Páginas

15.12.11

UNIVERSO LOIS. UNHA HOMENAXE A LOIS PEREIRO


Cando a Real Academia Galega decidiu (con risco) dedicar o día das letras galegas a Lois Pereiro, foron  moitos os que descoñecían ao autor. Foi unha decisión que tomou por sorpresa ao mundo da cultura galega, por tratarse dun escritor "de culto" máis que dunha figura consagrada das nosas letras. De vagar fomos sabendo máis deste home case descoñecido para o gran público chamado Lois Pereiro, coñecendo a súa biografía, afondando no seu universo cultural, namorándonos da súa excelente obra poética.

Esta clase vai dedicada á figura de Lois Pereiro, pero non vai tratar en exclusiva da súa vida e obra. Interésanos hoxe mergullarnos nese “mundo Lois” a través dos escenarios da súa aventura vital, dos seus amigos e compañeiros, e das influencias literarias, musicais e cinematográficas que marcaron a súa obra.

Lois Pereiro nace en Monforte de Lemos no ano 1958, fillo dun matrimonio chegado á capital da Ribeira Sacra desde as aldeas de Reádigos e Santa María do Viso no Incio. A súa infancia ten como referencia a vila monfortina e as terras do Incio –nas aldeas do pai e da nai pasaban os rapaces o verán-. Estudou no colexio dos Escolapios de Monforte, xunto co seu irmán Xose Manuel, apenas 17 meses maior que el, co que partillaría unha infancia normal entre xogos, estudos e libros. Máis tarde nacería Inés, a pequena da familia, confidente e compañeira de viaxe de Lois en varias ocasións.

Un dos feitos que van marcar a infancia de Lois é a súa afección á lectura, inculcada desde ben novo polos seus pais. Todas as semanas mercábanlle un libro nunha libraría da vila, entre elas tamén Xistral, propiedade do poeta chairego Manuel María, quen por certo faría unha obra ben diferente a de Pereiro. A través daquela libraría vai ter acceso á un universo literario co que vai ir conformando uns gustos moi persoais desde novo.  Aquel Lois cativo xa chamaba a atención polas súas sofisticadas preferencias literarias malia a súa curta idade.

Desde a adolescencia, Lois Pereiro mergúllase na música e no cine, que serán grandes paixóns da súa vida. The Velvet Underground, David Bowie... influencias que chegaban ao val de Lemos de xeito case milagreiro, grazas a uns amigos da vila que pasaban o verán en Londres, pois eran descoñecidos por a maior parte da xuventude galega e española.  Aquel mozo vai coller gusto polo ambiente e a estética underground tan diferente ao que se cociñaba na súa bisbarra natal.

Nestes tempos anda moi interesado nos poetas malditos, aos que vai tomar como modelo: Baudelaire, Rimbaud, Verlaine... Aprende de memoria eses versos e os recita con éxito. Polo menos así aconteceu cando, na discoteca de Monforte, Piedad Cabo, a  muller que o acompañaría o resto da súa vida, queda fortemente atraída daquel rapaz fraquiño e lizgairo que sabe recitar de memoria e manter grandes conversas sobre cine, música e literatura.

Nesta altura chega a necesidade de escribir, da creación literaria. A pesar de coñecer a obra de autores como Fole, Cunqueiro ou Manuel María, a súa grande inspiración foi o rianxeiro Manuel Antonio. Nel atopa esa arela de ruptura, esa actitude vangardista, e o compromiso coa escrita en lingua galega. «Quero ser como Manuel Antonio, escribir un libro e morrer novo», chegoulle a dicir a Piedade. A partir destes primeiros versos tomouse moi en serio o oficio de escritor.
En 1975, aos 17 anos,  e en plena transición cara a democracia, marcha a Madrid onde xa estaba o seu irmán Xosé Manuel. Matricúlase na carreira de socioloxía, pero só vai aturar alí tres meses, decidindo abandonar os estudos e volver a Monforte para traballar na cristalería do seu pai. Ao ano seguinte -despexadas certas dúbidas vitais- decide retornar a Madrid e estudar francés e alemán na escola de idiomas.

Ademais dos seus estudos de linguas, Lois vai pasar longas horas na Filmoteca Nacional devorando todo tipo de cine en interminables ciclos. O cinema é unha afección que xa trouxera de Monforte, cunha oferta limitada de proxeccións que completara co escaso cine que a televisión española botaba daquela. A filmoteca vai ser toda unha descuberta e unha apertura a un mundo cultural que lle estaba vedado na súa terra natal. Na capital partilla experiencias e amizade cun grupo de xente, galegos como el, aos que chamaban "os exiliados".  Manuel Rivas, Antón Patiño, Xavier Seoane, Fermín Bouza, Vicente Araguas, Menchu Lamas, etc. Comezan a xuntarse, a moverse, a experimentar, e desas andainas xorden publicacións moi modernas, cheas de ideas e de gañas de romper co existente, dentro do que podemos chamar ese mundo da contracultura.

Aquel grupo de galegos novos en Madrid, en plena transición cara a democracia, funda a revista Loia, na que aparecen publicados os seus primeiros poemas. Loia difúndese de man en man, incluíndo ademais de poemas manuscritos e mecanoescritos, obra gráfica daqueles artistas emerxentes que andaban no grupo como  Reimundo e Antón Patiño. Son só catro número saídos entre 1975 e 1978, pero abondan para ver a posición e ruptura e a estética posmoderna da xente que nela colaboraba literariamente, como Manuel Rivas, Fermín Bouza, Vicente Araguas, Xosé Manuel Pereiro ou Manuel G. Casas, entre outros

«Queriamos facer unha revista distinta, que tamén saltara os valos, aínda que foran outros. Tiñamos claro o que queriamos, ou máis ben o que non queriamos. Non queriamos ser serios, nin épicos, nin marcar camiños polos que habían discorrer outros. Teño claro que Manuel Rivas era o ideólogo, o director implícito, que propoñía colaboradores. Lois mandaba os poemas e logo comentaba: “Umm... quedou ben”, co seu sorriso tenro (...)» (Xosé Manuel Pereiro)

Os poemas de xuventude de Pereiro, escritos para a revista Loia foron publicados todos xuntos e a xeito póstumo no libro Poemas para unha loia. Unha obra que amosa a vontade de cambio, a extraordinaria modernidade dunha xente que quería romper co pasado e atopar un abrente novo para a cultura galega.



A súa estadía en Madrid alternouse con algunhas viaxes a capitais europeas, feitas case sempre en tren e en compañía de Piedad. En Lois Pereiro a viaxe é unha obriga, unha necesidade de conectar cos centros de gravidade da cultura europea do pasado e do presente. Francia, Gran Bretaña, Irlanda, Centroeuropa... Decenas de destinos nos que Pereiro vai coñecer fisicamente as paisaxes que viron crecer e nacer aos seus modelos literarios, musicais e cinematográficos, e tamén os escenarios  nos que agromaba o movemento contracultural de xeito máis evidente, como Londres ou Berlín. A grande paixón por viaxar manteríala ata os derradeiros anos da súa vida: Andalucía, Bretaña, Amsterdam, Salzburgo, Lisboa, Londres, etc. De vagar, en tren, vendo pasar as paisaxes e percorrendo eses lugares cheos de valor simbólico como o cemiterio de Pierre Lachaise en París, ou a casa de Franz Kafka en Praga, ou o muro de Berlín cos seus grafittis e os seus soldados...

A súa estadía madrileña vaise ver interrompida de súpeto pola desgraza. O monfortino foi unha das vítimas que consumiron o aceite de colza contaminado, feito que lle deixa doenzas graves para o resto da súa vida. En 1981 ten que regresar a Galicia con serios problemas de saúde que fan incluso temer pola súa vida: perda de masa muscular, parálise e fortes dores acompañarano o resto da súa existencia.
Despois dunha breve estancia coa familia, instálase na Coruña, xunto ao seu irmán Xosé Manuel. Nos primeiros meses acode a rehabilitación a Madrid, mais de seguido deixa a terapia. Na cidade herculina, e despois de intentalo brevemente coa informática, comeza a traballar de tradutor de dobraxe, colaborando  con cineastas como Xabier Villaverde. Máis adiante traballaría traducindo series para a Televisión de Galicia como Kung-Fu ou Dallas. Tamén escribiría algunhas letras do grupo Punk Radio Océano, no que tocaba o seu irmán Xosé Manuel.

Na Coruña, Lois convértese nun dos personaxes centrais da incipiente movida, sobre todo a través das súas colaboracións na revista La Naval. Revista Atlántica. Nestes anos a súa aposta pola vangarda segue vixente, mantendo a lingua galega como vehículo de expresión, e cunha temática relacionada cos escenarios urbanos en moitas ocasións marxinais. Creacións poéticas que nos falan do seu mundo interior. Nestes anos faise figura recoñecida no cativo ambiente cultural da cidade grazas as súas creacións literarias, pola súas conversas sempre afinadas e atinadas nas tascas coruñesas, e pola súa estética transgresora con reminiscencias punk, acentuada polo corpo ferido. Coñeceu o lado escuro que viviron moitos dos seus admirados poetas malditos; as drogas, e finalmente a sida foron compañeiras na súa breve e intensa vida.

Nos anos oitenta colabora cos novos creadores galegos nun contexto creativo novo, coa chegada da democracia, a aprobación do Estatuto de Autonomía e o comezo do proceso normalizador da lingua galega. De amor e desamor é un colectivo formado por de poetas coruñeses que fan recitais e que van publicar dúas obras froito desta experiencia. Canda el estaban no grupo Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio López Valcárcel e Lino Braxe, entre outros. Un colectivo no que cada un ao seu xeito van creando poesía nova en galego e espallándoa a través de recitais nalgúns dos incipientes locais que abrían naquela altura na Coruña.


A revista Luces de Galiza publícase  naquela altura, e tamén nela colabora Lois Pereiro, desta volta atrevéndose cunha novela chamada Náufragos no Paradiso, que deixaría inconclusa. En 1992 publica Poemas 1981/1991, unha escolma de corenta e dous poemas nos que case albiscamos o final tráxico. Poemas de fonda carga conceptual que achegan ao lector aos reversos que se tocan: a vida e a morte, o amor e o desamor.

Nos últimos anos da súa vida o seu estado de saúde empeora. En 1994 está a piques de morrer. Nesta altura diagnostícanlle a sida. Este feito acelerou a creación en só cinco meses da súa derradeira obra, feito pouco habitual nun autor que escribía moi de vagar como foi Lois. En decembro de 1995 publícase Poesía de amor e enfermidade (1995), son obras nas que o autor presaxia que o fin está preto, que soan a dura despedida. Unha loita entre un corpo moi fatigado e o espírito libre que acubilla, entre a dor e o amor como antídoto. Amor, enfermidade, morte entrelázanse neste poemario co que o autor tenta vencer ás tebras coa forza da palabra exacta, precisa e emocionante.

A súa última aparición pública tivo lugar no Pub Moka da Coruña, na presentación do libro. Un Lois co corpo moi debilitado, pero moi lúcido de mente, recitáballe á vida e ao amor ante un local ateigado de incondicionais seguidores dun poeta de culto:

"Cando me din conta de que seguía vivo, sentín a necesidade de ser outro personaxe. Sentín e soupen que se quería vivir, seguir vivindo, tiña que ser outro. Tería que escribir ou reeescribir o que antes calara."
 Foi un ano de vida que chegou inesperadamente, no que Lois acada un período de lucidez máxima xusto a tempo de deixarnos esta memorable obra poética. Os seus dous últimos escritos, neses meses antes de morrer, son a carta dirixida a Piedad Cabo Conversa ultramarina, e a Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia, que foi publicada na revista Luzes de Galiza en marzo de 1996, un testamento vital que reflicte a humanidade do poeta monfortino e, como, non, o seu espírito rebelde, crítico e ácrata.

O 24 de maio de 1996, aos 38 anos, morre Lois Pereiro no hospital da Coruña, xusto a mesma data na que se coñecía a sentenza definitiva sobre o caso da colza. Seguino a súa vontade, a familia soterrouno no camposanto parroquial de Santa Cristina do Viso.


El mesmo deixou escrito o seu propio epitafio:

“Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, 
enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria.


Para a preparación desta clase consultamos e tomamos datos e citas dos seguintes libros, os cales recomendamos: Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, de Mercedes Queixas Zas. Lois Pereiro. Naúfrago o paraíso, de Marcos Calveiro. Lois Pereiro. Radiografía do abismo, de Antón Patiño; e a Antoloxía Lois Pereiro. Poesía completa. Ademais recomendamos o portal http://loispereiro.blogaliza.org/ 


---------------------------------------------------------------------------------------

SOBRE LOIS: 

XOSÉ MANUEL PEREIRO (MONFORTE E O INCIO )
"Lois Pereiro, nun poema, dicía que a néboa era "fumadora de opio". Son experiencias persoais e depende de se che gusta a néboa ou non. Gústanme os climas fríos e a el tamén. El falaba da estética centroeuropea, e a néboa para el era importante. Vivir en Monforte é duro porque tiras ao mellor quince días sen que asome o sol. Vas a Escairón e ves a néboa, como se foses nun avión mirando as nubes. Baixo a néboa hai unha cidade. Monforte é un barrio, unha estación de tren. Cando es novo, a néboa é moi evocadora. Sentiamos os pitidos do tren. Lois e mais eu iamos sós ao colexio e non viamos nada coa néboa. Os veráns pasabámolos nas aldeas. Atravesando un bosque iamos á aldea da miña nai, guiados por Emilia, a señora que nos coidaba. Sempre nos perdiamos cando iamos dunha aldea a outra. Lembro as sombras dos castiñeiros e os contos da xente."


XOSÉ MANUEL PEREIRO (POETAS MALDITOS )
«Non se consideraba a si propio como un poeta maldito nin moito menos. Tampouco quería levar vida de poeta como os convencionalismos determinan, senón que quería ser poeta desde o seu propio estilo de vida» 

XOSÉ MANUEL PEREIRO (O OFICIO DE ESCRITOR )

"Eu sempre digo que detrás do personaxe está o creador. Era como "o roqueiro que sabe escribir". O seu cerne era a poesía. El era esencialmente poeta. Nunca pensou en ter unha carreira literaria aínda que estaba moi contento co premio O Facho e amolado porque non lle deron o premio da Crítica".

XOSÉ MANUEL PEREIRO (A ESTÉTICA DE LOIS)

"Era calado e de poucas palabras. Era máis de escoitar. Non era nada estentóreo e si que era estrito na forma. Máis que poeta punk era un poeta dandi, pre-gótico. Maqueábase moito para saír. Poñía o seu fular, a súa bufanda, o seu abrigo. Ía comprar roupa vella ao rastro. Daquela non había tendas de roupa "enrollada". Non había "chupas" de coiro. El colleu unha de motorista no rastro e eu tiven que ir por ela a Ámsterndam. El tiña aspecto decadente, e tiña gusto pola decadencia".

MANUEL RIVAS (A ESTÉTICA DE LOIS)

“Era máis Underground que un pardal no metro”

MANUEL RIVAS (O GRUPO EN MADRID)

«Houbo unha xeración de galegos estudantes en Madrid, alá polos final dos setenta, que estivo a piques de cambiar o mundo na súa totalidade e que cambiou Galicia ao seu regreso á terra. Un deles era Lois Pereiro, os outros eran moitos, e  algúns moi coñecidos: se apelidaban tamén Pereiro, ou Rivas, ou Patiño, ou Igrexas... Xentes da transición e o desencanto, pero tamén do novo xornalismo, a nova pintura, a nova novela, o novo rock. Lois Pereiro era o home da nova poesía»
«Lois ía sempre por diante. Daba a sensación de que manexaba unha radiofonía secreta e que as cousas que valían apenas no mundo elixírono a el como primeiro depositario. Non había que preocuparse polas modas. O que había que facer era seguir os pasos de Lois»

LOIS PEREIRO (A TRAXEDIA DA COLZA)

«Quizais para min foi todo menos terrible porque eu estaba preparado: desde neno tiña o presentimento dunha viaxe dramática, dunha experiencia dura que se me cruzaría na vida; tratei a morte de ti a ti porque xa levaba anos, diante do papel en branco, véndolle os dentes»

XAVIER SEOANE (DE AMOR E DESAMOR)

«Xurdiu espontaneamente, como resultado da amizade, dunha maneira neutral e onde nos divertiamos moitos. Ninguén lle esixía a ninguén que escribise unha maneira determinada ou doutra; non había unha estética común, cada un tiña a súa e o grupo arrecadábaas todas (...)
Saíramos todos do franquismo e a nosa intención era mudar as cousas, crear unha cultura moderna e homologada aos tempos. Dentro do grupo Lois Pereiro representaba o perfil dun poeta auténtico, valorábamos nel unha voz moi singular, verdadeira, cunha liña moi propia e individual, marcada pola biografía de seu e mais tamén pola súa concepción do mundo en contra do sistema, que cuestionaba
profundamente»


LINO BRAXE (DE AMOR E DESAMOR)

«So queriamos facer poesía e pasalo ben xuntos. (...) Penso que nos mantiña vivos o feito de nos sentirmos diferentes e conscientes de que podiamos conciliar intereses e vontades poéticas diferentes. (...) Cando penso na Coruña dese tempo, vexo unha Coruña con sol, un tempo de alegría e vexo nela a Lois Pereiro, o noso Loisón, como un escritor galego universal»


MANUEL RIVAS (POESÍA ÚLTIMA DE AMOR E ENFERMIDADE)
«Coido que non se tiña escrito un texto poético máis íntimo e conmovedor en lingua galega desde Follas Novas de Rosalía. Cada vez escribía e falaba con máis lucidez, nun estado de graza. E estaba feliz, cheo de desexo. Por iso chegamos a crer, crer verdadeiramente e non como metáfora,que esta vez a literatura vencera ao veleno dos foraxidos. Mais non.»


LOIS PEREIRO (POESÍA ÚLTIMA DE AMOR E ENFERMIDADE)
 «Poesía última de Amor e Enfermidade aliméntase entro dos dominios dunha urxencia demorada e aprazada, nace dunha “luminación”, do meu corpo case resucitado, e desa luz que o meu espírito sentía xa perdida definitivamente»

----------------------------------------------------------------------------------------

PEQUENA ESCOLMA DA OBRA DE LOIS



1 A miúdo botas negras e o seu xesto
(abandonadas do corpo que as esixe)

2 na postura dun acto de violencia
(sen a expresión real do asasinato)

3 pousadas coma un signo
(de furia e de nostalxia)

4 na noite lostregada
(esvaíndose da morte sen imaxe)

5 esluída no refuxio
(doutra visión que medra)

6 da procesión de euforia
(sabendo que hai un drama elaborado)

7 na creación volcánica dun soño
(coma orixe do desespero agudo)


8 na idea procreada
(dun par de botas negras)

9 que non entraría en min
(pola porta dun mundo que me invade)

10 sen o pruído curioso
(que agora me traspasa)

11 cravado sen molestias nos meus ollos
(tan cegos coma o teu útero estéril)

12 que van durmir o soño que non sinto.

"En doce versos falsos", Poemas 1981/1991


---


(Cunha bala calibre sete sesenta e cinco
no peto máis pequeno do vaqueiro, sei que
a miña vontade é decisiva para escoller
o momento e o lugar. E apálpoa cos dedos
a todas horas.)

E por primeira vez desde que souben
que aínda respiraba e seguía vivo
sei o que é sentir medo a non estalo

Interrompido na mellor escea
cando estaba soñando un soño dérmico
de paixón e beleza
cunha serea distancia literaria e sabia

Só ela podía ser tan inoportuna
groseira inculta e pouco delicada
chamándome despois de ter sobrevivido
á confortable atracción do fracaso
e saber dunha vez o que era a vida
amar e ser amado.

"Mala sorte", 

Poesía última de Amor e Enfermidade, 3. Poemas da morte sobrevivida a forza 

de paixón e sabotaxes (1995)

---


Presentimos as horas do vrao
vivir de día
os futuros soños fríos

de amenceres de lúa con armarios transparentes de ollos fríos
asesinos de princesas durmidas
en moreas de bebidas inocentes
reises da explosión solitaria
nun día escuro do país acusados de querer ser
ananos e vivir na herba
apuntándovos coa morte en decadencia
dende o día do viaxe
ou fuxida sentimental
oubeando (a chamada do bosco que se me escondía)
o sonido
de senso desesperado
o sonido tráxico.


O éstase
en sorrisa vendo
como Piedad matabas aquil buraco escuro con forma de crime
onde o silenzo ule
a tormenta nostálxica e neurótica
                                                   (un centro neurótico pro
cun límite marcado nalgún sitio)
e non era a primeira vez
que o suicidio voaba no ceo da última paisaxe
Mary (buked and scorned)
xa o tiña visto
no ceo de California.
"The flowers of friendship faded". Poemas para unha Loia

---


Sería a luz que me alagaba os ollos

da vida roubada á morte veciña

pero todos me apalpaban incrédulos

colléndome das mans.

Todos aqueles que me amaran morto

amábanme máis vivo.

Abríranse dúas portas en direccións opostas

e escollín a que se abría cara a vida

co sol entrando a eito pelas fiestras.

Tería que reanudarme

e regresar á miña propia vida

sen contaxiarme outra vez de min mesmo.

Retocaría o guión

e mudaría outra vez de personaxe

retomando a perdida

aprendizaxe.


"Desde a superfície dun novo e imprevisto salvamento". Poesía última de amor e enfermidade

---

«Sigo a estar da parte da beleza, dos que nos sentimos na obriga de loitar, desde que o mundo é mundo, polo que sempre nos resultou moralmente xusto é evidente, a pesar de tantas dúbidas, decepcións e diferentes perspectivas de actuación, levando ás costas tantas traizóns decepcionantes en veritxinosa e constante cadea de agresións dunha historia de infamia que xa non nos permite ser inxenuos, porque se as vítimas de antes pretenden ser verdugos á súa vez, ¿de que parte que non sexa sempre a das vítimas, dos nosos vencidos doutras guerras, podemos estar xa?»

Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia









No hay comentarios:

Publicar un comentario