Páginas

24.2.11

O ENTROIDO EN GALICIA

O Entroido é unha festa universal que en Galicia ten unha personalidade propia moi acusada, tratándose dunha tradición de moita raigame na nosa terra. Hoxe en día perdéronse moitos dos costumes ligados ao entroido tradicional, aínda que nalgunhas vilas galegas, sobre todo na provincia de Ourense, conservamos tradicións  moi antigas nesta época do ano na que se celebra a despedida de don Carnal.
   
Nesta clase imos tratar da orixe e significados do entroido, percorreremos o territorio galego na procura do calendario, as festas e as variantes dos nosos entroidos tradicionais, e buscaremos unha explicación desde o punto de vista antropolóxico a todas esas cousas estrañas que se fan durante este tempo, cando vivimos  “o mundo ao revés”.

A ORIXE

A orixe do entroido remóntase a tempos ancestrais. Probablemente ao principio do medievo. Trátase dunha festividade que está ligada ao establecemento do calendario litúrxico cristián, pois o final do entroido marca o inicio da coresma, os corenta días que preceden á pascua. Algúns antropólogos marcan a orixe na tradición cristiá de asimilar e acomodar á súa crenza e aos seus tempos os comportamentos pagáns que non eran quen de erradicar. Este proceso, coñecido como sincretismo, abonda na historia de Galicia, feito que podemos comprobar a través da supervivencia de costumes moi antigos asimilados polo cristianismo: o establecemento de ermidas en lugares de culto pagáns, o lume de San Xoán, as meigas e os meigallos, as prácticas extra litúrxicas nalgunhas das nosas romarías...

Esta celebración, este desenfreo que antecede a un período caracterizado pola penitencia e a abstinencia, foi arraigando co paso do tempo por toda Europa. Ao fin, foi institucionalizado e tolerado polas autoridades civís, aínda que non ben polas relixiosas, como veremos máis adiante. Esta tradición permaneceu vixente na Europa católica, mais no norte, nos países onde triunfou a reforma relixiosa, foi erradicada, precisamente pola teima que os protestantes tiveron de limpar a doutrina e a liturxia de elementos antigos, de “tradicións medievais”.

Un dos máis senlleiros especialistas no estudo da cultura popular galega, Antonio Fraguas, deixounos unha explicación do orixe etimolóxico da palabra entroido (en ocasións tamén se di antroido, sobre todo no norte de Galicia). Relacionamos  entroido coa palabra "entrada", pois marca o fin dunha etapa e a entrada nunha outra, na coresma, dentro dunha concepción cíclica do tempo, na que as estacións se suceden, as festas marcan o paso do tempo, e cada ano todo volve a comezar de novo. A palabra carnaval, tamén usada na nosa terra, ten o significado etimlóxico de "levar a carne", é dicir, está relacionada coa costume do xaxún e das privacións alimenticias propias do tempo da coresma.

En galego, ademais de designar esta festividade, podemos usar a palabra entroido con outros significados. Así, Antonio Fraguas recolle a seguinte afirmación:

«Entroido e o verbo entroidar é sinónimo de enchente e dun ser deforme pola gordura, consecuencia do abuso da comida; pero taméno é de persoa rebuldeira e desacougada,que algunha vez fatiga aos circundantes coa súa inquietude. Confirman o noso aserto os seguintes ditos:

- Énchete, entroido.
- Come, entroido
- Eres un bodelo: estás como un entroido
- Estate quieto, entroido
- Móveste máis que un entroido

Do animal que roubou a comida con exceso dise: Anda que hoxe entroidaches.» 


Polo tanto, chamarlle a alguén coresma ten un significado moi diferente do anterior:

«- Das ben pouco, eres ben coresma
- Está delgada, que parece unha coresma
- Pasa fame como a coresma,
- Traspásate un fío como a coresma» 


O entroido é tempo de actuar con liberdade e de tirar prexuízos, son días de mudar as crenzas e os valores, de crítica ao poder establecido, de liberdade de expresión e, por riba de todo, de moita troula.

«O reinado do Entroido é un lapso de tempo de tolerada licencia, de inversión dos termos, de alegría excesiva, grotesca e igualitaria, que precede ao tempo do recollemento e penitencia que debe ser a Coresma... parece natural que a tendencia ao simbolismo propia da mentalidade dos séculos medios procurase expresar alegoricamente isto simulando o reinado dunha sorte de soberano de tolos»
Vicente Risco


O Entroido sempre foi visto con receo, incluso chegou a prohibirse por tempos desde a Igrexa, dado que o que se celebra aquí é a despedida de don carnal, e o comezo da coresma. A creación da doutrina cristiá fíxose, en moitos aspectos, por antagonismo coa relixión romana pagá coa que conviviu nos primeiros séculos de existencia, e á que acabou por substituír tanto no imperio de occidente como de oriente. Podemos relacionar o entroido con esa imaxe que o catolicismo creou das relixións pagás, relacionadas coa bebida e a comida en exceso, a promiscuidade sexual, as orxías e o desenfreo, e que tantas veces foi reflectida no cine de época claramente moralizante (lembremos películas como Quo Vadis ou Ben Hur). Neste senso, a Igrexa, ata fai poucas décadas, considerou o entroido como unha sorte de volta aos tempos antigos, ao desorde, que había que erradicar.

O Entroido, malia a se celebrar na invernía, supón a ocupación das clases populares do espazo público. As autoridades relixiosas e civís fican ao marxe, e o pobo toma a praza e as rúas principais das vilas e cidades. Como di o refrán: “Entroido na praza, pascua na casa”.

Esta festa guíase seguindo o calendario lunar, igual que acontece coa pascua xudía e a semana santa. Así, cada ano ten lugar nunha data diferente do noso calendario solar, entre febreiro e marzo. Desde o concilio de Nicea, a paixón celébrase o primeiro domingo despois da lúa chea de primavera, xa que a Cristo matárono durante a pascua xudía.

OS TEMPOS DO ENTROIDO GALEGO

A continuación describimos o desenvolvemento destas festas que, en todo caso, varían dependendo de onde se celebre. O entroido tradicional galego dura dúas semanas e media. Comeza co domingo fareleiro, no que mozos e mozas pelexan golpeándose con sacos de relón ou de fariña. Noutros lugares este é o domingo borrallento, trocando o farelo por cinza. En moitas das celebracións tradicionais do entroido prodúcense achegas e roces entre os mozos e  as mozas, que se entenden tendo en conta que é unha época dunha permisividade maior.

A seguinte data do noso entroido é o xoves de compadres, cando os mozos percorren a vila con bonecos de palla espetados na punta dun pau. O xogo trata de que as rapazas teñen que conseguir quitarllos, montándose sempre unha boa liorta.

O seguinte fin de semana ten lugar o domingo corredoiro. Desta volta, ademais da auga e do farelo, entran en xogo as formigas vivas, que son botadas entre os participantes da troula e aos espectadores. As máscaras e disfraces percorren as vilas enfastiando á xente, sobre todo aqueles que non van disfrazados, pois osque van ao entroido a mirar, e non a participar,  sempre estiveron mal vistos (a no ser que a causa de iren sen vestir como manda a ocasión fora o loito por algún falecido).

 En moitos lugares este día tiña lugar a corrida do galo, no que se producía un xogo que consistía en que os mozos tiñan que intentar mallar no animal cos ollos vendados. O gañador levaba o galo, que se puidese falar cantaría:

Aquel día tan funesto
Domingo de corredores,
que, en quitándome la cabeza
me comerán los señores.


Nalgúns lugares da nosa xeografía, sobre todo na comarca da Limia, ten lugar o domingo oleiro, día no que a celebración  principal é o xogo das olas. Un grupo de mozos e mozas fan un círculo e teñen que ir pasándose a ola de barro, chea de auga, viño ou fariña. Evidentemente, se a ola non é agarrada á xeito, esta vai manchar ao torpe, e incluso pode escachar.

catro día máis tarde é o xoves de comadres. Desta volta son os rapaces os que tratan de quitarlle unhas bonecas de palla ás mozas. As bonecas son queimadas á noite, formándose unha soa que se chama lardeira. Nalgúns lugares como Verín, e tradicional que as mulleres saian a cenar soas, deixando os homes na casa.

O terceiro domingo é o domingo de entroido, que ven seguido do luns de entroido e do martes de entroido, días grandes da festa, nos que se locen as máscaras e os traxes típicos de cada vila. O martes ten lugar a comida do entroido, auténtica festa gastronómica do porco na que a xente despídese durante corenta días da carne. A gastronomía tamén é patrimonio, formando parte do legado cultural que nos deixaron os nosos antergos. Así, no entroido, en case todos os fogares, os galegos comemos: cachucha, botelo, lacón, chourizos, filloas, orellas, chulas...

Martes de entroido
has de venir,
cuncas e pratos
han de ruxir.


O martes de entroido é festividade en moitas localidades de Galicia. Nalgúns lugares chámase o martes gordo ou o martes lardeiro, nome que fai referencia á graxa do porco que abunda no menú (igual que en Francia é o mardi gras). Outra das citas importantes deste día, a marxe do banquete, é o desfile que se celebra en moitas das localidades galegas, ben de xeito tradicional, ou ben con elementos máis modernos. Na Coruña ten lugar o desfile dos choqueiros, orixinarios do barrio de Monte Alto, que baixan pola rúa da Torre cara ao campo da leña.

O entroido remata co enterro da sardiña, celebrado o mércores de cinza. A sardiña é soterrada con todos as honras e pompa, con sacerdote e cortexo fúnebre. Sempre hai un emotivo discurso de despedida para un morto que terá que volver ao ano que ben. Dentro do cadaleito vai a sardiña, o meco ou entroido. Nalgúns lugares é queimado ou botado ao río, en vez de soterrado, o que non deixan de ser as tres formas tradicionais de enterramento que temos visto desde a prehistoria ata a actualidade.

TRAXES E MÁSCARAS

Cómpre facer mención especial ás máscaras que polo entroido aparecen nas vilas galegas. Hoxe en día mantense a tradición, sbre todo nalgunhas comarcas ourensás e luguesas, sendo consideradas estas vellas expresións do entroido tradicional como un auténtico tesouro etnográfico.

Os cigarróns de Verín, as pantallas de Xinzo da Limia e os peliqueiros de Laza son os que teñen máis sona. Tamén hai outras tradicións locais , como os charrúas de Allariz, os Farandulleiros  de Entrimo, os boteiros de chantada, os correos e xenerais do Ulla...

cigarróns
Os cigarróns levan camisa branca con gravata, e chaqueta tipo toureiro, chea de adornos, fiaños e medallas. As calzas son curtas, con flocos e borlas; levan medias brancas, faixa de seda e cinto de coiro con chocas de vaca penduradas. Nas costas levan unha pelica de raposo ou doutro animal. A faciana vai tapada por unha máscara de madeira pintada a man, e riba desta levan a mitra de folla de lata pintada de moitas cores, xeralmente con motivos animais. Os cigarróns levan na man unha zorrega ou unha vexiga de porco coa que van golpeando á xente durante a súa carreira polas rúas. O cigarrón apenas fala, so emite ouvidos mentres anda pola vila. Tamén pode subir a un veciño nas súas costas, levalo a unha tasca, e que este lle convide a beber.

O cigarrón de Verín chámase en Laza peliqueiro, por levaren unha pelica. O traxe, polo demais e ben similar ao que levan en Verín.

As máscaras teñen un significado de cambio, de mudar a personalidade, tamén de ocultación da faciana. As antropomorfas e zoomorfas do entroido tradicional van sendo substituídas, no entroido urbano de hoxe en día,  por aquelas que fan mofa de personaxes coñecidos. Que diferentes son as que levan os peliqueiros que aquelas que vemos hoxe en día, de personaxes como Bin Laden, o papa, ou o presidente do goberno! Moitas das máscaras tradicionais desapareceron, conservándose hoxe en día só nalgunhas vilas contadas.

Entre as máscaras tradicionais que aínda podemos gozaron nosos entroido están as que portan os cigarróns e peliqueiros. Está máscara, tallada xeralmente en madeira de de freixo ou de bidueiro,  olla de xeito burlón, cun sorriso pícaro. Leva por barba unha pel de coello e, por riba, leva a mitra ou pantalla, feita de latón, como antes dixemos. Por detrás, a estrutura vai recuberta da pelica. Na pantalla, sobre fondo azul, animais pintados: raposos, lobos, mesmo tigres...

boteiro
Outros traxes e máscaras tradicionais son os boteiros do Bolo e Manzaneda. A careta, de madeira e de cor negra, representa un demo que sorrí de xeito luxurioso e malévolo. Riba dela, levan unha fermosísima estrutura de figuras de xeométricas de flores, lazos e papeis, que fai xogo coa súa indumentaria de moitas cores alegres. Tamén levan un cinto con pequenas campás que producen son ao andar. Estes persoeiros encabezan o fermoso folión que percorre as rúas da vila bailando e facendo música.

En Xinzo da Limia manteñen viva a tradición das Pantallas. Estas caretas están feitas con cartón, papel de periódico, feltro, fariña, auga e pintura... A cara de demo con bigote e cornos, e un gorro frixio, ríxido, decorado con motivos astrais. Por barba levan uns flocos feitos de fío, e unha tea vermella cobre a súa caluga. Estas pequenas cuadrillas percorren as rúas de Xinzo na procura de homes sen disfrazar, aos que raptan e levan a tasca para seren convidados polo incauto.

Na zona de Chantada foron moi tradicionais os volantes. Hoxe en día estase a perder esta fermosa tradición do chamado Entroido ribeirao, no que algúns membros do folión levan o volante a modo de sombreiro, unha estructura que pode superar o metro de altura e que vai chea de lazos de moitas cores. O volante vai danzando cun bastón na man. Diante del vai un grupo de peliqueiros que zoupan á xente e lle tiran fariña e formigas vivas.

boteiros
As Madamas e os Galáns son outra destas fermosas tradicións que aínda se conservan do noso entroido. En San Adrián e Santa Cristina de Cobres, na ría de Vigo, fórmanse estas comparsas compostas polos mozos e mozas solteiros da zona, que van visitando as casas da zona acompañados por un grupo de gaitas, facendo unha danza diante de cada porta. Os veciños ofrecen unha achega económica ou en especia para a festa, que é recollida polo maiordomo. A vestimenta das madamas e dos galáns e ben estrafalario, todo cheo de elementos decorativos, destacando os poderosos sombreiros que levan elas. Esta tradición das madamas, dos madamitos, dos mecos bonitos... foise perdendo en toda Galicia durante as últimas décadas.

madamas e galáns
Na zona do Ulla é tradición os desfiles de xenerais e correos, cunha referencia ao estamento militar. Os xenerais ou correos, con indumentarias luxosas propias do exército, encabezan a comitiva a cabalo. A comitiva complétase cun abandeirado, un cor principal e un coro de vellos, que bailan e cantan ao son das gaitas.

 Por outra banda, nas zonas urbanas consérvanse outras tradicións no tocante aos traxes e máscaras. Na Coruña temos aos choquieiros, que saen en desfile o martes de entroido. A orixe da palabra choqueiro ven dos chocos das vacas que en moitos destes traxes tradicionais do noso entroido se penduran do cinto, aínda que hoxe en día, ven designar a aqueles disfraces feitos de retallos, de roupas e cousas vellas que non teñen sentido nin orde, nin representan figura algunha, malia que moitas veces sexan precisamente os disfraces máis simpáticos.

xenerais e correos

COSTUMES DO ENTROIDO

Figuras tradicionais en moitos dos entroidos galegos son o meco, deus momo, o lardeiro ou entroido (pode recibir estes e máis nomes). Trátase da entronización dun deus ou rei alternativo, trapalleiro, pagán. Unha tradición cargada de ironía no que o momo ou meco representa unha autoridade adorada neses días, mais que acaba por sucumbir ao fin da festa. Case sempre o meco é un boneco feito de palla que representa a un vello cheo de atributos ridículos e picarescos, entronizado na praza principal da vila. Nas cidades o meco é substituido polo deus momo. Trátase dunha divindade de orixe grega, que representa a burla, a tolemia, a crítica desmedida. Disque o deus momo, como non tiña nada que criticar da deusa Afrodita, dixo que falaba moito e que as súas sandalias facían ruído ao camiñar.

pantallas
No entroido urbano e moderno abundan as chamadas comparsas e apropósitos, formadas por un grupo de xente máis ou menos numeroso. Estes grupos soen ir acompañados de música e entoar cancións satíricas preparadas para a ocasión. Na cidade da Coruña son moi habituais, e incluso o Concello organiza un concurso de apropósitos. Neles, mestúranse as cancións, cos bailes e os diálogos enxeñosos. Os apropósitos coruñeses son xa unha tradición secular na cidade herculina; un personaxe senlleiro dentro do mundo do entroido coruñés foi Antonio Santiago, Nito, compositor de apropósitos durante a segunda república e gran recuperador do entroido en plena censura franquista.

De carácter diferentes son os chamados Folións, propios dalgúns municipios ourensáns como Viana do Bolo, Manzaneda ou Vilariño de Conso. Homes, mulleres e nenos participan nestes desfiles tradicionais, mentres van tocando música polas rúas da vila. Unha curiosidade son as chamadas desputas de Manzaneda. Estas consisten na visita dos folións ás aldeas veciñas, onde piden permiso para entrar a través duns versos de cortesía. Unha vez que están polas rúas da aldea veciña, cantan coplas satíricas. Os anfitrións acaban por convidar aos visitantes, e ao ano seguinte serán eles os que vaian a aldea dos outros. Unha fermosa tradición que probablemente teña que ver cunha forma pacífica de mellorar relacións entre poboacións veciñas, tan adoitas en Galicia a rivalizaren entre elas.

O entroido remata o mesmo mércores de cinsa, cunha tradición que ten lugar nas cidades galegas, como é o enterro da sardiña. Unha parodia dun ritual católico, como é un enterro, celebrado xa coa coresma iniciada. Sacerdotes, choronas, viúvas desconsoladas e recitais de textos panexíricos de despedida ao defunto carnaval, co seu indubidable contido satírico e humorístico, que non poden faltar neste último acto do entroido.


ALGÚNS SIGNIFICADOS DO ENTROIDO

Todas estas tradicións que vimos de nomear, e moitas máis que se perderon, teñen unha explicación de carácter antropolóxico, que serven para comprendermos mellor o por que deste comportamento xusto antes da coresma, e que compartimos tantos pobos europeos e americanos.

É moi importante para comprender o sentido do entroido a súa situación no calendario, xusto antes da coresma. Hoxe en día, nunha sociedade laica na que a práctica relixiosa queda restrinxida ao ámbito privado (ao menos na teoría), os ritos e tradicións ligados ao catolicismo están un tanto desvirtuados. Mais, noutrora, e non fai tanto tempo, as restricións da coresma, sobre todo o xaxún e a abstinencia, eran obrigas que moita xente cumpría, e supuñan un verdadeiro sacrificio. Velaquí unha das causas principais do “descontrol” no entroido.

volantes
As representacións animais teñen un lugar destacado nos entroidos. Chocas, peles, máscaras, cornos...Representan á besta humana, o lado salvaxe do home,  á inclinación carnal. Temos lobos, raposos, bois, cabalos, animais con cornos (este elemento tamén relacionado co mundo infernal) e, por suposto, o porco, grande protagonista na mesa galega e paradigma da gula de carne da que a xente se ten que despedir. As corridas de galos son outra das tradición relacionadas coa animalidade; o galo, como animal promiscuo que é, ben pode representar á luxuria.

Un aspecto fundamental do entroido, relacionado coas privación e co seu carácter “animal” é a gastronomía, tan ligada aos produtos derivados do porco na nosa terra que incluso nalgúns lugares retrasan a matanza a estas datas co fin de aproveitar absolutamente todo.

“Martes de entroido
as de vir
cuncas e pratos
han de ruxir”

Xunto coa comida, o outro elemento fundamental da liturxia do carnaval é o alcol, elemento que axuda a poñer énfase á natureza festiva do entroido, sendo tempo tamén, para moitos, de grandes troulas e de grandes bebedelas. En moitos lugares o viño está presente durante varios días seguidos, sendo as tascas os escenarios secundarios dunha festa que ten como protagonista á rúa.

O Entroido é o mundo ao revés, a subversión da orde establecida das cousas. Incluso a inversión do mundo natural. Así vemos a xente nova vestida de vello, a homes de mulleres e a mulleres de homes, e a seres humanos animalizados. Sendo como é, un tempo de transgresión, é natural que o demo poda incluso reinar por uns días na terra. Esta relación co pagán, e incluso co anticristián, é o que explica o gran receo que a igrexa católica sentiu cara ao carnaval, e que provocou a súa prohibición en diferentes etapas. As máscaras que teñen que ver co demo, coa morte, co infernal, son do máis habitual.

folión
O luxo e a esaxeración no vestir, ata o punto de ser estrafalarios e rechamangueiros, ten un sentido evidente de crítica cara a preocupación no aspecto externo nas diferentes sociedades ao longo do tempo. Homes e mulleres do pobo, en entroido, emulan aos señoritos no feito de lucirse e dar que falar polas rúas principais da vila. De feito, o entroido é o tempo no que as clases populares apodéranse da rúa, do poder civil, e da relevancia social que tradicionalmente lles estaba vedada. É curioso como as elites urbanas, en certo sentido, quixeron facer seu o entroido, a través do baile de máscaras ou disfraces, xeralmente realizados en recintos privados de acceso restrinxido, o que vai radicalmente en contra do espírito democrático e popular da festa.

Ademais do pecado da gula, o pecado da luxuria está moi presente nestes días. O entroido é tempo de promiscuidade, aínda que socialmente, no ámbito galego a lo menos, xamais estiveron consentidos os comportamentos explícitos, nin por suposto o adulterio. A tensión sexual canalizouse cara a ironía, o dobre sentido e o roce consentido, a través da danza e os ámbitos  lúdicos. Por exemplo, no xogo de pasarse a ola entre as mozas, é probable que esa ola represente á virxindade, algo fráxil que pode caer ao chan e escachar, e que xa non se recupera. .

Non se entende o entroido sen o baile e a música. Outro dos comportamentos que, por seren vedados na coresma, son especialmente reivindicados e practicados no carnaval. Os bailes de entroido, ademais, permiten o achegamento entre mozos e mozas, e forman parte desa maior permisividade nas relacións entre homes e mulleres durante este días.

As relacións entre homes e mulleres tamén dan lugar a enfrontamentos simbólicos. O mellor exemplo que temos en Galicia deste aspecto do entroido son os xoves de comadres e compadres. Nesta festividade, homes e mulleres aparecen como dous mundos diferenciados pero complementarios, que precisan do outro, nun continuo xogo de atracción e rexeitamento, cheo de burla e picaresca. Nos xogos da disputa do boneco, prodúcense estes roces máis ou menos inocentes entre persoas de distintos sexos.

Outro costume ben diferente é o de enfastiar aos demais, botándolles, farelo, borralla ou mesmo formigas vivas. A doutrina cristiá relaciona a suciedade co pecado, e a limpeza co perdón. Emporcarse por fóra pode ter que ver con esta relación entre lixo e pecado.

En definitiva, o entroido é o mundo ao revés, malia que non podemos atopar nel nin chisco de espírito revolucionario. A propia xente que participa, sabe que o mércores remata todo, e as mcousas volven á orde orixinal. Uns días é divertido, pero o desorde do entroido non é un modelo de comportamento para a vida cotiá. Un tempo no que a gula, a preguiza, a luxuria son a norma, pero que en palabras de Xosé Ramón Mariño Ferro, trátase dun «Xogo pedagóxico. Trátase de demostrar, dunha forma lúdica, o tola e estúpida que sería unha sociedade que vivise cuns principios opostos ós tradicionais. Ao final o entroido, xa sexa un meco, un momo, unha sardiña, etc. morre e é soterrado con todas as honras. É, pois, o que os matemáticos chaman unha demostración por redución ó absurdo. Deste xeito queda reafirmada como única alternativa lóxica e racional a que rexe o resto do ano» .

O entroido, co seu lugar no ciclo da vida, que se repite ano a ano, funciona tamén como “cartarse”, como vía de escape a unhas normas sociais que lle quitan liberdade aos homes e mulleres. Está na natureza humana transgredir ditas normas, aínda que sexa por pouco tempo e de xeito comunitario e controlado. Hoxe en día, esta é a función que conserva o entroido, o seu aspecto máis lúdico, mentres que no entroido tradicional tiña un peso moi importante a función didáctica. Amosar o pecado, velo de fronte, se cadra gozar del neses días especiais, pero recoñecer os riscos que ten ese comportamento para a vida cotiá, e renunciar a eles o resto do ano.

2 comentarios:

  1. Un post moi completo sobre o noso Entroido, unha das festas máis enxebres que temos aínda e que son ledicia para novos e vellos. ¡E xa non digamos das excelencias do entroido gastronómico!
    Ca morea de comidas que facemos, cos compañeiros, coa familia, cos amigos...

    ¡Pásao ben! Un saúdo.

    ResponderEliminar