoltas Irmandiñas tiveron unha natureza diferente, debido ao alcance e o significado e representatividade do movemento, que expresaba as arelas de cambio dun pobo.

A primeira guerra irmandiña tivo como protagonista á chamada Irmandade Fusquenlla. Ten lugar no ano 1431, no señorío dos Andrade, na comarca do Eume e As Mariñas, aínda que o conflito  estenderíase ata Lugo e Mondoñedo. Campesiños e cidadáns únense en Irmandade contra Nuno Freire de Andrade, alcumado “o mao”, polos excesivos tributos que facía pagar aos seus súbditos. Estes primeiros irmandiños estaban dirixidos polo ferrolán Roi Xordo. Nun primeiro momento poñen contra as cordas ao señor da casa de Andrade, máis a revolta fracasa debido ao apoio recibido por Nuno Freire do rei castelán e o arcebispo de Compostela. Consérvase un documento medieval que recolle a noticia da dos feitos:

«E entre outros negocios que o Rei había de despachar (...)  era un que pendía entre Nuno Freire de Andrade e os seus vasalos de Pontedeume, Ferrol e Vilalba, que eran súas, que todos se ergueran contra el, dicindo que era señor moi forte e duro e que non podían comportar , e facíanlle a guerra tres mil homes e máis, e derribáronlle certas casas fortes e taláronlle algunhas viñas e hortas e con estes xuntáranse  outros moitos dos bispados de Lugo e Mondoñedo, que serían ben dez mil homes e máis, e tomaran por capitán a un fidalgo que se chamaba Roi Xordo, e traían un pendón de Santiago e fixeron todos unha Irmandade e por toda terra os chamaban irmáns,e andaban así moi poderosamente, facendo moitos grandes danos e males na terra, que nas rendas do rei nin conta a súa xustiza non tocaban (...)»[2]


Esta primeira revolta irmandiña, que non chegou a callar, ficou na lembranza daqueles galegos do baixo medievo,  que sentían que tiñan que unirse para loitar contra os abusos dos poderosos. Na década dos 60 do século XV, déronse as circunstancias para  un novo  xurdimento das Irmandades: acrecéntase os abusos, os espolios contra as vilas e os campesiños, e as esixencias de tributos abusivos, dirixidas polos señores feudais desde as súas fortalezas. Paradigma desta situación é a encomenda, a través da cal estes señores laicos, que contaban sempre cun grupo de soldados armados, vendían aos mosteiros e ás vilas a protección contra a violencia doutros señores como eles. Estas accións tiveron as súas consecuencias na produción agrícola e na actividade comercial, así que xunto coa inseguridade e o medo, reinaba a escaseza e a fame en Galicia.

«Os señores prelados e cabaleiros do dito reino (...) lles facían moitos agravios e danos e males nas súas persoas e nos seuS  bens, roubándolles os seus bois e bestas e lles forzaban as súas mulleres e fillas e moitos dos ditos danos facíanse así das xentes que tiñan nas súas casas como nas súas fortalezas» [3]

A situación política no reino de Castela tamén presentaba alteracións. O rei Henrique IV enfrontábanse en guerra civil contra o príncipe Afonso. O feito de que moitos nobres galegos apoiaran ao pretendente, provocou que o monarca castelán permitise a formación das Irmandades, que contaron así coa protección e a legalidade rexia.

"El dicho rey mandava sus provisiones al dicho Reino de Galiçia para que la gente común del dicho Reino se juntasen e fiziesen en hermandad y tomasen y derrocasen las fortalezas"[4]

Desta volta, a acción dos Irmandiños sería máis contundente. A irmandade formase, coa aprobación do rei, no ano 1965, cando milleiros de homes procedentes das cidades e do campo xúntanse para defender os seus intereses ante o caos que reinaba no país. O movemento, iniciado na comarca de Santiago,  espállase en pouco tempo por toda Galicia. O historiador Carlos Barros aporta a cifra de 80.000 irmandiños en toda Galicia.

Tradicionalmente admitiuse que o movemento irmandiño era, en esencia, labrego. Hoxe en día hai que matizar dita afirmación, xa que o peso dos habitantes das vilas, que foran medrando considerablemente na Baixa Idade Media, foi tanto ou máis importante que o da xente do campo, sobre todo desde o punto do mando e da iniciativa.

A organización foi fundamental para o éxito dos Irmandiños. En cada cidade, vila e comarca de Galicia formouse unha irmandade local. As xuntas da Irmandade conformaban a asemblea suprema do movemento, nela estaban representadas todas as irmandades locais a través dos seus xefes (deputados ou procuradores), que á súa vez eran escollidos polos seus propios compañeiros de irmandade. Este espírito “democrático”  que as alumeou explica o papel simbólico que as irmandades encarnaron, por isto foron o paradigma de moitas loitas posteriores pola liberdade. Ademais desta representatividade, as irmandades contaron cos cuadrilleiros, que exercían o mando militar nas operacións armadas. Dentro do grupo de dirixentes destacaron algúns homes procedentes da baixa nobreza, como Alonso de Lanzós ou Diego de Lemos.

Os cargos elixidos portaban, de xeito simbólico, unha “vara de xustiza”. Nos territorios controlados pola Irmandade –de 1467 a 1469 a práctica totalidade do reino- estes representantes tiñan o poder executivo e xudicial. A organización das Irmandades incluía tamén unha tributación económica para o mantemento das mesmas, que  os irmandiños aportaban en troques das rendas señoriais. Un dos representantes máis importantes das irmandades foi un tal Joan Branco de Betanzos, que tratou directamente co rei o permiso para organizar as irmandades, e que conseguiu que Henrique IV concedese a condición de reguengo á poboación betanceira.

As irmandades foron unha alianza de homes e mulleres de diferentes orixes e condicións sociais, unidos pola xenreira contra os señores que abusaban deles, e que converteran o reino nun lugar onde reinaba a inseguridade e o caos. As disensións internas nun grupo tan hereodoxo foron unha das causas que explican a caida dos irmandiños. O profesor Anselmo López Carreira cualifica o como movemento como interclasista, e subliña a importancia da poboación urbana, unha burguesía en alza que é quen na práctica dirixe as irmandades. A Igrexa non se vai comportar como un bloque unido; por unha banda, os cabidos e moitos mosteiros e membros do baixo clero van apoiar ás irmandades; por outro lado, o Arcebispo Alonso II de Fonseca foi un dos nobres que tiveron que fuxir ante a ira irmandiña.

Como quedou dito, as irmandades axiña se organizaron, xuntaron un gran número de homes dispostos a loitar, e asolaron as fortalezas. Algúns documentos falan de que máis de 140 destes castelos foron derrubados. Outros documentos afirman que apenas quedou fortaleza en pé na nosa terra, sendo unha das poucas que os irmandiños non puideron derrubar o castelo de Pambre.

A arela de liberdade empurrou aos irmandiños a derrubar as fortalezas; porén, deixounos desprovistos de lugares fortificados onde se defender do contraataque feudal. Só as murallas das cidades poderían agora impedir o asalto dos Madruga, Lemos , Fonseca e compañía dos seus territorios perdidos. Neste caso puido más o acabar co símbolo da opresión, que a estratexia militar.



A acción bélica foi moi dura durante a conquista militar das irmandades e no furiosos contraataque señorial. As irmandades ían armadas con armas brancas, catapultas e lombardas. Os exércitos señoriais, cando volven a Galicia, fano manexando algunhas das primeiras armas de fogo que se viron na nosa terra. Non era doado destruír aquelas fortalezas de pedra. Indubidablemente, o triunfo irmandiño debeuse á súa gran superioridade numérica, pois os señores contaban con exércitos privados moito máis adoitos á violencia e á guerra.

Durante máis de dous anos, Galicia organizouse a través dos gobernos das Irmandades, unidas unhas ás outras a través da asemblea xeral. Os opresores tiveron que agocharse ou ben fuxir de Galicia. Os Irmandiños non castigaron persoalmente aos nobres, mais si aos seus secuaces. Foron tamén contra todos os seus bens, que foron confiscados para a causa. Diego de Andrade e Sancho de Ulloa marchan para Castela, O arcebispo Fonseca fai o mesmo, e o temible Pedro Madruga (Pedro Álvarez de Soutomaior) ten que fuxir a Portugal.

“En corto tiempo los gallegos no sólo arrancaron de las selvas a los facinerosos y los arrastraron al patíbulo, sino que se apoderaron de fortalezas tenidas por inexpugnables"[5].

Esta situación non tardou moito en mudar. No ano 1469, Henrique IV cambia de opinión. Xa venceu na guerra e agora xa non lle interesa o excesivo poder que estaban a tomar as Irmandades, polo que vai a axudar aos nobres, dos que el mesmo era primun inter pares, na reconquista de Galicia. Os nobres fuxidos, malia que estaban empobrecidos ao no recibiren as súas rendas, conseguen armar poderosos exércitos privados e volver a Galicia dispostos a recuperar o poder perdido. Pedro Madruga será o que faga máis dano aos irmandiños. Penetra desde Portugal, onde consegue armarse grazas a familia da súa muller, percorre as rías baixas ata Compostela. Alí reúnense cos exércitos do Arcebispo Fonseca e Xoán Pimentel, que penetraran no noso territorio desde Salamanca. Tamén penetra o Conde de Lemos desde Ponferrada. Canda el ven o Mariscal Pardo de Cela. Desta volta turrando contra os irmandiños, e máis adiante convertido en símbolo da resistencia da nobreza (e da soberanía) galega fronte a Castela, cando foi decapitado en Mondoñedo.

A derrota na batalla de Almáciga, nos arredores de Compostela, marca o principio do fin. Os Irmandiños van claudicando pouco a pouco en todas as comarcas, aínda que as cidades que contaban con murallas e con máis tradición urbana van resistir mellor , e incluso van forzar pactos de convivencia cos antigos señores que as dominaban.

Mais a derrota non foi completa. Os tempos cambian e o control da nobreza dos territorios iría mudando pola cada vez máis abafante administración castelá no reino. Os descendentes destes nobres van abandonar o país, achegándose á corte, e deixando os seus asuntos en mans de fidalgos intermediarios. Moitas das fortalezas xamais se reconstruíron, e a xustiza sería controlada cada vez dunha forma máis firme polos funcionario reais. Estamos ante o paso da Galicia dos  castelos á Galicia dos pazos.



O castigo non foi excesivamente duro. Algúns xefes das Irmandades foron executados, mais a maioría dos Irmandiños foron castigados a reconstruír as fortalezas derrubadas. Aínda así, como se recolle no preito Tabera – Fonseca, moitos daqueles castelos, que eran o centro de operacións da nobreza, ficaron en ruínas. Cando lle insinúan a Pedro Madruga que pendure aos irmandiños dos carballos, a resposta pragmática do señor foi que non se ía a alimentar de carballos.

Doma e castración, esta expresión, acuñada polo cronista da época Jerónimo Zurita,  foi recuperada polo propio Castelao para explicar o control político e económico da coroa castelá desde os tempos dos reis católicos. A cabeza de Pardo de Cela rodando polos chanzos de pedra de Mondoñedo, mentres exclama credo, credo, credo, e a viaxe de Sabela e Fernando a Compostela, despois de moitas décadas sen a chegada dun rei castelán a Galicia, son o paradigma destes cambios que marcan o inicio da Idade Moderna na nosa Terra. Novas institucións controlarán o reino,instaurando unha nova orde: A Real Audiencia do reino de Galicia, As Xuntas do Reino  e a Capitanía Xeral. A partir do século XVI, os homes e mulleres do común, tanto nas cidades como no campo, atoparían unha maior seguridade física e xurídica, malia súa condición marxinal no político e no económico na sociedade da Idade Moderna.

As revoltas irmandiñas teñen un lugar destacado dentro da historia e da cultura de Galicia Foi un dos primeiros historiadores galegos, Benito Vicceto, o que redescubriu aos galegos aqueles feitos, no contexto do rexurdimento. A partir daquel momento, os irmandiños convertéronse nunha referencia, nunha icona da historia do noso pobo, debido aos elementos románticos e singulares que o movemento comprendía. Todas as nacións teñen os seus mitos, feitos históricos sobranceiros convertidos en símbolos. Así, as  loitas dos Irmandiños son un dos momentos históricos reivindicados de sempre polo galeguismo. Moitos intelectuais e artistas galegos converteron a revolta irmandiña no paradigma da loita pola liberdade dos cidadáns galegos, e de Galicia como pobo. Como exemplo disto temos a Ramón Cabanillas, que conta a historia de Pardo de Cela na súa obra de teatro O Mariscal, ou ao mesmo Seoane, coa súa serie de gravados dedicados a nosa historia medieval o coa súa obra dramática A soldadeira.

Paseando polas rúas dos cascos vellos das diferentes vilas e cidades de Galicia podemos rastrexar os pasos do patrimonio histórico e artístico da época das Irmandades. As igrexas e casas con reminiscencias do gótico e coa pesada presenza do granito, adornan as parte máis antigas daquelas vilas que foron escenario das confrontacións dos irmandiños: Compostela, A Coruña, Santiago, Pontedeume, Mondoñedo, Viveiro, Monforte, Allaríz, Pontevedra...  Mais, se temos que destacar algún elemento patrimonial como símbolo das revoltas irmandiñas, esas son as fortalezas. Algunhas ficaron derrubadas desde aquela, outras foron recuperadas polos mesmos labregos e cidadáns que as derrubaran. Rochaforte, Sandiás, Moeche, o Castelo dos Andrade... Forman parte da nosa riqueza arquitectónica e son testemuña dunha época e duns feitos  que marcaron  o devir histórico do noso país.


Algúns dos personaxes históricos que participaron nas revoltas irmandiñas, por algunha ou outra causa, quedaron tamén vencellados á historia e ao imaxinario popular, foron mitificados ou fortemente criticados. Estamos a falar de nomes como Nuno Freire de Andrade “o mao”, Roi Xordo, Pedro Madruga, Alonso de Lanzós, o Mariscal Pardo de Cela. Todos eles personaxes dignos de seren considerados case como personaxes novelescos..

Para estudiar a acción irmandiña temos unha fonte importantísima,como son os documentos conservados do preito Tabera – Fonseca. Juan Tabera, novo arcebispo de Santiago no ano 1525, denuncia a Alonso III de Fonseca, e ao seu antecesor Alonso II, polos danos recibidos no patrimonio do Arcebispado, concretamente polas fortalezas derrubadas polos irmandiños e non reconstruídas. O caso é que se conservan moitas das declaracións das testemuñas do xuízo, que relatan os feitos acontecidos  máis de cincuenta anos antes.

No tocante á bibliografía sobre as revoltas irmandiñas, imos destacar aquí catro textos que poden ser de utilidade para afondar no coñecemento deste proceso histórico:

Un libro de referencia que conta con abondosa información documental sobre os feitos é Os Irmandiños, textos, documentos e bibliografía. (1991). Edicións A Nosa Terra, de Anselmo López Carreira.

Pódense consultar os documentos relativos ao preito Tabera-Fonseca polo miúdo na seguinte obra de Ángel Rodríguez González: Las fortalezas de la mitra compostelana y los "irmandiños". (1984). Colección Galicia Histórica. Fundación Pedro Barrié de La Maza.


A mentalidade Xusticieira dos Irmandiños.
(1988) Edicións Xerais, de Carlos Barros. Un libro pioneiro en Galicia dentro do campo da historia das mentalidades, que afonda nos procedementos mentais que levaron a aqueles labregos e cidadáns a se erguer.  O profesor Barros fálanos do xurdimento dunha mentalidade xusticeira nos homes e mulleres do común en Galicia, e como na mentalidade popular calla un concepto de xustiza, vencellado á figura dun monarca afastado e mitificado, e a carñon disto, un sentimento compartido de agravio que invitou ao pobo a revelarse.


Por último, destacamos a novela do académico correspondente Xoán Bernárdez Vilar; Un home de Vilameán, da que contamos con varias edicións, a primeira das cales saíu do prelo na cidade Montevideo no ano 1975. Un xeito diferente de achegarse ás guerras irmandiñas a través do xénero da novela histórica, achéganos de xeito rigoroso ao tempo das revoltas, a través das aventuras do protagonista, un labrego irmandiño chamado Pedro Bas.


[1] Texto publicado en Carlos Barros; Revuelta de los irmandiños. Los gorriones  corren tras los halcones; Historia a debate (http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/revuelta.htm)

[2] Galíndez de Carvajal; Crónica de Xoán II - Texto publicado en Anselmo López Carreira, Os Irmandiños, textos documentos e bibliografía. A Nosa Terra, 1991 – p.26

[3] Pleito Tabera –Fonseca, Texto publicado en Anselmo López Carreira, Os Irmandiños, textos documentos e bibliografía. A Nosa Terra, 1991 – p.28

[4] Texto publicado en Carlos Barros; Revuelta de los irmandiños. Los gorriones  corren tras los alcones; Historia a debate (http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/revuelta.htm)

[5] Texto publicado en Carlos Barros; Revuelta de los irmandiños. Los gorriones  corren tras los alcones; Historia a debate (http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/revuelta.htm)