Páginas

1.12.10

A CULTURA MARIÑEIRA. AS RÍAS BAIXAS


A cultura mariñeira ten en Galicia unha fonda tradición, consecuencia de sermos un pais que conta con 1.200 Km de costas que acollen a centos de milleiros de homes e mulleres que viven do mar. As cidades, vilas e aldeas das nosas rías, a partir dos seus portos, desenvolveron unha forte actividade relacionada co mar, o que marcou a propia idiosincrasia das súas xentes, xerando unha cultura mariñeira de raigame galega.

Historicamente, o traballo no mar foi complementario desde o punto de vista económico e, polo tanto, menos valorado respecto á actividades labregas ou as profesións urbanas. Tamén o peixe foi un producto con menos valor de mercado e menor rendibilidade ata ben entrado o século XX. Ademais, a dureza e os riscos da vida mariñeira provocaron que a porcentaxe de galegos que se dedicaron a ir ao mar ao longo da historia fose cuantitativamente baixo ata ben entrada a Idade Moderna.

As actividades pesqueiras e marisqueiras en Galicia remóntanse ata a prehistoria, etapa na que se constata a presenza de cuncheiros asociados aos xacementos costeiros. Co paso do tempo, vai ser cada vez máis normal a explotación dos recursos mariños; de feito, no medievo, os grandes mosteiros reserváranse señoríos nalgunhas illas, como foi o caso de Sobrado dos Monxes. A partir do século XVI, comézase a explotar sistematicamente os bancos de sardiñas que entraban a esgalla nas rías de Muros-Noia e de Pontevedra. As vilas mariñeiras destas rías vivirán, nos primeiros séculos da Idade Moderna, unha época dourada. De feito, Pontevedra chegaría a superar a Compostela como a cidade máis grande de Galicia.

Nesta breve historia das actividades pesqueiras na nosa terra, debemos destacar tamén a chegada dos fomentadores cataláns no século XVIII, que revolucionarán a industria conserveira. En Galicia comézase entón a explotar dun xeito máis racional os recursos mariños; porén, isto farase en beneficio destes industriais cataláns e en contra dos mariñeiros galegos, que non poderán competir, obrigados a pagar a matrícula de mar, e que terán que traballar empregados por estes industriais foráneos.

Desde o século XIX ata os nosos días pesca é unha actividade importantísima na economía galega. A industrialización do sector conviviu durante moitas décadas coas prácticas tradicionais, que paseniño foron perdéndose. Hoxe en día, Galicia vai á vangarda na producción pesqueira a pesar das dificultades polas que está a atravesar o sector desde a entrada na Unión Europea.  Vigo e A Coruña son dous dos portos máis importantes de Europa en canto ao volume de actividade pesqueira, e Galicia é un dos países con maior tradición mariñeira.

Nesta clase falaremos desta cultura mariñeira tradicional, estudada polos etnólogos como unha parte fundamental da nosa cultura popular. Ademais, na segunda parte da clase, falaremos do patrimonio asociado ás vilas mariñeiras das Rías Baixas.

Como son esas xentes do mar? seguramente moitos de nos coñecemos de preto, por cuestións familiares e de orixe, algúns dos trazos fundamentais da forma de ser destas familias mariñeiras.
Facendo unha simplificación, aínda que sen ánimo de distorsionar o que é a cultura mariñeira, poderiamos afirmar que os mariñeiros son máis ben individualistas, soen mirar polo seu, e viven o presente máis que pensar moito no futuro. A casa, para un mariñeiro, é secundaria, sendo o barco a posesión máis valiosa da familia. Xeralmente tampouco son aforradores e a chegada ao porto vívena como unha grande festa.

No mar, os roles familiares están moi marcados, tendo en conta que o home é o que vai ao mar, e a muller a que se encarga do resto de tarefas que se fan fóra do barco, desde atender á familia, ata vender o peixe, ou levar a economía familiar. Tamén son as mulleres as que se dedican a mariscar. As familias mariñeiras son as denominadas nucleares, formadas só polos pais e fillos. As vilas mariñeiras teñen unha aparencia moi diferente ás aldeas rurais, máis alá da evidencia de que unhas teñen mar e as outras non. As vivendas son pequenas e están xunto ao porto no que os homes e mulleres traballan. Case sempre, os rapaces fanse mariñeiros moi novos, casando pronto e marchando da casa dos pais (un modelo moi diferente ao  das familias do campo galego).

Nos portos galegos sempre funcionaron, desde a época gremial, as organizacións  mariñeiras. As confrarías controlan a actividade mariñeira e prestan axuda aos seus membros. A vida do mariñeiro ven marcada por unha curta etapa de aprendiz, outra longa de mariñeiro e, se hai sorte, unha última etapa como patrón. Unha das tradicións máis fermosas, que aínda se conservan nalgúns lugares da nosa costa, e que nos fala de esta solidariedade entre as xentes do mar, e o modelo de producción que se denomina “monte maior”. Este sistema consiste en xuntar todas as capturas que foran realizadas polo grupo, e repartilas a partes iguais. De todos os xeitos, este modo de reparto non foi nunca o máis habitual nos peiraos galegos.

En Galicia existe un gran patrimonio relacionado coas artes tradicionais de pesca. En centros como o Museo Massó de Bueu, o Museo do Pobo Galego, ou o Museo do Mar de Galicia en Vigo, consérvanse embarcacións e aparellos que nos mostran como era a pesca tradicional xa perdida nas nosas costas. Tamén grazas ao traballo de diversas asociacións estanse a recuperar hoxe en día algunhas das vellas embarcacións tradicionais. Como figura sobranceira dentro do estudo das comunidades mariñeiras de Galicia temos ao pai da etnografía galega, Xaquín Lorenzo, que percorreu as nosas costas describindo con minuciosidade os costumes e a cultura material daquelas xentes do mar. Nos seus textos constatamos a extraordinaria dureza e riscos dun modo de vida sempre ao fío da navalla.


Ao falar do mundo mariñeiro non podemos obviar a fonda relixiosidade popular. Hai en Galicia un gran número de crenzas, tradicións relixiosas, festas e romarías que abrollan por todos os nosos portos, sendo especialmente celebrado o Carme, cando as imaxes da virxe fan fermosas procesións mariñas. Así mesmo, esta relixiosidade reflíctese no patrimonio eclesiástico das vilas mariñeiras, desde a máis humilde ermida, ata grandes igrexas feitas polos gremios de mareantes, como Santa María a maior en Pontevedra. Este fenómeno débese, principalmente, á inseguridade constante que supón a relación do home co duro océano Atlántico. Xunto as crenzas cristiás, temos tamén unha serie de supersticións que acompañan sempre aos mariñeiros, como o costume de non subir mulleres a bordo, o de benzoar as embarcacións con diversos rituais, ou a imposibilidade de mencionar diversas palabras a bordo dunha embarcación.

As Rías Baixas, cos seus grandes espazos mariños, as súas illas, os seus cabos e rompentes, os seus privilexiados areais, as súas vellas bateas, os seus dourados solpores, e as súas centenarias vilas, compoñen unha paisaxe dunha grande fermosura. Desafortunadamente,  o desenvolvemento do turismo e do sector terciario producido nas últimas décadas, fixo que se desvirtuara boa parte do carácter mariñeiro e tradicional das rías, que aparecen inzadas de bloques horrendos de cemento, froito da especulación sen medida e da cegueira dos políticos de quenda. Malia esta deturpación, nas rías de Muros e Noia, de Arousa, de Pontevedra e de Vigo, conservamos aínda algúns lugares nos que podemos albiscar este carácter eminentemente mariñeiro que noutrora podíase respirar en cada rúa das vilas e aldeas situadas a carón do mar. Ademais, posuímos nestes lugares un rico patrimonio artístico e monumental, e, como non, podemos gozar da espectacularidade desas paisaxes onde a fereza do Atlántico amaina para deixarse abrazar pola terra galega.

Muros é Noia son dúas vilas de raigame histórica. Muros é unha das vilas mariñeiras mellor conservadas do país; paseando polas súas rúas podemos apreciar como era antigamente unha vila tradicional, coas súas rúas pequerrechas e as súas pequenas vivendas de pedra con galerías. Noia, pola súa banda, foi desde o medievo unha poboación importante da xeografía galega, feito do que se fai evidente a través do seu patrimonio arquitectónico, no que destacan as igrexas de San Martiño e a de Santa María a Nova, co seu peculiar camposanto. Na outra beira da ría, temos a vila de Porto do Son, e xusto na cabeza das mesma, xa abeirando para a ría de Arousa, o Castro de Baroña, onde moraron algúns dos primeiros mariscadores que houbo en Galicia e, máis alá,  o espectacular paraxe das dunas de Corrubedo.

A Ría de Arousa é unha gran extensión de mar que penetra na terra formando unha paisaxe abraiante. Destacamos a illa que da nome ao conxunto, onde a tradición pesqueira aínda sobrevive, como podemos comprobar nos seus dous portos. Nesta ría combínase a existencia de centros turísticos de prestixio, como A Toxa, con vilas grandes e deswenvolvidas como Riveira e Vilagarcía. Existen na ría poboacións que contan cun patrimonio arquitectónico notorio, froito da súa orixe señorial, como a Pobra do Caramiñal e Cambados (capital do Salnés e do Albariño). Tamén lugares que para os galegos teñen un grande significado histórico, como Rianxo, a vila de Castelao e Dieste, e tamén da famosa Rianxeira. E monumentos emblemáticos como as Torres do Oeste en Catoira, que protexían a entrada cara ao interior de Galicia polo río Ulla.


Na ría de Pontevedra temos unha das poucas aldeas de pescadores que manteñen a fisionomía antiga. é un encantador pobo mariñeiro onde as casas e os hórreos amoréanse ao pé da ría. Xusto en fronte temos Pontevedra, que no seu día foi a cidade máis grande de Galicia e que conta cun fermoso casco vello con edificios significativos do medievo e da Idade Moderna, como San Domingos, San Francisco ou Santa María a Maior, a igrexa do gremio de mareantes.  Hai na ría outras vilas mariñeiras, como  Marín, neste caso coa presenza da escola naval, e tamén Bueu, onde atopamos o Museo Massó, antiga conserveira convertida en centro expositivo, onde vemos a puxanza que tiveron estas industrias nas Rías Baixas, e onde se musealizou tamén a pesca da balea, tradición importante en Galicia que se desenvolveu ata hai poucas décadas.

Cangas, Moaña, Redondela, Baiona, as Illas Cíes e, sobre todo, Vigo, son os lugares emblemáticos da máis meridional das nosas grandes rías. Vigo tivo un desenvolvemento extraordinario desde finais do século XIX, ligado á súa excelente relación co mar. Desde aquela altura pasou de ser unha vila mariñeira á se converter na poboación máis grande de Galicia, grazas a un gran proceso de industrialización e, como consecuencia disto,  un gran crecemento urbano. Vigo é unha cidade de contrastes. Nela atopamos o vello núcleo mariñeiro a carón do Berbés, as grandes avenidas con  vizosos predios, moitos deles erguidos pola potente burguesía industrial que aflorou na cidade. Tamén os populosos barrios obreiros onde se instalaron os milleiros de galegos que acudiron a traballar nas súas industrias. Todo enmarcado pola espectacular paraxe da ría, que só se pode comprender e gozar enteiramente entrando a Vigo polo mar. Así, a cidade olívica, a través da súa historia,  pasou a ser o paradigma da gran transformación dunha cultura mariñeira tradicional cara a un sector industrial na era contemporánea. Sector que hoxe en día, e a pesar dos atrancos, é e unha parte fundamental da economía galega.

1 comentario:

  1. É un placer seguirche tamén polo blog,ademáis de persoalmente nas charlas dos martes.

    ¡Gústame a escolleita que fas dos temas!

    Saúdos.

    ResponderEliminar