Páginas

17.5.11

A CULTURA GALEGA NO SÉCULO XXI

Xa está aquí o final do curso. Foron moitas semanas coñecendo personaxes, revivindo momentos e percorrendo lugares da nosa cultura. Nestes meses visitamos moitas das nosas comarcas, na procura do  patrimonio artístico, da pegada que deixou o paso da historia no territorio, tamén das paisaxes naturais e humanas singulares, e do patrimonio inmaterial ligado á nosa cultura.

Nesta última clase queremos fortalecer a idea de que a cultura galega é algo vivo, unha fonte vizosa con múltiples canos dos que podemos beber ata ficar saciados. Somos milleiros de persoas traballando nela: creadores, fornecedores, xestores e divulgadores, poñendo a cultura ao servizo da cidadanía, para que podamos gozar dela. Somos unha nación cunha cultura grande e milenaria, ese é o noso feito diferencial, e tamén o noso futuro como pobo.

Con todo, a cultura galega pasa tamén por dificultades, sobre todo neste contexto de crise económica e de paradigma no que nos atopamos hoxe en día.  Poderiamos encher os contidos desta última clase con queixas e lamentos sobre a escaseza de recursos, a cativeza orzamentaria, a falta de apego das institucións cara a nosa cultura, falar dos exemplos de xestión que consideramos errados, etcétera. Porén, preferimos salientar os recursos culturais dos que gozamos en Galicia, agardando que sirvan de guía para que o alumnado do curso poda seguir gozando da nosa cultura, e considerándoa como unha opción fundamental para encher o seu tempo de lecer.


Un dos aspectos fundamentais para a supervivencia da cultura galega, da esencia mesma do ser galego, é a lingua. Un idioma, o galego, con moitos séculos de antigüidade, que debemos protexer e coidar, pois está en perigo evidente de ficar como unha reliquia do pasado. O sector cultural ten moito que dicir nesta protección e promoción da lingua, contando para isto con iniciativas desde o mundo da creación. A literatura debe servir de motor para a promoción e a normalización do uso do galego, superando a situación de diglosia e amosando que o galego é unha lingua culta que podemos usar en todos os ámbitos.  A rede editorial galega conta con selos emblemáticos como Galaxia, Xerais, A Nosa Terra, Ediciós do Castro, Cumio, Kalandraka, Alvarellos, Sotelo Blanco, Touxosoutos, Nigra Trea, Edebé... Cada ano centos de títulos de narrativa, poesía, ensaio, literatura infantil e banda deseñada escritos na nosa lingua saen do prelo, servindo ao talento literario dos escritores e escritoras galegas. Ademais de publicar, hai que promover a literatura galega a través de premios que axudan a que títulos e autores acaden relevancia. Entre os premios literarios en galego destacamos o Xerais, o Merlín, Caixanova, Martín Códax, Torrente Ballester, Premios da crítica, Vicente Risco, Blanco Amor...

A outra pata do banco sería o sistema de librarías e bibliotecas. Algúns libreiros galegos están a pasar dificultades debido á crise, e establecementos históricos tiveron que pechar. As feiras do libro que se celebran con regularidade en moitas cidades e vilas axudan a promover a literatura e a lingua, e ademais facilitan as ventas, o negocio de libreiros e escritores, por iso recomendamos aos asistentes ao curso que as percorran e merquen libros, pois un libro é un tesouro. Por outra banda, nestas últimas décadas desenvolveuse en Galicia un sistema de bibliotecas bastante completo. Ademais das estatais e provinciais, os concellos, na medida dos seus intereses e posibilidades, foron abrindo bibliotecas nas que podemos atopar os títulos históricos e as novidades das nosas letras, sendo especialmente salientable pola súa extensión e calidade a Rede de Bibliotecas do Concello da Coruña, cidade na que un de cada tres habitantes ten un carné de biblioteca. Así, a literatura galega, máis accesible que nunca, convértese nunha gran opción para o lecer.


Outra opción para gozar da cultura galega é saír da casa e visitar o noso patrimonio. Galicia está chea de recursos naturais e culturais que poden resultar interesantes e mesmo abraiantes para que decide viaxar pola nosa terra. É curioso como moita da nosa poboación ignora esta riqueza e descoñece moitos dos nosos tesouros. Cidades, vilas e aldeas contan cunha cantidade extraordinaria de exemplos do patrimonio inmoble, desde as construcións prehistóricas ata a arquitectura contemporánea.  Durante o curso coñecimos as máis senlleiras construcións megalíticas, algúns dos castros mellor conservados do noso territorio, a pegada das infraestruturas romanas, centos de catedrais, igrexas, mosteiros e castelos medievais espallados polo país, o mellor das arquitecturas barrocas, exemplos de edificios modernistas e tamén a influencia da arquitectura moderna en Galicia. Entre toda esta amalgama destacamos o declarado Patrimonio da humanidade pola Unesco, por suposto, Compostela coa súa catedral, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules.

Ao longo do curso tamén nos achegamos aos cascos históricos das vilas e cidades galegas. Compostela mereceu unha clase. Lembrando o percorrido do curso, ouvimos falar aquí de Ourense, a cidade de letras, tamén da  Lugo romana, dos cascos vellos de Vigo e Pontevedra nas Rías Baixas, da historia e da lenda da cidade da Coruña desde o castrexo ata os nosos días e do Ferrol ilustrado do XVIII.  Tamén tratamos diferentes aspectos das vilas históricas como Betanzos, Monforte,  Mondoñedo, Viveiro, Cambados, Ribadavia, Tui, etc.

Outro dos elementos que tivo cabida no curso foi a variada paisaxe galega das diferentes comarcas do mar e do interior, e os traballos e formas de vidas asociadas, que forman parte da rica cultura popular e da etnoloxía galega. Falamos da costa da morte, vivindo as paisaxes do finisterrae e a adaptación dos galegos as condicións dunha das costas máis perigosas de Europa, exemplificada nos percebeiros.
Comentamos tamén aspectos das Rías Baixas e da cultura mariñeira tradicional na nosa terra. Percorremos as terras da Ribeira Sacra, lugar de monxes e viño, coas súas impresionantes paisaxes. Tamén partillamos imaxes e textos relacionados co interior de Galicia. Aí están o Val do Deza, que tan ben foi representado por os seus pintores Laxeiro e Colmeiro, e a Terra Cha, dominada desde un outeiro polo castro de Viladonga; e, como non, a Galicia da montaña, onde rodeados de fermosas paisaxes os galegos soportaron durante anos a unha vida en condicións ben duras.

E aínda temos outra Galicia, a Galicia de alén de nosas fronteiras, os millóns de galegos e galegas da diáspora, emigrantes na súa maioría, e tamén exiliados políticos, que tendo que marchar nunca se esqueceron da súa terra e traballaron polo noso benestar e pola supervivencia da nosa cultura. Velaí os exemplos do centro galego da Habana, e de intelectuais como Curros Enríquez, Waldo Insua ou Fontenla Leal. Por outra banda, Galicia conta entre o máis sobranceiro da súa historia con toda aquela cultura galega que abrollou no Río da Prata, onde estiveron os Castelao, Seoane, Dieste, Mallo etc.


Outro aspecto salientable da nosa cultura é a rede de centros dedicados á cultura, espallados polas cidade e vilas galegas. Os museos galegos coleccionan, conservan e difunden boa parte do noso patrimonio moble. Unha rede de museos e centros de arte que conta con moitas décadas de antigüidade, e que viu como desde a chegada da democracia foi incrementada en numero e calidade. Os museos clásicos de Galicia son o de Pontevedra, o Provincial de Lugo, o Arqueolóxico de Ourense, O Municipal de Vigo e o de Belas Artes da Coruña. Estes museos, por teren formado as súas coleccións ao longo de moitas décadas, posúen coleccións heteroxéneas de arte e arqueoloxía; nestes gárdanse algúns dos tesouros máis prezados do noso patrimonio artístico. Canda eles, temos outros centros que foron abrindo a partir da segunda metade do século XX, moitos deles tratan un aspecto concreto da nosa cultura. Así, temos o Museo do Castro de Viladonga, o Museo das Peregrinacións en Compostela, o Museo do Pobo Galego, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Arqueolóxico da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses, o Verbum de Vigo, etc.

Mención aparte merecen os centros de arte que agromaron no noso territorio nos últimos tempos, sobre todo o CGAC, o MACUF e o MARCO de Vigo, que expoñen en Galicia obras de artistas consagrados e que ademais están a formar unha incipiente colección na ten cabida a obra dos artistas galegos máis destacados do momento. Centros aos que se vai sumar en pouco tempo a polémica Cidade da Cultura. Coleccionistas son tamén as caixas de aforros, que a través da súa obra social convertéronse nun axente cultural de grande relevancia no eido da plástica, da música, das artes escénicas e na recuperación de espazos para a cultura, como teatros e salas de exposición.


Falabamos de escenarios, de lugares de representación e de celebración da cultura. Centros que recollen a actuación das nosas compañías teatrais, das compañías de danza, dos nosos grupos de música, das nosas orquestras. Teatros emblemáticos da historia cultural galega como o Rosalía de Castro, O Colón, o Jofre, o García Barbón ou o Fraga, e novos escenarios como o recentemente aberto Auditorio do Mar de Vigo, o Coliseum e o Palacio da Ópera da Coruña, ou o compostelán Auditorio de Galicia. Neles actúan as compañías e formacións agrupadas no AGADIC, Axencia Galega de Industrias Culturais, sector que da emprego a milleiros e de persoas, e que supón unha importante porcentaxe dentro do PIB.

Neste curso estamos a falar de personaxes chave dentro da nosa cultura. Mulleres e homes que destacaron e destacan polo seu talento e creatividade dentro de calquera das disciplinas artísticas e culturais. Temos en Galicia, hoxe en día, un ronsel de creadores en todos os ámbitos que están a destacar alén das nosas fronteiras. Aí están, dentro da creación literaria, os Manuel Rivas, Suso de Toro, Rosa Aneiros, Alfredo Conde, Fina Casalderrey, Marina Mayoral, Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, etc. Tamén os Xosé Ramón Barreiro, Ramón Villares, Justo Beramendi, Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez, Ramón Maíz, e un longo etcétera, como estudosos da nosa cultura. Posuímos destacados artistas plásticos como Manolo Paz, Silverio Rivas, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Antón Patiño, Antón Lamazares, Berta Cáccamo, Jorge Barbi, Ángela de la Cruz etc. Arquitectos como César Portela, Pedro de Llano ou Manuel Gallego Jorreto. Grupos de música de todos os estilos, desde a música con raigame de Luar na Lubre ou Carlos Núñez, ata a Orquestra Sinfónica. Compañías de danza como o Ballet Rey de Viana ou o Centro Coreográfico Galego.  Compañías de teatro como o Centro Dramático Galego. Productoras de cine e do sector audiovisual, actores e directores como Luís Tosar, Olivier Laxe, Antón Reixa, Xabier Villaverde, Raul Veiga... Animadores e debuxantes da talla de Miguel Anxo Prado; fotógrafos da altura de Vari Caramés ou Manuel Sendón... Todos eles, xunto cos que quedaron fóra desta breve listaxe, forma ese longo ronsel de homes e mulleres relacionados coa cultura galega, tan longo que sería imposible abranguela nesta clase.

Mais, con todo, eu tamén quero destacar hoxe ao público, aos lectores, aos amigos e amigas da cultura galega, que fan posible que en Galicia exista hoxe en día esta produción artística e cultural de tanto interese para propios e alleos. Entre eles, están María Josefa, María Dolores, Antón, María, José Antonio, Mª Isabel, Rosario, Fernanda, Visitación, María Consuelo, Mª Luísa, Mª Elena, María, Fernando, Martina, José e Aurora, alumnas e alumnos deste curso aos que lle estamos moi agradecidos por formar parte deste proxecto que pretende, cada martes, dar a coñecer e poñer en valor os diferentes aspectos que conforman a nosa cultura.

LOIS PEREIRO

O próximo 17 de maio celébrase en Galicia, un ano máis, o día das letras galegas. Desta volta o escritor homenaxeado vai ser Lois Pereiro. Merece, pois, que dediquemos os últimos minutos do curso a lembrar a súa figura.

Lois Pereiro, o elixido este ano pola academia, é un   homenaxeado pouco habitual dentro deste día, co que a academia que recoñecer outros vieiros diferentes dentro das nosas letras, pois non se trata dunha figura consagrada, senón máis ben un escritor de culto.

Lois Pereiro nace en Monforte de Lemos no ano 1958. A súa infancia ten como referencia tamén as terras do Incio e  o colexio dos Escolapios de Monforte, onde estudou ata que so 17 anos marcha a Madrid xunto co seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro. En Madrid estuda idiomas, le a obra de escritores europeos e devora películas na Filmoteca Nacional. Na capital partilla experiencias e amizade con Manuel Rivas, Antón Patiño, Xavier Seoane, etc. Comezan a xuntarse, a moverse, a experimentar, e desas andainas xorden publicacións moi innovadoras, cheas de ideas e de gañas de romper co existente, dentro do que podemos chamar a contracultura. Fundan a revista Loia da que só saen catro números, nos que aparecen publicados os seus primeiros poemas.

O monfortino viuse afectado pola desgraza do aceite de colza contaminado, feito que lle deixa doenzas para o resto da súa vida. Coñeceu o lado escuro que viviron outros poetas malditos; as drogas e finalmente a Sida foron compañeiras na súa breve e intensa vida. En 1984 regresa a Galicia, vai vivir na Coruña e vai compaxinar a súa creación poética, sempre en galego, co traballo como tradutor de producións audiovisuais. De amor e desamor son dúas obras colectivas nas que participa xunto a outros autores, cos que formará grupo. Canda el estaban no grupo Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel e Lino Braxe, entre outros. A revista Luces de Galiza publícase  naquela altura, e tamén nela colabora Lois Pereiro, desta volta atrevéndose cunha novela chamada Náufragos no Paradiso, que deixaría inconclusa. Nos seguintes anos publicaría as súas únicas obras, a segunda delas un ano antes de morrer por causa das secuelas do envelenamento sufrido anos atrás. Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía de amor e enfermidade (1995), son obras nas que o autor presaxia que o fin está preto, que soan a dura despedida. No seu epitafio podemos ler:

“Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse,
enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria". (Lois Pereiro)

Foi Lois Pereiro un autor da contracultura,  con influencias da literatura existencialista. En certa medida unha obra chea de afinidade co movemento punk. Cun estilo duro, curto, tenso, que nos fala dos reversos que se tocan, a vida e a morte, o amor e o desamor. Un outsider non adscrito a ningunha das liñas tradicionais das nosas letras, feito que lle dá un valor engadido a este recoñecemento da academia.

Rematamos a clase, e con iso o curso, cunha poesía de Lois Pereiro, unha das últimas que escribiu en vida. Agardamos que non sexa un mal presaxio e que esta iniciativa teña continuidade despois do verán.

    (Cunha bala calibre sete sesenta e cinco
    no peto máis pequeno do vaqueiro, sei que
    a miña vontade é decisiva para escoller
    o momento e o lugar. E apálpoa cos dedos
    a todas horas.)

    Mala sorte

    E por primeira vez desde que souben
    que aínda respiraba e seguía vivo
    sei o que é sentir medo a non estalo

    Interrompido na mellor escea
    cando estaba soñando un soño dérmico
    de paixón e beleza
    cunha serea distancia literaria e sabia

    Só ela podía ser tan inoportuna
    groseira inculta e pouco delicada
    chamándome despois de ter sobrevivido
    á confortable atracción do fracaso
    e saber dunha vez o que era a vida
    amar e ser amado.

    

Poesía última de Amor e Enfermidade: Poemas da morte sobrevivida a forza de paixón e sabotaxes (1995): "Mala sorte" , setembro, 1995

No hay comentarios:

Publicar un comentario