Páginas

19.1.12

MUSEOS SOBRANCEIROS DE GALICIA


Os museos galegos, que acubillan nas súas salas un gran patrimonio histórico, artístico e etnográfico, teñen unha gran importancia para explicar a nosa cultura. Os nosos  museos falan de nós, do noso pasado, da nosas creacións artísticas, da nosa capacidade creativa, da nosa esencia como pobo. Nesta clase faremos unha escolma dalgúns dos nosos museos máis importantes, coñecendo a súa traxectoria histórica e as pezas máis relevantes da súas coleccións. Os museos podémolos clasificar en varías categorías dependendo da natureza das súas coleccións. Temos en Galicia museo arqueolóxicos e históricos, científicos, de arte contemporánea, de arte sacra, de belas artes, museos etnográficos, casas-museo, museos de sitio, museos monográficos... Ademais, diferenciados do museos polas súas diferentes características e funcións, existen centros de interpretación e coleccións visitábeis.

Un dos primeiros museos de Galicia foi o Museo Arqueolóxico de Ourense, que na actualidade está pasando por unha importante fase de remodelación. A institución nace como Museo de Pinturas no ano 1845 por iniciativa da Comisión Provincial de Monumentos, quedando aberto ao público no vello predio dos Xesuítas. Ao pouco tempo de abrirse, este primeiro xermolo do museo quedou pechado, dispersándose as súas coleccións. No ano 1895 decídese de novo a creación dun museo, desta volta de carácter arqueolóxico e histórico, que acubille as numerosas obras de importancia que a Comisión provincial de Monumentos Históricos e Artísticos atopa por toda a provincia, e recuperando boa parte dos tesouros do primeiro museo.

En 1896 abre ao público no pazo Provincial, ata que en 1904, debido a ampliación de fondos, foi trasladado ao edificio que hoxe en día ocupa o edificio do instituto de secundaria Otero Pedrayo. O museo sería, desde entón, unha referencia para a vida intelectual da cidade, berce do coñecido como Grupo Nós, do que formaron parte Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Florentino López Cuevillas (pai da arqueoloxía moderna en Galicia) entre outros.

O museo continuou coa súa andaina ata que en 1927 o predio no que se aloxaba, e que compartía coa Biblioteca e o Instituto da cidade, sufriu un incendio. O museo pecha, os seus fondos son almacenados e ata 1939 non volvería a abrir as súas portas, desta volta no antigo Hospital das Mercedes. A súa sede definitiva sería, a partir do ano 1951, o pazo bispal da cidade, de orixe románica, e que conta cun espectacular claustro. O museo está hoxe en día en fase e remodelación desde hai case unha década, coas súas pezas de novo almacenadas e só cunha escolma de escultura de diferentes épocas e estilos aberta ao público.

Dentro da historia do museo ten moita importancia a aparición do Grupo Marcelo Macías, creado en 1941 e que serve como apoio á institución, no eido da investigación e da difusión das coleccións do museo, dedicándose, entre outras tarefas, á publicación do Boletín Avriense.


A ecléctica e completa colección do Arqueolóxico de Ourense contén pezas de singular interese de prehistoria, historia antiga e belas artes. O museo encárgase de poñelas en valor a través da “peza do mes”, que presenta ao público unha escolma do patrimonio sobranceiro da colección. Destaca a escultura castrexa, con exemplos senlleiros como a Cabeza de Guerreiro de Rubiás e o Guerreiro de Armeá; tamén as pezas galaico-romanas como a escultura de Dionisios e Ampelos, ademais dun notable repertorio de epigrafía romana en aras votivas. Unha sección moi interesante da colección son as imaxes e obxectos litúrxicos medievais como a ara de San Pedro de Rocas. Por outra banda, e ao recoller fondos que proveñen da desamortización,  o museo posúe unha boa colección de arte relixiosa –escultura e pintura, medieval, do renacemento e barroco. O museo de Ourense conta, ademais, con obras de artistas galegos do XIX como Parada Justel ou Jenaro Pérez Villaamil, que formaban parte do primeiro Museo de Pinturas.


Outro destes grandes museos de carácter provincial foi o de Lugo, tamén situado nun edificio histórico e con unha colección arqueolóxica e artística moi heteroxénea e de indubidable interese. O Museo Provincial de Lugo foi creado pola Deputación no ano 1932, co fin de protexer e exhibir o patrimonio moble acumulado pola entidade. O proxecto de teren en Lugo o museo xa viña de lonxe, baixo a iniciativa dun grupo de intelectuais que reclamaban a creación dunha entidade museística. En 1934 o museo abre as súas portas ao público no Pazo de San Marcos. Desde aquela data, o museo non deixaría de medrar, xuntando doazóns e depósitos de coleccións arqueolóxicas, etnográficas e artísticas que proviñan de toda a provincia. En 1957 o Museo trasládase ao Convento de San Francisco, onde tamén foi medrando ao longo do tempo. En 1982 a colección etnográfica trasládase á Fortaleza de San Paio de Narla. Dependentes tamén da deputación de Lugo, e formando unha rede, están tamén o Museo do Mar en San Cibrao e o Pazo de Tor, que nos amosa a riqueza da arquitectura e a decoración pacega.

O Museo de Lugo é un deses encantadores museos que agochan tesouros de moitas épocas diferentes que o visitante descobre con gusto. O mesmo edificio é unha xoia da arquitectura medieval, co seu marabilloso claustro e outras dependencias fermosas como o refectorio ou a cociña, que podemos visitar e coñecer como eran as cociñas dos pazos do século XVIII. No tocante á colección, esta abrangue moitos tipos de obxectos diferentes.


Na colección arqueolóxica sobrancean as pezas de ourivería como o Carneiro alado, o Torques de Burela ou a Arracada de Bretoña. Da época romana, o museo conserva numerosas pezas interesantes, como non podía ser menos tratándose da vella Lucus Augusti, entre as que temos que mencionar a famosa Estela de Crecente, a Tabula Hospitalis do Caurel e, como non, o mosaico de Dédalo e Persifae. O museo de Lugo conta, ademais, cunha das coleccións de debuxo, escultura e pintura galega máis completas, na que están representados os grandes nomes da nosa arte: Villaamil, Fierros, Lloréns, Laxeiro, Castelao,Maruxa Mallo, Corredoyra, Xulia Minguillón, etc. Por último, subliñar a importancia das artes decorativas nos fondos do Museo, con pezas de diferentes épocas e estilos como a Cerámica de Sargadelos e da Granxa, e outros obxectos como cruces procesionais, abanos, reloxos, pipas, etc.

O terceiro dos grandes museos provinciais galegos dos que falamos hoxe e o Museo de Pontevedra. O 30 de decembro de 1927 ficaba legalmente constituído un museo polo que xa viñan traballando desde moito antes os membros da Sociedad Arqueológica de Pontevedra. O museo desde a súas orixes, estableceu un padroado como órgano de goberno. Ilustres intelectuais como Losada Diéguez, Filgueira Valverde ou o propio Castelao están na orixe da institución, alentándoa coa súa presenza no padroado. Despois de facer unha importante recompilación de obxector arqueolóxicos, históricos e artísticos da provincia, o museo abre as súas portas no ano 1929, nun edificio do século XVIII situado no casco vello da Boa Vila. Filgueira Valverde foi o intelectual que máis tempo estivo vencellado á entidade, sendo director desde 1940 ata 1986.

Un feito salientable na historia do museo pontevedrés foi a relación que mantivo co Museo del Prado, grazas á figura de Javier Sánchez Cantón, e que lle permitiu á institución contar con interesantes depósitos da gran pinacoteca estatal.

O museo foi medrando case desde o mesmo día da súa apertura, anexionando o edificio contiguo , debido ás necesidades de espazo expositivo para mostrar as numerosas e variadas coleccións que o museo foi comprando, ou ben recibindo a través de depósitos e doazóns.  O arquivo e a biblioteca do museo o converten, desde as orixes, nun moi importante centro de documentación relacionado coa historia e a arte galega. Ademais, o museo foi sempre promotor de diversas actividades culturais.

Na actualidade, unha vez superados os oitenta anos de vida, o museo vai abrir outros dez mil metros cadrados nun sexto edificio engadido á instalación orixinal, e que permiten organizar dunha forma máis eficaz a exposición e os servizos museísticos, proporcionado ao museo unha xestión máis eficaz.


O Museo de Pontevedra conta con máis de 15.000 obxectos arqueolóxicos e artísticos, algunhas de las de excepcional calidade. No tocante á prehistoria, destacan os tesouros de Caldas e de Foxados, xoias da ourivería castrexa. O museo conta cunha das coleccións numismáticas máis importantes do país, con exemplares estraños e de  épocas moi remotas como un tetradracma do século V a.e.c. provinte de Atenas. Do medievo podemos gozar dunha importante colección de escultura e algunhas táboas pintadas de orixe flamenga. Pintura do renacemento e barroco, primeiras edicións de gravados de Goya, unha completísima colección de obra orixinal de Castelao, pintura e escultura dos artistas galegos sobranceiros do XIX e XX, artes decorativas exóticas e locais, pezas e instalacións etnográficas e ata a reprodución do salón da fragata Numancia do século XIX son algunhas das alfaias que o visitante do museo pode atopar nesta auténtica cámara de tesouros que é o laberíntico museo pontevedrés.

A Coruña e Vigo tamén contaron coas súas iniciativas no eido dos museos. Malia non contar cun museo provincial ao uso, o labor dun grupo de intelectuais en cada unha das cidades viu substituír o papel do sector público na procura dun museo. Porén, e como imos comprobar de seguido, a súa posta en funcionamento non foi doada en ningún dos dous casos.

En Vigo foi o empresario Policarpo Sanz o primeiro que ten a inciativa de crear un museo na cidade, como deixa mandado no seu testamento, que entendía a entidade como parte do colexio que encargaba construír. Os seus desexos non foron cumpridos, e houbo que agardar ata os anos vinte do pasado século para que o museo de Vigo fora unha realidade. En 1924 Fernando Quiñones de León, Marqués de Alcedo, doa á cidade o pazo de Castrelos para instalar alí o museo, aínda así, ata 1934 non quedaría libre o edificio, pois non foi doado que a viúva do fillo do marqués abandonase o pazo.

O Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León” foi, de vagar, obtendo coleccións arqueolóxicas, etnográficas, e artísticas, vinculándose a institución persoeiros como Sáncehz Cantón e  o arquitecto Antonio Palacios. O museo tiña previsto abrir o 22 de xullo do ano 1936 pero o estoupido da guerra adía a apertura un ano, ata 1937. No museo instálanse as coleccións doadas por Policarpo Sanz, e todos os fondos que nos dez anos precedentes se forman a través de doazóns e compras. Unha figura senlleira na historia do museo será don Ángel Illarri, administrador do mesmo desde 1938 ata 1979. A súa xestión proporciona o asentamento e crecemento da institución, sobre todo a partir dos anos sesenta, facendo especial fincapé na adquisición e exposición de obra de artistas galegos como Laxeiro,Colmeiro ou Arturo Souto. Ademais, no ano 1959, ábrese a sala de arqueoloxía, con pezas atopadas na comarca de Vigo e na ría.

Nos anos 80 a xestión do museo modernízase, e os fondos, sobre todo de arte galega, arqueoloxía e historia local amplíanse  nestes ans, adoptando novos espazos para a súa exposición. No ano 200 o museo amplíase e adáptase á nova oferta museística da cidade, coa apertura do museo Liste, do MARCO e do Museo do Mar.

Nos últimos anos o museo ábrese a novos públicos como o turistico e o escolar, ademais, a través de exposicións temporais sobre os episodios históricos máis relevantes da cidade, pretende que o pazo de Castrelos sexa un referente na vida cultural da cidade. Por último, debemos comentar que recentemente o concello promoveu a apertura no casco vello da cidade dunha pinacoteca no casco vello da cidade na que se expoñen algunhas pezas pictóricas de interese da colección do museo

O Museo Municipal “Quiñones de Léon” posúa pezas de enorme interese dentro da súa variada e rica colección. Ademais dos numeroso obxectos arqueolóxicos e historias que non falan do pasado do territorio, a colección de arte ten pezas que abranguen un arco temporal moi amplo. Dentro da pintura do renacemento e barroco, temos obras  de artistas como Peter Neefs, Luca Giordano, David Teniers, Peter Brughel, etc.  A colección de arte galega dos séculos XIX e XX é unha das máis completas, contando con obras dos mellores representantes das nosas artes, moitos dos cales mantiveron un vencello especial coa cidade atlántica, como Urbano Lugrís, Quessada ou Laxeiro, entre outros.

A orixe do Museo de Belas Artes da Coruña débese, en gran medida, a iniciativa persoal de xente ligada ao mundo da cultura e afeccionados á arte, como Ángel del Castillo, que foi o primeiro director e auténtico impulsor do centro . As autoridades públicas, como veremos, sumáronse ao proxecto con posterioridade e de vagar. Na Coruña séguese o exemplo doutras cidades que xa tiñan o seu museo. A maioría destes primeiros museos foron creados, en España, a partir da desamortización de fundacións relixiosas e do aporte de obras que con anterioridade  pertencían á realeza e á aristocracia, e que son o xermolo de moitas das coleccións de arte nacionais e provinciais.

A función educadora do museo está presente nas súas orixes, aínda que desde unha óptica social burguesa, pois esta é a clase social que dirixe tales entidades, que marca os gustos e os contidos do mesmo. O primeiro paso na creación do museo foi a formación dunha colección de arte. Neste caso, primeiro foi o contido e despois o contedor. Aquel grupo de intelectuais e entusiastas da arte que están na orixe do museo fixeron un gran aporte -a modo de doazón-, legando ao museo pezas importantes da súa colección particular. Atopámonos, pois, cun elemento fundamental que está na orixe de moitos museos galegos, que é a xenerosidade dos filántropos, nunha altura na que o estado era máis cativo e desatendía moitos aspectos asistenciais e culturais.  Tamén participaron na creación da colección, e na consolidación da institución, unha serie de artistas contemporáneos que entendían necesaria a existencia dun museo de arte na cidade. Hai que ter en conta que ata ben entrado o século XX, a formación académica dos artistas consideraba a tradición artística -conservada nos museos- como exemplo e fonte de inspiración decisiva para o desenvolvemento das súas carreiras. Na orixe do Museo de Belas Artes da Coruña teñen moita importancia artistas como Francisco Lloréns e, sobre todo, Fernándo Álvarez de Sotomayor.

O seguinte paso foi conseguir un edificio onde expoñer aquela colección que se fora formando desde finais do XIX. Ángel del Castillo removeu ceo e terra na procura dunha sé para o museo, labor na que atopou moitas dificultades, pois cada vez que se propuña un lugar para o seu uso como museo, o predio era declarado en ruína ou ben era dedicado a outras funcións que as autoridades políticas consideraban máis importantes. O fracaso na busca dun fogar para o museo estendeuse no tempo ata que no ano 1938, Fernando Álvarez de Sotomayor, consegue a cesión dunha parte do vello edificio do Consulado -situado na Rúa Panadeiras- para instalar alí o museo. A partir desa data o museo vai compartir fogar, durante varias décadas, coa Biblioteca do Consulado e coa Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

A pesar de ter unha sé fixa na que amosar a súa colección, o museo non abrirá as súas portas ao público ata o ano 1947. Pasaran en torno a cincuenta anos desde a arela de termos na cidade dun museo de arte ata a súa apertura. Durante varias décadas o museo vai ir ampliando a súa colección de arte, fundamentalmente a través de doazóns e depósitos (de vital importancia os do Museo del Prado), pero non vai gozar de estabilidade institucional e económica, ao ser dependente de subvencións que diversas institucións lle facían. Habería que agardar á chegada da democracia, e as novas políticas culturais -que van ficar reflectidas na elaboración dun novo corpo legal para o patrimonio e a cultura en España- para que o Museo fora catalogado de titularidade estatal e tivera un orzamento regular do Ministerio de Cultura.

Nos anos oitenta, o Museo de Belas Artes semella xa obsoleto. O antigo edificio resulta pouco apropiado para a exhibición das obras, e posúe graves eivas de conservación e de seguridade, como se demostra en 1985 cando dúas das obras máis importantes do mesmo -dúas taboíñas pintadas por Rubens- foron roubadas. Naquel momento formúlase a necesidade de construír un novo edificio que acolla con eficacia e seguridade a colección, e que ademais permitise, a través da creación de novos espazos, o desenvolvemento de todos aqueles servizos cos que contaban os museos modernos: biblioteca, almacéns, depósitos de obras, salón de actos, sala de exposicións temporais, despachos axeitados para o persoal, área de recepción de público, tenda, etc. O proxecto do novo museo recae no arquitecto Manuel Gallego. A fase de deseño e execución do novo edificio foi longa, pero o resultado excelente, sendo premiado co premio nacional de arquitectura. No ano 1995 abría definitivamente un edificio que combina a arquitectura moderna  coa tradicional, representada polo vello convento das Capuchinas transformado en sala de exposición; unindo así o barrio histórico do centro co polígono de Zalaeta, e proxectando e potenciando as pezas artísticas que nel se expoñen.

O novo edificio non foi o único cambio no Museo de Belas Artes nos anos 90.  A xestión do centro pasa a estar en mans do goberno autonómico de Galicia. Ao novo centro incorpóranse un grupo de profesionais de museos, organizándose a xestión do mesmo en areas: conservación, documentación, e difusión e acción cultural. Dentro desta organización cobra especial relevancia a labor do departamento de difusión, encargado de abrir o museo á cidadanía.

Ademais de xestionar as coleccións (mantendo unha catalogación e unha información axeitada sobre as diferentes pezas que a compoñen), de procurar a súa conservación adecuada, e expoñelas axeitadamente, o museo potenciou neste últimos anos o seu papel na comunidade como centro educador e xerador de actividades culturais. A apertura dos museos á comunidade educativa é un dos feitos máis relevantes nesta última década. A programación didáctica  proporciona un primeiro achegamento dos máis pequenos ao centro. Tamén se organizan diferentes actividades para adultos, como concertos, obradoiros, cursos, visitas guiadas, etc. O museo é así un lugar aberto á cidadanía, un lugar onde gozar do noso tempo de lecer dun xeito saudable, un lugar onde aprender e onde deleitarse coa arte e a cultura. A función do museo como institución ao servizo da comunidade ficou, deste xeito, reforzada.


Unha das chaves  que explican o desenvolvemento de todo este programa de actividades témolo na Asociación de Amigos do Museo, que organiza e financia moitas destas iniciativas. Fronte a excesiva rixidez da administración, a asociación permite reforzar a acción cultural do museo, e afrontar moitos proxectos que sen ela non serían posibles. Ademais, a asociación de amigos, a través de actividades como as viaxes culturais, serve como elemento de sociabilidade na que persoas cos mesmos intereses  poden partillar experiencias e establecer novas amizades.

A oferta de museos en Compostela foi un feito serodio respecto do que aconteceu noutras cidades galegas. Como sucedeu noutros lugares, desde o inicio das xestións ata a materialización daqueles proxectos pasaron longas décadas. En Compostela, con iniciativas como a exposición de 1909, ou desde o Seminario de Estudos Galegos, que chegou a abrir un pequeno museo etnográfico, sempre existiu ese interese por contar cun museo na cidade. Porén, A Coruña tomoulle a dianteira coa instalación do Museo Arqueolóxico e do de Belas Artes. Compostela buscou, entón, novos eixos temáticos para os seus museos. Na capital galega temos un importante museo catedralicio, o museo etnográfico máis importante do país (Museo do Pobo Galego), un centro dedicado ás peregrinacións, un museo pedagóxico e o centro máis importante de Arte Contemporánea, que foi referencia a nivel estatal na década dos noventa (CGAC). Nesta clase imos falar, dada súa  importancia no panorama galego e da súa singularidade,  do Museo do Pobo Galego e do CGAC.


O Museo do Pobo Galego foi creado, partindo dun padroado, no ano 1976. O seu prieiro presidente foi Xaquín Lorenzo, un dos pais da etnoloxía galega. Como deixou recollido Antonio Fraguas, outros dos membros senlleiros do padroado: «O museo vai sempre movéndose pra que se vexa o pasado, tratando de que o visitante se percate da Galicia de onte, tanto no mar como na terra». Cunha dirección independente, de marcada tradición galeguista, o museo bota a andar na súa sé actual, no convento de San Domingos de Bonaval, nun predio cedido polo Concello de Santiago de Compostela.  O museo, desde as súas orixes, é unha asociación sen ánimo de lucro, o que lle axudou a manterse en certa medida independente. As súas coleccións son, fundamentalmente, de carácter etnográfico, aínda que tamén posúe un interesante conxunto prehistórico e de epigrafía romana. O visitante do museo pode comprender moitos aspectos da cultura popular de Galicia a tra´ves das seccións do museos, que recollen obxectos que nos falan de nós, do noso pasado e das nosas tradicións e folklore, todo no incomparábel marco do convento, un dos edificios senlleiros da arquitectura relixiosa compostelá.

O CGAC nace nos anos 90 coa vontade de se converter nun centro de referencia na arte contemporánea galega, estatal e internacional, nun proceso que estaba transformando a Compostela, xa patrimonio da humanidade, despois do boom do Xacobeo, como unha das grandes alternativas de turismo cultural do estado. O fin do museo era amosar as creacións de artistas moi relevantes do panorama internacional, promover a obra dos artistas galegos de máis recoñecido prestixio, formar unha colección de arte moderna como patrimonio do país, e xerar coñecemento encol da expresión cultural contemporánea.

Para a súa creación foi chamado o prestixioso arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira, gañador do premio Pritzker, para deseñar ese fabuloso edificio que tan ben dialoga co contorno histórico que o arrodea. Un edificio de liñas puras,moderno, funcional, dunha estética moi moderna: «unha cousa que me fascina é ver como unha pequena entrada de luz pode ser multiplicada non sei cántas veces. Gústame exercitarme niso, como por exemplo aquí no CGAC, a luz do lucernario ilumina o atrio, o corredor e as escaleiras. A luz é importante tamén porque obriga a desencadear as relacións entre os distintos elementos da arquitectura. A luz está relacionada coa cor, e coa textura». Moita xente afirma que os museos son as catedrais do século XX (e XXI), no sentido de que neles as sociedades contemporáneas materializan o legado que queren deixar para a posteridade. neste sentido, o CGAC é un bo exemplo de arquitectura moderna, eficaz e espectacular pola súa sinxeleza.

Polo CGAC pasou a obra de grandes artistas de recoñecido prestixio internacional, e ademais deu cabida nas súas salas a artistas galegos consolidados ou emerxentes, ben en proxectos expositivos individuais ou colectivos. Algunhas desas obras forman parte da colección do Museo. A época dourada do CGAC coincide coa dirección de Gloria Moure, que cesaría en 1998. A partir daquel ano a institución seguirá un camiño irregular, combinando proxectos moi interesantes con outros  máis mediocres. Sexa como for, hoxe en día o centro está xa consolidado como un dos mellores do seu xénero en todo o estado.



Entre os artistas máis destacados do panorama internacional que expuxeron obra no CGAC temos que citar ao propio Álvaro Siza, Giovanni Anselmo, Juan Muñoz, Félix González Torres, Ana Mendieta, Medardo Rosso, Anish Kapoor, Vitor Vassarely, Elisa Sighicelli, Marina Abramovic, Dan Graham, etc.

Entre os galegos que tiveron a honra de expoñer neste espazo citaremos a Maruja Mallo, Antón Patiño, Laxeiro, Francisco Leiro, Ánxel Huete, Leopoldo Nóvoa, Antón Reixa, Jorge Barbi, Berta Cáccamo, Vari Caramés, Manuel Vilariño, Ignacio Basallo...

Todos estes nomes fálanos do grande nivel alcanzado polas propostas do centro artístico compostelán. Ademais, o CGAC conta cunha das mellores bibliotecas de arte contemporánea do estado, e organiza unha morea de actividades relacionadas coa cultura contemporánea como cursos, conferencias, espectáculos e programas educativos.

Hai en Galicia moitos máis museos, cadanseu coa súa historia e traxectoria. Por cuestións de espazo non temos tempo hoxe de abordalos. Algúns deles ben merecían unha clase monográfica para tratar dos tesouros, da historia e do coñecemento que neles se acumulan: Museo Etongráfico de Ribadavia. Museo do castro de Viladonga, Museo Massó, Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón, Museos científicos coruñeses, Museo do Mar, etc.


No hay comentarios:

Publicar un comentario